Antecedentes:
O día 17 de xullo de 2023 publicouse a Resolución do 4 de xullo de 2023, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria, e se convocan para o curso académico 2023/24 (código de procedemento MR207A).
O día 4 de agosto de 2023 publicouse a relación provisional de persoas admitidas e concedeuse un prazo de 5 días para efectuar as reclamacións. Transcorrido o dito prazo, comprobáronse as reclamacións presentadas.
Consideracións legais e técnicas:
– Lei 39/2015, do 5 de outubro, establece o procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Decreto 52/2018, do 5 de abril, de creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (DOG núm. 102, do 30 de maio), establece que a dita Axencia Galega da Calidade Alimentaria (en diante, Agacal), asumirá as funcións e competencias en materia de formación, innovación e investigación e en materia de innovación tecnolóxica.
– Resolución do 4 de xullo de 2023, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria, e se convocan para o curso académico 2023/24, establece no seu artigo 13 que, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, correspóndelle ao director da Agacal resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva das persoas admitidas e excluídas en cada centro e, de ser o caso, da lista de agarda, onde figurará a puntuación obtida.
Con base no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e na Orde conxunta do 14 de abril de 2009, das consellerías do Medio Rural e Sanidade, o órgano competente para ditar a resolución deste expediente é o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas que se poderá consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/centros-de-formacion e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.
As persoas que obteñan praza de residencia ou comedor disporán de 8 días, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación, para formalizar a matrícula no centro onde obtivesen a dita praza, onde se lles facilitará o impreso correspondente. Igualmente, deberán achegar a documentación que acredite, de ser o caso, que o usuario pode beneficiarse dalgunha das bonificacións que se recollen no Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación das familias marítimo-pesqueira e agroforestal, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes desta consellería (DOG núm. 176, do 16 de setembro).
Segundo. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.
Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2023
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
P.A. (Artigo 19.bis.5 do Decreto 52/2018)
Manuel Castro-Gil Amigo
Xerente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria