DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 22 de agosto de 2023 Páx. 49867

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública sobre o estudo de detalle para o establecemento de condicións estéticas de fachada nos chalés acaroados na zona Z.1 do SUNP-29 (Brandía).

A Sentenza núm. 20/2023, ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no procedemento ordinario 4003/2022 –declarada firme mediante o Decreto do 4 de abril de 2023– declarou que o estudo de detalle para establecemento de condicións estéticas de fachada nos chalés acaroados na zona Z.1 do SUNP-29 (Brandía), presentado o 28 de setembro de 2018 por Emilio Rosa Solana, foi aprobado inicialmente por silencio administrativo.

De acordo ca resolución da sentenza, e en aplicación do procedemento regulado no artigo 80.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e no 194 do seu regulamento (RLSG), o estudo de detalle inicialmente aprobado sométese a información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia. Simultaneamente, efectuarase notificación individual aos titulares catastrais das parcelas afectadas.

Durante o trámite de información pública solicitarase informe á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

O documento que se presente para aprobación definitiva deberá axustarse ás normas técnicas de planeamento urbanístico, aprobadas pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 10 de outubro de 2019, e modificadas pola Orde do 8 de abril de 2022, e incluíra a seguinte condición de execución:

A substitución da carpintaría orixinal polo modelo proposto no estudo de detalle deberá executarse de forma conxunta e simultánea para todas as vivendas da Z.1.

O que se publica co fin de que durante o prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. A documentación sometida a exposición pública estará ao dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, e na páxina web do Concello:

https://transparencia.santiagodecompostela.gal/Estudo--detalle-condicions-esteticas-chales-adosados-na-zona-Z.1-do-SUNP-29-Brandia/gl

As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela na epígrafe «Catálogo de trámites» a través do trámite «Presentación de documentación e alegacións» e da opción «Achega libre». Deberase introducir o dato 2023/23893T no campo «Referencia» e incorporar o documento das alegacións.

As alegacións tamén se poderán presentar por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023

A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño de 2023)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica