DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 22 de agosto de 2023 Páx. 49369

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Formación Profesional, de prórroga de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Orde do 29 de agosto de 2017 (DOG do 8 de setembro) autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua francesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo, dunha sección bilingüe de lingua inglesa na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e dunha sección de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, a partir do curso académico 2017/18. Mediante a Resolución do 29 de xullo de 2019 (DOG do 19 de agosto) e a Resolución do 6 de agosto de 2021 (DOG do 18 de agosto) prorrogáronse as devanditas seccións bilingües.

Igualmente, mediante a Orde do 30 de xullo de 2015 (DOG do 12 de agosto) autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Pola Resolución do 31 de xullo de 2017 (DOG do 14 de agosto) prorrogouse a sección bilingüe deste centro de ensinanzas artísticas de réxime especial para os cursos 2017/18 e 2018/19. Esta sección foi prorrogada de novo pola Resolución do 29 de xullo de 2019 (DOG do 19 de agosto) e pola Resolución do 6 de agosto de 2021 (DOG do 18 de agosto).

A Orde do 28 de outubro de 2019 (DOG do 8 de novembro) autorizou a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua alemá no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Esta sección foi prorrogada pola Resolución do 6 de agosto de 2021 (DOG do 18 de agosto).

No artigo 9 das correspondentes ordes de autorización establécese que o proxecto ten unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos, logo do informe favorable do Servizo de Inspección Educativa emitido tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Igualmente, na disposición derradeira primeira das citadas ordes autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.

Emitidos os correspondentes informes favorables polos servizos de inspección educativa, de acordo co establecido no artigo 9 das citadas ordes,

RESOLVO:

Primeiro. Prorrogar, por un período de dous cursos académicos e coa finalidade de favorecer a práctica de idiomas entre o alumnado de ensinanzas artísticas, as seguintes seccións bilingües:

– A sección bilingüe de lingua francesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

– A sección bilingüe de lingua inglesa na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

– A sección bilingüe de lingua alemá no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Segundo. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2023

María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional