DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 22 de agosto de 2023 Páx. 49372

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2023 pola que se modifica a Resolución do 23 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a iniciativa Fábrica intelixente e sustentable, orientada a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras para apoiar ás empresas na súa transición industrial, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN854A).

O 6 de xullo de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 23 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a iniciativa Fábrica intelixente e sustentable, orientada a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras para apoiar as empresas na súa transición industrial, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

Os artigos 5 e 28 desta convocatoria, que definen os beneficiarios e establecen os criterios de valoración, refírense expresamente á Axenda Industrial de Galicia 2025.

Na actualidade, a Axenda Industrial de Galicia 2025 non foi aprobada polo que se considera necesario modificar o texto da convocatoria Fábrica intelixente e sustentable para eliminar todas as referencias ao dito documento.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1

Modificación da Resolución do 23 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a iniciativa Fábrica intelixente e sustentable, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN854A).

Un. Modifícase o punto 1 do artigo 5. Beneficiarios que queda redactado nos seguintes termos:

«1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) Empresas industriais ou de servizos, que dispoñan dun centro de traballo permanente legalmente constituído, que poidan liderar proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico que cumpran as características recollidas no artigo 3.

b) Agrupacións dunha empresa ou empresas do sector industrial ou de servizos e un ou varios organismos de investigación e difusión, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), que realicen proxectos en cooperación.

c) Agrupacións entre empresas que deberán pertencer ao sector industrial ou de servizos».

Dous. Modifícase o punto 3.c).1 do artigo 28. Criterios de valoración que queda redactado nos seguintes termos:

c) Complementariedades e sinerxías con outras políticas e xeración de emprego (24 puntos):

1. Consonancia e adecuación do proxecto con: (4 puntos).

– Os obxectivos do programa Horizonte Europa.

– Os obxectivos do programa Europa Dixital.

Artigo 2

Modificación do anexo VIII punto 3.3 consonancia e adecuación do proxecto que quedaría redactado nos seguintes termos:

– Os obxectivos do programa Horizonte Europa.

– Os obxectivos do programa Europa Dixital.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación