DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 21 de agosto de 2023 Páx. 49187

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás asociacións galegas de usuarios de software libre para impulsar a realización de actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o período 2023-2024 (código de procedemento AP400E).

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten entre as súas competencias o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, segundo se sinala no estatuto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega), aprobado polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, modificado polo Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro.

A Xunta de Galicia está a impulsar medidas dinamizadoras da economía galega, mediante un modelo de crecemento vinculado á economía dixital –solidaria e inclusiva– e á transparencia e participación de todos os axentes implicados no desenvolvemento económico de Galicia.

O sector das TIC galego debe converterse nunha das áreas produtivas claves no desenvolvemento económico e social de Galicia, pola súa condición de acelerador do cambio tecnolóxico e polo seu carácter transversal ao resto de sectores. En particular, o software libre constitúe unha peza clave para facilitar o acceso á sociedade da información e do coñecemento en condicións de igualdade, axudando á redución do problema ocasionado pola fenda dixital, ademais de permitir unha maior penetración do uso da lingua galega nas aplicacións informáticas e un maior desenvolvemento da industria local.

O 3 de decembro de 2020, o Consello da Xunta aprobou a Estratexia Galicia Dixital 2030, co obxectivo de configurar un futuro dixital para todos/as, contribuíndo ao aumento da calidade de vida e ao desenvolvemento sustentable nas súas tres vertentes: económica, social e ambiental.

Así, a Estratexia Galicia Dixital 2030 constitúe unha folla de ruta para apoiar a toma de decisións no ámbito dixital na próxima década que, sobre as bases construídas, contribúa a extrapolar ideas das tendencias globais actuais, explorar algunhas das incertezas clave que darán forma ao futuro de Galicia, e anticipar mellor algunhas das eleccións e decisións que poderemos afrontar nos próximos anos.

A Amtega está a desenvolver unha política dirixida ao impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e comunicacións, e a aplicación destas de cara á modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

Neste contexto, o software e o hardware libre constitúen pezas clave para facilitar o acceso á sociedade do coñecemento en condicións de igualdade, axudando á redución do problema ocasionado pola fenda dixital, ademais de permitir un mellor desenvolvemento da industria local. A velocidade de desenvolvemento da sociedade do coñecemento e as súas tecnoloxías asociadas pode provocar que determinados colectivos, que integran a nosa sociedade, se atopen con dificultades para acceder ás tecnoloxías das comunicacións quedando, polo tanto, en perigo de exclusión nos diferentes ámbitos da súa vida.

Con base no anterior, e en uso das competencias atribuídas no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e actuacións subvencionables

1. É obxecto desta resolución a aprobación das bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para impulsar a realización de actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as citadas subvencións para o período 2023-2024.

Código do procedemento: AP400E.

2. Terán a consideración de actuacións subvencionables os proxectos ou actividades destinadas ao fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto, as que encaixen nos seguintes puntos:

a) Organización ou participación activa en congresos, xornadas, conferencias, obradoiros ou eventos similares, de promoción e divulgación do software e hardware libre. A participación neste tipo de actividades deberá vir avalada pola importancia do evento nacional ou internacionalmente dentro da comunidade do software libre.

b) Asistencia a congresos, xornadas, conferencias, obradoiros ou eventos similares de recoñecido prestixio dentro da comunidade do software libre.

c) Elaboración de contidos divulgativos e/ou formativos, que deberán publicarse cunha licenza de documentación libre aprobada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Así mesmo, as fontes deste material deberán ser postas á disposición da devandita Axencia en formatos abertos para que poidan ser difundidos a través das canles precisas para o efecto.

d) Desenvolvemento ou localización de proxectos de software libre que puidesen resultar de interese para a consecución dos obxectivos perseguidos nesta resolución. Calquera software desenvolvido no marco desta resolución deberá ser publicado cunha licenza libre aprobada pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative e publicado no Repositorio de Software Libre de Galicia.

Artigo 2. Réxime xurídico

1. Para o non establecido nestas bases, aplicarase o previsto nas seguintes normas:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia do 10 de decembro de 2021.

2. En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Con carácter específico, estas subvencións rexeranse polo Regulamento (CE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis.

Artigo 3. Financiamento e intensidade máxima da subvención

1. A convocatoria está financiada con cargo á aplicación orzamentaria 07.A1. 571A.781.0, proxecto 2014.00007, dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega, con un importe máximo de 60.000 €, distribuídos do seguinte modo: 30.000 € para o ano 2023 e 30.000 € para o ano 2024.

2. A intensidade máxima destas subvención será do cento por cento (100 %) do custo elixible do proxecto subvencionable.

Artigo 4. Requisitos para adquirir a condición de beneficiario

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas unicamente as asociacións sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e correctamente rexistradas no Rexistro de Asociacións de Galicia, formadas por persoas físicas e que teñan recollido no seu obxecto social algún dos seguintes puntos:

• Difusión, fomento e/ou promoción do software e/ou hardware libre.

• Localización ao galego de aplicacións de software libre.

• Organización de xornadas e/ou eventos de software e/ou hardware libre.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os custos directos necesarios para a realización das actividades recollidas dentro do punto 1.2) desta resolución, coas seguintes consideracións:

• Establécese un límite máximo do 25 % do importe total de financiamento que lle corresponda a cada AGUSL para actividades citadas no artigo 1.2.b) desta resolución (asistencia a congresos, xornadas, conferencias, obradoiros ou eventos similares de recoñecido prestixio dentro da comunidade do software libre). Así mesmo, establécese un límite máximo do 20 % do importe total de financiamento que lle corresponda a cada AGUSL, cun importe máximo de 750 €, para gastos derivados da elaboración de material de difusión (páxina web, folletos, dípticos, CD, camisetas, etc.) relacionados coas actividades mencionadas no artigo 1.2.b) desta resolución.

• Os custos tales como axudas de custo, viaxes, consumibles, serán subvencionables sempre que sexan imputados polas AGUSL á actividade subvencionada e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período no que efectivamente se realiza a actividade. Á hora de determinar o importe dos gastos de locomoción considerarase a cantidade que resulte de computar 0,19 euros por quilómetro percorrido, máis os gastos de peaxe e estacionamento que se xustifiquen.

• Os custos de servizos relacionados con provedores da internet e servizos na nube, tales como dominios, servizo de hosting, computación na nube, almacenamento, servidores virtuais, etc. Serán subvencionables sempre que poidan ser imputados a unha actividade subvencionada.

• O importe do IVE non se considerará gasto subvencionable cando sexa susceptible de recuperación ou compensación.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Non se considera a posibilidade de compensar gastos subvencionables entre a repartición establecida segundo a resolución de concesión, así como a inclusión dos custos indirectos como gastos subvencionables.

2. O prazo dentro do cal se deben realizar os gastos subvencionables será, para os supostos en que o proxecto teña carácter anual, antes do 30 de outubro do ano correspondente, segundo se sinale na resolución. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán executarse de conformidade coa distribución de anualidades establecida na concesión da resolución e nas bases reguladoras.

En todo caso, as referencias para o cómputo do prazo atenderán ao establecido polas normas que regulen a xestión dos fondos que financien a subvención e ao principio do límite da anualidade orzamentaria.

Con carácter xeral, serán subvencionables aquelas actuacións ou proxectos cuxa data de inicio sexa posterior ao 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 outubro do ano correspondente, segundo se sinale na resolución.

Sen prexuízo do anterior, a distribución por anualidades da subvención concedida farase atendendo ao ritmo de execución das accións subvencionadas.

3. Se é o caso, as entidades beneficiarias da subvención poderán concertar con terceiras persoas a execución das accións subvencionadas sen superar o importe concedido da axuda, agás os gastos necesarios para realizar por si mesmas a actividade subvencionada.

Non se poderán subcontratar actividades que incrementen o custo da acción subvencionada e non acheguen valor engadido ao seu contido.

Para a elección dos subcontratistas, as entidades beneficiarias da subvención ateranse ao recollido no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os subcontratistas quedarán obrigados soamente ante as entidades beneficiarias, que asumirán ante a Administración a responsabilidade da execución da actividade subvencionada, así como de que se respecten os límites establecidos nestas bases en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles aos contratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

Os subcontratistas están suxeitos ao deber de colaboración para permitir as actuacións de control e quedan obrigados a facilitar aos organismos de auditoría e control canta documentación e información lles sexa requirida relativa ás actividades subcontratadas.

A negativa ao cumprimento desta obriga considerarase resistencia, escusa, obstrución ou negativa para os efectos previstos no artigo 28.3.c) destas bases, sen prexuízo das sancións que, se é o caso, puidesen corresponder.

Artigo 6. Contía da subvención

A contía máxima da subvención por beneficiario será de 10.000 euros.

Artigo 7. Criterios de instrución do procedemento

O criterio de prelación entre as solicitudes será a orde de entrada ata o esgotamento do crédito, segundo o indicado nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Réxime de compatibilidade das subvencións

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións concorrentes deberá comunicárselle ao órgano convocante tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento.

Antes de conceder a axuda, solicitarase da entidade beneficiaria unha declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso (artigo 3.2 do Regulamento de minimis) e unha declaración de «outras axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución (para os mesmos gastos subvencionables), das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades».

A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, non pode ser superior a 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Informarase por escrito o beneficiario sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, en que se fará unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 1407/2013.

O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 9. Procedemento

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria. Porén, poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria, quedando este incremento condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os mecanismos e as medidas que se vaian aplicar no procedemento para reducir o risco de fraude e de corrupción e os conflitos de intereses ateranse ao previsto no Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 14 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, se algunha das entidades solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades solicitantes realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:

a) As axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas, incluídas as axudas pola regra de minimis.

b) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

g) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

h) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.

i) Conservar toda a documentación relativa á subvención segundo o establecido nos regulamentos de aplicación aos fondos que financian a axuda concedida durante o período indicado no artigo 25.c).

j) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha memoria da actuación que deberá conter o plan de actividades previsto para o ano 2023 e o 2024, que recolla o programa de actividades que se vaian desenvolver no 2023 e a súa continuidade no ano 2024, de ser o caso, de acordo coas actividades obxecto desta convocatoria definidas no artigo 1.2 desta orde, e sinalaranse o programa de actividades para o 2023 e as correspondentes para o 2024, o seu custo acompañado do orzamento suficientemente desagregado, o período en que van ser executadas e un cadro resumo en que se indique o orzamento total previsto para cada anualidade.

b) Os estatutos.

c) Documentación acreditativa da composición da Xunta Directiva.

d) Acreditación da persoa que exerza a súa representación.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de mediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa nos supostos nos que o consentimento sexa un requisito legal.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das entidades solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica, de conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 14 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste defecto (presentación presencial) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución pola que desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa, ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitarlles de maneira motivada que presenten unha copia autenticada electrónica.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tiña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo dos documentos e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade ou da persoa representante para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Emenda da solicitude

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días hábiles, e indicaralle que, se así non o fixer, considerarase que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 15. Órganos competentes

1. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención é a Area de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

En particular, o órgano instrutor recibirá as solicitudes e comprobará os seus requisitos formais. Así mesmo, encargarase de elevar as propostas de resolución, provisionais e definitivas, analizará as alegacións e os documentos presentados e realizará cantas outras funcións adicionais se lle asignen.

2. Corresponde a súa resolución á dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Esta resolución porá fin ao procedemento administrativo.

Artigo 16. Instrución

A solicitude de axuda e a documentación complementaria serán analizadas pola Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que elaborará un informe en que se concrete o resultado da devandita análise.

Artigo 17. Proposta de resolución

O órgano competente indicado no artigo 15.1 desta resolución formulará a proposta de resolución.

Artigo 18. Resolución

1. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución á dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a cal resolverá a concesión das subvencións.

2. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da entidade, orzamento subvencionable, a contía da subvención e as obrigas que lle corresponden como beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se vaia publicar, co contido previsto no punto 1 do anexo XII e no artigo 115.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

3. O prazo máximo para a resolución do procedemento é de tres meses, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

4. Na resolución da concesión informarase da tipoloxía de fondo que financia a subvención.

Artigo 19. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 20. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 21. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o órgano concedente incluirá as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que coa presentación da solicitude se autorizan o tratamento necesario dos datos persoais e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano convocante publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web e no Diario Oficial de Galicia, e expresará a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos da entidade beneficiaria e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións.

Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na BDNS, non requirirá o consentimento da entidade beneficiaria.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Notificacións e publicacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumprán a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión.

Artigo 24. Modificación da resolución de concesión

Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao gasto subvencionable, á estrutura de custos inicialmente orzada e ás datas de execución da actuación. Non se admitirán modificacións que dean lugar a unha contía de axuda superior á establecida na resolución de concesión ou que desvirtúen a actuación.

Artigo 25. Obrigas das asociacións galegas de usuarios de software libre beneficiarias

Son obrigas das asociacións beneficiarias as seguintes:

a) Executar a actuación que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido segundo o disposto nestas bases.

b) Solicitar un mínimo de 3 ofertas diferentes e acreditar que a proposta seleccionada se adecúa aos prezos do mercado, nos supostos en que utilicen fórmulas de subcontratación para importes superiores a 12.000 €.

c) Conservar os documentos xustificativos e demais documentación relacionada co financiamento da actuación en formato electrónico durante un prazo mínimo de 5 anos a partir da recepción do último pagamento. Este período será de tres anos se o financiamento non supera os 60.000 €.

d) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación definida no artigo 1 e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectúe o órgano concedente e facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan. Someterse a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e facilitar toda a información que lle sexa requirida por estes entes.

f) Comunicar ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a dita concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento desta obriga considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

g) Facer figurar expresamente o financiamento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como promotora do proxecto na totalidade das actuacións executadas con base nesta orde de axudas.

h) Subministrar toda a información necesaria para que o órgano concedente poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

k) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Sobre os dereitos de explotación e propiedade intelectual deberán cumprir que a documentación e o material elaborado dentro das actividades deberán poñerse á disposición da sociedade en xeral, así como da entrega de copia da documentación á Amtega, con licenzas de documentación libres aprobadas pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative, preferentemente coa licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual (CC-BY-SA).

Que tamén se obtivo, no caso de ser necesario, o permiso dos titulares dos dereitos de propiedade intelectual ou do seu representante legal, para utilizar fragmentos de textos, ilustracións, mapas, sons, vídeos, gráficos ou outros elementos incluídos na obra ou obras entregadas.

As entidades beneficiarias deberán facer dispoñible, no caso de que a obra final sexa obtida mediante compilación ou procesamento dun ficheiro fonte ou varios, todos os ficheiros necesarios para xerar a obra, baixo as mesmas condicións que a propia obra.

A obra debe empregar formatos e estándares abertos e non deben existir restricións técnicas ou outro tipo de restricións ou limitacións que limiten as liberdades de uso, estudo, copia, cambios, realización de melloras, distribución total ou parcial da obra e das súas modificacións.

De ser o caso, o código fonte das aplicacións desenvolvidas no ámbito desta resolución deberá poñerse á disposición da sociedade en xeral e da Amtega cunha licenza compatible coa definición de software libre ou de fontes abertas segundo o Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración Electrónica, que asegure que os programas, datos ou información que se comparten:

– Poden executarse para calquera propósito.

– Permiten coñecer o seu código fonte.

– Poden modificarse ou mellorarse.

– Poden redistribuírse a outros usuarios con ou sen cambios sempre que a obra derivada manteña estas mesmas catro garantías.

As entidades beneficiarias resérvanse o dereito de publicar os resultados, parciais ou finais, obtidos durante a execución das actividades e farán constar o financiamento da Amtega.

Artigo 26. Pagamentos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada segundo se recolle no artigo 1.2 das bases reguladoras. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

A modalidade de pagamento será do 100 % do custo elixible do proxecto subvencionable.

2. O pagamento da subvención farase efectivo, mediante transferencia bancaria á conta indicada pola persoa beneficiaria, cando este acredite o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida e logo de xustificación da execución das actuacións correspondentes.

3. De conformidade co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderán realizarse pagamentos parciais. Estes suporán a realización de pagamentos fraccionados á conta da liquidación definitiva, que responderán ás actuacións executadas dentro da anualidade de que se trate, logo de xustificación do investimento realizado por parte do beneficiario, nos termos previstos nestas bases reguladoras. Os pagamentos parciais aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada, ata un máximo do 80 % da porcentaxe subvencionada para cada exercicio orzamentario.

Así mesmo, o importe conxunto dos pagamentos parciais á conta e dos pagamentos anticipados previstos no punto 5 deste artigo non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Ao abeiro do establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a realización de pagamentos parciais á conta está exenta da constitución de garantías.

4. O órgano concedente poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación da execución da actuación subvencionada que considere convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a entidade beneficiaria os presentase, o órgano convocante iniciará o correspondente procedemento de decaemento no dereito de cobramento.

5. Ao abeiro do establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das axudas poderán solicitar anticipos que, no seu conxunto, non excedan o 50 % da subvención concedida para a anualidade vixente no momento da solicitude do devandito anticipo. Este suporá a entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención. A solicitude do pagamento anticipado deberá realizarse antes do 30 de setembro da anualidade a que se refira acompañada do anexo II-bis e indicarase a anualidade concreta a que se refire o anticipo. A entidade beneficiaria non percibirá ningún pagamento adicional ata que resulte xustificada a aplicación do anticipo recibido.

Ao abeiro do establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión de anticipos está exenta da constituír garantías.

6. Previamente ao pagamento deberá acreditarse que as persoas beneficiarias están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin son debedoras por resolución de procedencia de reintegro. Para tales efectos, o solicitante, no caso de que non teña condición de Administración pública, deberá achegar as ditas certificacións de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que se soliciten polo órgano xestor. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase a persoa solicitante ou beneficiaria para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.

Artigo 27. Xustificación da subvención

1. O prazo para presentar a solicitude de pagamento é o 30 de outubro da anualidade correspondente.

2. A solicitude de pagamento presentarase mediante a solicitude normalizada segundo o modelo que, a título informativo, figura como anexo II a estas bases.

3. Unha vez xerada a solicitude de pagamento, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica, dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, non se lles exixirá ás asociacións interesadas que presenten documentos orixinais. A asociación solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa, ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, poderáselle requirir a entidade interesada que presente unha copia autenticada electrónica. Tal requirimento deberá ser debidamente motivado. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

4. No caso de que a solicitude de pagamento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase áa entidade beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da solicitude de pagamento ou da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

A xustificación cumprirá os requisitos establecidos nos artigos 28 a 30 da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. De conformidade co previsto no artigo 51.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, presentarase unha conta xustificativa simplificada. Para tal fin, xunto coa solicitude de pagamento anexo II, a entidade beneficiaria da axuda presentará:

a) Memoria técnica xustificativa das actividades desenvolvidas segundo o modelo do anexo III. A dita memoria presentarase, como documento adxunto, coa solicitude de pagamento (anexo II). Na memoria mencionarase expresamente que as operacións con empresas ou persoas vinculadas se realizan a prezo de mercado e resto de documentación adicional que se considere.

b) A copia –que permita a súa lectura– do material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de comunicación do financiamento público citada no artigo 25.g) destas bases.

c) Anexo IV. Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade e xustificantes dos gastos realizados: facturas dos provedores en relación cos gastos, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio das actuacións e a data límite de xustificación.

d) Anexo V. Xustificación dos pagamentos efectuados: transferencia bancaria, certificación bancaria orixinal ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio das actuacións e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o/a receptor/a, o/a emisor/a e o concepto do pagamento. No caso de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, acompañarase unha relación delas co fin de comprobar a súa rastrexabilidade. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto ou actuación, a xustificación do pagamento realizarase sempre mediante a achega do correspondente extracto bancario acompañado ou ben dunha relación emitida polo Banco dos pagamentos realizados, ou ben dunha orde de pagamento da entidade selada polo Banco.

e) Declaración responsable de non vinculación: segundo o sinalado no anexo VI que figura como modelo.

f) Cadro de indicadores sobre o impacto das actividades executadas: segundo o sinalado no anexo VII que figura coma modelo.

g) Xustificación da exención do IVE ou da súa natureza non recuperable.

O órgano convocante poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

6. En todos os casos, as entidades beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a entidade beneficiaria se opoña ou denegue expresamente o consentimento ao órgano convocante para solicitar as certificacións, estas deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese de que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supoñer a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

8. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 25 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiras persoas.

A aceptación das alteracións por parte do órgano convocante no acto de comprobación non exime a entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e/ou da perda parcial da subvención concedida, de acordo co artigo 28.4 destas bases.

Artigo 28. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de pagamento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención. Tamén será aplicable no caso de que a actuación xustificada minorase a baremación da axuda, de xeito que coa nova puntuación non resultase concedida en réxime de concorrencia competitiva.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas. Este suposto orixinará o reintegro do 100 % do importe da subvención recibida, máis os xuros de demora e sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

f) Non comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, salvo o establecido no artigo 25.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou aos conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de executar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e deberanse reintegrar, se é o caso, as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable da actuación, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida o incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para os mesmos gastos.

c) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os conceptos financiados con fondos de recuperación.

d) Suporá o reintegro dun 5 % da subvención concedida o incumprimento das obrigas de información, comunicación e visibilidade do apoio procedente dos fondos.

Artigo 29. Réxime sancionador

Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Fiscalización e control

As entidades destas subvencións someteranse ás actuacións de control, incluída a consulta aos sistemas de información, que realice o órgano convocante, con anterioridade ou posterioridade á concesión da subvención, para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 25, e ás de comprobación material e control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 31. Comprobación das subvencións

1. O órgano concedente comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código AP400E, poderá obterse documentación normalizada ou información adicional na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a través das seguintes canles:

1. Páxina web: mancomun.gal

2. O teléfono: 881 99 56 00.

3. O enderezo electrónico: ocfloss@xunta.gal

4. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia (012 ou 902 12 00 12 se chama desde fóra de Galicia).

2. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición adicional. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para que dite as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución pola que se aproban as bases reguladoras e se procede a súa convocatoria entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2023

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Memoria técnica xustificativa das actividades desenvolvidas

Período:

Introdución

[Breve introdución ou resumo das actividades realizadas, algún aspecto que se queira destacar, ben por positivo, ben por problemático.]

Actividades levadas a cabo durante o período

[Inclusión da táboa resumo de actividades do plan de actuación aprobado.

Se hai actividades recollidas na táboa que non se realizaron, explicar brevemente o motivo polo que non se levaron a cabo e enumerar que outras actividades se realizaron no seu lugar.

A seguir, incluír unha nova epígrafe por cada unha das actividades realizadas.]

Actividade 1 [tantas epígrafes como actividades realizadas]

Descrición

[Descrición da actividade realizada, incluídos datas e lugar de celebración.

Indicación do obxectivo perseguido con esta actividade e o seu grao de avance. Se houbo variación respecto do planificado, explicar brevemente os motivos.

Destacar aqueles aspectos máis significativos, tanto positivos como problemas encontrados durante a realización da actividade. ]

Impacto da actividade

[Breve indicación do impacto da actividade na comunidade:

• Asistentes: público asistente, alumnos inscritos...

• Impacto medios: noticias en medios web,...

• Impacto do proxecto (se procede) estatísticas de uso, descargas,...

• Calquera outro indicador de interese, en función do tipo de actividade.]

Resultados ou entregables

[Incluír nesta epígrafe as ligazóns onde se poden atopar os resultados ou entregables da actividade (independentemente de que se envíe a súa copia para incluír no expediente).]

Custos económicos

[Incluír nesta epígrafe os custos totais da actividade diferenciando aqueles que se xustifican ao abeiro da orde de axudas dos que non, se é o caso.

Axudas de custo e desprazamentos: para a xustificación de axudas de custo e gastos de desprazamento de membros da asociación, incluír aquí a relación dos membros participantes na actividade e os gastos imputados. Por cada membro, deberá xuntarse unha certificación de axudas de custo segundo o modelo proporcionado.

Incluír as notas precisas para aclarar a necesidade dos gastos que poidan non ter clara a relación coa actividade. Por exemplo, xustificación de gastos de comidas ou bebidas nas xornadas a maiores das axudas de custo,...

Finalmente, incluír a relación doutras axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a realización desta actividade procedente de calquera Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se é o caso.]

Conclusións

[Finalmente, incluír a epígrafe de conclusións obtidas durante a realización das actividades, por exemplo, que aspectos se poderían mellorar de cara ao futuro, que habería que manter polo éxito obtido, ou calquera aspecto relacionado co desenvolvemento da orde de axudas...]

(Deberá ser asinado pola entidade ou persoa representante)

ANEXO IV

Relación clasificada dos gastos e investimentos das actividades

D/Dª _______________, con DNI nº ___________, en nome e representación da Asociación _____________________________, con NIF _____________ e domicilio en _____________________________, no concello de _______________________

CERTIFICA:

1. Que os investimentos realizados pola asociación á cal represento reflectidos na táboa GASTOS REALIZADOS PARA A ANUALIDADE ________ adxunta teñen soporte suficiente e axeitado en canto á súa acreditación documental.

2. Que a asociación á cal represento, que dispón de contas bancarias abertas ao seu nome, aboou integramente os pagamentos correspondentes á adquisición de bens e/ou servizos relacionados coas actividades descritas no artigo 1.2 da resolución das bases reguladoras para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para impulsar a realización de actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia e durante o prazo de execución establecido no artigo 5.2 da resolución, e non mantén ningún saldo debedor cos provedores polos conceptos e facturas indicados.

3. Que na contabilidade da asociación á cal represento figuran imputados os pagamentos correspondentes á liquidación do saldo debedor cos provedores e achégase copia con valor auténtico destes pagamentos que se corresponden fielmente cos orixinais.

E para que así conste, ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, expídese esta certificación.

(Deberá ser asinado pola entidade ou persoa representante)

missing image file
missing image file

ANEXO V

Xustificación dos gastos realizados e xustificación dos pagamentos efectuados

Incluiranse a seguir todos os documentos xustificativos da realización dos gastos, así como os documentos xustificativos da realización dos pagamentos correspondentes, recollidos no anexo IV. Recoméndase que as facturas e outros xustificantes de gastos se ordenen segundo se teñan incluído na táboa do anexo IV, emparellando cada factura ou xustificante de gasto co seu xustificante de pagamento correspondente.

• As facturas estarán sempre a nome da asociación figurando todo os datos fiscais NIF, nome da asociación e domicilio fiscal.

• Os documentos de pagamento de axudas de desprazamento e manutención deberán xustificarse segundo o modelo de axudas de custo seguinte ou outro similar que recolla a mesma información.

Don (nome do secretario), con NIF XXXXXXXX-X, en calidade de secretario da asociación (nome da asociación), con NIF XXXXXXXXX, con enderezo en (enderezo completo)

Certifica que:

Don (nome do beneficiario), con NIF XXXXXXXX-X, domiciliado en (enderezo completo), realizou os seguintes gastos de desprazamento no desenvolvemento das correspondentes actividades xustificadas ao abeiro desta orde de axudas:

Importe km: 0,19

Data

Actividade asociada ao gasto

Aloxamento

Transporte

Km

Comidas

Gastos

Incluír breve descrición da actividade e do gasto xustificado.
Ex: relator nas VII xornadas de software libre de Mugardos
Desprazamento Santiago-Mugardos-Santiago

Ex. Peaxe

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

Total

0,00 €

Certificado por
(Nome e DNI do secretario)

Recibín
(Nome e DNI do beneficiario)

ANEXO VI

Declaración responsable de non vinculación

D/Dª __________________________________________, con DNI ________________, en nome e representación da asociación ___________________________________ en relación coas actuacións realizadas no ano ______ segundo as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para impulsar a realización de actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia.

Declara expresamente:

Que ningunha das persoas ou entidades contratadas e/ou subcontratadas para as actividades financiadas na devandita orde de axudas está vinculada coa asociación que represento ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren nelas ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento de desenvolvemento, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a devandita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En _______________, _____ de _______________ de 202__

(Deberá ser asinado pola entidade ou persoa representante)

missing image file