DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 11 de agosto de 2023 Páx. 48333

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2023, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de arqueólogos, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 20 de abril de 2023 (DOG núm. 82, do 28 de abril) para cualificar este proceso selectivo, en sesións que tiveron lugar os días 28 de xuño e 17 de xullo de 2023, ao abeiro do previsto na base II.1.1.1 da convocatoria do proceso selectivo, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 10 de xuño de 2023,

ACORDOU:

Primeiro. Anular as preguntas 78, 94 e 177. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas de reserva números 183, 184 e 189 (R-3, R-4 e R-9) respectivamente. Anúlase tamén a pregunta 181 (R-1), o que carece de efectos por ser pregunta de reserva e non substituír ningunha outra. Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.

No acceso libre superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas nesta quenda, sempre que acaden, en cada un dos bloques, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. De darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo, en cada un dos bloques, do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocado nesta quenda.

Terceiro. Polo Acordo deste tribunal do 30 de maio de 2023, con publicación da correspondente resolución asinada polo presidente do tribunal no taboleiro de anuncios do portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, deuse publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, que establecen:

No acceso libre, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de vinte (20) persoas aspirantes, sempre que acaden o mínimo do 50 %, en cada unha das dúas partes, das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Unicamente de darse o caso de non completar o número de 20 aprobados, rebaixarase ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de vinte (20) persoas aspirantes.

De acordo coas bases da convocatoria e os expresados criterios, todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte considéranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado (20).

Asígnase a valoración de 25 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 25 e os 50 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Cuarto. Realizada a corrección dos exames na sesión do día 17 de xullo de 2023 de acordo coas normas e criterios anteriores, acadaron a puntuación mínima de 25 puntos un total de 20 persoas aspirantes; fixouse en 96,5 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria: as respostas incorrectas descontan un cuarto dunha pregunta correcta; as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Para obter o dito número de persoas aptas foi preciso aplicar o criterio subsidiario de porcentaxe neta de aprobados sinalado do 40 % de respostas correctas netas en cada un dos bloques teórico e práctico.

Quinto. Publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo e son declaradas aptas. Son as primeiras vinte da relación que se xunta a esta resolución. Publicar tamén a seguir as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas que se declaran non aptas ao non obteren as vinte cualificacións máis elevadas, aínda que acadasen as porcentaxes do 40 % sinalados. Ao respecto das persoas que non acadaron algunha das ditas porcentaxes mínimas, publícase na relación correspondente, decláranse tamén non aptas e sinálanse para cada aspirante os bloques *1, *2 e *3 (=ambos os bloques) en que non se cumpriu a condición de porcentaxe mínima. En razón dos ditos criterios, unha asignación de puntuacións neste último grupo non sería homologable á das restantes aspirantes.

Sexto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. De acordo co disposto na base III.13 da resolución de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023

Roberto Carlos Pena Puentes
Presidente do tribunal