DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 10 de agosto de 2023 Páx. 47970

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 121/2023, do 3 de agosto, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Proxecto básico de recuperación de servidume de tránsito e senda peonil desde a praia das Patiñas ata o límite do concello de Vilanova de Arousa co de Cambados, no termo municipal de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

O Concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra), en sesión que tivo lugar o día 26 de xuño de 2023, acordou solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Proxecto básico de recuperación de servidume de tránsito e senda peonil desde a praia das Patiñas ata o límite do concello de Vilanova de Arousa co de Cambados, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O 23 de maio de 2023 tivo entrada no Rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra) e o expediente. O 20 de xullo de 2023 o Concello achegou documentación complementaria á súa solicitude inicial. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previamente á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que a actuación que se vai realizar, consistente na construción dunha senda peonil, ademais de servir para a recuperación ambiental e paisaxística da zona de actuación, servirá para aumentar a seguridade nos camiños existentes, posto que na actualidade non se garante a integridade das persoas que transitan polo lugar. Os traballos tidos en conta van encamiñados á rehabilitación das zonas degradadas e a dar continuidade na servidume de tránsito na fronte marítimo costeira, o que dará como resultado unha melloría no firme e, por conseguinte, eliminaranse os riscos mencionados.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do tres de agosto de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Proxecto básico de recuperación de servidume de tránsito e senda peonil desde a praia das Patiñas ata o límite do concello de Vilanova de Arousa co de Cambados, no termo municipal de Vilanova de Arousa (Pontevedra). Unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse, de ser o caso, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, tres de agosto de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes