DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2023 Páx. 47925

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica correspondente á ampliación da subestación Trives no parque de 220 kV, no termo municipal da Pobra de Trives (Ourense), e que promove Red Eléctrica de España, S.A.U. (expediente IN407A 2023/064-3).

Feitos:

1. O 27.3.2023 Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE) presentou, ante a Xefatura Territorial de Ourense desta consellería (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura eléctrica correspondente á ampliación da subestación Trives no parque de 220 kV, no termo municipal da Pobra de Trives (Ourense), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2023/064-3.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado Proxecto técnico administrativo-ampliación da subestación Trives 220 kV, asinado o 15.3.2023 polo enxeñeiro industrial David González Jouanneau (colexiado núm. 11.729 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid) e visado por este colexio, con núm. 202301305 e data 16.3.2023; e no cal figura un orzamento total de 845.877,00 euros.

• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas (Concello da Pobra de Trives).

A infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto facilitar o acceso á rede de transporte dun axente para evacuación en réxime especial, mediante a ampliación do parque 220 kV cunha nova posición de interruptor, convencional de exterior, de tecnoloxía AIS e configuración de dobre barra.

2. O 10.4.2023, de conformidade co disposto no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, a xefatura territorial solicitou o preceptivo informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (en adiante, DXPEeM) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

A DXPEeM emitiu, con data do 9.5.2023, informe favorable a respecto da referida infraestrutura eléctrica, facendo constar que se atopa recollida no documento «Plan de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026», aprobado polo Acordo do Consello de Ministros do 22 de marzo de 2022 (BOE do 19 de abril).

3. O 10.4.2023 a xefatura territorial remitiulle, para a emisión do correspondente condicionados técnico, a separata do proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica ao Concello da Pobra de Trives, quen non contestou, polo que, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

4. O 27.6.2023 a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado do mesmo á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en adiante, DXPERN) para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando ao expediente o informe e proposta seguintes:

• Informe emitido o 22.6.2023 polos servizos técnicos da xefatura territorial, de carácter favorable, para os efectos do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Proposta ditada o 23.6.2023 pola xefatura territorial, en que se informa de xeito favorable a petición formulada por REE, no relativo á tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción do referido proxecto, para a súa resolución pola DXPERN.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 113, do 15.6.2023), no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4.7.2022) e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017).

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada ampliación da subestación Trives 220 kV, no termo municipal da Pobra de Trives (Ourense), e que promove REE.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Proxecto técnico administrativo-ampliación da subestación Trives 220 kV, asinado o 15.3.2023 polo enxeñeiro industrial David González Jouanneau (colexiado núm. 11.729 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid) e visado por este colexio, con núm. 202301305 e data 16.3.2023; e no cal figura un orzamento total de 845.877,00 euros.

2. A empresa promotora (REE) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, previa audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais