DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 8 de agosto de 2023 Páx. 47756

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2023 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de xullo de 2023, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado para a mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) nas rutas de acceso polo norte á cidade da Coruña.

Antecedentes:

Con data do 30 de decembro de 2022, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 248 o Anuncio do 21 de decembro de 2022 polo que se someten ao trámite de información pública o proxecto de trazado de mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na RAEG nas rutas de acceso polo norte da cidade da Coruña, de clave AC/22/048.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de xullo de 2023, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado para a mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na RAEG nas rutas de acceso polo norte á cidade da Coruña, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2023

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de xullo de 2023, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado para a mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) nas rutas de acceso polo norte á cidade da Coruña

1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) nas rutas de acceso polo norte á cidade da Coruña, de clave AC/22/048.06, coa seguinte modificación respecto ao trazado sometido a información pública:

• Incluirase a subministración e instalación dun refuxio para a parada 15-017-37-1 Costa da Tapia e así completar a obra de urbanización do concello nese punto.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) nas rutas de acceso polo norte á cidade da Coruña, de clave AC/22/048.06.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Abegondo, Betanzos, Boimorto, Cambre, Carral, Curtis, Melide, Mesía, Ordes e Oza-Cesuras, en que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, en que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación o revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.