DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 7 de agosto de 2023 Páx. 47383

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 26 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975R).

BDNS (Identif.): 711305.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pódese consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Con carácter xeral, poderán ser beneficiarias destas axudas, pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que fose a súa forma xurídica que, cumprindo o establecido neste artigo, desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as grandes empresas, que se entenderá que cumpren a dita condición ao non poder ser consideradas pemes, conforme o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/214 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

2. Considerarase empresa, para os efectos das presentes bases reguladoras, e segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica incluídas as asociacións e fundacións sen ánimo de lucro. Inclúense nesta definición, en particular, os autónomos, comunidades de bens e calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda que carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial.

3. Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica e sempre que se axuste ao sinalado no punto 2 deste artigo, poidan desenvolver o proxecto, actividade ou comportamento para o que se solicita a axuda deberase facer constar expresamente tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Unha empresa non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través dunha agrupación en que se integre. De darse o caso, inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo. En cambio, si será posible que unha mesma empresa concorra a esta convocatoria de maneira simultánea para as diferentes liñas subvencionables a que se refire o artigo 3, para o que deberá presentar unha solicitude para cada unha das liñas subvencionables, de ser o caso.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As entidades ou empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento (UE) nº 651/2014), sempre que a situación de empresa en crise fose anterior ao 31 de decembro de 2019.

c) As entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000 € e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, a empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2023 e 2024 (código de procedemento MT975R).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 26 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975R).

Cuarto. Contía

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023 e 2024 procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe total de 5.600.000,00 €. Coa seguinte distribución:

Liñas de axudas

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Anos

Totais

2023

2024

Liña 1 PxR Asociacións e fundacións

08.02.541D.781.0

2023 00228

100.000,00 €

900.000,00 €

1.000.000,00 €

Liña 2 PxR Empresas e autónomos

08.02.541D.770.0

100.000,00 €

900.000,00 €

1.000.000,00 €

Liña 3 Melloras de plantas de envases

08.02.541D.770.0

160.000,00 €

1.440.000,00 €

1.600.000,00 €

Liña 4 Melloras instalacións de tratamento

08.02.541D.770.0

200.000,00 €

1.800.000,00 €

2.000.000,00 €

Totais

560.000,00 €

5.040.000,00 €

5.600.000,00 €

a) Dentro do proxecto con código 2023 00228, con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.781.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 ata un máximo de 100.000,00 €, e con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.770.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 ata un máximo de 460.000,00 €, procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: 100.000 € (aplicación 08.02.541D.781.0).

2º. Importe para a liña 2: 100.000 € (aplicación 08.02.541D.770.0).

3º. Importe para a liña 3: 160.000 € (aplicación 08.02.541D.770.0).

4º. Importe para a liña 4: 200.000 € (aplicación 08.02.541D.770.0).

b) Dentro do proxecto con código 2023 00228, con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.781.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 ata un máximo de 900.000,00 €, e con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.770.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 ata un máximo de 4.140.000,00 €, procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: 900.000 € (aplicación 08.02.541D.781.0)

2º. Importe para a liña 2: 900.000 € (aplicación 08.02.541D.770.0).

3º. Importe para a liña 3: 1.440.000 € (aplicación 08.02.541D.770.0).

4º. Importe para a liña 4: 1.800.000 € (aplicación 08.02.541D.770.0).

2. No tocante á contía das axudas para a:

a) Liña 1. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta liña non excederá o 90 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2). O importe máximo da subvención será de 200.000 €.

b) Liña 2. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta liña non excederá o 60 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2).

As axudas establecidas nas liñas 1 e 2 están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá dos 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido. Cando se trate de entidades que presten servizos de interese económico xeral, este límite será de 500.000 €, segundo o previsto no artigo 2.2 do Regulamento (UE) 360/2012 da Comisión, do 25 de abril de 2012.

En virtude do anterior, as entidades deberán declarar, no momento de presentar a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.

c) Liña 3. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nestas liñas non excederá o 40 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2). A contía máxima da axuda por beneficiario establécese en función das toneladas de residuos de envases lixeiros procedentes de recollida separada (segundo o declarado conforme o disposto no artigo 8.1, o) 3º) tratados pola instalación a razón de 50 €/tonelada, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo.

d) Liña 4. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nestas liñas non excederá o 40 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2). A contía máxima da axuda por beneficiario establécese en función das toneladas de residuos (segundo o declarado conforme o disposto no artigo 8.1, o) 3º) tratados pola instalación a razón de 2,5 €/tonelada, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo.

As axudas concedidas dentro das liñas de axudas 3 e 4 establecidas nesta orde e descritas neste artigo estarían sometidas ao disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, concretamente no seu artigo 47, onde se indica que as axudas ao investimento que permitan ás empresas ir máis alá das normas da Unión en materia de protección medioambiental ou incrementar o nivel de protección medioambiental en ausencia de normas da Unión, serán compatibles co mercado interior a tenor do artigo 107, punto 3 do Tratado.

Estas liñas acóllense a este regulamento, e atenden ao recollido nas directrices sobre axudas estatais en materia de protección de medio ambiente e enerxía 2014/2020 posto que:

Contribúen a un obxectivo de interese xeral. A Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de novembro de 2008 sobre os residuos, modificada pola Directiva (UE) 2018/851, establece obxectivos específicos para os estados membros na preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos municipais así como impón a restrición máxima de vertedura do 10 % do total dos residuos municipais xerados no 2035. Así, establece obxectivos moi ambiciosos fixando de forma escalada varios anos límite para cumprir diversos obxectivos:

En 2025, aumentarase a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo do 55 % en peso. No 2030, aumentarase a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo do 60 % en peso. En 2035, aumentarase a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo do 65 % en peso.

Xa no marco da Estratexia 2020, a folla de ruta cara a unha Europa eficiente no uso dos recursos (COM(2011) 571 final) deseña un marco estratéxico que establece as condicións para promover, entre outras cuestións, o incremento da reutilización, a reciclaxe e a substitución de materiais, así como para o aforro de recursos, con este fin, fixa como obxectivo que en 2020 os residuos se xestionarán como recursos. Para iso, a Comisión Europea estableceu, entre outras, as seguintes actuacións: estimular o mercado de materiais secundarios e a demanda de materiais reciclados ofrecendo incentivos económicos e desenvolvendo criterios para determinar cando un residuo deixa de selo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975R).

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda