Expediente: IN407A 2022/063-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: LMTS CTS rúa Cobre, s/n.
Concello: Carballo.
Feitos:
1. O día 28 de febreiro de 2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co obxecto de dotar de subministración eléctrica unha nave industrial, sita no concello de Carballo. Proxéctase a instalación dun centro de seccionamento con tres (3) celas conectado á liña de distribución soterrada de media tensión LMT BRT710, procedente da subestación Bértoa.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e que abrangue os seguintes documentos:
• Proxecto de execución visado nomeado LMTS CTS rúa Cobre, s/n, asinado por Susana Casais Pérez, enxeñeira técnica industrial eléctrica, nº colexiada 2.033 da Coruña, o 27 de xaneiro de 2022.
• Anexo, asinado pola anterior enxeñeira técnica industrial eléctrica.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, trasladóuselles unha separata do proxecto ás entidades afectadas, na parte en que a instalación puidera afectar bens e dereitos ao seu cargo. A separata contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Así, solicitouse o informe preceptivo ao Concello de Carballo. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co informe presentado polo dito organismo no prazo outorgado para ese efecto.
4. O 30 de xuño de 2023 emitiuse un informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).
2. Lexislación de aplicación.
a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
f) A Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. As instalacións atópanse na rúa Cobre, polígono industrial de Bértoa, no concello de Carballo, e as súas características técnicas son as seguintes:
– LMTS a 15 kV, de 16 m (E/S), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1x240 mm2 Al, con orixe en empalmes que se realizarán no punto de acceso á rede existente na LMTS BRT710, procedente da subestación Bértoa, e remate no CS proxectado. A liña irá canalizada en gabias de 0,40 metros de ancho e de entre 0,80 e 1,00 metro de profundidade, no interior de dous tubos de polipropileno de 160 mm de diámetro. A lonxitude total da LMT proxectada é de 16 metros.
– CS compacto prefabricado, en configuración 3L (E/S e acometida a CT-2 telecontroladas), trafo de SSAA e manobra exterior para instalar na zona de aparcadoiro dentro da parcela da nave industrial con libre acceso desde a vía pública.
4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 7 de xullo de 2023
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña