O artigo 55 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro), regula o procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio que deban someterse a avaliación ambiental estratéxica simplificada.
Para os efectos previstos no artigo 55.5 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, sométense a información pública, durante o período dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, os documentos titulados:
– Proxecto de interese autonómico denominado Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, elaborado pola sociedade Otima, S.L. (Ordenación Territorial, Infraestruturas e Medio Ambiente, S.L.) con data 22 de xuño de 2023 e asinado polo arquitecto Francisco Javier Rivas Barros (colexiado número 1.105 do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)).
– Acordo de aprobación inicial do proxecto de interese autonómico denominado Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, no concello de Mos (Pontevedra).
Para que calquera persoa interesada poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á súa disposición, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:
– Secretaría Xeral para o Deporte, rúa Madrid, 2-4, 2º andar, 15781 Santiago de Compostela.
Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/transparencia/procedementos-informacion-publica).
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023
José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte
ANEXO
Memoria resumo
Peticionario: Real Club Celta de Vigo, S.A.D.
CIF: A36609105.
Domicilio social: rúa Príncipe, 44, 36202 Vigo (Pontevedra).
Ámbito do proxecto: concello de Mos.
Actividade: conxunto integrado de instalacións deportivas.
Descrición: o proxecto de interese autonómico (en diante, PIA) elabórase para a construción dun conxunto integrado de edificacións e instalacións ao servizo do deporte coa finalidade de dotalo da infraestrutura necesaria para diferentes necesidades. Contará con tres agrupacións de infraestruturas: a Cidade Deportiva Afouteza, o Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte e, por último, a área de servizos Espazo Area. Deste xeito, tanto polo ámbito estritamente deportivo competitivo como pola súa vertente económica e de desenvolvemento, este proxecto, que transcende o ámbito municipal, mantén a idea do deporte como unha actividade de interese público que coadxuva ao crecemento e á cohesión social, á igualdade de xénero, á mellora do benestar da cidadanía e ao desenvolvemento do conxunto da Comunidade Autónoma, fortalecendo o carácter transversal do feito e sistema deportivo galego.