DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 2 de agosto de 2023 Páx. 46771

III. Outras disposicións

Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

REAL DECRETO 596/2023, do 4 de xullo, sobre o cambio de titularidade dun tramo da estrada do Estado AC-12, na provincia da Coruña, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, e conseguinte modificación da Rede de estradas do Estado.

A Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, no seu artigo 4.8, dispón que a Rede de estradas do Estado poderá modificarse mediante real decreto por proposta do ministro de Fomento, por:

a) O cambio de titularidade de estradas existentes en virtude de acordo mutuo con outras administracións públicas.

b) A cesión a outras administracións públicas, respecto daquelas estradas que, pertencendo á Rede de estradas do Estado, non forman parte da rede básica, cando polas súas características e funcionalidade non fose necesaria a súa permanencia na devandita rede.

c) A incorporación de estradas cuxa titularidade corresponda a outras administracións públicas sempre que cumpran as funcións propias da Rede de estradas do Estado.

O procedemento para tramitar o dito cambio de titularidade regúlase polo artigo 12 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, que exixe a incoación e a tramitación do correspondente expediente, que, xunto co acordo das administracións interesadas, elevará o ministro de Fomento ao Goberno para a súa aprobación por real decreto e conseguinte modificación da Rede de estradas do Estado.

O 15 de xuño de 2023, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Comunidade Autónoma de Galicia asinaron un Acordo sobre o cambio de titularidade a favor da Comunidade Autónoma de Galicia do seguinte tramo de estrada pertencente á Rede de estradas do Estado:

AC-12, de Pasaxe, entre os pp.qq. 1+600 (antes do enlace coa estrada AC-10, aproximadamente na intersección da avenida de Oza coa vía de servizo da marxe esquerda) e 4+160 (pasado o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe, na conexión coa antiga estrada autonómica AC-211) ao seu paso pola cidade da Coruña, actualmente de titularidade estatal, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, incluídos os seus enlaces intermedios e vías de servizo.

O cambio de titularidade non implica ningunha transferencia de capital, sen xerarse obrigacións económicas ou gasto para a Administración Xeral do Estado.

O acordo dispón que o cambio de titularidade do dito tramo será elevado ao Goberno para a súa aprobación por real decreto e conseguinte modificación da Rede de estradas do Estado e elevarase, igualmente, ao Consello de Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa aprobación mediante Decreto da Xunta de Galicia, que levará a cabo as xestións requiridas para a aprobación das modificacións necesarias no Catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia para incorporar á súa rede o tramo cedido.

Este tramo de estrada pertence na actualidade á Rede de estradas do Estado e a súa cesión non menoscaba a continuidade da rede viaria estatal nin a funcionalidade da estrada AC-12, posto que a función de servizo ao tráfico de longo percorrido e acceso ao porto da Coruña é realizada polas estradas AC-11 e AC-10 e, por tanto, procede que pase a formar parte da rede autonómica de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 4 de xullo de 2023,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da Rede de estradas do Estado

Conforme o artigo 4.8 da Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, e en virtude do Acordo do 15 de xuño de 2023, anexo a este real decreto, entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e a Comunidade Autónoma de Galicia, sobre o cambio de titularidade dun tramo da estrada da Estado AC-12, na provincia da Coruña, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, queda excluído o tramo da Rede de estradas do Estado, para a súa cesión á Comunidade Autónoma de Galicia:

AC-12, de Pasaxe, entre os pp.qq. 1+600 (antes do enlace coa estrada AC-10, aproximadamente na intersección da avenida de Oza coa vía de servizo da marxe esquerda) e 4+160 (pasado o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe, na conexión coa antiga estrada autonómica AC-211) ao seu paso pola cidade da Coruña, actualmente de titularidade estatal, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, incluídos os seus enlaces intermedios e vías de servizo.

O cambio de titularidade non implica ningunha transferencia de capital por parte da Administración xeral do Estado.

Artigo 2. Formalización do cambio de titularidade

O cambio de titularidade formalizarase mediante acta de entrega e recepción, subscrita polos representantes das administracións interesadas, o cal determinará a cesión.

Na acta de entrega e recepción especificaranse con precisión os límites dos tramos afectados e dos bens anexos a estes, de conformidade co establecido no artigo 12.3 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro. O cambio de titularidade será efectivo a partir da formalización da acta de entrega correspondente, que se subscribirá no prazo de 15 días desde a entrada en vigor do presente real decreto. Nese momento realizarase a entrega da documentación e expediente do tramo de estrada obxecto do cambio de titularidade.

Facúltase o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia para asinar a mencionada acta en representación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Artigo 3. Modificación do anexo II da Lei de estradas

No anexo II da Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, «Catálogo da Rede de Estradas do Estado», substitúese a liña:

Estrada

Denominación

Itinerario de referencia O/D

«AC-12

Pasaxe

O Carballo/Porto A Coruña»

Por:

Estrada

Denominación

Itinerario de referencia O/D

«AC-12

Pasaxe

A Coruña/O Carballo»

Disposición transitoria única. Réxime transitorio de competencias

En tanto non se formalice o cambio de titularidade, a Administración Xeral do Estado seguirá sendo competente respecto do tramo de estrada que cede.

Disposición derradeira única. Publicación e entrada en vigor

O presente real decreto publicarase simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Dado en Madrid, o 4 de xullo de 2023.

FELIPE R.

Raquel Sánchez Jiménez
Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

ANEXO

Acordo sobre o cambio de titularidade dun tramo da estrada do Estado AC-12,
na provincia da Coruña, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia

REUNIDOS:

Dunha parte, Raquel Sánchez Jiménez, ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que actúa en exercicio do seu cargo, en virtude do Real decreto 528/2021, do 10 de xullo, polo que se dispón o seu nomeamento (BOE núm. 165, do 12 de xullo), e de conformidade coas atribucións conferidas polo artigo 61.k) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE do 2 de outubro), e do artigo 4.1.c) da Lei 50/1997, do 27 de novembro, do Goberno (BOE do 28 de novembro), así como as competencias conferidas pola Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas (BOE do 30 de setembro), e conforme o Real decreto 645/2020, do 7 de xullo, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

E doutra, Ethel Mª Vázquez Mourelle, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co Decreto 123/2015, do 4 de outubro (DOG do 5 de outubro) actuando en representación da Xunta de Galicia, en virtude das facultades que lle atribúe o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa presidencia (DOG do 21 de marzo).

Ambas as partes declaran, e así se recoñecen mutuamente, a capacidade legal suficiente para a sinatura deste acordo, e

MANIFESTAN:

I. Que o artigo 149.1, 21ª e 24ª, da Constitución española, atribúe ao Estado a competencia sobre o réxime xeral de comunicacións e sobre as obras públicas de interese xeral.

II. Que o artigo 4.4. da Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, establece que a Rede de estradas do Estado está constituída polas estradas integradas nun itinerario de interese xeral ou cuxa función no sistema de transporte afecte máis dunha comunidade autónoma.

III. Que o artigo 4.8. da Lei 37/2015, establece que a Rede de estradas do Estado poderá modificarse por:

a) O cambio de titularidade de estradas existentes en virtude de acordo mutuo con outras administracións públicas.

b) A cesión a outras administracións públicas, respecto daquelas estradas que, pertencendo á Rede de estradas do Estado, non forman parte da rede básica, cando polas súas características e funcionalidade non fose necesaria a súa permanencia na devandita rede.

c) A incorporación de estradas cuxa titularidade corresponda a outras administracións públicas sempre que cumpran as funcións propias da Rede de estradas do Estado.

IV. Que o artigo 12 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, establece que «o cambio de titularidade dunha estrada entre a Administración xeral do Estado e outras administracións públicas acordarase entre elas, logo da incoación e tramitación do correspondente expediente pola Dirección Xeral de Estradas; instruído o expediente, co acordo das administracións interesadas, será elevado polo ministro de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente ao Goberno para a súa aprobación por Real decreto e conseguinte modificación da Rede de estradas do Estado; este cambio de titularidade formalizarase mediante acta de entrega subscrita polas administracións interesadas, na cal se definirán con precisión os límites do tramo afectado e bens anexos; ademais, dispón que o cambio de titularidade non poderá afectar os itinerarios de interese xeral».

V. Que a Comunidade Autónoma de Galicia actúa de conformidade co estipulado na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, en virtude das competencias propias que en materia de estradas lle atribúen o artigo 148.1.5º da Constitución española e o artigo 27.8 do Estatuto de autonomía de Galicia.

VI. Que a Comunidade Autónoma de Galicia considera de interese que o tramo da estrada AC-12 entre os pp.qq. 1+600 (antes do enlace coa estrada AC-10, aproximadamente na intersección da avenida de Oza coa vía de servizo da marxe esquerda) e 4+160 (pasado o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe, na conexión coa antiga estrada autonómica AC-211), ao seu paso pola cidade da Coruña, actualmente de titularidade estatal, pase a formar parte da Rede de estradas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para ese efecto, a Comunidade Autónoma de Galicia solicitou o 7 de xullo de 2022 ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o cambio de titularidade do tramo da estrada AC-12 especificado entre o p.q. 1+600 (antes do enlace coa estrada AC-10, aproximadamente na intersección da avenida de Oza coa vía de servizo da marxe esquerda) e o p.q. 4+160 (pasado o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe, na conexión coa antiga estrada autonómica AC-211).

VII. Que a Administración xeral do Estado é titular da estrada AC-12 de Pasaxe, que forma parte do itinerario O Carballo/Porto da Coruña, que pertence na actualidade á Rede de estradas do Estado.

VIII. Que o cambio de titularidade do tramo da mesma comprendido entre os pp.qq. 1+600 (antes do enlace coa estrada AC-10, aproximadamente na intersección da avenida de Oza coa vía de servizo da marxe esquerda) e 4+160 (pasado o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe, na conexión coa antiga estrada autonómica AC-211), que recibe a denominación de avenida Pasaxe, non menoscaba a continuidade da rede viaria estatal nin a funcionalidade da estrada AC-12, posto que a función de servizo ao tráfico de longo percorrido e acceso ao porto da Coruña é realizada polas estradas AC-11 e AC-10 e, por tanto, procede que pase a formar parte da Rede autonómica de Galicia.

IX. Que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana está de acordo con ceder a titularidade do tramo de AC-12 antes referido.

X. Que a Comunidade Autónoma de Galicia está de acordo en que a titularidade do tramo descrito de AC-12 comprendido entre os pp.qq. 1+600 (antes do enlace coa estrada AC-10, aproximadamente na intersección da avenida de Oza coa vía de servizo da marxe esquerda) e 4+160 (pasado o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe, na conexión coa antiga estrada autonómica AC-211) lle sexa cedido gratuitamente.

En virtude do exposto, ambas as partes,

ACORDAN:

Primeiro.

O cambio de titularidade do tramo de estrada AC-12 entre os pp.qq. 1+600 (antes do enlace coa estrada AC-10, aproximadamente na intersección da avenida de Oza coa vía de servizo da marxe esquerda) e 4+160 (pasado o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe, na conexión coa antiga estrada autonómica AC-211), actualmente de titularidade estatal, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, incluídos os seus enlaces intermedios e vías de servizo.

Segundo.

O cambio de titularidade do tramo de estrada AC-12 mencionado non implica, por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ningunha transferencia de medios económicos, persoais ou materiais á Comunidade Autónoma de Galicia, a cal asumirá todas as competencias que dimanan da dita titularidade e o exercicio destas a través, exclusivamente, dos seus propios medios económicos, materiais e persoais.

Terceiro.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana elevará o presente acordo ao Goberno para a súa aprobación por real decreto, coa conseguinte modificación da Rede de estradas do Estado. A validez do presente acordo queda supeditada á citada aprobación.

Cuarto.

De conformidade co disposto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o presente acordo elevarase ao Consello de Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a súa aprobación mediante Decreto da Xunta de Galicia coa seguinte modificación do Catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia, e queda supeditada igualmente, a validez deste acordo á súa aprobación.

Quinto.

O cambio de titularidade do tramo de estrada AC-12 obxecto do presente acordo será efectivo a partir da formalización da acta de entrega correspondente, que se subscribirá nun prazo máximo de quince días, contado desde a entrada en vigor do real decreto polo que se aproben as ditas cesións.

Quedan facultados para a sinatura da acta de entrega o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, en representación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, en representación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.

Quinto.

Este acordo ten natureza xurídico-administrativa, e corresponde á orde xurisdicional contencioso-administrativa o coñecemento das cuestións litixiosas que puidesen xurdir na súa interpretación e cumprimento.

En caso de incumprimento por algunha das partes, quedará sen efecto o establecido no presente acordo, e retrotraerase a situación ao estado anterior ao da súa subscrición, sen que haxa lugar a ningún tipo de indemnización por ningunha das partes.

Con todo, con anterioridade a dirimir o conflito no ámbito xurisdicional, as partes comprométense a realizar o requirimento regulado no artigo 44 e seguintes da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

E en proba de conformidade, subscriben electronicamente o presente acordo para un só efecto, na data indicada na sinatura.

A ministra de Transportes, Mobilidade
e Axenda Urbana

A conselleira de Infraestruturas
e Mobilidade

Asdo.: Dª Raquel Sánchez Jiménez

Asdo.: Dª Ethel Mª Vázquez Mourelle