DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 1 de agosto de 2023 Páx. 46520

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2023 de nomeamento dunha persoa membro do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.

A presidenta do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol enviou o día 5 de xullo de 2023, un escrito á Xerencia do Servizo Galego de Saúde no cal comunica a proposta de nomeamento dun novo membro do referido comité.

Antecedentes:

1. No Decreto 63/2013, do 11 de abril, regúlanse os comités de ética da investigación en Galicia como órganos colexiados encargados da valoración ética, metodolóxica e legal dos estudos de investigación con seres humanos, o seu material biolóxico ou os seus datos de carácter persoal.

Co referido decreto creouse unha rede de comités de ética da investigación con diferentes funcións na avaliación dos estudos de investigación en referencia ao seu ámbito territorial, sendo un deles o da Coruña-Ferrol.

2. O Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde dispón no artigo 5.7 que se adscribe á Xerencia do Servizo Galego de Saúde o Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia, ou órgano que o substitúa.

Nesta adscrición enténdense incluídos os comités territoriais, en tanto que conforman a anteriormente referida rede de comités de ética de investigación.

3. Mediante a Resolución do 11 de abril de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 22 de abril, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 9.5 sinala que as persoas membros destes comités serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres.

2. O punto 6 do artigo 9 dispón que o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do/da interesado/a.

3. Acerca da composición numérica, en concreto, o punto 1 do mesmo artigo sinala que estará formado por un mínimo de nove e un máximo de quince membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións.

Na actualidade, o comité axústase na súa composición aos citados topes numéricos, e coa vontade de mantela así, propúxose o nomeamento de Tamara Vallejo Martínez, licenciada en dereito e delegada de protección de datos da Fundación Novoa Santos como novo membro do comité.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 10 de xullo de 2023 que efectuou a xerente do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

O nomeamento de Tamara Vallejo Martínez como membro do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade