DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 31 de xullo de 2023 Páx. 46491

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello do Corgo (expediente IN407A 2022/287-2).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida San Luis, 77, 28033 Madrid, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 20 de decembro de 2022, a citada empresa solicita a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica Reforma da LMTA CRG803 no tramo entre os apoios nº 106 e nº 106-35 (O Corgo), no concello do Corgo. Preséntase o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xúntase a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro), e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante o Acordo desta xefatura territorial do 14 de febreiro de 2023. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso do 24 de febreiro de 2023 e no Diario Oficial de Galicia do 8 de marzo de 2023, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello do Corgo. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, efectuouse notificación individual aos interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentaron alegacións os seguintes interesados:

– Domingo Abuín Sánchez alega que non é precisa a declaración de utilidade pública para o proxecto sinalado anteriormente por dispor a empresa promotora dun contrato con José Abuín Lence.

Segundo a empresa promotora a reforma da instalación existente proxéctase na súa meirande parte, segundo o trazado existente, salvo o tramo desde o apoio nº 106-10 e nº 106-33 que varía debido ás distancias mínimas que se deben cumprir coa estrada LU-P-2918, establecidas na lexislación autonómica de estradas.

– José Abuín Sanfiz alega que o proxecto que se presenta para a solicitude de declaración de utilidade pública da instalación eléctrica non define de forma correcta o seu obxecto, por canto di que se trata de substituír 32 apoios de madeira e formigón, pero en realidade o proxecto modifica o trazado total da liña. Isto comporta consecuencias de impacto ambiental superior ao trazado actual.

Por outra banda alega a afectación indebida ao patrimonio cultural e relaciona os distintos elementos que poden verse afectados.

A empresa promotora desestima as alegacións presentadas por José Abuín Sanfiz porque se formulan fóra de prazo, segundo o artigo 125 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– Domingo Castedo Rivas alega que o poste eléctrico que afecta o seu predio se coloque na medianeira do predio nº 99 co predio contiguo, tal como aparecía reflectido na documentación gráfica que existía desa liña no mes de xullo.

A empresa promotora di que o emprazamento do apoio nº 106-4 non é posible.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os servizos técnicos informan que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

Para estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A esta xefatura territorial correspóndelle resolver sobre a presente solicitude, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG nº 22, do 1 de febreiro), sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 24/2013, e os regulamentarios previstos nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista do informe técnico e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que procede a autorización da instalación eléctrica.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, o que causaría a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Conceder a autorización administrativa á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. para o establecemento da instalación eléctrica denominada Reforma da LMTA CRG803 no tramo entre os apoios nº 106 e nº 106-35 (O Corgo), no concello do Corgo, coas seguintes características técnicas principais:

• Reforma do tramo da LMTA CRG803 comprendido entre os apoios núms. 106 e 106-33, coa substitución dos 32 apoios de madeira e formigón existentes por 13 de celosía metálica e cambio do condutor LA-30 existente a LA-56, cunha lonxitude de 1.542 m. Retensado do condutor existente nos tramos comprendidos entre o apoio núm. 106-2 proxectado e o CT Vilaceleiro e entre o apoio núm. 106-33 e o CT S.J. Segovia.

Segundo. Conceder a autorización administrativa de construción para a execución do proxecto da instalación eléctrica Reforma da LMTA CRG803 no tramo entre os apoios nº 106 e nº 106-35 (O Corgo).

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que polo representante da Administración se dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso do 24 de febreiro de 2023 e no Diario Oficial de Galicia do 8 de marzo de 2023, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello do Corgo. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta xefatura territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto Reforma da LMTA CRG803 no tramo entre os apoios nº 106 e nº 106-35 (O Corgo), presentado pola empresa UFD Distribución Electricidad, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, intentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 7 de xullo de 2023

Gustavo J. Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo