DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 28 de xullo de 2023 Páx. 46295

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilagarcía de Arousa (expediente IN407A 2022/222-4).

Expediente: IN407A 2022/222-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: regulamentación LMT VAR808B apoio 9UMQ2SLD.

Concello: Vilagarcía de Arousa.

Feitos:

Primeiro. O 18 de maio de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada regulamentación LMT VAR808B apoio 9UMQ2SLD.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade regulamentar un tramo da liña de media tensión aérea VAR808B Catoira II, 8. Desmóntase o apoio en mal estado 9UMQ2SLD, substitúese o apoio 9U0LNG09 por un C-1.000-14 e téndese un novo van de 143 metros de condutor LA-56 entre o apoio proxectado e o apoio 9VLPW173. As obras están previstas no lugar de Corgo, no concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilagarcía de Arousa, Augas de Galicia e Telefónica de España, S.A.U. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por Telefónica.

O Concello de Vilagarcía de Arousa informou que o proxecto é viable desde o punto de vista do cumprimento da normativa municipal.

Augas de Galicia non emitiu o condicionado técnico entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 26 de xullo de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á única persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 26 de xullo de 2022 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 18 de agosto de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 12 de agosto de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vilagarcía de Arousa.

Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Quinto. O 29 de setembro de 2022, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COEIG) presentou unha alegación onde solicita que se inadmita ou, de ser o caso, se denegue a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública. En síntese alega que o proxecto técnico vén asinado por un enxeñeiro técnico industrial sen especificar a súa especialidade o que impide apreciar a competencia do enxeñeiro, xa que nas atribucións dos enxeñeiros técnicos industriais rexe o principio de especialidade técnica.

Sexto. Déuselle traslado desta alegación á empresa promotora. Esta destaca que os enxeñeiros técnicos industriais teñen atribucións plenas e ilimitadas dentro da súa especialidade e parcialmente limitadas nas demais especialidades industriais. Estas limitacións noutras especialidades industriais son: industriais ou instalacións mecánicas, químicas ou eléctricas cuxa potencia non exceda dos 250 CV, a tensión de 15.000 V e o seu persoal de cen persoas. O límite de tensión será de 66.000 V cando as instalacións se refiran ás liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica. No presente proxecto non é necesario que o enxeñeiro técnico industrial especifique á súa especialidade, pois as instalacións eléctricas proxectadas (liñas de distribución e a súa tensión) non superan os 66.000 V.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Desmontaxe do apoio 9UMQ2SLD e substitución do apoio 9UOLNG09 por un apoio metálico de tipo celosía C-1000/14.

– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-56, de 143 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado 9UPLNG09 e final no apoio existente 9VLPW173.

– A instalación está situada no lugar de Corgo, no municipio de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas da promotora, considérase que se xustifica a competencia profesional ao non se sobrepasar a limitación cuantitativa de 66 kV de tensión, referida a liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica, establecida no Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, sobre atribucións dos peritos industriais. Esta determinación foi ratificada pola Sentenza do 9 de xullo de 2002, do Tribunal Supremo, ditada no ámbito do recurso de casación núm. 7785/1994, que se sustenta na idea de que «na asignación de atribucións dos antigos peritos que a favor dos enxeñeiros técnicos fai o artigo 2.4 da Lei 12/1986, non hai ningunha limitación por razón de especialidade, e que isto fai que esas atribucións teñan que considerarse xenéricas», polo que os enxeñeiros técnicos «son organizados segundo especialidades e, dentro de cada unha destas, lles é recoñecida a plenitude de atribucións e facultades profesionais» pero «subsisten as antigas facultades xenéricas con límites cuantitativos», que o RDL de 1977 atribúe aos antigos peritos.

Conforme o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Regulamentación LMT VAR808B apoio 9UMQ2SLD (expediente IN407A 2022/222-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 6 de xullo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra