DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 27 de xullo de 2023 Páx. 46025

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 116/2023, do 13 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello do Barco de Valdeorras do treito inicial da estrada OU-622, denominado avenida do Bierzo, xunto co seu dominio público viario (DPV).

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello do Barco de Valdeorras solicita á Xunta de Galicia, unha vez rematadas as obras de mellora integral na avenida do Bierzo, a transferencia da titularidade do treito inicial da estrada OU-622 comprendido entre a avenida Manuel Quiroga e o entroncamento coa rúa San Francisco Blanco.

O treito inicial da estrada OU-622 entre o p.q. 0+000 (intersección coa N-536) ata o p.q. 1+230 (enlace coa N-120) cumpre co punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG), relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, que estipula que estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.

O dito treito atravesa, na súa meirande parte, solos clasificados como urbanos polo instrumento de planeamento urbanístico vixente no Concello do Barco de Valdeorras cun marcado carácter local e urbano e sen funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas de Galicia (Raega).

Do dominio público viario do dito treito que se transfire ao concello debe excluírse a superficie dos cruzamentos a distintos niveis baixo as obras de paso sobre a liña do ferrocarril e sobre o río Cigüeño. Nestes puntos, a superficie debe cinguirse á plataforma (taboleiro) da obra de paso, pois o terreo baixo a obra de paso é de dominio público ferroviario, nun caso, e hidráulico, noutro.

A Axencia Galega de Infraestruturas, vistos os informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de xullo de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello do Barco de Valdeorras do treito inicial da estrada OU-622, denominado avenida do Bierzo, xunto co seu dominio público viario (DPV) que inclúe as obras de paso viarias existentes sobre o ferrocarril e sobre o río Cigüeño, excluíndose do DPV a transferir a superficie dos cruzamentos a distintos niveis baixo as obras de paso sobre a liña do ferrocarril e sobre o río Cigüeño:

Clave

Denominación treito

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Lonxitude (m)

Superficie DPV m2

OU-622

Avenida do Bierzo (da intersección coa N-536 á intersección coa N-120)

0+000

x= 666.122

y= 4.697.945

1+230

x= 666.564

y= 4.699.028

1.233

15.307

Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, no sentido de reflectir este cambio de titularidade, que quedaría da seguinte forma:

Clave

Denominación

Treito

PQi

PQf

Lonxitude treito (km)

Lonxitude total (km)

Categoría funcional

Clase
de estrada

Provincia

OU-622

O Barco de Valdeorras norte (N-120)-Lím. Prov. de León

O Barco de Valdeorras norte (N-120)-Lím. Prov. de León

1+230

21+950

20,72

20,72

Local

Estrada convencional

Ourense

O documento do Catálogo e as súas modificacións posteriores poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello do Barco de Valdeorras deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello do Barco de Valdeorras, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular do treito.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xullo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade