DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 24 de xullo de 2023 Páx. 45153

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Oza-Cesuras (expediente IN407A 2022/333-1).

Expediente: IN407A 2022/333-1.

Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Instalación: LMT, CT e RBT lugar de Porzomillos.

Concello: Oza-Cesuras.

Feitos:

1. O día 14.10.2022 a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución denominado LMT, CT e RBT lugar de Porzomillos, asinado por Victoriano Gónzalez Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado 2.980 de Vigo, o 9.8.2022.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante o Acordo do 28 de febreiro de 2023, publicado nos seguintes medios:

– DOG: 22.3.2023.

– BOP: 6.3.2023.

La Voz de Galicia: 15.3.2023.

– Taboleiro de anuncios do Concello: segundo certificado municipal do 24.5.2023.

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación: 22.3.2023.

3. Durante o período en que se someteu o proxecto ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionadas coa documentación obxecto de publicación.

4. Solicitóuselles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, Concello de Oza-Cesuras, ADIF, AXI e Patrimonio Cultural.

UFD Distribución Electricidad, S.A. manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polas ditas entidades.

5. O 9.6.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

1º. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

2º. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

3º. Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

4º. Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

5º. Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

6º. Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

7º. Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

8º. Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

9º. Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

10º. Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

11º. Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. As instalacións están no lugar de Porzomillos, no concello de Oza-Cesuras, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS a 15 kV, de 255 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×150) mm2 Al, con orixe no PA/S proxectado no apoio nº APJ7DXFW//D23-A-25 existente tipo HV-250-11 da LMT BEG707 (expte.: 27.066), procedente da subestación Bergondo e remate no CTC proxectado. Instalación de XS en apoio nº APJ7DXFW//D23-A-25 existente.

– CT compacto prefabricado tipo rural no lugar de Porzomillos, cunha potencia de 100 kVA e unha relación de transformación de 15.000/400-230 V.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado desde a data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude, coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbese, así coma das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 21 de xuño de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña