DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 24 de xullo de 2023 Páx. 45184

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Ourense (expediente IN407A 2023/075-3).

Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións eléctricas que a seguir se describen, tal e como se recollen no proxecto asinado o día 9.3.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado número 2233 do Ceoticor, quen acredita a súa habilitación e competencia mediante declaración responsable asinada na data sinalada.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: reforma treito LMTS BBA808 entre CT 32S687 e 32C680.

Situación: varias rúas da cidade de Ourense, concello de Ourense.

Orzamento: 212.534,65 €.

Características técnicas:

• LMTS proxectada, de 1.191 m, a 20 kV, en condutor RHZ1-2 OL-12/20 kV 3×(1×240) mm² Al, con orixe na cela de liña do CT existente 32S687 praza Magdalena e final na cela de liña do CT existente 32C681 Fonte do Monte, despois de facer entrada/saída no CT existente 32C680 estrada da Granxa na LMTS BBA807 existente.

• LMTS proxectada, de 541 m, a 20 kV, en condutor RHZ1-2 OL-12/20 kV 3×(1×240) mm² Al, con orixe na cela de liña do CT existente 32CS73 Burgas e final na cela de liña do CT existente 32S679 S. Francisco I na LMTS BBA807 existente.

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será seis meses, contado a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 29 de xuño de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense