DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 21 de xullo de 2023 Páx. 44750

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 18 de xullo de 2023 pola que se modifica a Orde do 8 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de estadías formativas en entidades e empresas vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia, destinados ás persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (programa Xuventude Mentoring na empresa, código de procedemento BS324D).

O 21 de xuño de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 117, a Orde do 8 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de estadías formativas en entidades e empresas vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia, destinados ás persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (programa Xuventude Mentoring na empresa, código de procedemento BS324D).

Esta orde establece o procedemento de concesión de subvencións para a posta en marcha de programas de estadías formativas para persoas mozas en empresas ou entidades públicas ou privadas vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia. Concretamente, no artigo 5 establece un período de realización de estadías formativas nas entidades ou empresas de 3 meses consecutivos, excepto causa xustificada, e tamén precisa que as estadías deberán finalizar, como data límite, o 31 de outubro de 2023.

Tras a súa publicación e a xestión da tramitación para a revisión da documentación e avaliación das solicitudes presentadas, ao que cómpre engadirlle o prazo que precisan as entidades beneficiarias da subvención para publicar e resolver a convocatoria para que as persoas mozas participen nos programas subvencionados, resulta oportuno ampliar o prazo máximo establecido para a finalización das estadías formativas.

Así, considerando a xestión da tramitación da subvención despois da resolución definitiva e a complexidade administrativa que implica a convocatoria pública que deben realizar as entidades beneficiarias para a selección das persoas mozas participantes, enténdese que concorren circunstancias suficientes que aconsellan a ampliación do prazo das estadías formativas.

Esta modificación non terá incidencia no prazo de presentación de solicitudes nin no prazo de xustificación da subvención.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 8 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de estadías formativas en entidades e empresas vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia, destinados ás persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (programa Xuventude Mentoring na empresa, código de procedemento BS324D)

A citada Orde do 8 de xuño de 2023 queda redactada como segue:

Un. A letra c) do número 1 do artigo 5, relativo á duración e características das estadías formativas, queda redactada como segue:

«c) As estadías formativas poderán comezar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión das subvencións e unha vez aceptada esta e rematado o proceso de selección das persoas mozas participantes, de acordo co establecido nos artigos 22 e 23 desta orde. Deberán finalizar, como data límite, o 15 de novembro de 2023.

O tempo de interrupción, establecido na letra b), quedaría excluído do período de estadías formativas e non xera ningún dereito económico para as persoas beneficiarias».

Dous. Modifícase o anexo IV, relativo ao acordo das entidades beneficiarias coas empresas/entidades para realizar as estadías formativas en Galicia vinculadas a sectores estratéxicos, no que se refire á data límite de realización das ditas estadías, que será o 15 de novembro de 2023.

Disposición adicional única. Presentación de solicitudes e disposición dos anexos

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude