DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 20 de xullo de 2023 Páx. 44536

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 4 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Seselle, sito no concello de Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Galenergy, S.L. (expediente IN408A 2020/010).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 4 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Seselle.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Seselle, sito no concello de Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Galenergy, S.L., para unha potencia de 31,2 MW.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o promotor (Galenergy, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 266.156,15 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 355.517,80 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 31.1.2020, o promotor, Galenergy, S.L., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Seselle, sito no concello de Oza-Cesuras (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

2. O 28.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en diante, esta dirección xeral) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009.

3. O 19.5.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia). A este respecto:

• O 5.6.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental) emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal se indica o procedemento ambiental que se debe seguir e se recollen os organismos que se deben consultar durante a fase de información pública.

• O 30.6.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, no cal se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. Así mesmo, recolle os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

4. O 4.9.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Seselle á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente (IN408A 2020/010), de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

5. O 21.10.2020, a xefatura territorial ditou acordo polo que se someteron a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Seselle, no concello de Oza-Cesuras (expediente IN408A 2020/010).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16.11.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 16.11.2020. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Oza-Cesuras) e nas dependencias da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

O 21.3.2023, a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación co resumo de alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente.

6. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Concello de Oza-Cesuras, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.).

Todas estas entidades emitiron os correspondentes condicionados técnicos nas datas indicadas a seguir: Augas de Galicia o 18.1.2021, AXI o 23.11.2020, o 16.2.2021 e o 18.3.2021, Concello de Oza-Cesuras o 22.12.2020, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 14.12.2020, e Retevisión I, S.A.U. o 5.3.2021 e o 29.3.2021. O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

7. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EsIA), solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Concello de Oza-Cesuras, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

8. O 6.7.2022, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN408A 2020/010 e de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, deu traslado del a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, e xuntou o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 6.7.2022, no cal se recolle un resumo da tramitación.

9. O 27.7.2022, esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, o 3.1.2023, formular a DIA do parque eólico Seselle, no concello de Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Galenergy, S.L. (clave 2020/0102), que se fixo pública mediante o Anuncio do 3.1.2023 do órgano ambiental (DOG nº 12, do 18.1.2023).

10. O 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle ao promotor o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, se é o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, o 6.2.2023, o promotor achegou o proxecto de execución refundido (visado básico), xunto coa declaración responsable en que indica que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas, polo que non cómpre solicitar novos informes aos devanditos organismos.

11. O 10.2.2023, esta dirección xeral solicitoulle á xefatura territorial o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido. A este respecto:

• Como contestación a un requirimento da xefatura territorial, do 2.3.2023, o promotor achegou, o 20.3.2023, o proxecto de execución (visado), complementado cun documento de corrección de erros.

• A xefatura territorial emitiu informe o 22.3.2023, para a autorización administrativa previa, de construción e declaración, en concreto, da utilidade pública do proxecto da instalación do parque eólico Seselle, no cal se conclúe, no marco da autorización administrativa previa e de construción, que se informa favorablemente o proxecto, condicionado á obtención polo promotor da autorización de AESA.

12. O 6.3.2023, o promotor presentou o Acordo do 28.2.2023, da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), que autoriza a instalación do parque eólico Seselle, co seu correspondente condicionado. Esta autorización refírese á configuración do parque eólico sometida a información pública.

13. O parque eólico Seselle conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 31,5 MW, segundo informes do xestor da rede do 14.6.2019 e do 14.2.2020.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais