DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 20 de xullo de 2023 Páx. 44510

IV. Oposicións e concursos

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2023 pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión de Goberno que aprobou anunciar a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante.

En virtude das competencias que me corresponden conforme o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia,

RESOLVO:

Facer público o Acordo da Comisión de Goberno, do 6 de xullo de 2023, polo que se aproba anunciar a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante no Consello de Contas de Galicia, e ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2023

Simón Rego Vilar
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo da Comisión de Goberno do 6 de xullo de 2023 polo que se aproba a convocatoria publica, polo procedemento de libre designación, dun posto vacante no Consello de Contas de Galicia

De conformidade co disposto no artigo 17 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigos 25 e seguintes do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das competencias conferidas polo artigo 9.2.c) da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, a Comisión de Goberno

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para prover, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I deste acordo.

Segundo. Poderán concorrer a ela os/as funcionarios/as que reúnan as condicións que para o posto de traballo se relacionan no anexo I.

Terceiro. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo ADM050103, dispoñible na sede electrónica do Consello de Contas
https://consellodecontasgalicia.sedelectronica.gal/, mediante o cal se achegará a solicitude, segundo o modelo que se inclúe no anexo II, no prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura recollidos na propia sede electrónica do Consello de Contas.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán xuntarlle á petición un curriculum vitae e xustificar os méritos que aleguen mediante certificación ou copia compulsada da documentación acreditativa.

Quinto. No caso de resultar seleccionado/a para ocupar o posto de traballo que se relaciona no anexo I deste acordo un/unha funcionario/a con destino noutra Administración pública, requirirase o informe favorable do departamento en que presta servizos e considerarase favorable de non emitirse no prazo de quince (15) días, segundo o disposto no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e nas demais disposicións concordantes.

Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserta de considerarse oportuno.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles, se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles, se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte (20) días hábiles.

O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Administración en que preste servizos. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o Pleno do Consello de Contas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo establecen os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Contra a resolución do recurso de alzada, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 10.1.ap.c e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO I

Denominación do posto de traballo: auditor-director técnico.

Código do posto de traballo: CC.F01.02.01.

Localidade: Santiago de Compostela.

Subgrupo: A1.

Nivel de complemento de destino: 30.

Complemento específico: 33.487,92 €.

Corpo-escala: xeral/especial.

Adscrición administracións públicas: Comunidade Autónoma de Galicia, outras comunidades, Estado, corporacións locais e institucións de control externo estatais ou autonómicas (ICEX) (A12).

Formación específica:

Requisito imprescindible: experiencia de cinco anos en funcións de control interno ou externo do sector público.

Méritos: experiencia en funcións de dirección, planificación e dirección de actuacións de fiscalización do sector público.

missing image file