DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 19 de xullo de 2023 Páx. 44196

III. Outras disposicións

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2023 pola que se aproba o procedemento de autorización de acceso, modificación e baixa das instalacións portuarias controladas por barreiras físicas e para uso de puntos de fornecemento de auga e electricidade (código de procedemento IF505A).

Antecedentes.

De acordo cos artigos 148.1.6 e 149.1.20 da Constitución española, o Estatuto de Autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27.9 que corresponde á Comunidade Autónoma galega, dentro do seu ámbito territorial, a competencia exclusiva en materia de portos non cualificados de interese xeral polo Estado, portos de refuxio e portos deportivos, ao mesmo tempo que no seu artigo 28.6 atribúe á propia Comunidade Autónoma a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que esta estableza, en canto aos portos pesqueiros.

Consonte estas previsións constitucionais e estatutarias, o Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo, e o Decreto do Consello da Xunta de Galicia 167/1982, do 1 de decembro, tramitaron a transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do marco de competencias do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo, das funcións e servizos relativos a todos os portos e instalacións portuarias, suxeitos ou non a réxime de concesión, non cualificados de interese xeral polo Estado no Real decreto 989/1982, do 14 de maio, e aos de refuxio e deportivos existentes no seu ámbito territorial.

O 14 de xuño de 2018 entrou en vigor a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (DOG do 14.12.2017), que derroga a Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Neste marco lexislativo, o porto enténdese como un espazo a que acceden multitude de usuarios tanto para desenvolveren actividades portuarias ou complementarias como actividades relacionadas coa pesca, a náutica recreativa ou o transporte marítimo.

A configuración dos portos en moitos casos impide a instalación de controis de acceso ás instalacións con actividade portuaria intensiva, polo que non existen barreiras físicas que limiten o paso, pero noutros casos, tanto de xeito global como parcial a determinadas instalacións, existen diferentes tipoloxías de pechamentos, tales como portas, barreiras, pivotes ou tornos.

Por outra banda, existen outros equipamentos relacionados cos puntos de fornecemento de auga e electricidade que precisan para o seu uso a autorización de acceso por parte de Portos de Galicia, e en moitos casos trátase dos mesmos usuarios que acceden ás instalacións portuarias.

Por este motivo, cómpre regular o procedemento de acceso a estes equipamentos portuarios e considérase oportuno facelo no mesmo procedemento pola similitude da tipoloxía dos expedientes e tamén dos usuarios.

O Goberno da Xunta de Galicia ten dentro dos seus eixes de actuación impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica co obxecto de potenciar a mellora da calidade do servizo ofrecido á cidadanía, convertendo a Xunta de Galicia nun modelo de referencia para o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia en todos os seus ámbitos

Pola súa banda, o artigo 6 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG núm. 17, do 27 de xaneiro), estableceu que as disposicións de carácter xeral que regulen procedementos por instancia de parte, as bases reguladoras e as convocatorias de subvencións, así como o establecemento de servizos aos cidadáns e aos empregados públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e demais entidades integrantes do sector público autonómico, deberán contar cun informe tecnolóxico e funcional favorable emitido conxuntamente polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen o escenario normativo base para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e sector público autonómico de Galicia.

Por todo iso, de cara á simplificación de documentos e trámites, redución de cargas administrativas aos particulares e facilidade de acceso á información para a realización de trámites administrativos, de acordo con todo o indicado e en virtude das atribucións conferidas no artigo 12.3.k) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o procedemento de autorización de acceso, modificación e baixa das instalacións portuarias controladas por barreiras físicas e para uso de puntos de fornecemento de auga e electricidade (código de procedemento IF505A).

O procedemento de solicitude e autorización, modificación e baixa rexerase segundo as cláusulas incorporadas á presente resolución.

Segundo. Abrir o prazo de presentación de solicitudes, a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución, que quedará aberto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Non obstante, os interesados poderán interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao desta publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Mediante este documento notifícase esta resolución segundo o exixido no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2023

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia

Cláusulas que regulan o procedemento

Primeira. Normativa

A normativa de aplicación para autorización de acceso ás instalacións portuarias controladas por barreiras físicas e para uso de puntos de fornecemento de auga e electricidade (código de procedemento IF505A), en portos da Comunidade Autónoma de Galicia, é a seguinte:

• Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

En todo caso, no suposto de diverxencia entre estas cláusulas e a normativa de aplicación prevalecerá a normativa vixente.

Segunda. Obxecto e ámbito de aplicación

Nos portos de Galicia existe unha cantidade de instalacións con control de accesos, non soamente de accesos xerais de vehículos rodados, senón tamén accesos a instalacións concretas e parciais dun porto tanto por vehículos rodados como por peóns.

Por outra banda, cada vez son máis os portos que contan con puntos de fornecemento postos á disposición dos usuarios para o consumo de auga e enerxía, en moitos casos estes puntos localízanse en instalacións de atracada controlados por portas ou barreiras, polo que o máis axeitado é xestionar a solicitude de forma única.

Polo exposto, o obxecto é establecer o procedemento de autorización de acceso, modificación e baixa das instalacións portuarias controladas por barreiras físicas e para uso de puntos de fornecemento de auga e electricidade (código de procedemento IF505A), para os seguintes elementos:

Control de accesos:

• Barreiras.

• Portas de acceso a pantaláns.

• Pivotes.

• Tornos.

Puntos de fornecemento.

• Auga.

• Electricidade.

Os controis de acceso/puntos de fornecemento instalados nos portos dependentes de Portos de Galicia pódense consultar na seguinte ligazón:

http://www.portosdegalicia.gal/solicitudes_accesos_fornecementos

Dependendo dos medios de control de acceso/fornecemento instalados, os mecanismos de apertura ou utilización poderán ser soportes físicos ou electrónicos mediante aplicacións informáticas que permitan o envío telemático de códigos de acceso.

Non obstante, o acceso á instalación en concreto non supón o dereito a dispor dunha praza de aparcadoiro, polo que a asignación de dispositivos de acceso con vehículos (barreiras, pivotes etc.) estará condicionada ás características do porto e da instalación a que dá acceso e ao tipo de usuario, segundo os criterios establecidos por Portos de Galicia en cada caso.

O presente procedemento tamén regula a solicitude de modificación dunha autorización e a súa baixa.

Terceira. Órgano competente

A asignación de medios de acceso será competencia da Dirección de Portos de Galicia a través das xefaturas de zona, áreas ou departamentos correspondentes, en función da tipoloxía do usuario que solicite o acceso e do título administrativo acreditativo que se vincule á solicitude para xustificar o acceso.

Cuarta. Usuarios con dereito a dispor dun dispositivo de acceso ou punto de fornecemento

Para poder optar á obtención dun dispositivo de acceso, tanto de entrada á instalación como para o uso de puntos de fornecemento, deberase acreditar a condición de usuario do porto.

Terán condición de usuarios do porto para estes efectos os seguintes:

1. Titulares de título administrativo de concesión, autorización de ocupación de dominio, cesión a terceiros ou convenio.

2. Titulares de autorización de prestación de servizos: pasaxe, practicaxe, amarre, remolque, estiba.

3. Titulares de autorizacións de actividades comerciais tales como consignación de buques, subministración de combustible mediante camión cisterna, emprego de medios mecánicos e outras.

4. Titulares autorizados para a utilización de espazos e infraestruturas portuarias regulados polo réxime tarifario da Lei 6/2003 de taxas, prezos e exaccións reguladoras, tales como os usuarios de locais ou explanadas portuarias e servizos diversos.

5. Titular de autorización de atracada de embarcación deportiva ou pesqueira.

6. Armador doutra tipoloxía de embarcación con base no porto.

7. Persoal das administracións públicas que requira acceder ao porto para exercer as funcións que ten encomendadas.

Aqueloutros solicitantes que non estean incluídos na relación anterior pero que poidan acreditar a súa necesidade de dispor dun dispositivo de acceso poderán solicitar a súa obtención, indicando os motivos que xustifiquen a súa necesidade, e deberán achegar a documentación xustificativa.

Á vista da solicitude, Portos de Galicia, en función da actividade que se vaia realizar no porto, a frecuencia con que se necesita acceder a este e outros factores que se consideren relevantes, poderá admitir ou rexeitar a solicitude de acceso.

En todo caso, non se considerarán persoas beneficiarias de dispositivo para acceso ao porto os simples subministradores, transportistas ou prestadores de servizos aos usuarios do porto que non dispoñan de título habilitante ou acreditativo de tal condición.

Quinta. Número de dispositivos de acceso a que se pode optar por usuario

En función da tipoloxía do usuario poderase optar á obtención dun número determinado de dispositivos de acceso, sempre e cando a actividade autorizada se desenvolva na zona controlada ou se precise a realización de fornecementos nos puntos habilitados.

A) Control de acceso a instalacións:

• Os titulares de títulos administrativos indicados nos puntos 1, 2, 3 e 4 da condición anterior:

Poderase solicitar un dispositivo por cada traballador asalariado do titular que figure con centro de traballo na instalación, ou persoal vinculado á actividade mediante un contrato de prestación de servizos, tales como transportistas, estibadores, operadores de maquinaria e outros.

A solicitude será realizada polo titular da concesión, autorización ou título habilitante e o dispositivo será asignado ao seu nome. Farase responsable do seu correcto uso incluso se se modifica o cadro de persoal.

• Titular de autorización de atracada de embarcación deportiva.

Poderá outorgarse un máximo de dous dispositivos acceso por cada titular da embarcación.

A solicitude será realizada polo/s titular/es da autorización de atracada e o dispositivo será vinculado á autorización. Farase responsable do seu correcto uso.

Neste caso deberanse notificar as baixas ou modificacións das persoas que precisen entrar na instalación para que Portos de Galicia poida acceder á desactivación ou modificación do usuario.

• Armador de embarcación profesional con base no porto, con ou sen amarre asignado.

A solicitude será realizada polo propietario da embarcación e poderá solicitar un número de dispositivos equivalente ao número de tripulantes enrolados na embarcación. Estes dispositivos serán asignados a nome do titular, que se fará responsable do seu correcto uso, incluso se se modifica o cadro de persoal.

Neste caso deberanse notificar as baixas ou altas dos traballadores para que Portos de Galicia poida realizar a modificación das asignacións oportunas.

B) Administracións que requiran acceder ao porto para exercer as funcións que teñen encomendadas.

Serán adxudicadas as necesarias para o correcto desempeño das funcións encomendadas á Administración pública solicitante dentro do ámbito do porto.

Os dispositivos de acceso non serán acumulables entre si, é dicir, se un titular dispón de varios títulos habilitantes no ámbito do porto, a solicitude de acceso será única con indicación do persoal asalariado dependente del que xustifique a necesidade de contar con dispositivos de acceso. As baixas do persoal asalariado non darán lugar ao dereito a novas altas de dispositivos a favor da empresa, agás que se solicite a baixa da asignada e se xustifique que se cumpren os criterios expostos para ser beneficiario doutros novos.

O número de dispositivos de acceso máximo por usuario acreditado será de xeito xeral de 5 unidades, agás certas actividades concretas que precisen o acceso ao porto por parte de todos os traballadores, como pode ser a actividade de estiba ou desestiba de mercadoría. Neste caso concreto, darase de alta o soporte físico ou electrónico a cada traballador e activarase con vixencia limitada ao tempo que duren as operación en que participe o traballador.

No suposto de que polo tipo de actividade sexa preciso superar este límite de 5 accesos, deberase xustificar adecuadamente achegando a documentación xustificativa oportuna.

Sexta. Vixencia da autorización de acceso

A vixencia da autorización non caduca mentres persista a situación administrativa do usuario que motivou a autorización.

Non obstante, Portos de Galicia procederá a realizar a baixa do acceso/fornecemento autorizado no suposto de que se produza algunha das causas da cláusula décimo cuarta.

Sétima. Iniciación do procedemento

O procedemento para obter a autorización de acceso poderase iniciar por solicitude da persoa interesada, empregando o formulario de solicitude que estarán á disposición na sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo I).

A solicitude deberá dirixirse a área/departamento/zona de Portos de Galicia que xestione o dispositivo de acceso/punto de fornecemento por localización ou tipoloxía; para iso débese consultar a ligazón indicada na cláusula segunda desta resolución.

No suposto de que xa dispoña dun dispositivo de acceso, pero precise realizar modificacións relativas aos dispositivos autorizados, ou dar de baixa ou alta a novos usuarios asociados á autorización, deberá empregar tamén o formulario do anexo I e seleccionar o trámite correspondente.

Oitava. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, htps://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, as persoas traballadoras autónomas, o estudantado universitario, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución, que quedará aberto por tratarse dun procedemento de prazo aberto.

Novena. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Para nova solicitude e modificación da autorización, a persoa interesada que non teñan condición de usuaria do porto deberá achegar documento xustificativo de que precisa acceder ao porto, acorde coa súa actividade.

b) Para nova solicitude e modificación da autorización, cando se solicite o acceso para máis de 5 usuarios deberase achegar lista á parte en que se reflicta a relación dos usuarios a maiores dos incluídos no anexo I con indicación dos seguintes datos por cada un deles: se solicita alta ou baixa, nome completo, NIF, enderezo de correo electrónico e, se solicita acceso rodado, matrícula do vehículo asociado.

Portos de Galicia poderá requirir outra documentación complementaria se a considera necesaria e a súa exixencia está xustificada por razón imperiosa de interese xeral.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI/NIE da persoa solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante.

• Consulta de apoderamentos (REAG).

• Consulta de permisos de conducir dun/dunha condutor/a.

• Consulta de datos de vehículos.

• Consulta da lista de vehículos dun/dunha titular.

• NIF da entidade solicitante.

• Certificado de domicilio fiscal.

• Imposto de actividades económicas (IAE).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeira. Tramitación da solicitude

Recibida a solicitude de autorización e a documentación indica no procedemento, Portos de Galicia analizará se se xustifica a condición de usuario e requirirá, cando proceda, os solicitantes para a súa emenda ou documentación aclaratoria sobre a xustificación desta consideración. Entenderase que se desiste da solicitude cando non o solicitante non atenda o requirimento de documentación realizado por Portos de Galicia no prazo establecido para iso.

Recibidas as solicitudes, e unha vez comprobada a consideración de usuario, Portos de Galicia asignará ao solicitarante o/os dispositivo/s solicitado/s, e o/os dispositivo/s físico/s quedarán á súa disposición para a recollida no porto. Cando o acceso se faga mediante aplicacións ou medios electrónicos, realizarase achegando as claves ou códigos mediante medios electrónicos.

Como xustificante de entrega do/dos dispositivo/s, a persoa titular, ou persoa autorizada para iso, deberá asinar o conforme de entrega en que se identifique a persoa que fai a recollida, o seu NIF e a data de recollida.

No suposto de que, unha vez analizada a solicitude e tras requirir a documentación acreditativa complementaria, non quede acreditada a condición de usuario, notificarase que non se cumpren os requisitos para consideralo usuario do porto e, polo tanto, non se autorizará o solicitado.

Dado que a obtención da autorización de acceso non dá dereito a aparcar no porto, o outorgamento de dispositivos que permitan o acceso rodado estará condicionado ás características do porto, da instalación e do tipo de usuario, polo que, segundo os criterios de asignación preestablecidos, Portos de Galicia podería denegar a solicitude presentada por estes motivos.

Se se está a tramitar un título administrativo que acredite a necesidade de acceder á instalación portuaria, tamén poderá solicitarse o acceso no mesmo procedemento de solicitude do título administrado que corresponda, ou cando corresponda, ou ser outorgado de oficio por Portos de Galicia se se precisa acceder a unha instalación controlada por barreiras físicas.

A solicitude presentarase individualizada para cada porto, non obstante, deberá indicarse no formulario normalizado se está autorizado para acceder a outra instalación portuaria dependente de Portos de Galicia. No suposto de ter autorización noutro porto que conte cun sistema de acceso análogo, preferentemente realizarase a activación do acceso/punto de fornecemento nun único soporte físico.

No suposto de que o mecanismo de acceso/punto de fornecemento se conceda mediante soporte físico, deberá aboarse a taxa correspondente por cada un dos soportes físicos que se entreguen. No caso de que se trate dun acceso electrónico, ou se trate dunha nova activación nun soporte físico xa entregado, non estará sometido ao aboamento de taxa.

O prazo máximo para resolver o expediente será de tres (3) meses. Transcorrido este prazo sen que se realice a notificación da adxudicación do dispositivo, a solicitude entenderase desestimada.

Décimo segunda. Aboamento das taxas portuarias

A emisión de dispositivo/s de acceso devindica o aboamento das taxas correspondentes, segundo o disposto na regra décimo cuarta da tarifa E-4, Servizos diversos, da Lei 6/2003 de prezos, taxas e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (taxa 32.99.00).

Para o exercicio 2023 esta tarifa é a seguinte:

• Tarxetas magnéticas de proximidade ou contacto: 13,45 €/unidade.

• Dispositivos de lectura a distancia: 19,73 €/unidade.

• Mandos a distancia: 52,92 €/unidade.

Serán de aplicación ás contías en base impoñible indicadas o IVE correspondente.

Non serán de aplicación estas taxas aos suxeitos definidos no artigo 3 da Lei 6/2003, de taxas prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autonomía de Galicia; aos órganos da Administración xeral, aos seus organismos autónomos e ás entidades de dereito público dependentes ou que estean vinculados a calquera deles, encadrados todos eles dentro da Administración pública da Xunta de Galicia.

A taxa liquidaraa Portos de Galicia ao solicitante, suxeito pasivo, polo número total de dispositivos en soporte físico asinados. O dispositivo quedará á disposición do usuario na oficina portuaria durante un período de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza a notificación da adxudicación ou, na súa falta, da notificación da liquidación practicada.

Se o solicitante non recolle o/os dispositivo/s asinados no prazo máximo indicado no parágrafo anterior, darase de baixa o dispositivo sen máis trámite e sen dereito a anulación ou devolución das taxas liquidadas, estean aboadas ou non.

O pagamento da liquidación por parte do solicitante realizarase mediante cargo na conta bancaria, motivo polo cal se deberá cubrir no formulario de solicitude o número de conta onde se desexe que se realice o cargo de xeito obrigatorio.

Ademais, cando os dispositivos dean acceso a puntos de fornecemento de auga e electricidade, estes consumos estarán suxeitos o aboamento da taxa E-3 da Lei 6/2003 de taxas, prezos e exaccións reguladoras (taxa 32.99.00), polos consumos efectuados, e o solicitante, de xeito optativo, poderá autorizar a domiciliación das liquidacións periódicas que se devindiquen, premendo no formulario de solicitude a opción de domiciliación da taxa E-3.

Décimo terceira. Garantía de devolución do dispositivo de acceso

Establécese un período dun ano de garantía para o dispositivo de acceso físico, polo que se neste período, contado desde a recepción do dispositivo, este non funciona correctamente, Portos de Galicia repoñerá o dispositivo sen ningún custo adicional para o titular. Transcorrido este prazo, a reposición dos dispositivos estará suxeita ao aboamento da taxa E-4 que corresponda.

Exclúense desta garantía os dispositivos que presenten unha deterioración física evidente ou as causas da avaría sexan por un uso indebido do dispositivo.

Décimo cuarta. Causas que motivan a baixa dun dispositivo

Os dispositivos de acceso serán dados de baixa nos seguintes supostos:

a) Por non terse recollido o dispositivo autorizado no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación.

b) Por non terse aboado as tarifa E-3 e/ou E-4 correspondentes no período de pagamento voluntario establecido na notificación ou por terse devolto a domiciliación sen causa xustificada.

c) Polo uso indebido do dispositivo de acceso, que inclúe o uso por parte de persoas non autorizadas a acceder ao porto.

d) Por ter sido sancionado por Portos de Galicia por causa grave ou moi grave.

e) O feito de ter detectado a inactividade do dispositivo de acceso por período superior a un ano tamén dará lugar á baixa do dispositivo.

Décimo quinta. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación se que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexta. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/os modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/dos procedemento/s regulado/s nesta disposición, poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do/dos modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file