DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2023 Páx. 44033

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 4 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Feás, sito nos concellos de Aranga e Coirós, promovido por Galenergy, S.L. (expediente IN408A2019/009).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 4 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Feás.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Feás, sito nos concellos de Aranga e Coirós (A Coruña), promovido por Galenergy, S.L., cunha potencia de 40 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Galenergy, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 304.009,00 euros.

2. A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

5. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental no seu número 4.1.2, 4.1.3, e segundo escrito, do 19.1.2023, presentado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático onde recolle que, na epígrafe de condicións particulares, as que deben cumprirse previamente á autorización deberán ser interpretadas como previamente ao inicio das obras, polo que o promotor deberá contar previamente ao inicio de obras co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta Dirección Xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación destes.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 28.12.2022 e recollida no antecedente de feito décimo sexto, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicio público de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 13.2.2019, Galenergy, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Feás, sito nos concellos de Aranga e Coirós (A Coruña).

2. O 15.3.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, a Lei 8/2009). O 23.4.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

3. O 11.2.2020, o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico, consistente no aumento da potencia unitaria dos aeroxeradores, así como no desprazamento da torre meteorolóxica. O 18.3.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas requiriulle ao promotor aclaración á documentación presentada. O 31.3.2020 e o 6.4.2020 o promotor presentou a documentación requirida. O 8.5.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

4. O 19.5.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (da versión anterior á última modificación conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia), ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

5. O 10.6.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública.

6. O 25.6.2020 e o 7.7.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 e corrección de erros onde se indica que o proxecto do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

7. O 13.8.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas requiriulle ao promotor a verificación da documentación presentada para continuar coa tramitación. O 24.8.2020 o promotor presenta escrito onde indica que a documentación presentada o 31.3.2020 do antecedente de feito terceiro xa recollía o proxecto de execución definitivo e, así mesmo, achega un estudo de impacto ambiental refundido.

8. O 4.9.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Feás á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña (en diante, a Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación.

9. Mediante Acordo do 2 de novembro de 2020, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Feás, nos concellos de Aranga e Coirós (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 24.11.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 24.11.2020. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Aranga e Coirós), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

10. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Concello de Aranga, Concello de Coirós, Augas de Galicia.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia emitiu informe o 1.2.2021, o Concello de Coirós emitiu informe o 28.1.2021, o Concello de Aranga emitiu informe o 8.12.2020 e Retegal emitiu informe o 20.12.2020.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

11. O 14.12.2021 o promotor remitiu a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea do 9.12.2021 para a instalación do parque eólico, en que se establece o correspondente condicionado.

12. O 16.5.2022, rematados os trámites de información pública, de audiencia e consultas ás administracións públicas afectas, a Xefatura Territorial solicitoulle ao promotor a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009.

13. O 14.6.2022 e o 16.6.2022 a empresa presentou ante a Xefatura Territorial os documentos definitivos: proxecto de execución parque eólico Feás, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o 10.6.2022 e visado o 14.6.2022 co nº 20221722.

14. O 21.6.2022 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico favorable sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito décimo terceiro, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industrias e eléctricas.

15. O 28.6.2022 a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

16. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral del Patrimonio Cultural, Dirección Xeral del Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Aranga e Concello de Coirós.

17. Formalizada a tramitación ambiental, o 28.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 29.12.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Feás, nos concellos de Aranga e Coirós (A Coruña) (expediente 2019/009) (DOG núm. 8, do 12.1.2023).

O 19.1.2023 tivo entrada nesta Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais escrito da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático de aclaración sobre o cumprimento das condicións particulares DIA do parque eólico Feás, onde indica: «No marco da declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico Feás, detectouse que, na epígrafe de Condicións particulares, para algunhas delas estableceuse que deben cumprirse previamente á autorización por ese órgano substantivo, porén, isto debe ser interpretado como ao inicio das obras».

18. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

19. O 27.1.2023, Galenergy, S.L. presentou escrito, no cal indica que os documentos presentados o 14.6.2022, recollidos na epígrafe décimo terceira, son os definitivos e xunta declaración responsable onde declara que «para as seguintes empresas e organismos non se modifican as afeccións respecto dos condicionados xa emitidos durante o proceso de información pública e, polo tanto, non cómpre solicitar un novo informe sobre o condicionado técnico: Concello de Aranga, Concello de Coirós, Retevisión, Retegal e Augas de Galicia».

20. O 20.3.2023, o promotor presentou o proxecto do parque recollido no antecedente de feito décimo terceiro con visado de proxecto de execución, coa seguinte denominación: proxecto de execución parque eólico Feás, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o 15.3.2023 e visado o 16.3.2023 co nº 20230796.

21. O 28.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito vixésimo, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

22. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 40,00 MW, de acordo cos informes do xestor da rede do 14.6.2019, do 20.2.2020, do 12.3.2020 e do 13.11.2020.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais