DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2023 Páx. 43870

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 113/2023, do 29 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación da servidume de tránsito entre Os Castelos e a praia de Fomento, e a execución dun sendeiro litoral, no termo municipal do Vicedo (Lugo).

O Concello do Vicedo, en sesión do día 2 de maio de 2022, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto de recuperación da servidume de tránsito entre Os Castelos e a praia de Fomento, e a execución dun sendeiro litoral, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

Con data do 31 de maio de 2022 tivo entrada no Rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do Concello do Vicedo e o expediente. Con datas do 9 de febreiro, 5 e 7 de xuño de 2023, o Concello achegou documentación complementaria á súa solicitude inicial. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, que consiste en realizar unha senda dentro da servidume de protección de costas entre o camiño da Fábrica e ata o cruzamento co paseo dos Castelos, e ten por obxectivo recuperar a servidume de tránsito e executar un sendeiro litoral nese tramo que permita, ademais de recuperar o espazo desde un punto de vista paisaxístico e ambiental, resolver o derrubamento ocorrido na beira pola que transcorre unha parte do dito sendeiro litoral. Esta última circunstancia compromete a integridade de peóns por risco de caídas ao baleiro, tanto de vehículos como de usuarios da praia que estean na área de influencia do noiro, que é unha das zonas máis concorridas da praia, polo que cómpre acurtar os prazos de execución da obra.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e nove de xuño de dous mil vinte tres,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación da servidume de tránsito entre Os Castelos e a praia de Fomento, e a execución dun sendeiro litoral, no termo municipal do Vicedo (Lugo), e, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, débense obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xuño de dous mil vinte tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes