DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2023 Páx. 44047

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2023 pola que se acorda declarar deserto o procedemento de alleamento por poxa pública de varios inmobles nos concellos da Coruña e das Pontes de García Rodríguez e adxudicar un inmoble situado no concello de Neda.

O 30 de setembro de 2021, a Consellería de Facenda e Administración Pública ditou unha orde pola que se autoriza e acorda o alleamento, polo procedemento de poxa pública, de dous inmobles propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia situados no concello da Coruña, procedentes dunha herdanza ab intestato.

O 8 de febreiro de 2023, a Consellería de Facenda e Administración Pública ditou a orde pola que se autoriza e acorda o alleamento, polo procedemento de poxa pública, dun inmoble propiedade da Comunidade Autónoma situado no concello de Neda.

O 13 de abril de 2023, a Consellería de Facenda e Administración Pública ditou unha orde pola que se autoriza e acorda o alleamento, polo procedemento de poxa pública, dun inmoble propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia situado no concello das Pontes de García Rodríguez.

A poxa pública dos inmobles indicados anteriormente tivo lugar o 14 de xuño de 2023, logo de publicarse o anuncio da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, do 17 de abril de 2023, de alleamento dos inmobles no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 83, do 2 de maio) e no xornal La Voz de Galicia (edicións de Ferrol e A Coruña) do 2 de maio de 2023. Á vista da acta da Mesa, de conformidade co disposto no artigo 70 do Decreto 50/1989, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, tras a proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio,

DISPOÑO:

Primeiro.

Declarar desertas a primeira, segunda e terceira poxa dos lotes que se indican a seguir:

– Lote 1. Conxunto de dous locais comerciais situados no concello da Coruña:

Inmoble núm. 1: local na avenida de Fisterra, 233, baixo:

Urbano. Número 3. Local sinalado co número 1 dos existentes na planta baixa da edificación en construción con fachada ás rúas avenida de Fisterra, Antonio Carballo e Tornos, sen número de policía, desta cidade. É un local destinado a usos comerciais ou industriais, sito en parte da dita planta baixa, que ten a súa fachada e acceso directo e independente pola avenida de Fisterra, ocupa a superficie útil aproximada de sesenta e tres metros e setenta decímetros cadrados, e linda, tomando como referencia a súa fachada á avenida de Fisterra: fronte, a dita rúa; dereita entrando, o local número 2 desta mesma planta; costas, patio do quinteiro deste inmoble; e esquerda, portal e canón da escaleira de acceso ás plantas altas do corpo da esquerda con relación á avenida de Fisterra. Inscrito no Rexistro da Propiedade da Coruña nº 1 como predio 68.480, libro 1.152, folio 200. Referencia catastral 7210301NJ4071S0149PQ.

Inmoble núm. 2: local na rúa Tornos, 14:

Urbano: número 12. Local sinalado co número 10 dos existentes na planta baixa do edificio sen número con fachada á avenida de Fisterra e ás rúas Antonio Carballo e Tornos desta cidade. Destínase a usos comerciais e ocupa a superficie útil aproximada de oitenta e nove metros e vinte decímetros cadrados. Linda, tomando como referencia a súa fachada á rúa Tornos: fronte, a dita rúa, e interiormente, canón de acceso ás plantas altas do corpo da dereita da rúa Tornos; dereita entrando, portal e canón de escaleira de acceso ás plantas altas do dito corpo da dereita e casa número 231 da avenida de Fisterra; costas, patio de quinteiro; e esquerda, local núm. 11 da división desta planta. Inscrito no Rexistro da Propiedade da Coruña nº 1 como predio 68.498, libro 2.640 e folio 101. Referencia catastral 7210301NJ4071S0081RK.

Lote 2. Inmoble situado no concello das Pontes de García Rodríguez:

Terreo de 529 m2 de superficie, que contén unha edificación duns 106 m2, situada a carón da estrada autonómica AC-142 As Pontes de García Rodríguez-O Piñeiral, no lugar de Sa, do termo municipal das Pontes de García Rodríguez. Lindeiros: sur, estrada de titularidade autonómica (AC-142), tratada como zona de desconto e non dotada de referencia catastral propia; oeste, camiño público, con igual tratamento; norte e leste, predio de Francisca Couto Lage, con referencia catastral 8318002NJ8181N0001DA. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Narón no tomo 2.940, libro 203, folio 129, como predio 19.224. Referencia catastral: 8318001NJ8181N0001RA.

Segundo.

Declarar adxudicatario en terceira poxa a Sergio Pico Romero, por importe de dous mil douscentos vinte e tres euros (2.223 €) do lote número 3, que se describe como segue:

Lote 3. Inmoble situado no concello de Neda:

Predio constituído por un terreo de 270 m2 sobre o que se asentaba unha edificación que fora caseta de legoeiros xunto á estrada C-641 (hoxe AC-125 de Igrexafeita-Vista Alegre), no lugar da Coveluda, no concello de Neda. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Narón como predio 8.869, ao tomo 2.916, libro 116, folio 206. Lindeiros: polos ventos norte e leste, Celsa Monteiro Meizoso; polo vento sur, Sergio Pico Romero; e polo oeste, estrada autonómica AC-125. Referencia catastral 15056A013001380000HQ.

Terceiro.

O pagamento do prezo de adxudicación efectuarase segundo o estipulado no artigo 70.3 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei de patrimonio.

Cuarto.

A venda formalizarase como corpo certo en escritura pública e serán por conta do adquirente os custos do seu outorgamento. Os tributos derivados da transmisión serán exixidos conforme o disposto na lexislación tributaria. Así mesmo, queda a cargo do adxudicatario o pagamento dos custos do anuncio que se producise neste procedemento de alleamento.

Quinto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 15.12.2021; DOG do 24 de decembro)
Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública