DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 17 de xullo de 2023 Páx. 43639

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 13 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Emprendemento Plus para apoiar o investimento e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (apoio ao investimento) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR880B).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española; nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

A Xunta de Galicia, no exercicio da competencia en materia de emprego atribuída en virtude do disposto nos artigos 29.1 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e logo da asunción de funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado no ámbito do traballo, o emprego e a formación, conforme os sucesivos reais decretos de transferencias, vén desenvolvendo un conxunto integral de medidas activas de emprego dirixidas á xeración de novos postos de traballo e ao fomento da iniciativa emprendedora.

De acordo co disposto no Decreto 123/2022, do 23 de xuño de 2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta, entre outras materias, o exercicio das competencias relativas ao apoio ao emprendemento durante todas as fases da actividade emprendedora: tanto as actuacións necesarias para o comezo da actividade como a súa realización efectiva posterior, incluíndo a implementación e mantemento, con servizos de asesoramento, mentoring/mentorización, así como de apoio económico ou doutra índole, ao crecemento e o mantemento do emprego.

De acordo con esas determinacións, aprobouse a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que recolle entre os seus fins incentivar a creación e implantación de empresas e o seu posterior desenvolvemento, a través da xeración de cultura emprendedora, a formación, a flexibilización dos trámites administrativos, a ampliación dos prazos de validez dos permisos e a introdución de instrumentos financeiros, servizos específicos ás persoas emprendedoras e incentivos fiscais.

A mellora do tecido empresarial territorial endóxeno, así como un patrón de crecemento baseado na competitividade, a innovación, a tecnoloxía e o crecemento económico dentro dun marco de desenvolvemento sustentable e temperá da actividade emprendedora, mediante accións que favorezan o fortalecemento das empresas son principios informadores a través dos cales se levarán a cabo as políticas públicas de promoción, protección, fomento e apoio da actividade emprendedora, tal e como se recolle no artigo 6 da Lei 9/2013.

O emprendemento, en calquera das súas formas xurídicas, vén sendo un factor estratéxico para o crecemento e o desenvolvemento económico dunha sociedade, sobre todo se é participativo, sustentable e asume a responsabilidade empresarial na súa estratexia. Dentro desta premisa, hai que considerar que a consolidación do emprendemento é un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade; por iso, é esta consolidación a que subxace nestas liñas de apoio que desenvolve esta orde.

A opción de que calquera persoa que desexe pór en marcha unha idea de empresa e traballar por conta propia debe ser apoiada e fomentada pola Administración pública, non só nos seus inicios senón tamén nos primeiros anos da súa andaina, e máis nestes tempos de incerteza económica, é o que fai máis necesario que nunca o fomento e o apoio desde as administracións aos emprendedores para que poidan continuar a desenvolver a súa actividade.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades da RIS3. O obxectivo estratéxico 2 busca fomentar a aplicabilidade nas empresas da innovación para dar resposta a desafíos como incrementar o número de empresas innovadoras, apoiar as diferentes etapas da innovación empresarial e profesionalizar a I+D+i nas empresas.

En consecuencia, a presente convocatoria, en canto aos proxectos con contido innovador, enmárcase na RIS3 respondendo aos tres retos e as tres prioridades. Adecúase ao obxectivo estratéxico 2, integrándose no programa Innova e Emprende.

En Galicia, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia ten como misión principal apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña, e recoñece a necesidade de prestar unha especial atención ás circunstancias singulares e diferenciais das persoas emprendedoras e, en concreto, axudar tamén a cimentar a consolidación de proxectos que xa superaron os tres primeiros anos de vida; por iso, nesta orde implántase unha liña de apoio á consolidación de proxectos de emprendemento de persoas autónomas e pemes, co obxectivo de contribuír á súa mellora competitiva. Unha convocatoria de axudas que o fará a través do investimento nos negocios e o fomento da creación de emprego.

Por iso, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dá continuidade ao apoio das iniciativas de emprendemento iniciado no ano 2022 coas subvencións ao emprendemento, mediante a posta en marcha de dúas novas convocatorias en 2023 que teñen como obxectivo por unha banda, apoiar e impulsar a creación de iniciativas de emprendemento que teñan unha antigüidade máxima de 24 meses e, por outra, esta convocatoria que ten como obxectivo apoiar o fortalecemento e a consolidación de proxectos de emprendemento de persoas autónomas e pemes que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses.

As subvencións reguladas nesta orde fináncianse con cargo aos correspondentes fondos dotados no orzamento de gastos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, a Asesoría Xurídica, e da Intervención Delegada da Comunidade Autónoma, e no exercicio das facultades que confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Ámbito e réxime das axudas e disposicións comúns do procedemento

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións Emprendemento Plus para iniciativas de emprendemento de persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, que na data de presentación de solicitude de axuda non teñan máis de 42 meses de antigüidade desde a data de constitución ou alta, así como a data de inicio da súa actividade económica, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023 (código de procedemento TR880B), a través dos seguintes programas de axudas:

a) Programa I. Emprendemento Plus Investimento.

Este programa ten por obxecto apoiar a continuidade e a consolidación de iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses, mediante o apoio de investimentos realizados nas iniciativas obxecto da axuda, tal e como se describe no artigo 25 da convocatoria.

b) Programa II. Emprendemento Plus Emprego.

Este programa ten por obxecto o fomento e a consolidación do emprego por parte de autónomos e pequenas empresas de nova creación (máx. 42 meses) para promover a contratación de persoas desempregadas.

A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, mediante unhas liñas de incentivos á contratación por conta allea, cuxas particularidades se recollen no artigo 27, e que inclúe dúas modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

b) Incentivos á contratación de fixos descontinuos, para contratos de duración dun mínimo de 9 meses e a xornada completa.

2. Estes dous programas (investimento e emprego) obxecto da convocatoria, son compatibles entre si, pero para optar ao Programa II Emprendemento Plus Emprego será necesario solicitar a axuda ao investimento establecida no Programa I Emprendemento Plus Investimento.

Para poder optar ao Programa I: Investimento non é necesario solicitar o Programa II de Emprego.

3. A finalidade, polo tanto, é apoiar o fortalecemento e consolidación de iniciativas de emprendemento que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses, para impulsar a creación de emprego mediante axudas á consolidación de actividades económicas viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sustentabilidade e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais. En concreto, iniciativas de emprendemento destinadas ás seguintes actividades:

1. Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais.

2. Transformación e/ou comercialización de produtos.

3. Prestación de servizos a empresas en calquera sector (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos…).

4. Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…).

5. Actividades de ocio, recreativas, deportivas.

6. Artesanía e actividades artesanais.

7. Actividades baseadas nas TIC, innovación tecnolóxica e comercio electrónico.

8. Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria e formación.

9. Comercio polo miúdo de produtos.

10. Sector hostalaría: exclusivamente dirixido á creación de novos hoteis e restaurantes situados en construcións patrimoniais singulares (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) que fagan uso do produto de proximidade co obxectivo de desenvolver propostas de valor arredor de recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos.

Artigo 2. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos); nos regulamentos (UE) nº 1407/2013, 1408/2013 e 717/2014 da Comisión Europea relativo ás axudas de minimis; e nesta orde.

2. Ademais do previsto no número 1, resulta de aplicación a seguinte normativa específica: no relativo á condición de peme, o anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño); Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como ás normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021), en diante, RDC; Regulamento (UE) núm. 2021/1058, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).

3. En cumprimento do artigo 9.4 do RDC, todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm). En atención ao considerando do artigo 10 do citado RDC, o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables que fixa os obxectivos ambientais que se van protexer:

1. Mitigación do cambio climático.

2. Adaptación ao cambio climático.

3. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

4. Transición cara unha economía circular.

5. Prevención e control da contaminación.

6. Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo cos seguintes principios:

1. Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

2. Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

3. Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamento

1. O orzamento dispoñible para concesións aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Aplicación

Proxecto

Ano 2023

Ano 2024

Total

11.31.322C.770.0

2023 00115

3.000.000 €

2.000.000 €

5.000.000 €

11.31.322C.470.0

2023 00116

----

1.000.000 €

1.000.000 €

Total

3.000.000 €

3.000.000 €

6.000.000 €

Estas contías, para o ano 2023, están recollidas na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As axudas tramitaranse nos exercicios 2023 e 2024, xa que a convocatoria é plurianual.

3. De conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 30 do seu regulamento, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. A distribución de fondos establecida para cada anualidade, na primeira aplicación orzamentaria sinalada, é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, sen incrementar o crédito total.

Artigo 5. Entidades beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, as sociedades mercantís, as sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción, centros especiais de emprego, así como entidades sen personalidade xurídica tales como comunidades de bens, sociedades civís, etc., sempre que cumpran a condición de peme segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

2. Para seren beneficiarias deberán cumprirse os dous requisitos seguintes:

a) Que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade que se trate, con 42 meses de antigüidade como máximo ata a data de presentación da solicitude.

b) Que iniciasen a súa actividade económica con 42 meses de antigüidade como máximo ata a data de presentación da solicitude.

3. Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica, segundo o descrito no artigo 8.3 da Lei 9/2007, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigacións que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

4. As persoas interesadas e as iniciativas de emprendemento deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e/ou un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

c) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia e ter efectuado a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

d) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.

e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.

g) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

h) Estar de alta no imposto de actividades económicas.

i) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

5. Establécense as seguintes excepcións:

a) Establecidas polo artigo 4 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, de emprendemento de Galicia:

Non se considerarán persoas emprendedoras:

i) As persoas físicas con relación a aquelas actividades que se leven a cabo no ámbito de dirección e organización doutra persoa física ou xurídica; singularmente, as denominadas persoas traballadoras autónomas dependentes previstas no capítulo III do título II da Lei 20/2007, do 11 de xullo, reguladora do Estatuto do autónomo.

ii) As persoas físicas cuxa actividade económica se leva a cabo a través dunha sociedade patrimonial.

iii) As persoas físicas cuxa actividade se limita pura e simplemente á mera tenza de capital ou ao desempeño do cargo de conselleiro/a ou membro dos órganos de administración nas empresas que revistan a forma xurídica de sociedade.

iv) As persoas físicas ou as persoas xurídicas en que algún/algunha dos/das seus/súas socios/as se encontre inhabilitado/a, en España ou no estranxeiro, como consecuencia dun procedemento concursal, se encontre procesado/a ou, tratándose do procedemento a que se refire o título III do libro IV da Lei de axuizamento criminal, se teña ditado auto de apertura do xuízo oral, ou teña antecedentes penais, por delitos de falsidade contra a Facenda pública e contra a Seguridade Social, de infidelidade na custodia de documentos e violación de segredos, de branqueo de capitais, de receptación e outras condutas afíns, de malversación de bens públicos, contra a propiedade, ou que estea inhabilitado/a ou suspendido/a, penal ou administrativamente, para exercer cargos públicos ou de administración ou dirección de entidades financeiras.

v) No caso de sociedades unipersoais ou persoas autónomas, non poderán ser consideradas emprendedoras as persoas que teñan a condición de socio ou socia único/a noutra empresa unipersoal ou que leven dados de alta no réxime de persoas autónomas máis de corenta e dous meses.

vi) As persoas físicas ou as persoas xurídicas mentres desenvolvan actividades relacionadas coa actividade bancaria, seguros e fondos de pensións, e aquelas que afecten a seguridade nacional.

b) Establecidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei de subvencións.

c) Así mesmo, non se concederán axudas ás pequenas e medianas empresas que desenvolvan as seguintes actividades:

i) A fabricación de armamento, armas e municións.

ii) Os xogos de azar coas instalacións conexas.

iii) A transformación ou distribución de tabaco.

iv) As actividades de venda e/ou alugamento de inmobles.

6. O/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme este artigo.

Artigo 6. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase por:

1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

2. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística

https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl

Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos, agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

3. Constitución da empresa: para os efectos da convocatoria entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente rexistro mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas e, se é autónomo, no RETA. No caso de empresaria ou empresario individual, cando cause alta definitiva no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

4. Inicio de actividade empresarial: entenderase que unha empresa inicia á súa actividade produtiva desde a data de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

Artigo 7. Criterios de valoración

Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención e dentro de cada tipo de actuación subvencionable serán os seguintes:

1. Proxecto nun concello rural

Proxectos de emprendemento dirixidos a crear emprego nas zonas rurais.

Para os efectos desta convocatoria, concello rural é aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística

https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl

Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos, agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

5

2. Proxecto nun concello emprendedor

Segundo o descrito na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

5

3. Sectores ou ámbitos de actividade nos que se desenvolve o proxecto

• Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais.

• Transformación e/ou comercialización de produtos.

• Servizos ámbito economía coidados (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…).

• Empresas inscritas ou acreditadas de formación para o emprego en sectores prioritarios.

10

4. Contratación persoas desempregadas (mínimo 1 emprego)

Creación de 1 emprego como mínimo, desde a posta en marcha do proxecto de emprendemento, indefinido ou fixo descontinuo (mínimo 9 meses) por conta allea:

• De 1 a 2 empregos

• De 3 a 4 empregos

• 5 ou máis empregos

10

15

20

5. Implantación medidas de igualdade

• 40 - 60 % mulleres

• > 60 % mulleres

• > 10 % de persoas con discapacidade ou risco de inclusión social.

5

10

10

6. Pertenza ao sector da economía social galega

Consideraranse empresas de economía social as descritas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, de economía social en Galicia, tales como cooperativas, sociedades laborais, sociedades agrarias de transformación, etc.

10

7. Iniciativa de emprego de Base Tecnolóxica (IEBT)

Empresas cualificadas de iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade (procedemento TR340D).

10

8. Proxectos Emprendemento Ámbitos Especialización Intelixente Galicia-RIS3

A Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) implementa 3 grandes prioridades en cada un dos 3 retos da estratexia, dando lugar aos seguintes ámbitos de intervención priorizados:

10

Prioridades

Núm.

Ámbito especialización intelixente RIS3

1

Administración pública dixital

2

Desenvolvemento de competencias dixitais e educación dixital

Dixitalización

3

Desenvolvemento de propostas de valor ao redor dos recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos

4

Fabricación avanzada e intelixente

5

Redes intelixentes, flexibilidade e almacenamento enerxético

6

Saúde dixital

7

Soberanía tecnolóxica (desenvolvemento de coñecemento, tecnoloxías e aplicacións innovadoras propias)

8

Tecnificación e dixitalización do sector primario (agricultura, gandaría e forestal, pesca e acuicultura) e da industria mineira

9

Xerontotecnoloxías

Enfoque cara ás persoas

10

Alimentación humana saudable e funcional

11

Deporte para a promoción da autonomía persoal e mellora da calidade de vida

12

Desenvolvemento de téxtiles intelixentes para a saúde e deporte

13

Economía prateada e dos coidados

14

Medicina de prevención, rexenerativa e de precisión

15

Novas solucións de hábitat e modelos de convivencia

16

Saúde animal: veterinaria e alimentación de precisión

17

Turismo saudable baseado en recursos naturais

18

Investigación básica de excelencia e na fronteira do coñecemento

Sustentabilidade

19

Biocombustibles e enerxías renovables

20

Biotecnoloxía agraria, mariña, industrial e ecolóxica

21

Construción sustentable

22

Descarbonización das cadeas de valor

23

Desenvolvemento de téxtiles sustentables

24

Economía circular e simbiose industrial

25

Eficiencia enerxética en procesos produtivos, en construción e
en mobilidade

26

Materias primas, produtos, envases e embalaxes máis sustentables
na cadea de valor alimentaria

27

Mellora, preservación, xestión sustentable e posta en valor da
biodiversidade

28

Mobilidade urbana e rural

29

Turismo e patrimonio cultural sustentable

En caso de coincidir a puntuación de varias solicitudes, utilizarase como criterio de desempate o de maior puntuación sucesivamente nos criterios 1º, 2º e 3º por esa orde. Se aínda así seguise existindo empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 9 do RDC, decidirase a favor do proxecto das entidades que teñan implantado un plan de igualdade, identificado no formulario electrónico de solicitude polo seu localizador no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo, de acordo co establecido no artigo 11 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro. No caso de que persista o empate, en último termo terá preferencia a solicitude que teña o número de expediente máis baixo.

Artigo 8. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas previstas nesta orde son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, que cubran o mesmo custo, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 9. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais a unha única empresa; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 €.

4. Para as empresas do sector da pesca ou da acuicultura as axudas de minimis totais que se concedan a unha única empresa non poderán superar os 30.000 € durante calquera período de tres exercicio fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 € durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

5. O programa Emprendemento Plus Investimento é susceptible de ser cofinanciado pola Unión Europea, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das entidades beneficiarias polo 40 % restante. En particular, esta convocatoria é susceptible de enmarcarse no programa Galicia Feder 2021-2027, nos seguintes obxectivos:

Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.

Obxectivo específico 1.3: o reforzo do crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos productivos.

Actuación 1.3.01.: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, especialmente das pemes, para promover o crecemento sustentable, a competitividade e a creación e o mantemento do emprego.

Campo de intervención TI0021: desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.

Os indicadores do programa Galicia Feder 2021-2027 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a)Indicadores de realización:

RCO01-Empresas apoiadas.

RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.

b) Indicadores de resultado:

RCR02- Investimentos privados que acompañan o apoio público.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Neste formulario incorpórase a memoria descritiva do proxecto en que se inclúe a seguinte información:

a) Memoria descritiva do proxecto: deberán estar explicados con detalle, como mínimo, os obxectivos perseguidos coa posta en marcha do proxecto, os antecedentes e experiencia da/das persoa/s promotora/s, necesidade que se satisfai, descrición do mercado e a competencia, xustificación da necesidade dos investimentos e gastos propostos para a realización do proxecto e grao de novidade do produto/experiencia/marca no mercado a valorar segundo o baremo do artigo 7 destas bases.

Estes campos do formulario deberán estar todos eles cubertos con información axeitada e suficiente para poder avaliar a viabilidade do proxecto segundo se establece no artigo 5.

Ademais, no formulario normalizado (anexo I) realizaranse as seguintes declaracións:

a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

d) Que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño) polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

e) Declaración responsable de ter depositado no rexistro correspondente ou aprobadas pola asemblea xeral, segundo corresponda, as contas anuais do último exercicio.

f) Declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis, ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

g) Declaración responsable de que posúe a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que fose requirida para acreditala, dará lugar á perda do dereito ao cobramento e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida, e constituirá unha infracción moi grave tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderanse impoñer as seguintes sancións:

1. Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

2. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción exceda os 30.000 euros, de concorrer algunha das circunstancias previstas nas alíneas b) e c) do número 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os infractores poderán ser sancionados, ademais:

i) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da Administración ou outros entes públicos.

ii) Coa prohibición durante un prazo de ata cinco anos para subscribir contratos coa Administración ou outros entes públicos.

iii) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.

O órgano concedente, a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de pemes e poden ser beneficiarias da axuda.

h) Que a entidade solicitante non finalizou os investimentos para os que se solicita a axuda no momento de presentar a solicitude.

i) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

j) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego efectúe o último pagamento ao beneficiario.

k) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de 3 anos, contado desde o último pagamento ao beneficiario (artigo 65 RDC).

l) Se é o caso, declaración responsable do representante legal de que a empresa implantou un plan de igualdade, e que identifique o código do localizador no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos.

m) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores; entenderase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

2. Ao ser válida unha única solicitude por persoa, no caso de que algunha persoa presente unha nova solicitude, entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estea resolta.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037), en que debe figurar a data da alta, o domicilio fiscal e a localización do establecemento da actividade.

b) Comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

c) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia.

d) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiras, se é o caso.

e) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, que deban ter solicitado, de acordo co establecido nestas bases reguladoras.

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do investimento subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases) no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, as persoas interesadas deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas físicas ou xurídicas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos investimentos subvencionables non exista no mercado suficiente número de persoas que a presenten, ou salvo que o investimento se realizase con anterioridade á data da publicación da convocatoria.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente no anexo de solicitude cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

A persoa solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade, sen prexuízo do establecido no artigo 25.1.5. in fine desta orde.

f) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio «Do no significant harm» – DNSH), segundo o anexo II «Modelo de declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao medio ambiente (Principio «Do no significant harm»-DNSH)».

g) Informe do cadro de persoal medio anual emitido pola Seguridade Social, do ano 2022.

h) Escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou Rexistro de Cooperativas, de ser o caso.

i) Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica, documento cos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarias.

j) Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa contratada, expedido por outra comunidade autónoma.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa presentase anteriormente a persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

Unha vez recibidas as solicitudes, a unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa interesada desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da persoa solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, así como as comprobacións contidas no artigo 14.1 desta orde.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deberán realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante ou representante.

c) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

d) Alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante (IAE).

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Certificado de domicilio fiscal e/ou un centro de traballo en Galicia.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

j) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Certificación do órgano competente da Xunta de Galicia da obtención da cualificación do proxecto como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

m) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

n) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos últimos 5 anos da persoa traballadora contratada.

o) Contrato laboral da persoa traballadora pola que se solicita a subvención.

p) Certificado acreditativo do grao de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia da persoa traballadora contratada.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 15. Procedemento de concesión, instrución, tramitación e notificación

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Fomento do Emprendemento da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. As solicitudes serán avaliadas polo Comisión de Avaliación en función da información facilitada polo solicitante, que será responsable do contido da súa solicitude. O órgano avaliador elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos no artigo 7 destas bases.

4. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión de Avaliación para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes respecto dos cales nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación, non se considerarán desestimados e o órgano instrutor teraos en consideración en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da Comisión de Avaliación.

Para estes efectos, a Comisión de Avaliación estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprendemento, que a presidirá, e como vogais, a persoa responsable do Servizo de Fomento do Emprendemento e unha persoa adscrita ao Servizo de Fomento do Emprendemento, que realizará as funcións de secretario ou secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe o órgano competente para resolver.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de corre e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

7. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través so Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

8. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Resolución de concesión

1. A competencia para resolver as axudas corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego.

2. Deberá notificárselle a cada persoa beneficiaria un documento en que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo programa Galicia Feder 2021-2027 e as correspondentes porcentaxes, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Tamén se informará á persoa beneficiaria de que a aceptación da subvención implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública, nos termos establecidos no artigo 49.3 do RDC.

3. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas polas persoas que as realizan, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade, reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

4. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

5. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería para a Promoción do Emprego e Igualdade, á cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. As notificacións das resolucións e dos actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. O prazo máximo para resolver e notificar é de 5 meses, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Réxime de recursos

1. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Con carácter potestativo, poderá formularse recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Executar o proxecto de emprendemento que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter a actividade os investimentos, durante os 3 anos seguintes á data do pagamento final ao beneficiario, tal e se describe no artigo 65 do RDC.

b) Xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Crear o emprego comprometido na solicitude de axuda e mantelo durante, polo menos, os 2 anos seguintes á data do pagamento final ao beneficiario; así como manter o emprego existente á data da solicitude.

d) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a consellería correspondente; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa Galicia Feder 2021-2027, nos termos establecidos no RDC, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 RDC).

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Comunicarlle ao órgano concedente a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de pagamento da subvención.

g) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control e manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos Galicia Feder 2021-2027.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

i) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

j) Manter a alta no RETA ou no Rexistro Mercantil durante un tempo mínimo de 3 anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade (motivos económicos, técnicos, produtivos u organizativos, perda de licenza administrativa, violencia de xénero, falecemento, xubilación, incapacidade permanente, catástrofe ou acontecemento fortuíto e imprevisible) o cal deberá acreditar fidedignamente.

k) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do Feder durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa Galicia Feder 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario, nos termos establecidos no artigo 82 do RDC.

l) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no RDC. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, os espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea, xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou dunha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispor delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

Cando varias actuacións teñan lugar no mesmo lugar só é preciso colocar un cartel.

Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, o beneficiario deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así llo solicitan.

O beneficiario deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo

(https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf)

e as características técnicas descritas no anexo IX do RDC Regulamento (UE) nº 2021/1060.

ll) Manter no seu poder o anexo IV de comprobación de datos de terceiras persoas.

Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, deberá informar as persoas cuxos contratos laborais se subvenciona ao abeiro desta orde dos seguintes aspectos:

– Da comunicación dos datos á Administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.

– Da posibilidade de que a Administración realice as consultas precisas para comprobar, entre outros aspectos, a súa veracidade.

– Do dereito de oposición que os asiste a que a Administración trate os seus datos, suposto en que deberá comunicar a súa oposición á Administración para os efectos oportunos.

m) No caso de empresas cualificadas como iniciativas de emprego base tecnolóxica ou no caso de proxectos de emprendemento de contido de I+D ou innovador, facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia. No marco de seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. Para tales efectos, durante a execución e ao finalizar a axuda (expost), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

n) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Xustificación e forma de pagamento

1. O beneficiario deberá presentar a solicitude de pagamento mediante o formulario normalizado (anexo III). O pagamento da axuda efectuarase á entidade beneficiaria con dereito ao seu pagamento, despois da verificación da documentación xustificativa presentada e as accións de inspección e verificacións que sexan pertinentes.

2. No caso de que a solicitude de pagamento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

3. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo de execución establecido nesta orde.

4. A unidade administrativa responsable da instrución do programa analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver, que será tamén o órgano competente para ordenar o pagamento.

5. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das persoas ou entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía establecida en función do investimento.

6. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

7. Os prazos de xustificación que se establecen para esta convocatoria e para cada un dos programas obxecto da axuda son os seguintes:

a) Programa I. Emprendemento Plus Investimento.

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade 2023:

• Desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023.

• Presentación da documentación xustificativa, ata o 31 de outubro de 2023.

Segunda anualidade 2024:

• Desde o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024.

• Presentación da documentación xustificativa, ata o 31 de outubro de 2024.

b) Programa II. Emprendemento Plus Emprego.

Segunda anualidade 2024:

• Desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de outubro de 2024.

• Presentación da documentación xustificativa, ata o 31 de outubro de 2024. O pagamento do importe concedido para contratación poderá xustificarse no prazo de 10 días hábiles contados a partir da data do contrato subscrito e, en todo caso, antes do 31 de outubro de 2024.

8. A documentación xustificativa que se establece para esta convocatoria e para cada un dos programas obxecto da axuda é a seguinte:

a) Programa I. Emprendemento Plus Investimento.

Para o pagamento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de xustificación do proxecto.

O beneficiario deberá presentar a solicitude de pagamento mediante o formulario normalizado (anexo III) xunto coa seguinte documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase anexar unha relación de elas, asinada polo representante legal.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas a nome da entidade ou empresa solicitante dentro do prazo de execución establecido na convocatoria. As facturas presentaranse en calquera das linguas oficiais de Galicia ou, na súa falta, acompañadas da tradución oficial.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo nos cales conste o cambio empregado.

O importe mínimo das facturas que poderán terse en conta nesta orde será de 300 € (IVE excluído).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

O beneficiario deberá presentar copia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido nas bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobro.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para os efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento terán como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no punto 7 deste artigo.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Programa II. Emprendemento Plus Emprego.

O beneficiario deberá presentar a solicitude de pagamento mediante o formulario normalizado (anexo III).

O aboamento do incentivo para a contratación do persoal contratado no ano 2024 farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedido.

Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. Procederá a perda do dereito ao pagamento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá a perda do dereito ao pagamento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

4. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impidan: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á persoa beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 19.d) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, ou de conservación de documentos, previstas na letra k) do artigo 19, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga en materia de publicidade previsto no artigo 19.l) reintegro de ata o 3 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a persoa beneficiaria para que incorpore o cartel e cumpra as demais obrigas de publicidade (por exemplo: publicidade no sitio web), nun prazo non superior a quince (15) días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

e) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa subvención prevista nesta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

f) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, suporá o reintegro do 100 % da subvención concedida. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 RDC).

g) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos custos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

h) No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido ou a alta no RETA, o que suporá o reintegro da subvención correspondente de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

i) No caso de empresas cualificadas como iniciativas de emprego base tecnolóxica ou no caso de proxectos de emprendemento de contido de I+D ou innovador, non facilitar cantos datos resulten necesarios para o seguimento e a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 2 % da subvención concedida.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (por exemplo: obrigas de publicidade), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 22. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións, poderá utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento.

4. Ademais, como consecuencia do cofinanciamento por Feder das axudas previstas nesta orde, as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de comprobación e control e deberán facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do RDC, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

5. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, no marco da presente convocatoria, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei; quedando suxeitas ás consecuencias do incumprimento das ditas obrigas, de conformidade co establecido no devandito artigo 4 da Lei 1/2016.

CAPÍTULO II

Programa 1: Emprendemento Plus Investimento

Artigo 25. Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable á iniciativa de emprendemento, que se clasifican en custos directos, determinados con base no seu custo real, e custos indirectos, determinados mediante un método de custo simplificado consistente nun tipo fixo dos permitidos no artigo 54 RDC; en concreto:

1.1. Equipamento informático:

Considéranse equipamento informático, para os efectos desta orde, os aparellos electrónicos e servizos anexos que posibiliten unha maior eficiencia no procesamento, almacenamento e visualización da información. Entre outros, considéranse as tabletas, ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles ou similares, equipamentos de rede, servidores, equipamentos para conexión á internet, escáneres e similares, sempre que se destinen exclusivamente ao desenvolvemento da actividade económica da persoa solicitante

En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones.

1.2. Activos intanxibles:

Activos que non teñen unha materialización física ou financeira: adquisición da propiedade ou do dereito ao uso de programas informáticos, incluída a subscrición a software estándar do mercado durante o período subvencionable así como patentes, licenzas e coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual.

1.3. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario:

Maquinaria, bens de equipamento ou ferramentas mediante as cales se mellore o proceso produtivo. Así coma equipamentos e medios de transporte interno que se destinen ao traslado de persoal, animais, materiais, mercadorías dentro de factorías, talleres etc. sen saír ao exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento incluído mobiliario, conxunto de mobles que serven para a actividade normal da empresa, como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.

En ningún caso se consideran subvencionables os vehículos, naves, aeronaves e similares, constitúan ou non a actividade empresarial propia do solicitante.

Exclúese a adquisición de bens e servizos que poidan ser considerados como mercadoría pola cal a empresa obteña beneficios segundo a súa actividade, así como bens ou mobiliario suntuario ou de luxo.

1.4. Reforma e habilitación das instalacións do local do negocio:

Obras que consisten normalmente en reparacións, decoracións ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local.

Respecto ás decoracións e ornatos, incluída a rotulación do local, deberán respectar o establecido no artigo 13 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, segundo o cal a Xunta de Galicia, non só a través dos medios de comunicación de titularidade autonómica, senón tamén a través daqueles en que participe ou aos cales subvencione, garantirá a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes e, en concreto, a utilización non sexista da linguaxe e das imaxes, especialmente no ámbito da publicidade.

Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos.

Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma.

1.5. Adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man.

Serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:

1. Que os activos sexan adquiridos a unha persoa terceira non relacionada coa persoa compradora.

2. Que conste unha declaración da persoa vendedora sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

3. Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes aspectos mediante certificación de taxador/a independente, ou dunha empresa subministrador/a de bens da mesma tipoloxía dos bens de segunda obxecto de transacción.

Cando se adquiran bens de segunda man nestas condicións non será preciso achegar as tres ofertas.

Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/a propietario/a inicial ou un/unha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiras persoas non relacionadas coa persoa compradora.

A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

1.6. Custos indirectos do proxecto, que se fixan nun tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables indicados nos números do 1.1) ao 1.5), ao abeiro do disposto no artigo 54.a) RDC.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose expresamente, para estes efectos, as reformas de instalacións en inmobles alugados. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

3. O investimento en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes á data do pagamento final á persoa beneficiaria, e o resto do investimento, durante 3 anos desde a devandita data.

4. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

5. Non serán subvencionables o IVE e outros impostos. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos, como é o caso do IVE, nin os impostos persoais sobre a renda, segundo o disposto no artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; quedan tamén excluídos os xuros e gastos financeiros, e taxas.

6. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a persoas terceiras.

7. En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades.

8. En ningún caso o custo dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

9. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto de emprendemento e abarcará desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data para a execución dos proxectos establecida na resolución de convocatoria.

10. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal.

d) Data e validez: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión e un prazo de validez. As ofertas no poderán ter un prazo de validez vencido na data de presentación da solicitude.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, errores idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

11. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

12. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014. Excepcionalmente, poderase autorizar a contratación con provedores vinculados, con carácter previo á concesión, cando se xustifique a necesidade por parte do solicitante e se acredite que a contratación atende a prezos de mercado.

13. Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

14. No caso de empresas cualificadas como iniciativas de emprego base tecnolóxica ou no caso de proxectos de emprendemento de contido de I+D ou innovador, será requisito indispensable para ser elixible o aliñamento do proxecto cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de especialización de Galicia (RIS3).

Artigo 26. Contía da axuda

A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado, tendo en conta que o investimento mínimo admisible será de 10.000 euros:

Rango de investimento

% De investimento subvencionable

Entre 10.000€ e 30.000 €

60 %

Entre 30.001€ e 50.000 €

55 %

Entre 50.001€ e 100.000 €

50 %

Entre 100.001€ e 200.000 €

45 %

CAPÍTULO III

Programa 2. Emprendemento Plus Emprego

Artigo 27. Conceptos subvencionables

1. Para os efectos desta orde, considérase persoa desempregada aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

2. Para que as contratacións sexan subvencionables, deberán axustarse aos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se realice cunha persoa desempregada.

b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable para este programa II de apoio ao emprego, que comprende, neste caso, desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de outubro de 2024.

3. Modalidades e requisitos aplicables a cada tipo de axudas:

a) Incentivos ás contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas.

Os contratos subvencionables deberán ser de duración indefinida e a tempo completo.

Para ser subvencionable a contratación deberá realizarse cunha persoa desempregada.

As contratacións deberán estar comunicadas a través da aplicación contrat@.

b) Incentivos á contratación de fixos descontinuos, para contratos de duración dun mínimo de 9 meses e a xornada completa.

Artigo 28. Contía dos incentivos

1. As axudas definidas no artigo anterior terán os seguintes incentivos:

a) As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas: incentivo de 6.000 €.

b) As contratacións de fixos descontinuos, para contratos de duración dun mínimo de 9 meses e a xornada completa: incentivo de 6.000 €.

Convocatoria de subvencións.

Artigo 29. Convocatoria

Convócase a subvención para apoiar iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pequenas e medianas empresas que teñan 42 meses de antigüidade como máximo, a través do Programa Emprendemento Plus, regulada polas bases contidas nesta orde.

Artigo 30. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes de axudas Emprendemento Plus será de un mes contado desde o día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Cúmprese, polo tanto, o prazo mínimo dun mes establecido no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Período de execución das accións

O prazo máximo de execución e xustificación das iniciativas de emprendemento rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 31 de outubro de 2024.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería, segundo o establecido no artigo 6 da Orde do 29 de setembro de 2021 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte hábil ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file