Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 14 de xullo de 2023 Páx. 43569

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, as instalacións eléctricas nos concellos da Peroxa, Nogueira de Ramuín e O Pereiro de Aguiar (expediente IN407A 2023/031-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que a seguir se describen:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033, Madrid.

Denominación: peche derivadas PRS811, VLL810 e VLL825.

Situación: concellos da Peroxa, Nogueira de Ramuín e O Pereiro de Aguiar.

Orzamento: 201.141,00 €.

Características principais do proxecto que foi asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández, colexiado núm. 1534 do ICOIIG, o 27.9.2022:

– Peche PRS801 con PRS811: LMT aérea, a 20 kV, de 924 m de lonxitude, en condutor LA-110, con orixe no apoio núm. D52 proxectado de celosía metálica, do tipo C-18/3000 da LMTA existente DC PRS801, e remate no apoio existente núm. 24-33 existente, do tipo HV, da LMTA VLL811.

– Instalación dun interruptor telecontrolado no apoio proxectado núm. 59 de celosía metálica, do tipo C-18/3000, que se vai instalar en substitución do apoio existente da LMTA existente DC VLL810-VLL825; instalación de 109 m do condutor existente de tipo LA-110 en substitución do existente; desmontaxe do seccionador XS existente con matrícula 32HR96.

– Substitución do CT existente denominado A Peroxa Vella-32CGD1, instalando no seu lugar novo CT proxectado, prefabricado compacto manobra exterior, 2L+1P, de 250 kVA de potencia aparente e RT 20.000/400 V.

– Peche PRS811 e VLL810: LMT soterrada, a 20 kV, de 1.011 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2 OL-12/20 kV 3 (1×240) mm² Al con orixe no CT proxectado anterior e remate na cela de liña núm. 1 (reserva) do CT existente As Paraxas-32CGF5.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 2.3.2023, que foi inserido no DOG do 31.3.2023 e no xornal La Región de Ourense do 31.3.2023. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso presentou alegacións a propietaria do predio núm. 29 da relación de bens e dereitos afectados. Nestas alegacións solicita que a expropiación comprenda a totalidade da parcela, debido a que ten unhas dimensións reducidas e a expropiación dunha parte dela impediría calquera uso, polo que resultaría antieconómico. O escrito de alegacións foi remitido a UFD, que contestou o seguinte:

1. A instalación eléctrica proxectada cumpre con todos os requisitos formais e de carácter técnico e legais exixidos pola lexislación vixente na materia, e non incorre en ningunha das prohibicións e limitacións á constitución da servidume de paso establecidas na lexislación e, en particular, nos artigos 58 da Lei 24/2013 citada e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

2. A obra proxectada ten recoñecida a súa condición de instalación de utilidade pública polo artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de novembro, pola que se regula o sector eléctrico:

«1. Decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso».

3. A alegante limítase a sinalar que a expropiación lle produciría un prexuízo e solicita a expropiación total da parcela, pero non concreta en que consistirían os ditos prexuízos e as razóns polas que os ditos prexuízos serían irreparables. Debe terse en conta que a parcela con referencia catastral 32060A069001030000QF figura no rexistro catastral como parcela rústica en que o seu uso principal é agrario, e a reclamante poderá seguir facendo uso dela como o viña facendo ata a data, deixando a salvo a servidume que se establece con este expediente.

Á vista de todo o anterior, non procede estimar as alegacións da reclamante. O predio da súa propiedade ten unha superficie de 1.752 m2 e ocúpanselle 2 metros lineais de voo nunha esquina del, cunha servidume de 82 m2 (un 4,68 % do total da superficie). Todas estas circunstancias indican que a servidume proxectada non impide o seu uso actual.

Para dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, realizouse o trámite de notificación a descoñecidos co correspondente anuncio que se inseriu no DOG do 26.4.2023 e no TEU do BOE do 4.5.2023.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder a autorización administrativa previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, arriba sinalado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 21 de xuño de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense