Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:
Solicitante: Begasa.
Domicilio social: rúa Ramón María Aller Ulloa, 9, 27003 Lugo.
Denominación: LMT e CS para NS 71941 RVE-Baamonde Tte. Coronel Teijeiro.
Situación: concello de Begonte.
Características técnicas principais:
• LMT soterrada a 20 kV, con orixe nun paso aéreo a soterrado localizado no apoio P 109 da LMT Begonte, entra e sae no CS prefabricado RVE-Baamonde Tte. Coronel Teijeiro e remata noutro paso aéreo a soterrado localizado no apoio P 109 da LMT Baamonde, cunha lonxitude de 970 metros en condutor HEPRZ1-240 mm.
• CS en edificio prefabricado RVE-Baamonde Tte. Coronel Teijeiro, con dúas zonas diferenciadas, unha para Begasa e outra para abonado (expediente 4/2023-AT), a envolvente de formigón en que se instala o CS é cedida a Begasa; nesta instálanse dúas celas de liña e unha de interruptor automático.
Finalidade da instalación: ampliación de instalacións.
Orzamento: 137.038,48 euros.
Documentación que se xunta:
• Separata para o Concello de Begonte.
• Separata para a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
• Separata para o Ministerio de Transporte.
• Separata para a CHMS.
Esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería, o Decreto 49/2023, do 19 de maio, polo que se modifica o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, supeditada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 27 de xuño de 2023
Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo