Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 12 de xullo de 2023 Páx. 43066

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica nos concellos de Vigo e Redondela (expediente IN407A 2022/435-4).

Expediente: IN407A 2022/435-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: reforma da LMT TRO718 e substitución do CTI Parada-Teis 36AC73 por CTC.

Concellos: Vigo e Redondela.

Feitos:

Primeiro. O 19 de outubro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada reforma da LMT TRO718 e substitución do CTI Parada-Teis 36AC73 por CTC.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións no lugar de Pugariño, na parroquia de Teis, no concello de Vigo, e no lugar de Parada, na parroquia de Chapela, no concello de Redondela (Pontevedra):

Retirada do centro de transformación Parada-Teis (36AC73) de 250 kVA.

Instalación dun centro de transformación de 250 kVA de potencia, compacto manobra exterior 2L1P telecontrolado con GPRS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT.

Desmontaxe do tramo TRO7181903 e parte do tramo TRO7181900 da liña de media tensión aérea (LMTA) TRO718. Desmóntase un total de 95 metros de condutor LA-110 e 473 metros de condutor LA-80.

Retirada de 37 metros do van en condutor LAC-28 existente na derivación ao CT Parada-Teis.

Desmontaxe dun total de sete apoios de formigón e os XS (36HN18).

Instálanse dous apoios de tipo C-7000/14.

Instálase 950 metros de lonxitude dunha liña de media tensión subterránea para soterrar a LMTA que se desmonta.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, o Concello de Redondela, Augas de Galicia, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Servizo do Patrimonio Cultural e os concellos de Vigo e Redondela.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 23 de decembro de 2022 esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Naqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 17 de xaneiro de 2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 20 de xaneiro de 2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 23 de decembro de 2022 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 18 de xaneiro de 2023.

Xornal Faro de Vigo: 9 de febreiro de 2023.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo do 30 de decembro de 2022 ata o 13 de febreiro de 2023, segundo o certificado emitido polo propio Concello.

Taboleiro de anuncios do Concello de Redondela do 2 de xaneiro de 2023 ata o 14 de febreiro de 2023, segundo o certificado emitido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, en dúas actuacións. A primeira é de 530 metros con orixe no paso aéreo subterráneo no apoio proxectado C-7000/14, na LMT TRO718, entre a derivación ao centro de transformación Fonte das Mozas e o centro de transformación Parada-Teis que se retira, e final no novo centro de transformación Parada-Teis. A segunda actuación é de 420 metros con orixe no novo centro de transformación Parada-Teis e final no paso aéreo subterráneo no apoio proxectado C-7000/14, na LMT TRO718, entre a derivación ao centro de transformación Parada-Teis que se retira e os centros de transformación Pé do Pandeiro (Chapela) e Instituto Cidadelle.

Centro de transformación compacto (CTC) telecontrolado, a 250 kVA, con RT 15 kV/400 V, situado en Parada, Redondela, na parcela con referencia catastral 36045A053008260000WM.

Retensado dos vans aéreos contiguos aos apoios proxectados (91+91 metros).

A instalación está situada nas parroquias de Teis, no municipio de Vigo, e Chapela, no municipio de Redondela (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada reforma da LMT TRO718 e substitución do CTI Parada-Teis 36AC73 por CTC (expediente IN407A 2022/435-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 20 de xuño de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra