Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 12 de xullo de 2023 Páx. 42791

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación Margarita Ledo Andión, Casa da Galería: CCC (Cinema, Cultura e Comunicación).

Examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Margarita Ledo Andión, Casa da Galería: CCC (Cinema, Cultura e Comunicación), aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 3 de marzo de 2023, José Andrés Barros Nogueira, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería. CCC (Cinema, Cultura e Comunicación) constituíuna Margarita María Ledo Andión, mediante escritura pública outorgada o 8 de febreiro de 2023, ante a notaria de Vigo (Pontevedra) Mónica Alba Castro, co número de protocolo 281. Tras requirimento do 18 de abril de 2023, o 25 de abril achégase, entre outra documentación, unha dilixencia referida á escritura anterior que emenda a súa dotación.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto: «a conservación, investigación e difusión da obra da investigadora, escritora e cineasta Margarita Ledo Andión, a promoción da cultura galega en xeral e do cinema e o audiovisual en lingua galega en particular, así como doutros bens de cultura e comunicación».

4. Na escritura de constitución da Fundación constan as cuestións relativas á identidade da fundadora; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as; a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Margarita María Ledo Andión, como presidenta; José Luis Ledo Andión, como vicepresidente, e Agar Ledo Arias, como secretaria.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Margarita Ledo Andión, Casa da Galería: CCC (Cinema, Cultura e Comunicación), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 14 de xuño de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 29 de xuño), clasificouse de interese cultural a Fundación Margarita Ledo Andión, Casa da Galería: CCC (Cinema, Cultura e Comunicación), e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva da Comunidade Autónoma o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Margarita Ledo Andión, Casa da Galería: CCC (Cinema, Cultura e Comunicación), así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede, e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Margarita Ledo Andión, Casa da Galería: CCC (Cinema, Cultura e Comunicación).

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación, e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2023

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades