Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 12 de xullo de 2023 Páx. 42818

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 21 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da IV edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN822E).

BDNS (Identif.): 707182.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto das bases reguladoras e a convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán cursar candidatura aos Premios Galicia de Innovación e Deseño as persoas físicas con plena capacidade de obrar nacidas en Galicia. Así mesmo, poderán optar aos premios as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia, validamente constituído, que manteña a súa actividade. En ambos os casos, en función da modalidade a que concorran, deberán posuír as seguintes características:

a) Premios Galicia de Innovación:

Premiarán a persoas, empresas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor da innovación empresarial.

– Modalidade «Traxectoria innovadora»: persoas físicas cunha traxectoria de polo menos dez anos na cal a innovación fose unha das súas características relevantes.

– Modalidade «Grande empresa»: grandes empresas cunha actividade innovadora de polo menos dez anos.

– Modalidade «Pequena e mediana empresa»: pequenas e medianas empresas con demostrada actividade innovadora de polo menos cinco anos.

b) Premios Galicia de Deseño:

Premiarán a persoas, empresas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor do deseño.

– Modalidade «Profesionais»: profesionais do deseño (persoas físicas ou empresas) cunha traxectoria de polo menos cinco anos de recoñecido prestixio no sector.

– Modalidade «Empresa»: empresas consolidadas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante polo menos dez anos.

– Modalidade «Talento emerxente»: dirixido a aqueles creadores, cunha idade que non supere os trinta e cinco anos no día de presentación da candidatura e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

Segundo. Obxecto

A finalidade dos premios é recoñecer o labor de persoas e empresas galegas pola súa excelente contribución á innovación como un elemento indispensable no desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial, alcanzando con isto altas cotas de competitividade nos mercados, tanto galegos como nacionais e internacionais.

Así mesmo, trátase de recoñecer os profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e á súa internacionalización e as empresas que, ao incorporáreno á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade empresarial.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

Todos os premios disporán dunha dotación económica de 15.000 €, menos nos casos relativos ao Premio Galego de Innovación «Grande empresa» e ao Premio Galego de Deseño «Empresa», que terán un carácter estritamente honorífico.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 2 de outubro, ambos os dous incluídos.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación