Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 11 de xullo de 2023 Páx. 42639

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 10 de xullo de 2023 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais no centro de reeducación Concepción Arenal e no Centro de Intervención en Medio Aberto da Coruña durante a folga convocada para o día 12 de xullo de 2023.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma (Diario Oficial de Galicia núm. 116, do 20 de xuño). O artigo 3 deste decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o Comité de Folga.

O Comité de Folga comunicou a dita convocatoria de folga no centro de reeducación Concepción Arenal e no Centro de Intervención en Medio Aberto da Coruña. Na dita comunicación indícase que a folga terá lugar o día 12 de xullo de 2023 en xornada completa.

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

O exercicio do dereito de folga supera o plano das relacións entre empresa e traballadores/as para ingresar no campo do público cando a empregadora resulta ser a propia Administración pública ou se afectan os servizos esenciais respecto dos cales esta cumpre unha función de garantía. Neste sentido, a atención residencial e a intervención educativa integral teñen este carácter esencial para a comunidade.

O servizo esencial xustifícase pola exixencia constitucional de garantir o dereito da comunidade a non se ver privada de determinados bens ou servizos, que prevalece sobre o dereito fundamental de folga.

O seguimento desta folga sen a determinación anticipada dunha prestación mínima podería xerar un prexuízo tanto para as persoas menores usuarias como para o persoal do centro que non a secunde.

A execución das medidas xudiciais ten por obxecto procurar a reinserción e reeducación das persoas menores infractoras. Iso require unha intervención que debe levar a cabo un equipo multidisciplinar de profesionais especializados nas áreas psicosocial e educativa, que dean resposta ás especiais características que presenta o colectivo obxecto de intervención, como a carencia de ferramentas e habilidades sociais, cognitivas e/ou laborais; pertenza a familias desestruturadas, multiproblemáticas ou permisivas e con poucos ou ningún referente social positivo; presenza frecuente de consumo de substancias nocivas para a saúde; alto grao de absentismo e fracaso escolar; baixa autoestima, autoconfianza e tolerancia á frustración. Ás anteriores circunstancias súmanse con frecuencia especificidades como a condición de emigrante ou a orixe étnica, que engaden novos condicionantes como a inexistencia de referentes familiares, problemas de documentación ou barreiras idiomáticas e culturais.

Dentro do contexto normativo dos centros de menores, cómpre ter en consideración o que dispón o Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, relativo ás ratios de persoal dos centros de reeducación. No seu artigo 14.2 establece que deberá estar presente, como mínimo, un/unha educador/a por cada 8 menores nas horas do día en que estes permanezan no centro. Nas unidades de réxime semiaberto ou pechado a ratio mínima será dun/dunha educador/a por cada 5 menores durante as quendas de día. Deberá garantirse en todos os casos a presenza no centro de polo menos un/unha traballador/a na quenda de noite.

En virtude do anterior e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

No centro de reeducación Concepción Arenal e Centro de Intervención en Medio Aberto da Coruña a convocatoria de folga realizada pola organización sindical CIG-Ensino para o día 12 de xullo de 2023, das 00.00 horas ás 23.59 horas, entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Artigo 2. Designación dos efectivos

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será determinada pola entidade prestadora do servizo e notificada aos profesionais designados.

Artigo 3. Salvagarda dos dereitos

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira única. Efectos da orde

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

ANEXO

Para a xornada de folga a que fai referencia esta orde terán a consideración de servizos mínimos a xornada completa os que se relacionan a seguir:

– No centro Concepción Arenal:

Director/a en quenda de mañá.

Sudirector/a en quenda de tarde.

1 cociñeiro/a en quenda de mañá.

1 cociñeiro/a en quenda de tarde.

6 educadores/as en quenda de mañá.

6 educadores/as en quenda de tarde.

1 educador/a en quenda de noite.

– No Centro de Intervención en Medio Aberto:

Quedará garantida a apertura e peche do centro de traballo mediante o/a director/a.