Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 10 de xullo de 2023 Páx. 42548

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2023 a 2025, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A).

BDNS (Identif.): 706796.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Serán beneficiarias as entidades privadas de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos socias de Galicia, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non estar en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Dedicarse, con carácter preferente en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións referidas á atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social, e desenvolvemento dos programas e/ou da prestación de servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Segundo. Obxecto

O obxecto da convocatoria consistirá na concesión de subvencións ás entidades privadas de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, levan a cabo a referida atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2023 a 2025, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A).

Cuarto. Importe

1. O crédito total destinado ás actuacións ascende á cantidade de dezanove millóns setecentos trinta mil catrocentos vinte e cinco euros (19.730.425 €) distribuído en tres anualidades, e que se imputarán ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

2023

2024

2025

Total

13.03.312A.481.3

2.340.000,00 €

3.900.000,00 €

1.625.000,00 €

7.865.000,00 €

13.03.313C.481.6

2.573.758,00 €

5.300.000,00 €

2.208.333,33 €

10.082.091,33 €

13.03.312C.481.0

366.667,00 €

1.000.000,00 €

416.666,67 €

1.783.333,67 €

Total

5.280.425,00 €

10.200.000,00 €

4.250.000,00 €

19.730.425,00 €

As partidas 13.03.313C.481.6 e 13.03.312C.481.0 destinaranse ás actuacións establecidas no artigo 4.1.b).2º referidas aos servizos de formación adaptada e de intervención comunitaria en territorios en exclusión, e no artigo 4.1.b).3º dirixidas a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo da poboación inmigrante, e serán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), nunha porcentaxe do 60 %, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 2 «Inclusión social e loita contra a pobreza»; obxectivos específicos ESO4.8 «Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os colectivos desfavorecidos» e ESO4.9 «Promover a integración socioeconómica dos nacionais de terceiros países, incluídos os inmigrantes», e medidas 2.H.04 «Mellora da inclusión sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social a través de itinerarios integrados e personalizados de inserción que abarcan medidas de distintos ámbitos» e 2.I.01 «Itinerarios ou programas de inserción sociolaboral que combinen varias medidas dirixidos a migrantes», respectivamente

A partida 13.03.312A.481.3 destinarase ao financiamento das actuacións establecidas no artigo 4.1.a), referidas ao funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social, e no artigo 4.1.b).1º referidas ás actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos, financiada con fondos propios da Xunta de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude