Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 5 de xullo de 2023 Páx. 41617

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de xuño de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 15 de marzo de 2023, relativa revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Veiga e Cumieira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Vila, no concello de Calvos de Randín.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Veiga e Cumieira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia de Vila, no concello de Calvos de Randín, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 23.9.2022 a CMVMC da parroquia de Vila presentou unha solicitude (REXEL núm. 2022/2338558) de revisión de esbozo do MVMC Veiga e Cumieira, no concello de Calvos de Randín.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 10.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 30 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe unicamente as partes do perímetro lindeiras con particulares. Porén, anque a solicitude e mais a documentación non fan referencia a iso, neste monte concorren actualmente dous procedementos de deslindamento, un coa CMVMC da parroquia de Golpellás (solicitude 2022/2379231, do 28.9.2022) e outro coa CMVMC de Pintás (solicitude 2022/2379353, do 28.9.2022).

As partes do perímetro obxecto de revisión veñen xa integradas na memoria e planos que acompañan as ditas propostas de deslindamento, as cales describen unha sorte de modificación secuencial onde, primeiramente, a proposta de revisión de esbozo xera unha superficie provisional do monte e, posteriormente, o deslindamento elimina calquera incompatibilidade ou restrición xeométrica entre esbozos, cerrando a poligonal e definindo a superficie final.

A superficie provisional do MVMC Veiga e Cumieira, unha vez revisado o esbozo, sería de 146,11 ha fronte ás 135 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 8,2 %. Porén, tendo en conta os procedementos concorrentes de deslindamento co MVMC Veiga de Golpellás, Santo Tomé, Briñas e Peixón e mais co MVMC Veiga, Gralleiro e Fachado, a superficie axustada do monte quedaría finalmente en 123,77 ha.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Veiga e Cumieira.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 30 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Veiga e Cumieira, pertencente á CMVMC da parroquia de Vila, no concello de Calvos de Randín.

Ourense, 20 de xuño de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense