Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2023 Páx. 41006

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as normas relativas ao uso público e a actividades recreativas nos illotes dos Guidoiros e illa de Rúa.

A ría de Arousa alberga un conxunto de pequenas illas e illotes que conforman un ámbito de gran singularidade ambiental que se recoñece baixo a denominación de illotes dos Guidoiros e illa de Rúa. A área terrestre e o medio mariño máis contiguo forman parte da zona especial de conservación (ZEC) Complexo Ons-O Grove (ES1140004) e da zona especial de protección das aves (ZEPA) Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira (ES0000087). O conxunto deste ámbito mariño-terrestre (ES114004, ES0000087) posúe un instrumento de xestión, aprobado polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Externamente a este ámbito, as augas mariñas forman parte da ZEPA Espazo mariño das Rías Baixas de Galicia (ES0000499).

Nos últimos anos, as accións derivadas da subida do nivel do mar como consecuencia do cambio climático global e o incremento das actividades de uso público na ría supoñen un risco para a conservación dos compoñentes do patrimonio natural e da biodiversidade, e a necesidade de desenvolver medidas de regulación específicas para harmonizar o uso público nun ámbito concreto do espazo mariño-terrestre da ZEC ES114004 e da ZEPA ES0000087, coa finalidade de garantir a conservación dos hábitats e das especies de flora e fauna silvestre (especialmente as súas singulares colonias de aves mariñas) que atesoura este espazo, como o aproveitamento dos recursos pesqueiros e marisqueiros e a propia conservación dos compoñentes da xea e do patrimonio cultural, como demandaron recentemente distintas entidades e organismos.

En consecuencia, o ámbito de protección recollido ten unha superficie de 1.073,16 ha, das cales 49,08 ha se corresponden coa superficie terrestre e as 1.024,08 restantes, coa superficie mariña. Esta superficie queda representada na cartografía do anexo II e delimitada dentro dos oito vértices recollidos no anexo I, coincidentes os seis primeiros con vértices da ZEC Complexo Ons-O Grove (ES1140004).

O illote de maior entidade, Guidoiro Areoso, apenas ten 600 m de longo de norte a sur por 200 m no seu punto máis ancho e só alcanza 9 m sobre o nivel do mar no seu punto máis alto, polo que alberga, en consecuencia, unha superficie de case 9 hectáreas. A metade norte está ocupada por unha duna activa (Nat-20000 2110, 2120), mentres que na metade sur se mesturan afloramentos graníticos cunha duna con vexetación herbácea e arbustiva (Nat-2000 2130*, 2150*). Cabe destacar tamén a importancia en superficie de Guidoiro Pedregoso (5,6 ha) e a illa de Rúa (4 ha). Estes illotes están rodeados de medios rochosos que permanecen mergullados en marea baixa ou parcialmente expostos e están colonizados por biocenoses de invertebrados mariños, polo que constitúen unha representación do hábitat Nat-2000 1170 arrecifes.

Desde a declaración do espazo como LIC identificáronse distintas actuacións, vinculadas con actividades de uso público, que están a afectar de forma apreciable os compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural: numerosas embarcacións fondeadas, desembarco e circulación de vehículos/embarcacións anfibias, remoción dos medios dunares, acampadas, pernoctacións, alteración da estrutura da vexetación, arrinca de plantas. As presións e ameazas referidas están na súa maioría vinculadas a actividades de uso público.

Estas presións e ameazas de uso público non só están a afectar negativamente determinados hábitats de interese comunitario presentes na zona, entre as cales cabe destacar as dunas móbiles de Ammophila arenaria (2120) e as dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (2130*), senón tamén especies protexidas de flora e fauna silvestre, en especial Alyssum loiseleurii subsp. galaecicum e a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), especies ameazadas propias dos areais costeiros, ambas incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e outras aves como a gabita (Haematopus ostralegus) na categoría de vulnerable. No litoral de ambos os illotes atópanse comunidades colonizadoras de cantís marítimos (hábitat 1230) e rochedos silíceos con vexetación pioneira (hábitat 8230), intermareais lodo-areosos cubertos por pradarías de zostera mariña (hábitat 1110) e áreas de fondos de Maërl formadas por dúas especies incluídas como vulnerables no Catálogo galego de especies ameazadas: Lithothamnion corallioides e Phymatholithon calcareum. Estes fondos alternan con outros con substrato de gravas, cascallo e areas finas que actualmente conforman un banco marisqueiro de grande importancia económica explotado pola Confraría de Pescadores de San Xulián da illa de Arousa.

Con base no exposto, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural considera a necesidade de establecer unhas normas relativas á regulación do uso público, incluíndo as diferentes actividades de lecer e tempo libre, como actividades educativas, deportivas, recreativas, no ámbito terrestre dos illotes dos Guidoiros e illa de Rúa e das láminas de auga correspondentes a estas illas e que se detallan no anexo II, especificando para tal efecto os usos prohibidos, os autorizables e os permitidos, xa que a adopción destas medidas se considera como a máis apropiada para evitar que as actividades de uso público referidas poidan seguir alterando e mesmo deteriorando os hábitats naturais e os hábitats das especies, a que se refire o artigo 47.2 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

En relación co anterior, o carácter insular deste espazo condiciona o acceso ao illote Guidoiro Areoso, así como o fondeo e a atracada nel, actuacións todas elas que estas normas consideran como actividades suxeitas a autorización, ben que desde a premisa de que o dito acceso se debe realizar acorde cuns criterios de capacidade de carga que tamén se establecen nesta orde.

Por outro lado, esta orde elabórase e apróbase de conformidade coa habilitación normativa contida na disposición derradeira terceira do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, que habilita a persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, que poderá levarse a cabo mediante a elaboración de medidas de conservación e xestión específicas, entre outras, para determinados hábitats ou especies, ou para determinados usos e actividades. En relación co anterior, o artigo 47.2 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, (en termos parellos ao disposto no artigo 46 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade) prevé que a consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural fixará as medidas de conservación necesarias nas zonas especiais de conservación e nas zonas de especial protección para as aves, que implicarán, entre outras, medidas regulamentarias, administrativas ou contractuais adecuadas para recoller, finalmente, no parágrafo 2 que a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural tomará, igualmente, as medidas apropiadas, en especial nos devanditos plans ou nos instrumentos de xestión, para evitar nos espazos protexidos Rede Natura 2000 a deterioración dos hábitats naturais e dos hábitats das especies, así como as alteracións que repercutan nas especies que motivaron a designación destas áreas, na medida en que as ditas alteracións poidan ter un efecto apreciable no que respecta aos obxectivos da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e desta lei, previsións que, xunto coa disposición derradeira terceira do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, anteriormente referido, motivan e fundamentan a presente disposición.

É polo exposto que, en uso destas facultades, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considera a necesidade de ditar estas normas relativas ao uso público e de actividades recreativas nos illotes dos Guidoiros e illa de Rúa, sen prexuízo de que estas normas de uso público e de actividades recreativas quedarán integradas no correspondente Plan de xestión dos espazos naturais protexidos Rede Natura 2000, ZEC Complexo Ons-O Grove (ES1140004) e da ZEPA Complexo Intermareal Umia-O Grove (ES0000087), que se tramitará en desenvolvemento do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, aprobado polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo.

En relación co anterior, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural acordou, o 13.7.2022, someter ao trámite de participación pública o documento de inicio para a tramitación da orde pola que se establecen as normas relativas ao uso público dos illotes dos Guidoiros e illa de Rúa, de conformidade co previsto no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente. Igualmente, este proxecto de orde foi sometido aos trámites de información pública e audiencia aos interesados, para posteriormente solicitar os informes sectoriais preceptivos e a consulta ás administracións afectadas, entre elas, a Administración xeral do Estado e os concellos da ría de Arousa.

Esta proxecto de orde contén catro artigos, dúas disposicións adicionais, unha disposición derradeira e dous anexos. O artigo 1 refire o obxecto desta disposición e o seu ámbito de aplicación. As normas de uso públicos recóllense no artigo 2, definindo os usos autorizables, os permitidos e os prohibidos. O artigo 3 recolle a capacidade de carga destes illotes, establecendo uns límites máximos de visitantes distintos para a tempada alta e baixa, así como para os fondeos, atracadas no medio insular e acceso ao medio litoral terrestre. O artigo 4 desta orde sinala o réxime sancionador de aplicación derivado do incumprimento das premisas establecidas nas normas de regulación de uso público contidas nesta disposición. As disposicións adicionais primeira e segunda incorpóranse á proposta da Dirección Xeral da Mariña Mercante co obxecto de garantir en todo caso o respecto das competencias da Administración marítima e non condicionar de modo ningún o tráfico marítimo e a navegación da ría de Arousa, respectivamente. No relativo á disposición derradeira, recolle a entrada en vigor desta orde, que se producirá o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, motivada pola urxencia na adopción destas medidas. Finalmente, os anexos I e II recollen os límites e vértices que conforman o ámbito de aplicación destas normas de regulación do uso público, así como a representación cartográfica do espazo, respectivamente.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de protección

1. O obxecto desta orde é aprobar as normas relativas ao uso público e actividades recreativas nos illotes dos Guidoiros e illa de Rúa, para evitar que as actividades de uso público poidan seguir alterando e mesmo deteriorando os hábitats naturais e os habitas das especies.

2. A superficie obxecto de regulación por estas normas, que abrangue un total de 1.073,16 ha, das cales 49,08 ha se corresponden coa superficie terrestre e as 1.024,08 restantes, coa superficie mariña, está delimitada dentro dos oito vértices recollidos no anexo I, coincidentes os seis primeiros con vértices da ZEC Complexo Ons-O Grove (ES1140004).

A representación cartográfica desta superficie recóllese no anexo II.

Artigo 2. Aprobación das normas de uso público

Apróbanse as seguintes normas de uso público, que recollen os usos e actividades prohibidas, autorizables e permitidas neste espazo.

2.1. Actividades permitidas.

Considéranse usos e actividades permitidas:

a) O tránsito a pé na área terrestre, coa condición de que se realice de maneira racional e polas sendas e áreas autorizadas, que esta non sexa susceptible de provocar unha afección sobre os compoñentes da xeodiversidade, a biodiversidade ou o patrimonio cultural. Realizarase respectando as propiedades e os aproveitamentos do medio natural, así como a normativa sectorial e as regulacións que poida establecer o organismo autonómico competente en materia de patrimonio natural.

b) O mergullo recreativo e deportivo en apnea, sempre que se practique sen pesas ou dispositivos similares. As persoas practicantes desta actividade deberán respectar a normativa existente, entre ela, o Real decreto 550/2020, do 2 de xuño, polo que se determinan as condicións de seguridade das actividades de mergullo, e atender en todo momento as instrucións e recomendacións das autoridades competentes.

c) O baño e a natación. Co fin de evitar os impactos derivados destas actividades, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá establecer cantas medidas e restricións considere oportunas, para garantir a conservación e uso racional dos compoñentes da biodiversidade e da xeodiversidade, e sinalará convenientemente as áreas prohibidas ou con restricións desta actividade, de forma que poderán ser delimitadas mediante un sistema de balizamento.

d) Permítese o acceso á illa de Rúa e ao illote Pedregoso fóra da época de cría das aves (vai desde o mes de marzo ata o mes de xuño na illa de Rúa e desde o mes de marzo ata o mes de xullo no illote Pedregoso, ambos os meses incluídos), é dicir, estará autorizado o acceso desde o mes de xullo ata o mes de febreiro na illa de Rúa e desde o mes de agosto ata o mes de febreiro no illote Pedregoso, ambos os meses incluídos, condicionado a que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá establecer medidas restritivas en relación coas necesidades de conservación do espazo natural.

e) A pesca recreativa, coa excepción da superficie incluída nos 200 metros arredor do illote Areoso.

2.2. Usos e actividades autorizables.

Son usos e actividades autorizables:

a) O acceso ao illote Guidoiro Areoso, así como o fondeo e a atracada, vinculados con actividades de uso público, incluídas as actividades deportivas e recreativas, as cales se desenvolverán de acordo cos termos da autorización. Estas zonas de fondeo e atracada deberán estar convenientemente balizadas segundo a autorización da autoridade competente na materia.

b) As actividades, recreativas e culturais, cando a intensidade, áreas e períodos de presenza de visitantes non alteren o estado de conservación dos hábitats naturais e das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación, en referencia a datos de capacidade de carga dispoñibles.

c) Nas áreas e períodos autorizados imporase unha serie de regulacións de usos para diminuír o impacto negativo que poidan ocasionar as ditas actividades atendendo aos seguintes criterios:

I. Promoverase a visita en grupos acompañados por unha/un guía habilitada/o oficialmente ou por responsables de actividades docentes, ambientais ou culturais.

II. As actividades de uso público quedarán restrinxidas no ámbito litoral e terrestre a aquelas zonas que poidan ser delimitadas para ese efecto pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural (carreiros, áreas de praia).

d) As autorizacións de probas deportivas (vela, nado...) axustaranse ao previsto no Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá establecer medidas restritivas en relación coas necesidades de conservación do espazo natural, sen prexuízo das autorizacións requiridas en materia de seguridade marítima, da navegación e da vida humana na mar.

e) O fondeo ou a atracada de embarcacións de recreo realizaranse exclusivamente nas áreas delimitadas para ese efecto nas correspondentes autorizacións. A área de fondeo estará sinalada por boias. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración coa Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, establecerá as zonas de fondeo e atracada no illote Areoso.

f) A celebración de actividades fotográficas e de filmación de carácter comercial estará suxeita a determinadas pautas que garantan tanto a conservación do espazo como a promoción adecuada deste.

g) O uso con fins comerciais da imaxe, marca ou sinais de identidade do espazo, e das distintas denominacións relativas ás figuras de áreas protexidas que existen ou poidan existir no ámbito do espazo dos Guidoiros e illa de Rúa, deberá contar coa autorización do organismo autonómico competente en materia de patrimonio natural.

h) Permitiranse as actividades de mergullo recreativo e deportivo con equipos autónomos en grupos, coa excepción do illote Areoso e na súa contorna de 200 metros, ben que, nas zonas que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural considere, poderá establecer medidas restritivas en relación coas necesidades de conservación do espazo natural.

2.3. Usos e actividades prohibidos.

Son usos e actividades prohibidos:

a) O acceso á illa de Rúa e ás illas dos Guidoiros na época de cría das aves (entre os meses de marzo e xuño, incluídos, na illa de Rúa e desde o mes de marzo ata o mes de xullo, incluídos, no illote de Pedregoso), e permítese o acceso ao illote Areoso coas condicións establecidas nesta orde. En todo caso, prohíbese o acceso á área de nidificación de aves convenientemente sinalizada na zona sur do illote Areoso, e á zona dunar cercada tamén no Areoso.

b) Pernoctar. A acampada e o bivaque.

c) O depósito, abandono ou vertedura de lixo, desperdicios ou calquera outro tipo de residuo sólido, en especial de produtos tóxicos ou perigosos.

d) A realización de calquera actividade ou proba de carácter recreativo sen autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de patrimonio natural. As probas e competicións deportivas no interior do espazo natural considéranse incompatibles cos seus obxectivos, salvo aquelas recollidas expresamente como autorizables.

e) O exercicio da caza e da pesca recreativa, limitando a prohibición da pesca deportiva á superficie incluída nos 200 metros arredor do illote Areoso.

f) No ámbito terrestre do espazo obxecto destas normas de regulación está prohibida a circulación de vehículos de motor ou de bicicletas, agás autorización expresa por parte do organismo autonómico competente en materia de patrimonio natural e limitada ás necesidades da conservación, xestión e mantemento do espazo.

g) A recolección de espécimes e mostras biolóxicas, animais e plantas, incluídos ovos, restos óseos, sementes, flores, propágulos, así como rocas, minerais, cunchas e restos arqueolóxicos e paleontolóxicos, sen autorización expresa por parte organismo autonómico competente en materia de patrimonio natural.

h) As persoas que desembarquen nos illotes non poderán portar, nin liberar, espécimes de plantas ou órganos destas (sementes, tubérculos, entre outros) e de animais vivos. Exclúense desta prohibición os cans dos servizos oficiais de vixilancia e socorro e os cans guía empregados por persoas con discapacidade, de conformidade coa normativa galega (Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso ao contorno das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia).

i) Calquera modalidade de publicidade exterior, tanto sobre soporte artificial como natural.

j) A práctica do botellón e o uso do lume.

k) A destrución ou a alteración das infraestruturas, boias e sinalética establecidas dentro do ámbito do espazo natural obxecto destas normas de regulación.

l) O emprego de megafonía, radios e outros aparellos de son que perturben a tranquilidade e a quietude da fauna e do propio espazo natural.

Artigo 3. Capacidade de carga

1. Para os efectos de establecer a carga máxima de visitantes ao espazo obxecto desta regulación, establécense os seguintes períodos:

a) Tempada alta: enténdese por tempada alta o período transcorrido desde o 15 de maio ata o 30 de setembro (ambos incluídos), así como a Semana Santa.

b) Tempada baixa: enténdese por tempada baixa os períodos transcorridos desde o 1 de xaneiro ata o 14 de maio (ambos incluídos), e entre o 1 de outubro e o 31 de decembro (ambos incluídos, excluíndo a Semana Santa).

2. A capacidade de carga diaria no espazo obxecto desta protección preventiva distribúese en tres quendas. A primeira quenda será desde o amencer ata as 13.00 do mediodía, a segunda entre as 13.00 a.m. e as 17.00 e a terceira entre as 17.00 e o solpor.

a) Tempada alta. O número máximo de visitantes por día, distribuído por quendas, para a tempada alta queda fixado nos seguintes termos:

I. Fondeos: 20 fondeos/quenda de actividades recreativas no ámbito marítimo do espazo. As embarcacións non poderán acceder ao illote e deberán facelo mediante embarcacións auxiliares, que deberán regresar aos puntos de fondeo unha vez realizado o desembarco, no caso de contar con autorización e unha vez formado o grupo de visita. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, mediante resolución, poderá restrinxir de forma temporal ou permanente as actividades de fondeo, así como as de xestión do uso público no medio terrestre, cando así o requiran as necesidades de conservación e xestión dos compoñentes da biodiversidade e do Patrimonio Natural.

II. Atracada no medio insular. A atracada vencellada a actividades de uso público que se realizan no illote Areoso efectúase sobre o medio litoral. A necesidade de preservar os hábitats e as especies obxecto deste plan obriga a regular a atracada das embarcacións vencelladas con actividades de uso público. Deste modo, o número de embarcacións autorizadas non poderá superar as 10 embarcacións de motor, por quenda, e 12 para as embarcacións que non dispoñan de motor, por quenda.

III. Acceso ao medio litoral-terrestre. Dadas as dimensións deste medio e os valores que son obxecto de protección nas presentes normas, a presenza de visitantes non poderá superar por quenda as 50 persoas, e realizarase a visita preferentemente en grupos de ata 20 persoas, acompañadas por unha/un guía habilitada/o oficialmente para algunha das figuras de áreas naturais protexidas, ou responsables de actividades docentes, ambientais ou culturais. As actividades dos grupos non poderán ser coincidentes no tempo. A visita quedará limitada ás horas diúrnas, entre o amencer e o anoitecer.

b) Tempada baixa. O número máximo de visitantes por día, distribuído por quendas, para a tempada baixa, período crítico para a conservación das especies silvestres, queda fixado nos seguintes termos:

I. Fondeos: 10 fondeos/quenda de actividades recreativas no ámbito marítimo do espazo.

II. Atracada no medio insular, dada a inexistencia de puntos habilitados de atracada e a necesidade de preservar o medio litoral: o número de embarcacións autorizadas non poderá superar as 5 embarcacións por quenda (2 embarcacións con motor e 3 sen motor).

III. Acceso ao medio litoral-terrestre. A presenza de visitantes non poderá superar por quenda as 20 persoas, e realizarán a visita preferentemente en grupos de ata 5 persoas acompañadas por unha/un guía habilitada/o oficialmente para algunha das figuras de áreas naturais protexidas, ou responsables de actividades docentes ou ambientais. As actividades dos grupos non poderán ser coincidentes no tempo. A visita quedará limitada ás horas diúrnas, entre o amencer e o anoitecer.

3. A capacidade de carga establecida condicionará o réxime de autorizacións das actividades de uso público que outorgará a dirección xeral competente en materia de patrimonio natural.

Artigo 4. Réxime de infraccións e sancións

O réxime sancionador aplicable ao espazo protexido que resulta do ámbito de aplicación das normas de uso previsto nesta orde será o establecido na Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, e na Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

Disposición adicional primeira. Competencias da Administración xeral do Estado en materia de mariña mercante

As previsións contidas nesta orde deben entenderse sen menoscabo nin prexuízo das competencias que lle corresponden á Administración xeral do Estado en materia de mariña mercante para a ordenación xeral da navegación marítima, en aplicación da normativa nacional e internacional relativa a esta materia.

Disposición adicional segunda. Liberdade de navegación

A aplicación do disposto nesta orde levarase a cabo sen prexuízo da liberdade de tránsito de buques e embarcacións pola canle de navegación existente entre os illotes de Rúa e Guidoiro Pedregoso.

Disposición derrogatoria. Derrogación

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta disposición.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor e producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Ámbito xeográfico obxecto de regulación específica de usos

A superficie obxecto desta regulación específica de usos, representada na cartografía do anexo II, está delimitada dentro dos oito vértices seguintes, coincidentes os seis primeiros con vértices da ZEC Complexo Ons-O Grove (ES1140004):

Nº de vértice

UTM_X

UTM_Y

Lonxitude

Latitude

01

507258,18

4708526,20

8 54 41.845 W

42 31 44.6986 N

02

504891,04

4709782,90

8 56 25.5674 W

42 32 25.509 N

03

503923,43

4710745,44

8 57 7.9655 W

42 32 56.7353 N

04

504824,29

4711809,46

8 56 28.4322 W

42 33 31.2133 N

05

507504,76

4710862,86

8 54 30.926 W

42 33 0.4467 N

06

509266,07

4710463,63

8 53 13.7182 W

42 32 47.4345 N

07

509459,84

4710245,41

8 53 5.2352 W

42 32 40.3512 N

08

508405,62

4707910,16

8 53 51.5808 W

42 31 24.6841 N

Vértices que delimitan o ámbito de protección. Os puntos representados en coordenadas UTM realizáronse coa proxección ETRS89 zona 29N.

No que respecta á altura máxima na superficie, esta alcanza os 23 m na illa de Rúa e 10 m nas illas dos Guidoiros. A maior profundidade das augas alcanza os 50 m entre a illa de Rúa e o illote Guidoiro Pedregoso.

ANEXO II

Cartografía

O ámbito de protección das presentes normas queda representado nas figuras adxuntas e nas coordenadas dos vértices do polígono que se recollen no anexo I:

missing image file

missing image file