Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2023 Páx. 40958

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

DECRETO 102/2023, do 15 de xuño, polo que se regulan as entidades de colaboración ambiental e se crean o Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia e o Banco de persoas expertas en avaliación ambiental.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída no artigo 27.30 do seu Estatuto de autonomía a competencia sobre «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo cento corenta e nove, un, vinte e tres da Constitución», precepto que, pola súa banda, asigna ao Estado a competencia en materia de lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas para estableceren normas adicionais de protección. En exercicio desta competencia estatutaria, o Parlamento de Galicia incluíu na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no título III, relativo á simplificación e racionalización de trámites e procedementos administrativos, un capítulo II dedicado especificamente á racionalización dos procedementos de avaliación ambiental, que persegue, no marco da normativa da Unión Europea e da lexislación básica estatal na materia, simplificar e axilizar a tramitación dos procedementos de avaliación ambiental para favorecer a implantación de actividades produtivas, sen minguar os elevados niveis de protección ambiental que son propios de toda sociedade avanzada e que exixe o artigo 45 da Constitución.

Dentro das medidas contidas no devandito capítulo II do título III da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, existen dúas en particular que precisan dun desenvolvemento regulamentario para a súa plena efectividade: a regulación das entidades de colaboración ambiental (artigo 41) e a creación dun banco de persoas expertas en avaliación ambiental (artigo 30.2). O decreto ten como obxecto levar a cabo ese desenvolvemento regulamentario.

As entidades de colaboración ambiental son entidades dotadas de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar que, unha vez cumpridos os requisitos previstos no decreto, desenvolven no ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia actuacións de verificación da conformidade coa normativa aplicable dos plans, programas e proxectos que se vaian someter a avaliación ambiental e de colaboración na tramitación dos procedementos de avaliación ambiental, no seguimento dos pronunciamentos ambientais e nas funcións de inspección ambiental. Múltiples comunidades autónomas, ás cales agora se une Galicia, dispoñen de normativa regulamentaria sobre estas entidades e a súa actividade; así, cabe mencionar o Decreto 334/2012, do 17 de xullo, polo que se regulan as entidades colaboradoras en materia de calidade ambiental na Comunidade Autónoma de Andalucía; o Decreto do Goberno de Canarias 70/2012, do 26 de xullo, polo que se regulan as entidades colaboradoras en materia de contaminación ambiental e se crea o correspondente rexistro; o Decreto 212/2012, do 16 de outubro, polo que se regulan as entidades de colaboración ambiental e se crea o Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma do País Vasco; o Decreto 22/2015, do 13 de febreiro, polo que se regulan as funcións e o Rexistro de Entidades Colaboradoras en Materia de Calidade Ambiental da Comunitat Valenciana; o Decreto 49/2015, do 30 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos solos contaminados na Comunidade Autónoma de Extremadura; o Decreto da Generalitat de Cataluña 60/2015, do 28 de abril, sobre as entidades colaboradoras de ambiente, e o Decreto 27/2019, do 11 de abril, de protección e control ambiental industrial no Principado de Asturias.

A intervención das entidades de colaboración ambiental permite axilizar a tramitación dos procedementos de avaliación ambiental de plans, programas e proxectos, o seguimento dos pronunciamentos ambientais e o exercicio das funcións de inspección ambiental. Por unha banda, as actuacións que desenvolven para a verificación da conformidade dos documentos que os suxeitos promotores deben presentar nos procedementos de avaliación ambiental (estudos ambientais estratéxicos, documentos ambientais estratéxicos, estudos de impacto ambiental, documentos ambientais) e dos informes de seguimento sobre o cumprimento dos pronunciamentos ambientais facilitan a revisión destes por parte do órgano ambiental; por outra banda, as actuacións de asistencia técnica que lles pode requirir a Administración suplen as eventuais limitacións da dispoñibilidade de medios propios, reducindo os tempos de tramitación dos procedementos e contribuíndo a incrementar a eficacia no exercicio das funcións administrativas de protección ambiental. Debe subliñarse, así mesmo, que a intervención destas entidades non altera o principio de que o exercicio das potestades públicas corresponde exclusivamente aos órganos administrativos competentes.

O banco de persoas expertas é unha innovación da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para dotar de plena transparencia o exercicio da facultade de solicitar informes a suxeitos expertos que tanto a lexislación básica estatal como a propia lexislación autonómica confiren ao órgano ambiental nos procedementos de avaliación ambiental. Con este banco, que se crea como un instrumento administrativo de carácter público en que serán inscritas as persoas que obteñan a cualificación de expertas en avaliación ambiental, de acordo co establecido no decreto, garantirase a publicidade da identidade e a cualificación das persoas expertas ás cales o órgano ambiental poderá recorrer para emitir informe, así como os datos dos procedementos de avaliación ambiental en que foi requirida a súa intervención. Para a inscrición no banco, regúlase un procedemento de selección baseado nos principios de publicidade e obxectividade, que garante a igualdade e a debida cualificación no acceso á condición de experto en avaliación ambiental.

II

O decreto consta de 41 artigos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras. O texto articulado está dividido en tres capítulos, dedicados ás disposicións xerais, ás entidades de colaboración ambiental e ao Banco de expertos en avaliación ambiental.

O capítulo I define o obxecto e o ámbito de aplicación do decreto, que se circunscribe aos procedementos de avaliación ambiental, de seguimento dos pronunciamentos ambientais e de inspección ambiental de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O capítulo II estrutura a regulación das entidades de colaboración ambiental en cinco seccións. A primeira ocúpase das cuestións xerais desa regulación, como son a definición das devanditas entidades, os seus principios de actuación, a enunciación das actuacións que poden desenvolver e o sometemento destas ás instrucións técnicas e protocolos que poida aprobar a consellería competente en materia de ambiente, os modelos da documentación en que se terán que plasmar as súas actuacións e a obriga de integrar nelas os medios electrónicos.

Na segunda sección do capítulo II abórdanse os requisitos que deben reunir as entidades de colaboración ambiental, tanto de carácter material como formal. No plano material, exíxelles una acreditación que garanta a súa competencia técnica e a subscrición dun seguro de responsabilidade civil que cubra as posibles responsabilidades en que poidan incorrer na realización das súas actuacións. No plano formal, deberán comunicar o inicio da súa actividade á consellería competente en materia de ambiente para os únicos efectos de control, mediante unha comunicación previa que comporta a inscrición de oficio nun rexistro administrativo. Todo isto sen prexuízo de que o decreto permita que os organismos de control legalmente establecidos noutros lugares do territorio nacional poidan tamén desenvolver as actuacións propias das entidades de colaboración ambiental no ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, co alcance que derive da habilitación administrativa con que conten para desenvolver a súa actividade.

As seccións terceira e cuarta regulan as actuacións das entidades de colaboración ambiental, dividíndoas en dous grandes grupos: actuacións de verificación de conformidade e actuacións de colaboración coa Administración.

O primeiro tipo de actuacións realízase por solicitude dos suxeitos promotores dos plans, programas e proxectos sometidos a avaliación ambiental e ten como finalidade verificar a calidade técnica, o cumprimento da normativa aplicable e, de ser o caso, a realidade dos datos e informacións contidos nos documentos que aqueles deben presentar ben nos procedementos de avaliación ambiental, ben para o seguimento do cumprimento dos pronunciamentos ambientais. As certificacións de conformidade emitidas polas entidades de colaboración ambiental acreditan a calidade técnica, o cumprimento da normativa aplicable e, de ser o caso, a realidade dos datos e informacións contidos nos documentos sometidos a verificación, sen prexuízo das competencias do órgano ambiental. Ademais, consonte o previsto nos artigos 35.1.c) e 38.1.i) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, nos procedementos de avaliación ambiental estratéxica ordinaria e de avaliación de impacto ambiental ordinaria, a presentación dunha certificación de conformidade co estudo ambiental estratéxico ou co estudo de impacto ambiental reducirá a un mes o prazo para a análise técnica do expediente.

O segundo tipo de actuacións desenvólvese por solicitude da Administración e ten por obxecto a asistencia técnica a esta na tramitación dos procedementos de avaliación ambiental, no seguimento dos pronunciamentos ambientais e no exercicio das funcións de inspección ambiental. O decreto detalla o alcance que pode ter esta asistencia técnica e os requisitos a que se somete, deixando claro que corresponde en todo caso aos órganos administrativos competentes ditar os actos ou resolucións de carácter xurídico que dean soporte ou nos cales se integren as actuacións de colaboración.

Finalmente, a sección quinta do capítulo II establece o réxime de obrigas e control das entidades de colaboración ambiental, que é esencial para garantir o respecto dos principios de actuación que se recollen no artigo 41.4 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e no decreto. O dito réxime inclúe tanto as súas obrigas xerais como as específicas respecto das persoas usuarias dos servizos que prestan; as prohibicións e incompatibilidades a que se someten en garantía dos principios de imparcialidade e independencia; as normas aplicables ao seu persoal; o control e inspección da consellería competente en materia e ambiente, e a regulación das reclamacións contra as súas actuacións.

O capítulo III trata do Banco de persoas expertas en avaliación ambiental e da obtención da cualificación de persoa experta en tal materia, que determina a inscrición no banco. O Banco caracterízase polo seu carácter público e, en relación coa obtención da cualificación de persoa experta en avaliación ambiental, defínense os requisitos xerais, a necesidade de convocatoria pública, o nomeamento dunha ou varias comisións de cualificación e a concreción dos criterios que serán tidos en conta para decidir o outorgamento da cualificación. Outros aspectos que se regulan neste capítulo son a vixencia da cualificación como persoa experta en avaliación ambiental e a intervención destas persoas nos procedementos de avaliación ambiental.

As dúas disposicións derradeiras recollen a habilitación para o desenvolvemento normativo e execución do decreto e a súa entrada en vigor.

III

O decreto tramitouse de conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, con suxeición ao principio de transparencia, que en materia ambiental se ve reforzado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, buscando a participación activa das potenciais persoas destinatarias, en consonancia cos principios de boa regulación que deben presidir toda actuación normativa das administracións públicas. Nesta liña, foi sometido a consulta pública, así como ao trámite de información pública e de audiencia.

De conformidade con todo o exposto anteriormente, cómpre destacar que coa aprobación do decreto se dá pleno cumprimento aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta da vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xuño de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O decreto ten por obxecto:

1. Regular as entidades de colaboración ambiental no ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento do artigo 41 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, crear o seu rexistro e regular o procedemento de inscrición.

2. A creación e regulación do Banco de persoas expertas en avaliación ambiental previsto no artigo 30.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O decreto aplícase no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia en relación cos procedementos de avaliación ambiental, de seguimento dos pronunciamentos ambientais e de inspección ambiental de competencia autonómica.

CAPÍTULO II

Entidades de colaboración ambiental

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 3. Definición

1. Son entidades de colaboración ambiental as entidades dotadas de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar que, unha vez cumpridos os requisitos que se prevén neste decreto, desenvolven no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia as seguintes actuacións:

a) Verificación da conformidade á normativa aplicable dos plans, programas e proxectos que se vaian someter a avaliación ambiental.

b) Colaboración na tramitación dos procedementos de avaliación ambiental, en particular na realización dos trámites de información pública e consultas e na análise técnica dos expedientes.

c) Colaboración no seguimento dos pronunciamentos ambientais.

d) Colaboración nas funcións de inspección ambiental.

2. Os organismos de control legalmente establecidos en calquera lugar do territorio nacional teñen plena capacidade para realizar no ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia as actuacións propias das entidades de colaboración ambiental, co alcance que derive da habilitación administrativa con que conten para desenvolver a súa actividade.

Artigo 4. Principios de actuación

De conformidade co establecido no artigo 41.4 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, as entidades de colaboración ambiental réxense polos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia, e a súa actuación non poderá substituír as potestades públicas de inspección, comprobación, control e sanción.

Artigo 5. Actuacións

As entidades de colaboración ambiental desenvolven, de conformidade co establecido no decreto e na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, as actuacións descritas no artigo 41.1 da dita norma.

Artigo 6. Instrucións técnicas e protocolos de actuación

Para o mellor desenvolvemento das actuacións das entidades de colaboración ambiental, a consellería competente en materia de ambiente poderá dirixirlles instrucións técnicas de carácter xeral ou particular e aprobar os protocolos que deberán aplicar nas ditas actuacións.

Artigo 7. Modelos de documentación

1. A consellería competente en materia de ambiente poderá aprobar modelos dos documentos que teñan que emitir as entidades de colaboración ambiental na realización das súas actuacións, sinaladamente certificacións de conformidade, actas e informes.

2. Os documentos emitidos polas entidades de colaboración ambiental no exercicio da súa actividade conterán a identificación da entidade que os expide nos termos establecidos polo artigo 19 e deberán estar asinados polo persoal técnico directamente responsable da actuación.

Artigo 8. Integración de medios electrónicos

As entidades de colaboración ambiental integrarán en todas as súas actuacións os medios electrónicos e, cando actúen como tales, relacionaranse exclusivamente por eses medios coas administracións públicas.

Sección 2ª. Requisitos, comunicación previa e rexistro

Artigo 9. Requisitos

1. As entidades que desexen actuar como entidades de colaboración ambiental deben ter personalidade xurídica e plena capacidade de obrar segundo as normas do ordenamento xurídico que lles resulten de aplicación e dispoñer dos recursos humanos, materiais e financeiros necesarios para realizar as súas actuacións.

2. Entenderase que unha entidade dispón dos recursos necesarios para realizar as actuacións propias das entidades de colaboración ambiental cando acredite o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Contar cunha acreditación conforme a norma UNE-EN ISO/IEC 17020 como entidade de inspección que avalía o cumprimento dos aspectos ambientais incluídos nas autorizacións ambientais, emitida pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) como organismo nacional de acreditación, ou ben estar acreditada como verificadora ambiental de acordo co establecido no Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental, ou norma que o substitúa.

b) Ter constituído como garantía patrimonial un seguro de responsabilidade civil de 1.000.000 de euros, de acordo coa lexislación aplicable, que deberá incluír a actividade da entidade e do seu persoal técnico. Na cobertura do seguro contratado incluiranse, polo menos, todos os factores de risco asociados ás actividades obxecto das actuacións propias das entidades de colaboración ambiental.

Artigo 10. Comunicación previa

1. Sen prexuízo do disposto no número 2 do artigo 3, as persoas físicas ou xurídicas que desexen actuar como entidades de colaboración ambiental no ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia deben presentar unha comunicación previa ao inicio da súa actividade perante a consellería competente en materia de ambiente consonte o modelo recollido no anexo I.

Esta comunicación previa inclúe as seguintes declaracións da persoa comunicante ou representante:

a) Declaración do persoal técnico de que dispón a entidade, que deberá contar con coñecementos técnicos e experiencia suficiente na materia, indicando o seu nome, apelidos, NIF e titulación.

b) Declaración de que que todos os datos contidos nesta comunicación previa e nos documentos que se presentan son certos.

2. As comunicacións previas presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT202L).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación previa presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación previa aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das comunicacións previas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ).

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación previa a seguinte documentación:

a) A escritura ou documento de constitución, os estatutos ou o acto fundacional, nos cales consten as normas polas cales se regula a súa actividade, debidamente inscritos, de ser o caso, no rexistro público que corresponda.

b) O certificado da acreditación a que fai referencia a alínea a) do número 2 do artigo 9.

c) O xustificante da constitución do seguro de responsabilidade civil a que fai referencia a alínea b) do número 2 do artigo 9.

d) Copia das titulacións académicas que posúa o persoal técnico de que dispoña a entidade segundo a comunicación previa, no caso de que este se opoña á súa consulta.

e) Anexo II. Comprobación de datos de terceiras persoas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación previa deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da comunicación previa e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos que figuren en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa comunicante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) DNI/NIE de terceiras persoas.

d) Verificación de títulos académicos da persoa comunicante, no caso de que forme parte do persoal técnico de que dispón a entidade.

f) Verificación de títulos académicos de terceiras persoas incluídas no anexo II.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

a) NIF da entidade comunicante.

b) NIF da entidade representante.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Efectos da presentación da comunicación previa

1. Unha vez presentada a comunicación previa prevista no artigo 10, a entidade de colaboración ambiental poderá iniciar a súa actividade como tal, e quedará sometida ás facultades de comprobación, control e inspección da consellería competente en materia de ambiente.

2. A presentación da comunicación previa comportará a inscrición de oficio da entidade no Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 14. Prazo de vixencia e revisión da comunicación previa

1. A eficacia da comunicación previa prevista no artigo 10 ten carácter indefinido, mentres a entidade que a presentou manteña os requisitos establecidos no artigo 9.

2. Para o efecto da comprobación do previsto no número 1 deste artigo, as entidades de colaboración ambiental xustificarán cada tres anos ante a consellería competente en materia de ambiente o mantemento dos requisitos recollidos no número 2 do artigo 9, achegando a correspondente documentación actualizada perante a consellería competente en materia de ambiente a través do modelo recollido no anexo I.

A persoa comunicante ou o seu representante deben indicar que se trata dunha renovación e sinalar o código de expediente con que foron inscritos.

A falta de xustificación comportará a cancelación de oficio da inscrición.

3. En todo caso, as entidades de colaboración ambiental están obrigadas a poñer en coñecemento da consellería competente en materia de ambiente no prazo dun mes calquera variación nos requisitos cuxo cumprimento se xustificou na comunicación previa ao inicio da súa actividade ou nas revisións periódicas previstas no número 2 deste artigo e que poida afectar a eficacia daquela, achegando a correspondente documentación actualizada perante a consellería competente en materia de ambiente a través do modelo recollido no anexo I.

A persoa comunicante ou o seu representante deben indicar que se trata dunha actualización e sinalar o código de expediente con que foron inscritos.

Artigo 15. Causas de ineficacia da comunicación previa

1. Son causas de ineficacia da comunicación previa prevista no artigo 10:

a) O incumprimento orixinario ou sobrevido dos requisitos para actuar como entidade de colaboración ambiental recollidos no número 2 do artigo 9.

b) A inexactitude, falsidade ou omisión en calquera dato, manifestación ou documento que se achegase ou incorporase á comunicación previa, salvo erro ou equivocación elemental patente e clara, derivados da incorrecta transcrición de nomes, datas, operacións aritméticas ou da cita de documentos, que poderán ser emendados.

c) A extinción da persoa xurídica.

2. Malia o disposto na alínea c) do número 1 deste artigo, nos casos de extinción da persoa xurídica por fusión con outra ou outras entidades, a comunicación previa manterá a súa eficacia, pasándose a considerar titular da actividade a nova entidade, sempre que este cambio de titularidade se comunique á consellería competente en materia de ambiente para efectos de control e de modificación da inscrición no Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente, nos supostos de escisión, achega ou transmisión das entidades de colaboración ambiental ou da rama de actividade relativa ao obxecto da comunicación previa, esta última conservará a súa eficacia sempre que a entidade que asuma a actividade manteña os requisitos exixidos polo decreto para o seu exercicio e o cambio de titularidade se comunique á consellería competente en materia de ambiente.

3. A ineficacia polas causas recollidas nas alíneas a) e b) do número 1 será declarada polo órgano competente para a inscrición das entidades de colaboración ambiental no Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, logo da tramitación do correspondente procedemento administrativo con audiencia da entidade interesada.

4. A declaración de ineficacia comportará a cancelación de oficio da inscrición da entidade no devandito rexistro.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación da comunicación previa

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da comunicación previa deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación previa. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. O Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Créase o Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da consellería competente en materia de ambiente, adscrito á dirección xeral con competencia en materia de calidade ambiental.

2. O Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia é o instrumento administrativo de carácter público para a inscrición de oficio das entidades de colaboración ambiental que presenten comunicación previa perante a consellería competente en materia de ambiente ao inicio da súa actividade.

3. Nas inscricións previstas no número 2 constará como mínimo a seguinte información, sen prexuízo do que se estableza ao respecto regulamentariamente:

a) Datos identificativos da entidade.

b) Número de identificación fiscal.

c) Número de inscrición no Rexistro.

d) O grupo ou grupos de actuacións.

e) Data da comunicación previa.

f) Data da última renovación.

g) O estado da inscrición, con indicación das modificacións da habilitación administrativa ou a perda de eficacia desta.

h) Número identificativo da acreditación exixida no artigo 9.2.a).

4. Os datos do Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia son de carácter público. O acceso aos datos do Rexistro efectuarase nos termos e condicións establecidos na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, ou norma que a substitúa, e na normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

5. Coa finalidade de fomentar a difusión da información pública de interese para a cidadanía, e de conformidade co disposto no artigo 20 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os datos contidos nas alíneas a), c), d) e g) do número 3 deste artigo poderanse consultar na páxina web da consellería competente en materia de ambiente.

6. Corresponderá á subdirección xeral con competencia en materia de avaliación ambiental a xestión do Rexistro, a inscrición das entidades colaboradoras nel, a actualización dos datos rexistrais e a tramitación das solicitudes de información.

7. O réxime de organización e funcionamento do Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverase mediante orde da consellería competente en materia de ambiente.

Artigo 19. Constancia da inscrición no Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia

1. As entidades de colaboración ambiental farán constar nos documentos que emitan en exercicio da súa actividade e nas comunicacións coa Administración a referencia da súa inscrición no Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os organismos de control establecidos noutros lugares do territorio nacional que, ao abeiro do previsto no número 2 do artigo 3, exerzan a súa actividade no ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia substituirán a referencia da inscrición no Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia pola referencia do rexistro equivalente no cal, de ser o caso, estean inscritas.

De non estaren inscritas en ningún rexistro, por non exixilo a normativa do lugar onde estean establecidas, xuntarán aos documentos que emitan en exercicio da súa actividade e ás comunicacións coa Administración unha declaración responsable en que conste a referencia da habilitación administrativa con que conten para realizar a súa actividade e o alcance desta.

Sección 3ª. Actuacións de verificación da conformidade

Artigo 20. Obxecto

1. As actuacións das entidades de colaboración ambiental de verificación da conformidade teñen por obxecto verificar a calidade técnica, o cumprimento da normativa aplicable e, de ser o caso, a realidade dos datos e informacións contidos:

a) Nos estudos ambientais estratéxicos, documentos ambientais estratéxicos, estudos de impacto ambiental e documentos ambientais relativos aos plans, programas e proxectos que vaia someter a avaliación ambiental o órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Nos informes de seguimento sobre o cumprimento das declaracións ambientais estratéxicas, informes ambientais estratéxicos, declaracións de impacto ambiental e informes de impacto ambiental, cando o seguimento sexa competencia dun órgano da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os suxeitos promotores poden dirixirse á entidade de colaboración ambiental da súa elección, dentro das que estean habilitadas para desenvolver actuacións de verificación consonte o previsto no decreto, co fin de solicitar a verificación da conformidade dos documentos enunciados no número 1 deste artigo.

3. A relación entre os suxeitos promotores e as entidades de colaboración ambiental estará suxeita ao dereito privado.

Artigo 21. Certificación de conformidade

As entidades de colaboración ambiental declararán, de ser o caso, a conformidade do documento sometido á súa verificación mediante unha certificación que terá o seguinte contido mínimo:

1. Identificación da entidade que a expide.

2. Identificación do suxeito promotor.

3. Identificación do plan, programa ou proxecto a que se refire o documento.

4. Indicación da normativa de aplicación.

5. Adecuación ao documento de alcance, de ser o caso, e ás normas xerais, sectoriais e técnicas que resulten de aplicación.

Artigo 22. Presentación da certificación de conformidade

1. O suxeito promotor poderá achegar a certificación de conformidade co documento sometido a verificación, ou ben autorizar a entidade de colaboración ambiental, cumprindo os requisitos establecidos na lexislación do procedemento administrativo común, para que presente o documento ante o órgano competente, acompañado da certificación de conformidade e da demais documentación exixida pola normativa aplicable. Neste último caso, cada un dos documentos que se achegue deberá presentarse debidamente dilixenciado pola entidade co número da certificación de conformidade.

2. O suxeito promotor pode encomendar á entidade de colaboración ambiental que solicite a emisión das autorizacións ou informes preceptivos que a normativa sectorial aplicable lle exixa reunir con carácter previo á presentación ante o órgano competente do documento sometido a verificación.

Artigo 23. Efectos da certificación de conformidade

1. As certificacións de conformidade emitidas polas entidades de colaboración ambiental acreditan a calidade técnica, o cumprimento da normativa aplicable e, de ser o caso, a realidade dos datos e informacións contidos nos documentos sometidos a verificación, sen prexuízo das competencias do órgano ambiental.

2. Consonte o previsto nos artigos 35.1.c) e 38.1.i) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, nos procedementos de avaliación ambiental estratéxica ordinaria e de avaliación de impacto ambiental ordinaria, a presentación dunha certificación de conformidade co estudo ambiental estratéxico ou co estudo de impacto ambiental reducirá a un mes o prazo para a análise técnica do expediente.

A presentación dunha certificación de conformidade cun estudo ambiental estratéxico, documento ambiental estratéxico, estudo de impacto ambiental ou documento ambiental non implicará unha tramitación preferente do procedemento de avaliación ambiental do correspondente plan, programa ou proxecto con respecto ao dos plans, programas ou proxectos que non se sometesen á verificación da conformidade.

3. A presentación dunha certificación de conformidade co informe de seguimento sobre o cumprimento dunha declaración ambiental estratéxica, informe ambiental estratéxico, declaración de impacto ambiental ou informe de impacto ambiental será tido en conta na planificación das actuacións de comprobación destinadas a verificar o cumprimento do condicionado do correspondente pronunciamento ambiental.

4. De acordo co establecido no artigo 41.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, as entidades de colaboración ambiental serán as únicas responsables fronte á Administración do contido das súas certificacións de conformidade, que substituirán a responsabilidade das demais persoas interesadas.

Sección 4ª. Actuacións de colaboración coa Administración

Artigo 24. Obxecto

1. As actuacións das entidades de colaboración ambiental de colaboración coa Administración teñen por obxecto a asistencia técnica a esta na tramitación dos procedementos de avaliación ambiental, no seguimento dos pronunciamentos ambientais e no exercicio das funcións de inspección ambiental.

2. Corresponderá en todo caso aos órganos administrativos competentes ditar os actos ou resolucións de carácter xurídico que dean soporte ou nos cales se integren as actuacións de colaboración reguladas nesta sección.

Artigo 25. Instrumentación da colaboración

A colaboración das entidades de colaboración ambiental coa Administración instrumentarase a través das distintas fórmulas previstas polo ordenamento xurídico segundo a natureza xurídica de cada entidade. Cando resulte de aplicación a lexislación de contratación do sector público, os pregos e o documento que formalice o contrato recollerán as condicións de desenvolvemento das actuacións requiridas da entidade, para o efecto de determinar o alcance da colaboración.

Artigo 26. Documentación das funcións de colaboración

As entidades de colaboración ambiental documentarán as funcións de colaboración que realicen para a Administración mediante informes e actas que poderán ser asumidos por esta sen prexuízo das súas competencias.

Artigo 27. Colaboración na tramitación dos procedementos de avaliación ambiental

1. A colaboración das entidades de colaboración ambiental na tramitación dos procedementos de avaliación ambiental consistirá na asistencia técnica ao órgano administrativo competente na realización material de calquera dos trámites daqueles, en particular os de información pública e consultas, e na análise técnica dos expedientes.

2. A colaboración na realización dos trámites de información pública e consultas poderá incluír a valoración das alegacións e informes recibidos mediante o oportuno informe, que poderá ser asumido polo órgano administrativo competente no exercicio das súas competencias.

3. A colaboración na análise técnica dos expedientes sometidos a avaliación ambiental poderá incluír tamén a análise formal daqueles e dará lugar á emisión do oportuno informe, no que a entidade de colaboración ambiental sinalará motivadamente a conformidade do expediente coa normativa reguladora da avaliación ambiental ou a desconformidade con esta e os puntos concretos que teñan que ser emendados.

Artigo 28. Colaboración no seguimento dos pronunciamentos ambientais

1. A colaboración das entidades de colaboración ambiental no seguimento dos pronunciamentos ambientais consistirá na asistencia técnica ao órgano administrativo competente na realización material das comprobacións destinadas a verificar o cumprimento do condicionado das declaracións ambientais estratéxicas, informes ambientais estratéxicos, declaracións de impacto ambiental e informes de impacto ambiental, así como na avaliación do grao de implementación, resultados, eficacia e eficiencia das avaliacións ambientais realizadas.

2. As comprobacións das entidades de colaboración ambiental para verificar o cumprimento do condicionado das declaracións ambientais estratéxicas, informes ambientais estratéxicos, declaracións de impacto ambiental e informes de impacto ambiental rexeranse polas normas establecidas no artigo seguinte para a colaboración no exercicio da función de inspección ambiental.

Artigo 29. Colaboración no exercicio da función de inspección ambiental

1. A colaboración das entidades de colaboración ambiental no exercicio da función de inspección ambiental comprenderá a realización das tomas de mostras, análises, verificacións e controis técnicos de todo tipo que a Administración ambiental lle poida encomendar.

2. Se para a realización das actuacións previstas neste artigo fose necesaria unha visita de inspección por parte da entidade de colaboración ambiental a instalacións, establecementos, actividades ou obras, o persoal que leve a cabo a visita deberá identificarse e indicar a finalidade desta, que terá que quedar documentada a través de correspondente acta, na cal constarán os seguintes datos:

a) Identificación da instalación, establecemento, actividade ou obra.

b) Identificación da persoa titular ou, na súa falta, responsable.

c) Data de realización da visita de inspección e identificación das persoas que a efectúan.

d) Descrición das actuacións e comprobacións practicadas durante a visita á instalación, establecemento, actividade ou obra.

e) Incumprimentos da normativa ambiental en vigor que, de ser o caso, se detecten como consecuencia das comprobacións efectuadas.

f) Incidencias producidas durante a visita de inspección.

g) Manifestacións realizadas pola persoa titular ou responsable da actividade, sempre que solicite a súa constancia.

h) Sinatura das persoas asistentes ou identificación das que se negasen á sinatura.

A acta poderá incluír tamén unha reportaxe fotográfica da instalación, establecemento, actividade ou obra obxecto da visita de inspección.

3. Naqueles supostos en que así veña establecido pola normativa ou se considere oportuno, xunto coa acta prevista no número 2 deste artigo ou por requirimento da Administración, a entidade de colaboración ambiental poderá achegar un informe de valoración sobre as incidencias detectadas durante a visita de inspección.

4. Sen prexuízo do disposto na lexislación do procedemento administrativo común, as actas e informes emitidos polas entidades de colaboración ambiental en execución das actuacións de colaboración no exercicio da función de inspección ambiental poderán incorporarse ao procedemento sancionador, e quedarán sometidos ás normas xerais de valoración da proba.

5. A falta de colaboración coas actuacións das entidades de colaboración ambiental reguladas neste artigo considerarase, para os efectos do réxime sancionador aplicable, como obstrución do labor inspector da Administración.

Sección 5ª. Obrigas e control

Artigo 30. Obrigas xerais

As entidades de colaboración ambiental teñen as seguintes obrigas xerais:

a) Xustificar ante a consellería competente en materia de ambiente coa periodicidade establecida no número 2 do artigo 14 o mantemento dos requisitos recollidos no número 2 do artigo 9 e poñer en coñecemento do devandito órgano calquera variación neles que poida afectar a eficacia da habilitación administrativa con que conten para o exercicio da súa actividade.

b) Realizar as súas actuacións adecuadamente, constatando os feitos e aplicando en cada actuación e coa debida dilixencia as correspondentes normas técnicas e as legais ou regulamentarias que resulten de necesaria observación, de acordo coas instrucións e protocolos técnicos que a consellería competente en materia de ambiente poida ter ditado.

c) Non subcontratar as súas actuacións. Non se considera subcontratación a contratación da realización de probas técnicas ou ensaios en apoio ás súas actuacións. Estas probas técnicas ou ensaios deberán ser realizados por unha entidade acreditada consonte a norma UNE-EN ISO/IEC 17020.

d) Entregar nos prazos a que se comprometeron ou que estableza a normativa aplicable as certificacións, actas e informes en que documenten as súas actuacións.

e) Comunicar á consellería competente en materia de ambiente os feitos que poidan ser constitutivos de infracción penal ou administrativa dos cales teñan coñecemento con ocasión da realización das súas actuacións.

f) Cumprir as previsións en materia de incompatibilidades que establece o artigo 32.

g) Garantir a confidencialidade dos datos e da información a que teñan acceso na realización das súas actuacións.

h) Rexistrar e conservar por un período de cinco anos as actas e informes emitidos na realización das súas actuacións, garantindo a súa constancia e autenticidade.

i) Achegar á consellería competente en materia de ambiente copia de todos os arquivos e rexistros relacionados coas súas actuacións desenvoltas nos últimos cinco anos, no caso de perda da eficacia da habilitación administrativa con que conten para realizar a súa actividade.

j) Someterse en todo momento ao control e inspección da consellería competente en materia de ambiente.

k) As demais que lles impoñan no decreto e na normativa sectorial que resulte de aplicación.

Artigo 31. Obrigas específicas con respecto ás persoas usuarias

As entidades de colaboración ambiental teñen as seguintes obrigas específicas con respecto ás persoas usuarias dos seus servizos:

a) Manter actualizada en todo momento a información que deban subministrar ás persoas usuarias.

b) Subministrar información sobre as condicións técnicas, xurídicas e procedementais exixibles da actuación pretendida polas persoas usuarias.

c) Comunicar a existencia, de ser o caso, de exixencias técnicas determinantes que fagan a súa actuación inviable no marco normativo aplicable.

d) Informar sobre o estado de tramitación da verificación da conformidade contratada ou sobre as actuacións de colaboración coa Administración que realicen.

e) Dispoñer de sistemas de atención ao público, tanto presenciais como electrónicos, a elección das persoas interesadas, e de resolución das reclamacións que as persoas que teñan un interese lexítimo poidan presentar contra as súas actuacións.

f) As demais que impoña a normativa de protección de persoas consumidoras e usuarias ás entidades que presten servizos profesionais ao público.

Artigo 32. Prohibicións e incompatibilidades

1. As entidades de colaboración ambiental non poderán realizar as súas actuacións en relación coas instalacións, establecementos e actividades que sexan de titularidade das seguintes persoas:

a) As persoas que ocupen ou ocupasen nos últimos dous anos postos directivos na entidade, os seus cónxuxes ou persoas vinculadas con análoga relación de convivencia afectiva e os descendentes dos que desempeñen a representación legal.

b) As persoas que presten ou prestasen nos últimos dous anos servizos para a entidade como persoal técnico directamente responsable das actuacións de verificación da conformidade ou de colaboración coa Administración, os seus cónxuxes ou persoas vinculadas con análoga relación de convivencia afectiva e os descendentes dos que desempeñen a representación legal.

c) As persoas xurídicas das cales sexan administradoras as persoas indicadas nas alíneas a) e b) do número 1 deste artigo.

d) As persoas xurídicas a que estea vinculada organizativamente á entidade ou coas cales manteña calquera tipo de relación de dependencia, ou a mantivese nos últimos dous anos.

e) As persoas naturais ou xurídicas para as cales a entidade preste ou prestase nos últimos dous anos servizos distintos dos de verificación da conformidade.

f) As persoas naturais ou xurídicas para as cales o persoal técnico directamente responsable das actuacións de verificación da conformidade ou de colaboración coa Administración preste ou tivese prestado nos últimos dous anos servizos profesionais distintos dos de verificación da conformidade que realizan a través da entidade.

2. A emisión da certificación de conformidade dun estudo ambiental estratéxico, documento ambiental estratéxico, estudo de impacto ambiental ou documento ambiental é incompatible coa colaboración coa Administración na análise técnica do expediente de avaliación ambiental do plan, programa ou proxecto a que aquel se refira, no seguimento do pronunciamento ambiental relativo ao devandito plan, programa ou proxecto e no exercicio das funcións de inspección sobre o suxeito promotor.

3. A emisión da certificación de conformidade do informe de seguimento sobre o cumprimento dunha declaración ambiental estratéxica, informe ambiental estratéxico, declaración de impacto ambiental ou informe de impacto ambiental é incompatible coa colaboración coa Administración no seguimento dese mesmo pronunciamento ambiental e no exercicio das funcións de inspección sobre o suxeito promotor do plan, programa ou proxecto a que aquel se refira.

4. As entidades de colaboración ambiental non poden ter relación directa nin ter implicación na elaboración dos plans, programas e proxectos que vaia someter a avaliación ambiental o órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia, nin coa dirección nin execución das actuacións que deriven dos ditos plans, programas e proxectos.

Artigo 33. Persoal

1. O persoal das entidades de colaboración ambiental está sometido ao poder de dirección e organización destas en todo ámbito e orde legalmente establecidos. Estas entidades son titulares de todos os dereitos e deberes inherentes á calidade empresarial e son as únicas responsables do cumprimento de cantas disposicións legais resulten de aplicación, en especial en materia tributaria, de contratación, seguridade social, integración social de persoas con discapacidade e prevención de riscos laborais.

2. En ningún caso o persoal das entidades de colaboración ambiental terá vinculación xurídico-laboral coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou coas entidades instrumentais do sector público autonómico. Os órganos competentes en materia de persoal destas velarán para evitar calquera tipo de irregularidade que poida dar lugar a que o dito persoal alegue dereitos ou exixa responsabilidades á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou ás entidades instrumentais do sector público autonómico, especialmente no suposto de que as medidas que adopten as entidades de colaboración ambiental estean vinculadas á relación xurídica que, de ser o caso, manteñan coa Administración.

Artigo 34. Control e inspección

1. As entidades de colaboración ambiental e as súas actuacións estarán sometidos ao control e inspección da consellería competente en materia de ambiente.

2. A consellería competente en materia de ambiente poderá, en calquera momento, requirir información sobre as actuacións que realicen as entidades de colaboración ambiental e a remisión de canta documentación consideren necesaria para o exercicio das súas funcións de control e inspección sobre elas.

Artigo 35. Reclamacións contra as actuacións das entidades de colaboración ambiental

1. Calquera persoa que teña un interese lexítimo pode reclamar contra as actuacións das entidades de colaboración ambiental que impliquen un incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 30 e 31.

2. A reclamación presentarase ante a propia entidade, que estará obrigada a darlle unha resposta expresa no prazo máximo de quince días.

3. No caso de que a reclamación sexa desestimada pola entidade ou non responda no prazo previsto no número 2 deste artigo, a persoa interesada poderá elevala á consellería competente en materia de ambiente.

4. Elevada a reclamación á consellería, esta dará á entidade interesada un prazo de dez días para que formule as súas alegacións e, logo de realizar os actos de instrución que sexan precisos, notificará a resolución da reclamación á persoa que a presentase e á entidade no prazo máximo de tres meses, poñendo fin á vía administrativa. Transcorrido este prazo sen que se efectuase a notificación á persoa reclamante, a reclamación poderá entenderse desestimada.

5. A resolución da reclamación declarará se se aprecia ou non o incumprimento por parte da entidade das súas obrigas. No caso de que se aprecie o incumprimento, a resolución adoptará as medidas necesarias para a súa corrección. As medidas correctoras son independentes das responsabilidades en que a entidade puidese incorrer, así como das indemnizacións que as persoas interesadas eventualmente poidan reclamar á entidade polos danos e perdas provocados polo incumprimento das súas obrigas.

CAPÍTULO III

Banco de persoas expertas en avaliación ambiental

Artigo 36. Banco de persoas expertas

1. Créase o Banco de persoas expertas en avaliación ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da consellería competente en materia de ambiente.

2. O Banco de persoas expertas en avaliación ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia é o instrumento administrativo de carácter público para a inscrición das persoas que obteñan a cualificación de expertas en avaliación ambiental de acordo co establecido neste capítulo.

3. Nas inscricións previstas no número 2 deste artigo constará como mínimo a seguinte información:

a) Datos identificativos da persoa inscrita (nome e apelidos).

b) Número de identificación fiscal.

c) Número de inscrición no Rexistro.

d) Cualificación da persoa experta.

e) Data da inscrición.

f) Vixencia.

g) Os datos identificativos dos procedementos de avaliación ambiental en que foi requirida a súa intervención, en que se indique o sentido da resolución, a denominación do proxecto, a clave do expediente, o concello, o ano de tramitación e a data da resolución.

4. Os datos do Banco de expertos son de carácter público. O acceso aos datos do rexistro efectuarase nos termos e condicións establecidos na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, ou norma que a substitúa, e na normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

5. Coa finalidade de fomentar a difusión da información pública de interese para a cidadanía, e de conformidade co disposto no artigo 20 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os datos contidos nas letras a), c), f) e g) do número 3 deste artigo poderanse consultar na páxina web da consellería competente en materia de ambiente.

6. Corresponderá á subdirección xeral con competencia en materia de avaliación ambiental a xestión do Rexistro, a inscrición das persoas expertas nel, a actualización dos datos rexistrais e a tramitación das solicitudes de información.

7. O réxime de organización e funcionamento do Banco de persoas expertas en avaliación ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverase mediante orde da consellería competente en materia de ambiente.

Artigo 37. Requisitos para obter a cualificación de persoa experta en avaliación ambiental

Poderán obter a cualificación de persoas expertas en avaliación ambiental as persoas físicas que xustifiquen as titulacións académicas e a experiencia en ámbitos relacionados coa avaliación ambiental de plans, programas e proxectos que se especifiquen na orde de convocatoria do correspondente procedemento de cualificación.

Artigo 38. Comisións de cualificación das persoas expertas en avaliación ambiental

1. A avaliación das solicitudes de cualificación como persoa experta en avaliación ambiental será levada a cabo por comisións presididas pola persoa titular do órgano de dirección competente en materia de avaliación ambiental ou persoa en que delegue e constituídas por un número mínimo de dous e un número máximo de catro vogais, dos cales un realizará as funcións de secretaría. Todas as persoas designadas como vogais deberán contar coa titulación universitaria oficial de grao ou superior e un mínimo de quince anos de experiencia profesional en ámbitos relacionados coa avaliación ambiental de plans, programas ou proxectos.

2. Na composición da comisión de cualificación procurarase acadar unha presencia equilibrada de mulleres e homes.

3. Os membros das comisións non percibirán retribucións adicionais.

Artigo 39. Procedemento para obter a cualificación de persoa experta en avaliación ambiental

1. O procedemento para obter a cualificación de persoa experta en avaliación ambiental convocarase por orde da persoa titular da consellería competente en materia de ambiente, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

2. As convocatorias previstas no número 1 incluirán en todo caso a designación dos vogais da comisión ou comisións de cualificación, o formulario de solicitude, o prazo de presentación de solicitudes, os criterios específicos de valoración destas e os demais aspectos do procedemento necesarios para obter a cualificación de persoa experta en avaliación ambiental.

3. As persoas físicas que desexen obter a cualificación de expertas en avaliación ambiental están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coa consellería competente en materia de ambiente, así como a presentar por medios electrónicos todos os documentos relativos á súa actuación como tales, ao entenderse que o cumprimento dos requisitos establecidos no decreto para obter a cualificación de persoa experta en avaliación ambiental presupón unha capacidade económica, técnica ou dedicación profesional que acredita o acceso e a dispoñibilidade dos medios técnicos necesarios.

4. As persoas interesadas en obter a cualificación de persoa experta en avaliación ambiental deben presentar unha solicitude perante a consellería competente en materia de ambiente, segundo o modelo normalizado que se incluirá como anexo na correspondente convocatoria que se publique no DOG.

5. O prazo máximo para resolver é de 5 meses desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen terse ditado e notificado a resolución, as persoas interesadas que comparecesen no procedemento poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 40. Vixencia da cualificación de persoa experta en avaliación ambiental

1. A cualificación de persoa experta en avaliación ambiental terá unha vixencia de tres anos, transcorridos os cales caducará e deberá obterse unha nova cualificación.

2. Así mesmo, a cualificación caducará polo rexeitamento sen causa xustificada, que deberá ser apreciada motivadamente polo órgano ambiental, de tres encargas consecutivas de informe en procedementos de avaliación ambiental.

3. A caducidade da cualificación comportará a cancelación de oficio da inscrición da persoa titular desta no Banco de persoas expertas en avaliación ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 41. Participación das persoas expertas nos procedementos de avaliación ambiental

1. De conformidade co establecido no artigo 30.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, o órgano ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, en calquera dos procedementos de avaliación ambiental da súa competencia, poderá solicitar informe das persoas inscritas no Banco de persoas expertas en avaliación ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia nos casos en que o considere necesario.

2. A selección da persoa experta á cal se lle solicitará o informe a que se refire o número 1 realizarase motivadamente en función da súa titulación académica e experiencia en relación co obxecto do informe, e a devandita motivación constará no expediente do procedemento de avaliación ambiental.

3. A formalización das encargas de informe regulados neste artigo exixirá a formulación previa por parte da persoa experta dunha declaración de non estar incursa en conflito de intereses en relación co plan, programa ou proxecto obxecto do correspondente procedemento de avaliación ambiental. Enténdese que a persoa experta está incursa en conflito de intereses cando interveu na elaboración do plan, programa ou proxecto, ou a autorización ou aprobación deste pode afectar os seus intereses persoais, de natureza económica ou profesional, por supoñer un beneficio ou un prexuízo a estes.

Ademais, no suposto de que a persoa experta teña a condición de persoal empregado público, a formalización da encarga exixirá a acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos pola lexislación de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e, de ser o caso, pola normativa específica aplicable ao persoal investigador público.

4. A retribución dos informes que se encarguen ás persoas expertas en avaliación ambiental non poderá superar en ningún caso o valor estimado máximo dos contratos menores de servizos establecido pola lexislación de contratos do sector público.

5. Os informes realizados e as retribucións percibidas por eles constarán na inscrición da persoa experta no Banco de persoas expertas en avaliación ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional primeira. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados neste decreto poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente (código de procedemento MT202L). Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual o inferior rango se opoñan ao establecido no decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo e execución

1. Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar cantas disposicións se precisen para o desenvolvemento e execución do disposto no decreto.

2. A persoa titular da consellería competente en materia de ambiente queda habilitada para actualizar mediante orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia a contía do seguro de responsabilidade civil a que se refire a alínea b) do número 2 do artigo 9, así como para modificar os anexos do decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xuño de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file