Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 28 de xuño de 2023 Páx. 40337

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Conchas-Salas D.A.R. Ap.3, no concello de Muíños (Ourense), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2022/208-3).

Feitos:

1. O 25.11.2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou ante a Xefatura Territorial de Ourense desta consellería (en diante, Xefatura Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Conchas-Salas D.A.R. Ap.3, no concello de Muíños (Ourense), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2022/208-3.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado LAT 132 kV Conchas-Salas D.A.R. Ap.3, asinado o 26.9.2022 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada núm. 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con núm. 202203932, con data do 27.9.2022, e no que figura un orzamento total de 34.357,15 euros.

• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista o 3.3.2023, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas: Concello de Muíños e Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

• Relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

A infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto a corrección de varios defectos antirregulamentarios detectados na LAT 132 kV Conchas-Salas, pertencente a UFD. En concreto, proxéctanse os seguintes traballos nos vans indicados da dita LAT:

Vans (tramo entre apoios)

Defectos para corrixir

Traballos que hai que realizar

2-3

Distancia ao terreo

• Substitución do apoio 3 (AG-AC) polo novo apoio 3N (AG-AC) de maior altura, que se localizará baixo traza a 5 m do existente en sentido ao apoio 4. Esta modificación leva consigo un aumento de condutor e cable de terra no vano 2-3N, polo que hai que tender novos LA-180 e AC-50. Ademais, haberá que retirar a lonxitude de condutor e cable de terra sobrante no van 3N-4.

2. O 4.12.2022, a Xefatura Territorial adoptou o acordo polo que se someteron a información pública a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da referida infraestrutura eléctrica.

Este acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 5 de xaneiro de 2023 e no xornal La Región do 22 de decembro de 2022. Así mesmo, estivo exposto, xunto coa documentación técnica obxecto de información pública, nas dependencias da Xefatura Territorial e no portal de transparencia desta consellería.

O único predio que se relaciona na RBDA presentada pola promotora xunto coa solicitude é de titularidade de persoas descoñecidas, polo que se seguiu o procedemento que establece o artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de novembro de 1954, coa comunicación ao Ministerio Fiscal, e tamén o procedemento previsto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coa emisión do anuncio de notificación da Xefatura Territorial do 11.1.2023, publicado no DOG do 26.1.2023 e no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado (BOE) do 30.1.2023.

Durante o período de información pública non se presentaron escritos de alegacións.

3. A Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica ás seguintes entidades: Concello de Muíños e Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Ningunha destas entidades contestou, polo que, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

4. O 10.3.2023, a Xefatura Territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado do mesmo á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando ao expediente a acta, o informe e a proposta seguintes:

• Acta emitida o 23.2.2023 polos servizos técnicos da Xefatura Territorial sobre a comprobación sobre o terreo de que non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

• Informe emitido o 28.2.2023 polos servizos técnicos da xefatura territorial, de carácter favorable, para os efectos do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Proposta ditada o 9.3.2023 pola xefatura territorial, en que se informa de xeito favorable a petición formulada por UFD, no relativo á tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción, así como a declaración da utilidade pública, en concreto, do referido proxecto, para a súa resolución pola DXPERN.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Conchas-Salas D.A.R. Ap.3, no concello de Muíños (Ourense), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, implicando a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado LAT 132 kV Conchas-Salas D.A.R. Ap.3, asinado o 26.9.2022 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada núm. 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con núm. 202203932, con data do 27.9.2022, e no que figura un orzamento total de 34.357,15 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a Xefatura Territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia a promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

9. Como anexo a esta resolución recóllese a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio e que coincide coa sometida a información pública.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados (RBDA)

Núm. de expediente: IN407A 2022/208-3.

Situación: concello de Muíños (Ourense).

Denominación: LAT 132 kV as Conchas-Salas D.A.R. Ap. 3.

Predio núm. en proxecto: 1; referencia catastral: 32052A03500699.

Lugar: A Mariposa.

Cultivo: prado.

Titular: descoñecido/a.

Afeccións: apoio/CT números 3N, ocupación de 14,91 m2.