Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 20 de xuño de 2023 Páx. 38483

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas ao apoio de entidades que superaron os limiares mínimos do Programa Neotec e Neotec Mulleres Emprendedoras do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación E.P.E. (CDTI) nas súas convocatorias do ano 2022, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Programa Recuperación Excelencia Neotec (código de procedemento IN870A).

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, recolle no seu artigo 30.1 que a Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia exclusiva de fomentar e planificar a actividade económica en Galicia.

Ademais, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que a Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia para promover a cultura e a investigación en Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e a innovación en Galicia, ten como obxectivo establecer o marco para o fomento da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, a transferencia e valorización de resultados e a innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como a súa xestión eficiente.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain) e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como obxectivo impulsar e estruturar políticas de innovación tecnolóxica dentro da Administración galega e o apoio e impulso ao crecemento e competitividade das empresas galegas mediante a implementación de tecnoloxías eficientes e programas de innovación.

Entre os obxectivos que persegue a Axencia destaca:

• Liderar as políticas de innovación das administracións públicas galegas.

• Definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativa de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento.

• Estimular a estruturación e consolidación do Sistema Galego de I+D+i.

Gain veu mantendo no tempo unha aposta decidida pola investigación e a innovación, desde a perspectiva de contribuír á mellora competitiva das empresas e á creación do benestar económico e social. Con todo, son moitos os cambios que se produciron en xeral en todos os sectores económicos e sociais na última década, cambios que se viron acentuados, e, nalgúns casos acelerados, como consecuencia da pandemia da COVID-19, que cambiou o panorama económico mundial para os próximos anos. As rexións europeas deben abordar os desafíos económicos e sociais a que se enfrontan dunha maneira aínda máis decisiva despois da crise, a través do apoio a iniciativas que promovan unha contorna favorable ao investimento, en que as empresas podan prosperar.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta, desde un punto de vista operativo, este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i 3 grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuacións para desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades, ou dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos. O obxectivo estratéxico 5 busca impulsar o posicionamento de Galicia en I+D+i a nivel nacional, europeo e internacional. Ademais, un dos factores clave da RIS3 é a promoción eficaz das sinerxías entre os instrumentos de apoio, entre outros aspectos, coordinando os fondos dispoñibles e as medidas de eficacia e eficiencia na xestión pública destes.

En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 respondendo polo seu carácter transversal aos tres retos a través das tres prioridades. Inclúese no obxectivo estratéxico 5, integrándose, polo tanto, no programa Posiciona.

Todos estes factores poñen de manifesto a necesidade de xerar oportunidades a partir das convocatorias competitivas a nivel europeo e nacional, onde as entidades rexionais validan a calidade do seu proxecto empresarial ou de innovación no seu sentido amplo de I+D+i. Por todo iso, considérase conveniente deseñar novos programas de apoio para aquelas propostas que alcanzan un nivel de excelencia tras superar a elixibilidade e limiares das convocatorias competitivas non rexionais. Con estas medidas, trátase de xerar novos mecanismos de redución das cargas administrativas e duplicidades nos procedementos de acreditación e avaliación, neste caso como medida específica para identificar a excelencia en proxectos empresariais innovadores de recente creación.

Co obxecto de promover o crecemento económico de Galicia, e dando cumprimento ao disposto no artigo 14.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dítase esta resolución para a concesión de axudas públicas destinadas a apoiar os novos proxectos empresariais de pequenas empresas innovadoras que requiran o uso de tecnoloxías ou coñecementos desenvolvidos a partir da actividade investigadora e nos que a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía, contribuíndo ao emprendemento e acelerando a transferencia de coñecemento.

Coa finalidade de identificar as empresas de recente creación de maior potencial que cumpren estes requisitos, considérase conveniente tomar como referencia un contorno onde estes proxectos empresariais teñan demostrado a súa competitividade polo menos no ámbito estatal.

O 10 de maio de 2022, a Presidencia do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial E.P.E. (CDTI) aprobou a convocatoria para a concesión de axudas destinadas a novos proxectos empresariais de empresas innovadoras (Programa Neotec). Do mesmo xeito, o 3 de febreiro de 2022 o CDTI aprobou a convocatoria para a concesión de axudas destinadas a novos proxectos empresariais de empresas innovadoras liderados por mulleres (Programa Neotec Mulleres Emprendedoras). O programa Neotec ten por obxecto financiar a creación de empresas de base tecnolóxica con vocación de crecemento, contribuíndo ao emprendemento e acelerando a transferencia de coñecemento desde organismos de investigación públicos e universidades. Este obxectivo atópase comprendido entre as actuacións previstas no Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que recibirá o financiamento dos fondos NextGenerationEU, entre eles o Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido mediante Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

O Programa Neotec ten demostrado nos últimos anos ser un referente para identificar e apoiar o crecemento de startups e empresas tecnolóxicas, e responde aos obxectivos da Estratexia española de ciencia, tecnoloxía e innovación por ser un dos instrumentos do Plan estatal de investigación científica, técnica e de innovación. Ademais, o Programa Neotec basease no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado Texto pertinente a efectos da EEE, do cal cabe destacar os requisitos para ser considerado novo proxecto empresarial conforme o seu artigo 22, e a definición de empresa innovadora do punto 80 do artigo 2.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas á posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxía ou coñecementos desenvoltos a partir da actividade investigadora e nos cales a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía, rescatando para iso aqueles proxectos presentados ás convocatorias de referencia (Programa Neotec e Neotec Mulleres Emprendedoras) que superaron os limiares mínimos recollidos nas devanditas convocatorias do ano 2022 pero que non adquiriron a condición de beneficiarias por insuficiencia de crédito (código de procedemento IN870A).

2. As axudas teñen tamén por obxecto promover o crecemento das mellores empresas de base tecnolóxica na nosa comunidade, apoiando aqueles proxectos que se teñen constituído desde os seus inicios en Galicia ou que, non estando situadas en Galicia no momento de solicitude, se comprometan a trasladar a súa sede social, fiscal, e centro de traballo á nosa comunidade se resultan beneficiarias da axuda. Así mesmo, prímase a incorporación de persoas con grao de doutor (en diante, doutor/a) á empresa para reforzar as súas capacidades de absorción e xeración de coñecemento.

As axudas poderán destinarse a proxectos empresariais en calquera ámbito tecnolóxico e/ou sectorial. Con todo, non se adecúan a esta convocatoria os proxectos empresariais cuxo modelo de negocio se basee primordialmente en servizos a terceiros, sen desenvolvemento de tecnoloxía propia. Tampouco serán obxecto de axuda aquelas iniciativas que non reflictan claramente no seu plan de empresa a continuidade no desenvolvemento de tecnoloxía.

3. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2023 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. As axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE núm. 187, do 26.6.2014).

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Pequena e mediana empresa, peme: a definición de pequena e mediana empresa (peme) é a establecida no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (en diante, Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014). En particular, entenderanse incluídas nesta categoría as empresas que empreguen menos de 250 persoas e cuxo volume de negocio anual non exceda os 50 millóns de euros, ou o seu balance xeral anual non exceda os 43 millóns de euros. O cómputo dos efectivos, formas de cálculo e límites no caso de empresas asociadas ou vinculadas efectuarase segundo dispoñen os artigos 3 a 6 do anexo I do Regulamento.

3. Gran empresa: é aquela non recollida na definición de peme.

4. Empresas innovadoras: segundo o punto 80 do artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, toda aquela empresa:

i. Que poida demostrar, mediante unha avaliación realizada por un experto externo, que desenvolverá, nun futuro previsible, produtos, servizos ou procesos novos ou mellorados substancialmente en comparación co estado da técnica no seu sector e que leven implícito un risco de fracaso tecnolóxico ou industrial, ou

ii. Cuxos custos de investigación e desenvolvemento representen un mínimo do 10 % do total dos seus custos de explotación durante polo menos un dos tres anos previos á concesión da axuda ou, se se trata dunha empresa nova sen historial financeiro, segundo a auditoría do exercicio fiscal en curso, de conformidade coa certificación dun auditor externo.

5. Organismos de investigación e difusión de coñecementos: defínense conforme o artigo 2.83 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, como toda entidade (universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación, etc.) independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou da súa forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de maneira independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os resultados destas actividades mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos.

Estas entidades deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Cando a entidade leve a cabo tanto actividades económicas como actividades non económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das devanditas actividades deberán contabilizarse por separado.

b) As empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas devanditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

Non se considerará que realizan actividade económica se se producen, simultaneamente, as seguintes circunstancias:

i. A actividade económica é necesaria para a entidade e de alcance limitado.

ii. A actividade económica está relacionada directamente co funcionamento da entidade ou estreitamente vinculada ao seu principal uso ou actividade non económica.

iii. A actividade económica consome exactamente os mesmos insumos (como material, equipamento, man de obra e capital fixo) que as actividades non económicas.

iv. A capacidade asignada cada ano ás actividades económicas non supera o 20 % da capacidade anual total da entidade de que se trata.

2. Actividades económicas: enténdese por «actividade económica», segundo a terminoloxía da Unión Europea, a oferta de bens e/ou servizos nun determinado mercado, con independencia da forma xurídica da entidade (constituída conforme dereito público ou privado) ou da súa forma de financiamento. Tampouco é relevante, para estes efectos, a finalidade da entidade (con ou sen ánimo de lucro).

3. Actividades non económicas:

I. Son as actividades primarias dos organismos de investigación e infraestruturas de investigación, en particular:

i. A educación para lograr máis e mellor persoal cualificado; segundo a xurisprudencia e a práctica decisoria da Comisión e tal como se expón na Comunicación sobre o concepto de axuda estatal e na Comunicación sobre os SIEG, a educación pública organizada dentro do sistema nacional de educación, financiada predominantemente ou enteiramente polo Estado e supervisada por este pode considerarse unha actividade non económica.

ii. A I+D independente para mellorar os coñecementos e a comprensión cando o organismo de investigación ou a infraestrutura de investigación emprenda unha colaboración efectiva.

iii. A ampla difusión de resultados das investigacións de forma non discriminatoria e non exclusiva, por exemplo, mediante o ensino, bases de datos de acceso aberto, publicacións abertas ou programas informáticos abertos.

II. As actividades de transferencia de coñecementos, cando son levadas a cabo polo organismo de investigación ou a infraestrutura de investigación (incluídos os seus departamentos ou filiais) ou de forma conxunta, ou por conta das devanditas entidades, e cando todos os beneficios xerados por elas volven investirse en actividades primarias do organismo de investigación ou a infraestrutura de investigación; o carácter non económico desas actividades non se ve afectado polo feito de contratar con terceiros a prestación dos servizos correspondentes mediante licitación pública.

6. Organismos públicos de investigación: son aqueles definidos no artigo 47 da Lei 14/2011, do 1 de xuño:

a) Universidades públicas e os seus institutos universitarios, de acordo co previsto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, que estean rexistradas no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos, creado polo Real decreto 1509/2008, do 12 de setembro, polo que se regula o Rexistro de Universidades, Centros e Títulos.

b) Institutos de investigación sanitaria acreditados conforme o establecido no Real decreto 279/2016, do 24 de xuño, sobre acreditación de institutos de investigación biomédica ou sanitaria e normas complementarias.

c) Centros tecnolóxicos de ámbito estatal e centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal que estean inscritos no rexistro de centros creado polo Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.

Así, no marco desta resolución, consideraranse organismos de investigación:

• Os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia.

• As universidades do Sistema universitario galego.

• Os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas.

• As fundacións de investigación sanitaria de Galicia.

• Outros organismos de investigación de Galicia que teñan definida nos seus estatutos a I+D como actividade principal.

7. Colaboración efectiva: colaboración entre, polo menos, dúas partes independentes para o intercambio de coñecementos ou tecnoloxía, ou para alcanzar un obxectivo común sobre a base da división do traballo, en que as partes implicadas definen conxuntamente o ámbito do proxecto en colaboración, contribúen á súa aplicación e comparten os seus riscos e os seus resultados; unha ou varias das partes poden soportar a totalidade dos custos do proxecto e liberar, así, outras partes dos seus riscos financeiros; a investigación baixo contrato e a prestación de servizos de investigación non se considerarán formas de colaboración. A subcontratación non ten consideración de colaboración efectiva.

8. Proxecto de I+D+i: toda operación que inclúe actividades que abarcan unha ou varias categorías de investigación, desenvolvemento e innovación definidas nesta resolución, e que pretende realizar unha tarefa indivisible de carácter económico, científico ou técnico preciso cuns obxectivos claramente definidos de antemán. Un proxecto de I+D+i pode constar de varias tarefas, actividades ou servizos, e inclúe obxectivos claros, actividades que hai que realizar para lograr eses obxectivos (incluídos os seus custos previstos), e resultados concretos para identificar os logros desas actividades e comparalos cos obxectivos relevantes. Cando dous ou máis proxectos de I+D+i non sexan claramente separables un doutro e, en particular, cando non teñan probabilidades independentes de éxito tecnolóxico, consideraranse un proxecto único.

9. Investigación industrial: investigación planificada ou estudos críticos encamiñados a adquirir novos coñecementos e aptitudes que poidan ser útiles para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos, ou permitan mellorar considerablemente os xa existentes; comprende a creación de compoñentes de sistemas complexos e pode incluír a construción de prototipos nunha contorna de laboratorio ou nunha contorna con interfaces simuladas cos sistemas existentes, así como liñas piloto cando sexa necesario para a investigación industrial e, en particular, para a validación de tecnoloxía xenérica.

10. Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados; pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación, a condición de que non vaia destinada a usos comerciais.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados; pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando as ditas modificacións poidan representar melloras deles.

11. Innovación: actividade que ten como resultado a obtención e a posta no mercado de novos produtos, servizos ou procesos, ou melloras substanciais dos xa existentes, de modo que presenten características ou aplicacións que difiran substancialmente dos existentes con anterioridade.

12. Empresa en crise: a que así se defina conforme o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crises, DOUE C 249, do 31.7.2014, ou documento que o substitúa.

13. Entidade vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha destas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se estas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos. Considérase mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

14. Convocatorias de referencia:

• Programa Neotec 2022: Resolución do 10 de maio de 2022, da Presidencia do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial E.P.E. (CDTI), pola que se aproba a convocatoria para o ano 2022 do procedemento de concesión de axudas destinadas a novos proxectos empresariais de empresas innovadoras (Programa Neotec) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e do subprograma estatal Crecemento Innovador no marco do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2021-2023.

• Programa Neotec Mulleres Emprendedoras 2022: Resolución do 3 de febreiro de 2022, da Presidencia do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial E.P.E. (CDTI), pola que se aproba a convocatoria para o ano 2022 do procedemento de concesión de axudas destinadas a novos proxectos empresariais de empresas innovadoras liderados por mulleres (Programa Neotec Mulleres Emprendedoras) do subprograma estatal de Crecemento Innovador no marco do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2021-2023.

15. Os TRL ou Technology Readiness Levels refírense aos niveis de madurez dunha tecnoloxía. De acordo co sistema TRL, considéranse nove niveis que se estenden desde os principios básicos da nova tecnoloxía ata chegar ás súas probas con éxito nunha contorna real:

• TRL1: principios básicos observados e reportados.

• TRL2: conceptos e/ou aplicación tecnolóxica formulada.

• TRL3: función crítica, analítica e experimental, e/ou proba do concepto característica.

• TRL4: validación de compoñente e/ou disposición destes en contorna de laboratorio.

• TRL5: validación de compoñente e/ou disposición destes nunha contorna relevante.

• TRL6: modelo de sistema ou subsistema ou demostración de prototipo nunha contorna relevante.

• TRL7: demostración de sistema ou prototipo nunha contorna real.

• TRL8: sistema completo e certificado a través de probas e demostracións.

• TRL9: sistema probado con éxito nunha contorna real.

16. Retos, prioridades e cadeas de valor da RIS3 Galicia.

i. Reto da RIS3: cada un dos tres grandes retos estratéxicos de natureza económica e social da sociedade galega, identificados a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice, que a RIS3 aborda a través da I+D+i, co obxectivo de conseguir un impacto transformador sobre a economía e a sociedade galega. Os retos son:

• Reto 1: modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación. Modernización dos sectores primarios galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e o rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

• Reto 2: un modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento. Incrementar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través das tecnoloxías facilitadoras esenciais e a evolución das cadeas de valor.

• Reto 3: un modelo de vida saudable e envellecemento activo da poboación. Posicionar Galicia como a rexión líder do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable e de envellecemento activo.

ii. Prioridades RIS3:

Cada unha das tres grandes temáticas transversais, identificadas a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice, cara as que a RIS3 orienta as capacidades e esforzos do ecosistema galego de innovación para dar resposta aos tres grandes retos estratéxicos. As prioridades, polo seu carácter horizontal, teñen incidencia en todas as cadeas de valor e favorecen a colaboración entre sectores e as diferentes áreas de coñecemento e tecnolóxicas, constituíndo unha oportunidade de desenvolver novas cadeas de valor e novos mercados. Así mesmo, están plenamente aliñadas coas prioridades da Unión Europea e o Estado español. As prioridades son:

• Prioridade 1: desenvolvemento e aplicación das diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais (terra e mar) e patrimoniais de Galicia, xerando, ademais, oportunidades para a diversificación cara a produtos sustentables competitivos internacionalmente e mellorando o benestar das persoas.

• Prioridade 2: apoio á dixitalización (desenvolvemento e/ou incorporación de tecnoloxías) para impulsar o modelo industrial galego, a xestión e prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, así como a xestión de recursos naturais e culturais, como panca para a transformación resiliente de Galicia.

• Prioridade 3: orientación dos esforzos en I+D+i cara ás necesidades e ao benestar das persoas, e consolidación de Galicia como unha contorna de referencia mundial para o desenvolvemento e testaxe de novas oportunidades e solucións científico-tecnolóxicas e empresariais dirixidos a elas.

iii. Ámbito de priorización da RIS3:

Cada unha das 29 temáticas que precisan, de forma máis detallada, como cada prioridade aborda os tres retos da RIS3, concretando o perfil de especialización para Galicia, e nos cales se focalizan os investimentos da estratexia. Caracterízase pola súa transversalidade sectorial, abrindo oportunidades a diferentes cadeas de valor, así como novas formas de colaboración entre eles, a nivel tanto de mercados como de tecnoloxías ou procesos. Os ámbitos de priorización definíronse a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice, e reflicten o traballo de identificación das capacidades existentes no ecosistema de innovación e das oportunidades específicas que cada prioridade xera en relación cos tres retos da RIS3.

iv. Cadeas de valor principais de Galicia.

• Cadea de valor da industria aeroespacial e aeronáutica.

• Cadea de valor da industria da agroalimentación.

• Cadea de valor da industria de automoción.

• Cadea de valor das enerxías renovables e o almacenamento enerxético.

• Cadea de valor da industria forestal e da madeira.

• Cadea de valor da industria do mar e o medio mariño.

• Cadea de valor da industria naval.

• Cadea de valor da loxística.

• Cadea de valor da saúde, a calidade de vida e o envellecemento.

• Cadea de valor da industria téxtil e da moda.

• Cadea de valor do turismo e o patrimonio.

• Cadea de valor das TIC.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación á aplicación orzamentaria que se indica neste artigo, en que existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

A distribución de crédito é a seguinte:

Beneficiarias

Aplicación orzamentaria

Ano 2023

Ano 2024

Ano 2025

Total

Pequenas empresas innovadoras de recente creación

05.A2.561A.770.0

400.000 €

1.600.000 €

1.000.000 €

3.000.000 €

2. Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo de declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. A distribución de fondos establecida para cada anualidade na aplicación orzamentaria sinalada é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, sen incrementar o crédito total.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Terán a consideración de beneficiarias as pequenas empresas innovadoras que, presentando unha solicitude de axuda ás convocatorias de referencia, resultasen desestimadas por insuficiencia de orzamento dispoñible para financiar o proxecto con cargo á devandita convocatoria conforme a Resolución definitiva da Presidencia do CDTI da convocatoria dos programas Neotec e Neotec Mulleres Emprendedoras do ano 2022.

Conforme as devanditas resolucións, os beneficiarios desta convocatoria son pequenas empresas que poden considerarse empresa innovadora conforme os artigos 2 e 3 das convocatorias de referencia, e que, dando cumprimento aos requisitos de elixibilidade e superados os limiares mínimos do artigo 11.4 das convocatorias de referencia, non alcanzaron a puntuación requirida para ser financiables.

2. Os beneficiarios en función da sede e localización do centro de traballo indicado na convocatoria de referencia deberán cumprir unha das seguintes condicións:

i) Ter sede social, sede fiscal e centro de traballo principal en Galicia na data de presentación da solicitude.

ii) Presentar xunto coa solicitude unha declaración aclaratoria da motivación de trasladar a súa sede social, sede fiscal e centro de traballo a Galicia no prazo dun mes desde a data de resolución da presente convocatoria.

3. Así mesmo, os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non estar cotizadas, nin se engada nunha bolsa de valores, excepto as plataformas de negociación alternativa.

b) Estar constituídas como máximo nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á presente convocatoria, contado desde a data de outorgamento da escritura de constitución da empresa.

c) Non distribuír beneficios.

d) Ter sido rexistradas ou iniciada a súa actividade económica desde hai 5 anos, como máximo.

e) Contar cun capital social mínimo, o capital social máis prima de emisión ou asunción, de 20.000 euros, desembolsado integramente e inscrito totalmente no rexistro correspondente antes da presentación da solicitude.

4. Non poderán adquirir a condición de beneficiario as seguintes entidades:

a) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

b) As empresas en crises conforme a definición contida no artigo 2.

c) As entidades do sector público institucional comprendidas no artigo 2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, fóra das sociedades mercantís públicas.

d) As entidades que incumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) As empresas que resultasen beneficiarias, con carácter previo á presente convocatoria, de anteriores axudas do Programa Neotec, así como da Resolución do 4 de agosto de 2022 da Axencia Galega de Innovación (código de procedemento IN870A) e dos convenios de colaboración subscritos entre a Axencia Galega de Innovación e pequenas empresas de Galicia para a execución de proxectos de desenvolvemento empresarial presentados ao Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial e avaliados de forma favorable pero non financiados no marco do Programa Neotec (convocatoria de 2020) do subprograma estatal de I+D+i empresarial.

Artigo 5. Actividades obxecto de subvención

1. Financiaranse as actividades relativas á posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxías ou coñecementos desenvoltos a partir da actividade investigadora e en que a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía, conforme o artigo 1 das convocatorias de referencia. Así mesmo, prímase a incorporación de persoas con grao de doutor (en diante, doutor/es) á empresa para reforzar as súas capacidades de absorción e xeración de coñecemento.

2. As axudas poderán destinarse a proxectos empresariais en calquera ámbito tecnolóxico e/ou sectorial. Con todo, non se adecúan a esta convocatoria os proxectos empresariais cuxo modelo de negocio se basee primordialmente en servizos a terceiros, sen desenvolvemento de tecnoloxía propia.

3. As axudas solicitaranse para actuacións anuais ou plurianuais, sendo a duración de 12 meses (1 ano) ou 24 meses (2 anos). En todo caso, os proxectos terán unha duración igual á indicada na solicitude presentada polo beneficiario á convocatoria de referencia podendo modificar unicamente a data de inicio conforme o seguinte punto.

4. Os proxectos deberán iniciarse o 1 de outubro de 2023, e finalizar o 30 de setembro de 2024 no caso de que o proxecto teña unha duración dun ano, ou ben o 30 de setembro de 2025, se o proxecto ten unha duración de dous anos.

5. Os períodos de emisión de facturas e realización de pagamentos atenderán ao establecido no artigo 27.

6. Será requisito indispensable para ser elixible o aliñamento do proxecto cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de Especialización de Galicia (RIS3).

Artigo 6. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvención e realizarase conforme o artigo 22 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, cos seguintes límites:

a) Poderase financiar ata o 70 % do orzamento elixible da actuación, cun importe máximo de subvención de 250.000 euros por beneficiario.

b) As actuacións que inclúan a contratación laboral de polo menos un doutor, nos termos previstos no artigo 7.4 desta convocatoria, poderanse financiar ata o 85 % do orzamento da actuación, cun importe máximo de subvención de 325.000 euros por beneficiario.

2. A actuación deberá ter un orzamento financiable mínimo de 175.000 euros.

3. As axudas poderán ser compatibles coa percepción doutras axudas procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional, internacional, ou da Unión Europea, sempre que o importe conxunto destas sexa de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, non supere o 100 % do gasto.

A axuda ao abeiro desta convocatoria non será compatible coa obtención de axuda procedente de CDTI para o mesmo fin, é dicir, o apoio á creación de novos proxectos empresariais baixo o programa Neotec en calquera das súas convocatorias.

En todo caso, a entidade deberá comunicar a obtención doutras axudas, subvencións, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, unha vez teñan coñecemento da súa existencia, e en todo caso, con anterioridade á xustificación dos fondos percibidos, o que poderá orixinar as correspondentes minoracións no importe da axuda concedida.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. De acordo co recollido na convocatoria de referencia, financiaranse os custos derivados da posta en marcha dun novo proxecto empresarial de empresas innovadoras.

2. Serán obxecto de financiamento os seguintes gastos:

a) Investimentos en equipamentos.

b) Gastos de persoal, nos termos do artigo 8 desta convocatoria.

c) Materiais.

d) Colaboracións externas/asesoría. Nestes gastos poderase incluír o custo derivado do informe de avaliación do experto ou a certificación do auditor externo, acreditativos do carácter de empresa innovadora. Os devanditos custos poderán ter categoría de servizo externo ou subcontratación, nese caso, conforme o artigo 9.

e) Outros custos: alugueres, subministracións, canons e licenzas, gastos de solicitude e mantemento de patentes e outros dereitos de propiedade industrial, seguros e gastos derivados do informe de auditor. Os gastos de auditoría terán un límite máximo de 4.000 euros na totalidade do plan.

3. En ningún caso serán financiables os gastos financeiros, os investimentos en terreos, locais e obra civil, os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo establece o artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os gastos de promoción e difusión do proxecto, os gastos de manutención, e os gastos de locomoción e viaxes.

4. Non se consideran custos subvencionables os correspondentes a licenzas, taxas, impostos ou tributos. Con todo, de conformidade co previsto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o IVE ou o imposto indirecto equivalente poderán ser considerados elixibles a condición de que non poidan ser susceptibles de recuperación ou compensación total ou parcial.

5. A incorporación de doutores para acceder á axuda incremental segundo o artigo 6.1.b) desta convocatoria deberá cumprir os seguintes requisitos:

i. O perfil da persoa contratada corresponderá ao descrito no plan estratéxico da empresa e deberá adecuarse ás tarefas previstas na actividade investigadora da empresa. O/a doutor/a deberá participar no desenvolvemento da tecnoloxía base pola que se constitúe a empresa.

ii. O/a doutor/a non deberá ter relación contractual laboral nin mercantil coa empresa nin participar no capital social desta con carácter previo á contratación.

iii. O contrato laboral debe ser indefinido e a tempo completo.

iv. A contratación deberá producirse con posterioridade á solicitude presentada á convocatoria de referencia, e realizarse antes de 5 meses previos á finalización do proxecto en caso de que este teña unha duración dun ano, ou antes de 12 meses previos á finalización do proxecto empresarial financiable en caso de duración plurianual.

v. O/a doutor/a debe permanecer contratado, polo menos, ata o final do proxecto.

vi. No caso de que se produza a substitución da persoa contratada de acordo co previsto na convocatoria, esta deberá producirse nun prazo non superior a tres meses desde a extinción do contrato do doutor substituído.

vii. Durante a execución do proxecto, só se permitirá, por cada posto de doutor de nova contratación aprobado na resolución de concesión, unha única substitución da persoa contratada.

viii. O salario bruto da persoa contratada debe estar entre 30.000 euros e 50.000 euros. Poderanse contratar doutores por importes maiores aínda que o custo elixible máximo será de 50.000 euros máis seguridade social a cargo da empresa por cada doutor de nova incorporación e ano.

ix. A imputación das horas da persoa contratada será do 100 %.

x. A persoa contratada deberá estar en posesión do título de doutor, obtido nunha universidade española ou estranxeira, na data da súa contratación pola empresa. No caso de ter obtido o título de doutor/a no estranxeiro, este terá que ter sido homologado en España antes da contratación.

6. O orzamento indicarase no formulario de solicitude (anexo I). As contías totais da actuación subvencionable e os totais por custos subvencionables deberá coincidir co orzamento revisado por CDTI conforme ao informe de avaliación técnica e corresponderanse cos gastos indicados na memoria presentada ao CDTI. No formulario distribuirase o orzamento por anualidades conforme aos prazos indicados no artigo 27. Non obstante, co obxectivo de incrementar as sinerxías co ecosistema galego de coñecemento, permitirase a modificación das colaboracións externas indicadas na solicitude presentada á convocatoria de referencia, para incorporar entidades galegas, sempre que o cambio se xustifique axeitadamente e a colaboración prevista inicialmente non teña sido determinante para a concesión da axuda.

7. As empresas que trasladen a súa sede social, fiscal, e centro de traballo a Galicia tras a presentación da solicitude poderán imputar os custes incorridos polo novo centro de traballo en Galicia desde a data da súa apertura.

Artigo 8. Custos de persoal

1. O persoal que participa no plan e cuxos custos se imputen na solicitude da axuda deberán ter relación contractual coa entidade beneficiaria e estar de alta laboral nun centro de traballo sito na Comunidade Autónoma de Galicia.

Inclúense tamén como persoal imputable o persoal autónomo que exerza as funcións de dirección e xerencia que comporta o desempeño do cargo de conselleiro ou administrador, ou presten outros servizos para a empresa beneficiaria, a título lucrativo e de forma habitual, persoal e directa, sempre que posúan o control efectivo, directo ou indirecto, daquela. Tamén se consideran así os socios traballadores das cooperativas de traballo asociado, cando se opte por este réxime nos seus estatutos.

2. Os custos de persoal serán subvencionables na medida en que se incorreu neles de maneira efectiva, e inclúen os salarios fixados nun contrato de traballo ou na lei e que teñan relación coas responsabilidades especificadas na descrición do posto de traballo correspondente.

3. Poderanse subvencionar:

a) Os custos de persoal propio.

b) Os de persoal de nova contratación.

4. Os custos de persoal que se subvencionan terá un custo hora máximo financiable de 40 euros hora.

5. Non se admitirán desviacións de máis dun 20 % respecto do custo hora indicado na memoria de solicitude do CDTI para cada traballador.

6. Non se considerarán subvencionables as imputacións de cotas de Seguridade Social do traballador autónomo, salvo que exista unha norma de rango legal que declare o custo de Seguridade Social do autónomo exento da base impoñible do IRPF e sexa a entidade beneficiaria a que realice o ingreso das cotas en lugar do traballador.

7. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao plan deberá ser motivada e xustificada, e será aprobada pola Axencia Galega de Innovación. En caso de se producir substitucións, ademais, a persoa substituta deberá cumprir as mesmas condicións de perfil e contratación que a persoa que causou baixa.

8. O persoal autónomo economicamente dependente segundo o establecido na Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballador autónomo non poderá ser imputado, en ningún caso, na partida de persoal. É un gasto imputable na partida de colaboracións externas. Aplicaralle, en calquera caso, o disposto nos puntos 4 e 5 do presente artigo.

Artigo 9. Subcontratación

1. A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica ou documento correspondente e deberá cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50 % do custo total da actividade subvencionada.

2. Segundo o artigo 27.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando a actividade concertada con terceiros exceda do 20 por cento do importe da subvención e este importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a entidade concedente da subvención na forma que se determine nas bases reguladoras.

Este contrato deberá ser autorizado pola Axencia Galega de Innovación. En caso de aprobación do proxecto, este contrato entenderase autorizado pola Axencia desde a data de inicio da súa execución, sempre que esta sexa posterior á de entrega da solicitude do proxecto.

3. En ningún caso a entidade beneficiaria poderá subcontratar con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores nos cales os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o devandito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, sen prexuízo da excepción regulada no parágrafo seguinte en relación coas entidades vinculadas.

Excepcionalmente, en aplicación do artigo 27.7 da Lei de subvencións de Galicia, a Axencia Galega de Innovación poderá autorizar a subcontratación de entidades vinculadas cos beneficiarios cando sexa imprescindible para a execución das actividades do proxecto e sempre que se realice de acordo coas condicións normais de mercado e figurasen explicitamente na solicitude presentada ao CDTI na convocatoria de referencia e non fose emitido informe negativo sobre o informe de avaliación. As condicións de mercado deberán ser xustificadas mediante unha memoria explicativa e deberá achegarse xustificación dos gastos incorridos pola devandita entidade vinculada co mesmo grao de detalle que o propio beneficiario.

En todo caso, de acordo con o artigo 43.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Gain poderá comprobar, dentro do período de prescrición, o custo, así como o valor de mercado das actividades subcontratadas.

Artigo 10. Ofertas

1. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 15.000 € no caso de adquisición de bens de equipo e contratación de servizos ou subministracións e materiais, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que, polas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá motivarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 11. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se entregan son certos e acepta as condicións e obrigacións recollidas nesta convocatoria.

c) Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións.

d) Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable de que está ao día do pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

f) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

g) Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

h) Declaración responsable do cumprimento dos requisitos relativos ao capital social e á antigüidade da empresa:

h.1. Non estar cotizadas, nin se engada nunha bolsa de valores, agás as plataformas de negociación alternativa.

h.2. Estar constituídas como máximo nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á presente convocatoria, contado desde a data de outorgamento da escritura de constitución da empresa.

h.3. Non distribuír beneficios.

i) Declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, polo que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas nas devanditas declaracións no momento en que se produza.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. Para a tramitación do procedemento é necesario achegar, xunto co formulario de solicitude (anexo I), a seguinte documentación:

a) Anexo II, declaración da condición de peme.

No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, deberanse achegar os anexos II-A, II-B, II-A.1 ou II-B.1, segundo corresponda.

b) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para considerarse empresa innovadora:

i. Informe de avaliación dun experto externo á empresa, que acredite que desenvolverá nun futuro previsible produtos, servizos ou procesos novos ou mellorados substancialmente en comparación co estado da técnica no seu sector e que leven implícito un risco de fracaso tecnolóxico ou industrial. O experto externo deberá pertencer a un organismo público de investigación, dos definidos no artigo 47 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación; a unha universidade pública, privada ou aos seus institutos universitarios; ou a un centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal, inscrito no rexistro de centros creado polo Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, ou ben,

ii. Certificación dun auditor externo rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que acredite que a empresa ten uns custos de investigación e desenvolvemento que representan un mínimo do 10 % do total dos seus custos de explotación durante polo menos un dos tres anos previos á concesión da axuda ou, se se trata dunha empresa nova sen historial financeiro, durante o exercicio fiscal en curso.

c) No caso das solicitudes que no formulario presentado a CDTI non indicasen sede social e centro de traballo en Galicia, deberá achegarse xunto coa solicitude a seguinte documentación da proposta presentada á convocatoria de referencia:

• Informe de avaliación técnica de CDTI.

• Memoria de solicitude (Plan de empresa) presentado a CDTI.

• Formulario de solicitude xerado pola aplicación de CDTI.

• Declaración aclaratoria das motivacións para trasladar a súa sede social, sede fiscal e centro de traballo a Galicia no prazo dun mes desde a data de resolución da presente convocatoria e, en todo caso, antes de realizar a solicitude de calquera cobramento, que xustifiquen en todo caso a discordancia coa localización da empresa respecto ao formulario de solicitude presentado á convocatoria de referencia.

d) Escritura de constitución, así como, de ser o caso, escritura de ampliación de capital ou outras de modificacións estatutarias, todas elas debidamente rexistradas no rexistro oficial correspondente (Rexistro Mercantil, de cooperativas ou o que proceda).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automáticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo na casa correspondente habilitada no formulario de solicitude e achegar os documentos que correspondan.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da devandita lei, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

3. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa lapela de axudas.

b) Nos teléfonos 881 99 94 71 e 881 99 95 29 da devandita axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal

d) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento e as incidencias no funcionamento na sede electrónica poderá facerse uso do teléfono de Información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 6 e seguintes da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

4. En cumprimento do previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida serán comunicadas á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigacións previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Instrución do procedemento e tramitación

1. A área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e corresponderalle á Dirección da Axencia Galega de Innovación ditar as resolucións de outorgamento das devanditas axudas.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, ou non se lle achega a documentación exixida, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver os procedementos e para o seguimento e avaliación da RIS3 na que se enmarcan estas axudas.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados conforme os criterios de avaliación e remitidos á Comisión de Selección.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes e estará composta por:

a) Un/unha director/a de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

b) Unha persoa que exerza a xefatura de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Un empregado público da Axencia Galega de Innovación, que actuará como secretario.

2. A Comisión realizará a selección de acordo co informe de avaliación realizado para cada solicitude, conforme os criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras do procedemento.

Propoñerase a concesión das solicitudes por orde decrecente de puntuación ata esgotar os créditos dispoñibles, quedando, de ser o caso, como suplentes aquelas solicitudes para as cales non se dispón de crédito suficiente pero que obtiveron unha puntuación igual ou superior á puntuación mínima exixida para ser beneficiario (60 puntos).

3. A Comisión de Selección emitirá un informe final no cal figurarán, de maneira individualizada, as solicitudes propostas para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe do custo subvencionable e da subvención para cada un deles sen superar o crédito dispoñible e tendo en conta a intensidade da axuda prevista nesta convocatoria.

Artigo 20. Criterios de avaliación de solicitudes

1. A avaliación de cada solicitude que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria será realizada por xestores/as técnicos/as da Gain, que poderán contar co apoio de persoal experto externo.

2. Para os efectos da valoración das solicitudes, a puntuación máxima será de 100 puntos e os criterios son os seguintes:

• Ata 70 puntos obteranse de maneira automática a partir da puntuación obtida do informe de avaliación de CDTI para a solicitude presentada á convocatoria de referencia. Para o devandito cálculo, a puntuación obtida polo CDTI multiplicarase por 70 e dividirase entre 100, que é a puntuación máxima do CDTI.

• Ata 30 puntos obteranse da avaliación realizada pola Axencia Galega de Innovación sobre a información referida na solicitude, sendo os subcriterios os seguintes:

◦ Ata 4 puntos pola creación de emprego en Galicia vinculado ás novas contratacións financiables por estar incluídas no orzamento do plan, da seguinte forma:

▪ Cada nova contratación co perfil muller: + 2 puntos.

▪ Cada nova contratación co perfil de diversidade funcional >33 %: + 2 puntos.

▪ Cada nova contratación con outro perfil: + 1 punto.

◦ Ata 10 puntos polas sinerxías co ecosistema de coñecemento, en concreto con organismos de coñecemento e/ou empresas vinculadas a tecnoloxías facilitadoras (fotónica, micro-nanoelectrónica, nanotecnoloxía, biotecnoloxía, materiais avanzados e fabricación e procesamento avanzado) de Galicia. Sendo a puntuación do seguinte modo:

▪ 10 puntos se a proposta inclúe colaboración con estas entidades por valor igual ou superior ao 10 % do orzamento total.

▪ 5 puntos se a proposta inclúe colaboración con estas entidades por valor igual ou superior ao 5 % do orzamento total.

◦ 2 puntos se a proposta achega tecnoloxía ou aplicacións nos ámbitos prioritarios da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía de Galicia 2021-2025 ou do Plan estratéxico da Civil UAVs Initiative 2021-2025.

◦ 5 puntos se a empresa está situada nun Concello Emprendedor. A relación de concellos emprendedores pode consultarse no enderezo: https://galiciaempresa.xunta.gal/concellos-emprendedores

◦ Cadro de persoal paritario e responsabilidade social, até 3 puntos:

▪ 1 punto se o cadro de persoal está formado por entre 40-60 % de mulleres.

▪ 2 puntos se está formado por máis dun 60 % de mulleres.

▪ 1 punto se máis do 10 % do persoal ten recoñecida diversidade funcional.

◦ 1 punto se o proxecto ten un efecto positivo na sustentabilidade ambiental.

◦ 5 puntos se o proxecto se presentou á convocatoria de referencia tendo nese momento a sede social e centro de traballo en Galicia.

3. A orde de clasificación das empresas ou outras entidades conformarase de acordo cos criterios indicados no punto anterior, outorgándose as axudas pola devandita orde ata esgotar o orzamento indicado na presente convocatoria.

4. No caso de empate nas puntuacións, como criterio de desempate terán preferencia as empresas que dispoñan de maior puntuación na avaliación de CDTI.

Artigo 21. Trámite de audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 22. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Selección á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de modo individualizado as solicitudes propostas para obter a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

No expediente de concesión de subvencións tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non ser tidos en conta outros feitos ou outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. A resolución expresará, cando menos:

a) A denominación das entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda concedida e a desagregación dos devanditos importes por anualidades, de ser o caso.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes que non se admitiron a trámite.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento no que deberán figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigacións que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor no que conste que, da información que ten no seu poder, despréndese que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao do final do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no devandito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Con todo, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 23. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria os interesados poderán interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer o recurso de alzada en calquera momento para partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer o recurso de alzada en calquera momento para a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo iso segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 24. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer na sede electrónica onde se tramitou o procedemento ou por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan ás persoas coa capacidade de obrar en nome da entidade beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da devandita norma.

Artigo 25. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deberase obter autorización previa da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios nelas.

2. Con todo, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Entenderanse autorizados, de forma xenérica para todos os beneficiarios, as modificacións que non superen o 20 por cento nas partidas e conceptos susceptibles de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, que non se altere o importe total da axuda nin por anualidades, e que o beneficiario xustifique axeitadamente o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación cunha anterioridade mínima de vinte (20) días á data de finalización do prazo de xustificación da anualidade correspondente, se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación do beneficiario, nin danen dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevindas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non poderían supoñer a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

5. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada no Rexistro da solicitude de modificación.

6. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo de instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

7. En relación coa solicitude de cambio nas partidas e conceptos de gasto subvencionados, deberanse solicitar ao mesmo nivel de detalle que o empregado na solicitude de axuda e na convocatoria de referencia.

8. Permítese a modificación dos gastos asociados á contratación de novos doutores para trasladalos a outro subconcepto de gastos de persoal ou outro concepto. Aínda que, de non producirse a contratación de ningún dos doutores previstos, incorrerase no suposto de incumprimento, o cal supoñerá o recálculo da axuda conforme o establecido no artigo 6.1.b) e a redución desta que corresponda.

9. Só se poderá facer unha substitución por cada doutor de nova incorporación aprobado.

10. En ningún caso poderán autorizarse modificacións que impliquen a aprobación de condicións que non superasen a avaliación inicial, ou que afectasen a determinación do beneficiario. Tampouco se autorizarán modificacións que, no seu conxunto, supoñan a redución do orzamento inicial financiable da actuación nunha porcentaxe equivalente á establecida no artigo 31.4 da presente convocatoria para entender o incumprimento total dos fins para os que se concedeu o financiamento.

11. Non se permiten solicitudes de prórroga dos prazos de execución.

12. Non se admitirá máis dunha solicitude de modificación en cada anualidade.

Artigo 26. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria e normativa de aplicación, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

i. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano concedente, así como cumprir os requisitos, prazos e condicións establecidas nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento en que se establecen as condicións de axuda.

ii. Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e o goce da subvención.

iii. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

iv. Fornecer á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

v. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

vi. Comunicar á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

vii. Desenvolver as actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

viii. Solicitar á Axencia Galega de Innovación autorización previa para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable supoñerá a non admisión das cantidades desviadas.

ix. Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa procedencia e o financiamento da Axencia Galega de Innovación. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web da empresa. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «subvencionado pola Axencia Galega de Innovación».

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe Axudas.

x. Colocar, nun lugar ben visible para o público, un cartel informativo, de tamaño mínimo A3, no que figurarán, como mínimo, o nome da actividade subvencionada, o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «subvencionado pola Axencia Galega de Innovación».

xi. Deseñar e executar un plan de comunicación do proxecto onde se reflicta o apoio da Axencia Galega de Innovación, que poderá incluír accións tales como xornadas de difusión de resultados, notas de prensa, difusión en redes sociais, material comunicativo (coma reportaxes, videorreportaxes, ou outros), etc.

xii. No caso de persoal de nova contratación, farase mención expresa no contrato ao financiamento da Axencia Galega de Innovación e a presente convocatoria.

Para o resto de persoal dedicado ás actividades do plan, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser financiado pola Axencia Galega de Innovación, e incluirá unha mención expresa á presente convocatoria.

xiii. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes aos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa a esta subvención durante un prazo de cinco anos, contados a partir do ano no que finalizan as actividades obxecto da axuda.

xiv. Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros instrumentos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia.

No marco de seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de innovación, durante a execución e ao finalizar a axuda (expost), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

xv. Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia, para o que será convocado expresamente con antelación. Á devandita xornada deberá acudir, como mínimo, unha persoa pertencente ao persoal do beneficiario, vinculada ás tarefas de innovación.

xvi. Manter a sede social, fiscal e centro de traballo en Galicia até tres anos despois de finalizar a execución do proxecto.

xvii. Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 27. Xustificación da subvención

1. Prazos de xustificación:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade

Segunda anualidade

Terceira anualidade

(só proxectos a 24 meses)

Período realización de gastos e pagamentos (coa excepción dos pagamentos de Seguridade Social, IRPF e auditoría que se mencionan a continuación)

Do 1.10.2023 ao 30.11.2023

Do 1.12.2023 ao 30.9.2024

Do 1.10.2024 ao 30.9.2025

A data límite para a presentación da documentación xustificativa económica e técnica será de 10 días hábiles desde o fin do prazo da anualidade correspondente.

2. Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes seguinte a aquel en que ao beneficiario lle corresponda liquidar eses gastos. Do mesmo xeito, a factura e o pagamento dos custos de auditoría poderán realizarse durante o período de xustificación económica.

3. A xustificación da execución dos custos das actividades para os que se concede a axuda deberá facerse accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, e cubrindo o formulario de achega de documentación xustificativa. Incluirase como documentación adicional a que se detalla a continuación.

4. Deberá presentarse a documentación xustificativa económica e técnica necesaria para acreditar a execución das actividades e os gastos implicados no plan de innovación.

As instrucións detalladas, os formularios correspondentes e documentos tipo para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), sendo preciso presentar a documentación de maneira ordenada seguindo a estrutura establecida nas devanditas indicacións.

5. Sen prexuízo da documentación que se indique, poderán requirirse información, datos, documentos complementarios e aclaracións que resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Soamente serán admitidos os custos para os cales quede demostrada de maneira explícita a súa rastrexabilidade, con pistas de auditoría suficientes para a súa verificación, e que cumpran os requisitos e preceptos establecidos na presente convocatoria e normativa de aplicación.

7. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a empresa non presenta a documentación pertinente, a Axencia Galega de Innovación requiriraa para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndoa de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de recibir cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Documentación xustificativa económica

1. Para a xustificación de cada anualidade, a empresa beneficiaria achegará a seguinte documentación, cuxos modelos estarán dispoñibles na web da Axencia Galega de Innovación xunto coas instrucións necesarias, a través da Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

a) Un resumo da execución do proxecto conforme o modelo que estará dispoñible na web.

b) Certificación emitida por cada traballador, polo responsable de persoal, co visto e prace do xerente ou director da entidade, que consistirá nunha relación detallada das horas dedicadas ao proxecto por mes.

c) Informe dun auditor, conforme o modelo e instrucións que estará dispoñible na web, asinado electronicamente, conforme a Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Regulamento de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Este informe deberá verificar a existencia e validez da documentación e revisar, ademais, o cumprimento dos requisitos que se exixen a cada concepto de gasto neste convenio. O informe auditor irá acompañado da documentación requirida para a súa elaboración.

O auditor de contas deberá considerar para elaborar o seu informe o orzamento subvencionable establecido na resolución de concesión e, de ser o caso, nas resolucións de modificación posteriores, para cada custo subvencionable.

No que respecta ao cálculo do custo hora para a xustificación dos custos de persoal, terase en conta que a anualidade de gasto non se corresponde con anos naturais e, por tanto, o cálculo deberá facerse a través das nóminas dos meses correspondentes para xustificar o salario bruto do persoal imputado, así como as horas laborais proporcionais.

Para efectos de validación da documentación, terase adicionalmente en conta o seguinte:

• Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha copia en formato pdf dos documentos orixinais.

• Respecto da documentación xustificativa do pagamento, cando non sexa posible a presentación de copia auténtica electrónica poderá presentar unha copia en formato pdf dos documentos indicados realizada polo beneficiario acompañada dunha declaración responsable da autenticidade deses documentos achegados, así como o compromiso de presentar os orixinais se Gain llos require.

• No caso de que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento. Non se aceptarán aqueles documentos de pagamento que non permitan identificar claramente as facturas vinculadas ao proxecto a que corresponden.

• No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, acompañarase dunha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, será necesario presentar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da entidade coa relación detallada das facturas ou, alternativamente, un certificado de recibir o pagamento das facturas incluídas na conta xustificativa, emitido por parte do subministrador.

• En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

• Non serán subvencionables partes de gastos que non estean íntegra e correctamente xustificados de acordo co establecido nos parágrafos anteriores.

d) No caso de que o importe xustificado sexa inferior ao importe pagado como anticipo, deberá presentar carta de pagamento de reintegro conforme o artigo 48.g) do Decreto 11/2009.

e) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade ou proxecto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

f) Certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o beneficiario está ao día nas súas obrigacións tributarias, no caso de que se opoña á súa consulta por parte do órgano xestor ou non a autorice expresamente no caso das certificacións que deba emitir a AEAT.

g) No caso de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.

h) Declaración responsable da non participación do persoal dedicado ao proxecto, financiado con cargo a este convenio, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración ou ente pública ou privado ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación ao proxecto, a porcentaxe do 100 %.

i) Documentación xustificativa (documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio) do cumprimento das obrigas de publicidade previstas na cláusula cuarta.

2. Non obstante o disposto neste artigo, no presente procedemento admitirase a dixitalización de documentos en papel debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias electrónicas.

3. Para aqueles beneficiarios que non tivesen sedes social e fiscal, e centro de traballo en Galicia na solicitude presentada ante CDTI, deberán acreditar na primeira xustificación (se non solicitaron anticipo), a documentación acreditativa de ter a sede social, fiscal e centro de traballo en Galicia. Non se admitirán custos incorridos con anterioridade á data de alta do centro de traballo en Galicia. A non presentación da antedita documentación dará lugar á perda de dereito ao cobramento.

Artigo 29. Documentación xustificativa técnica

1. A documentación xustificativa técnica do proxecto consistirá nunha memoria descritiva, da realización e evolución das actividades previstas no proxecto. A memoria será en formato libre, tamaño A4 con marxes normais en letra Arial 10, e extensión máxima 40 páxinas. A memoria deberá incluír, cando menos, as seguintes epígrafes:

1. Resumo dos obxectivos do plan de empresa, grao de cumprimento e xustificación.

2. Actuacións do plan. Explicación detallada das tarefas levadas a cabo e impacto para a entidade no ámbito tecnolóxico, capacitación interna e potencial comercial.

3. Plan tecnolóxico. Explicación do desenvolvemento de produtos/servizos conseguido e plan de desenvolvemento futuro indicando innovacións destacadas.

4. Gasto executado. Xustificación detallada dos custos executados e a súa vinculación coas tarefas levadas a cabo. Explicación das desviacións respecto do orzamento inicial.

5. Mantemento e creación de emprego. Tanto en termos cuantitativos como cualitativos (perfís contratados), así como estrutura inicial e actualizada do organigrama. Previsión de emprego a 3 anos.

6. Vendas. Cadro comparativo das previsións de vendas indicadas na solicitude e facturación real, así como actualización de previsións a 5 anos. Explicación de principais clientes e modelo de negocio final.

2. Sen prexuízo da documentación anteriormente indicada, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 30. Pagamento

1. O pagamento da axuda da Axencia Galega de Innovación efectuarase ao beneficiario ou entidade con dereito á súa cobranza, logo de verificación da documentación xustificativa presentada e as accións de inspección e verificación preceptivas para cada anualidade.

2. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria.

3. Pagamentos anticipados.

Poderán autorizarse pagamentos anticipados de ata o 60 % da subvención total concedida en aqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009. Estes anticipos non poderán superar o importe da subvención prevista para cada anualidade. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá presentar a solicitude no modelo que estará á súa disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e na cal se incluirá unha declaración responsable de iniciar as actividades do plan, así como achegar a documentación complementaria indicada:

i. Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, de todas as administracións públicas,

ii. Certificados de estar ao día coa Seguridade Social, Facenda e Facenda autonómica.

iii. Certificación bancaria actualizada onde se materializará o pagamento.

iv. Para o anticipo da primeira anualidade, documentación acreditativa de ter a sede social, fiscal e centro de traballo en Galicia, soamente no caso de que a solicitude presentada a CDTI tivera outra localización.

En todo caso, esta solicitude deberá cursarse nos seguintes prazos:

– 1ª anualidade: desde a data de concesión e ata o 30 de novembro de 2023.

– 2ª anualidade: desde o fin do prazo da primeira anualidade e ata o 30 de abril de 2024.

– 3ª anualidade: desde o fin do prazo da segunda anualidade e ata o 30 de abril de 2025.

4. No caso de que a xustificación da anualidade sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención que implique reintegro dun importe por parte do beneficiario, detraerase do importe a pagar no seu caso, no anticipo seguinte ou, en todo caso, no seguinte pagamento a conta ou final.

5. A suma dos pagamentos parciais a conta e anticipados poderá superar o 80 % da axuda concedida, e non excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario conforme o disposto no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co disposto no 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Ademais, con carácter previo ao pagamento final da subvención, será obrigatoria unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación para comprobar a realización das actividades desenvoltas no plan de innovación, tendo como referencia as previsións da entidade beneficiaria valoradas no artigo 21 desta convocatoria.

No caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte do órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade, asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 31. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.

En calquera momento, poderanse realizar visitas aos beneficiarios coa finalidade de realizar comprobacións e solicitudes de aclaracións que se consideren necesarias para a verificación do correcto desenvolvemento das actividades para as que se concedeu a axuda, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de procedencia dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou o desvío dos obxectivos para os que se concederon, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar aos beneficiarios, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

4. Previamente ao pagamento final da subvención, será obrigatorio que a Axencia Galega de Innovación realice unha actividade de inspección. Ademais desta actividade final de inspección, a Axencia, no marco dos seus plans de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

A comprobación dará lugar a un informe técnico positivo ou negativo. O segundo caso supoñerá, de acordo co disposto nesta convocatoria, unha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, a condición de que o incumprimento non supere o 40 % do investimento concedido, suposto en que procederá o reintegro total.

5. Conforme o sinalado no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Axencia Galega de Innovación, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade, asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

6. Se, pola situación excepcional derivada pola pandemia da COVID, non fose oportuno realizar a inspección in situ, transitoriamente poderá substituírse pola entrega de xustificación documental en que se constate, de forma razoable e suficiente, a realización da actividade subvencionada, e, no caso de activos tanxibles, polo envío de materiais fotográficos por parte do beneficiario, de modo que se poida comprobar o correcto funcionamento destes e as súas características, número de serie e o cumprimento dos requisitos de publicidade previstos na convocatoria, sen prexuízo de que posteriormente, cando sexa posible, se efectúe a dita inspección.

Artigo 32. Gradación dos incumprimentos, perda do dereito a cobranza, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante a execución das actividades subvencionadas e o tempo establecido na normativa de aplicación. Pola contra, perderá o dereito á súa cobranza e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de moura correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. É causa de perda do dereito á cobranza da subvención o incumprimento por parte do beneficiario da súa obrigación de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal, a autonómica e coa Seguridade Social.

3. Non trasladar a sede social, fiscal e centro de traballo a Galicia, no caso daqueles beneficiarios que non a tivesen na solicitude presentada ante o CDTI, constituirá causa de perda do dereito á cobranza da subvención.

4. Serán causas de reintegro as seguintes:

1º. A falsidade, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

2º. O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do plan de innovación inicial ou da finalidade para a cal foi concedida a axuda.

3º. O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

4º. O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 26 desta convocatoria.

5º. A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

6º. O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade ou do emprego.

7º. A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por encima do custo das actividades subvencionadas.

8º. Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación nos termos e condicións establecidos no artigo 26.xiv desta convocatoria.

9º. Non asistir á xornada formativa que impartirá a Axencia Galega de Innovación nos termos e condicións establecidos no artigo 26.xv desta convocatoria.

10º. Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, será causa de perda do dereito á cobranza ou de reintegro total da subvención.

En todo caso, serán causas de incumprimento total:

1º. Non xustificar a execución dun orzamento mínimo do 60 % do orzamento aprobado.

2º. A obtención dun informe final negativo que estableza unha porcentaxe de incumprimento superior ao 40 %, de acordo co disposto no artigo 30.4 desta convocatoria.

3º. Non manter a sede social, fiscal e centro de traballo en Galicia tres anos despois de finalizar a execución do proxecto.

6. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

1º. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na devandita proporción.

2º. Se se incumpriron as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do plan dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dunha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalada no informe técnico, sempre que se alcance a porcentaxe mínima para non dar lugar ao reintegro total.

3º. Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

4º. Non dar publicidade ao financiamento recibido por parte da Axencia Galega de Innovación ou non executar as acción de comunicación propostas na solicitude suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

5º. Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida.

6º. Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

7º. Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 2 % dá subvención concedida.

8º. Non asistir á xornada formativa que impartirá a Axencia Galega de Innovación nos termos e condicións establecidos nesta convocatoria suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

9º. Non contratar doutor/es conforme a solicitude, suporá o recálculo da axuda conforme o establecido no artigo 6.1.b) e a redución da mesma que corresponda.

10º. Non cumprir os compromisos asumidos tidos en conta para a valoración da solicitude establecidos no artigo 20 suporá a perda de ata un 5 % da subvención concedida.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada nesta epígrafe só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagament dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando a minoración conxunta correspondente.

7. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

8. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 31 desta convocatoria, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas e comunicarase ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro porá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 34. Prescrición

1. O dereito da Administración para recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro anos, sen prexuízo do establecido na normativa de axudas de Estado.

2. Este prazo computarase, en cada caso:

a) Desde o momento en que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do beneficiario.

b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no punto 9 do artigo 28 da Lei 9/2007.

c) No caso de que se establecesen condicións ou obrigas que debesen ser cumpridas ou mantidas por parte do beneficiario ou da entidade colaboradora durante un período determinado de tempo, desde o momento en que venceu devandito prazo.

3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:

a) Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora, que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal, ou pola presentación de denuncia ante o Ministerio fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora no curso dos devanditos recursos.

c) Por calquera actuación fidedigna do beneficiario ou da entidade colaboradora, conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 35. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do cofinanciamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa:

a) A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento, e de maneira supletoria a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

b) Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, texto pertinente para os efectos do EEE, e as súas modificacións.

c) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

d) A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE núm. L124, do 20.5.2003).

f) Comunicación 2003/C 118/03 da Comisión. Exemplo de declaración sobre a información relativa á condición de peme dunha empresa (DOUE núm. C118, do 20.5.2003). Corrección da Comunicación 2003/C 118/03 da Comisión no que se refire á nota explicativa relativa aos tipos de empresas consideradas para calcular os efectivos e importes financeiros (DOUE núm. C42, do 18.2.2005).

g) Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega de Innovación e a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

h) Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro).

Artigo 36. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file