Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 19 de xuño de 2023 Páx. 37965

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 24 de maio de 2023 pola que se aproban os estatutos do Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de xuros económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 58/2022, do 15 de maio).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e inscrición no Rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña

Preámbulo

En 1760, trinta e un avogados, dos cales ningún era muller, impulsaron a constitución do Colexio de avogados da Coruña, e así, os seus primeiros estatutos aprobáranse o 1 de xullo de 1761. Desde entón, o mundo, a sociedade e a avogacía transformáronse. Un dos cambios máis significativos constitúeo o feito de que en 2022 o 52 por cento do censo colexial son mulleres.

Ademais, os últimos estatutos colexiais, aprobados en 2002, víronse desbordados pola normativa posterior. Durante este tempo, aprobáronse reformas legais de gran transcendencia que afectaron de forma especial a ordenación das profesións colexiadas. En concreto, referímonos á Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, chamada «Lei paraugas»; a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, chamada «Lei ómnibus»; a Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais; a Lei 34/2006, de acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais e o Regulamento que a desenvolve; o Real decreto 775/2011, do 3 de xuño; o Real decreto 1331/2006, polo que se regula a relación laboral de carácter especial dos avogados que prestan servizos en despachos de avogados, individuais e colectivos, e a Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de xustiza, así como as modificacións derivadas na Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, e a Lei 11/2001, do 18 setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras.

Froito destas modificacións, en 2013 o Pleno do Consello Xeral da Avogacía aprobou un novo estatuto xeral que, finalmente, foi aprobado polo Goberno en 2021, mediante o Real decreto 135/2021, do 2 de marzo, e na súa disposición adicional terceira estebleceuse a necesidade de adaptación dos estatutos particulares dos distintos colexios. Así mesmo, en 2019, entrou en vigor un novo código deontolóxico da avogacía.

Á hora de levar a cabo esta modificación, ademais do texto do novo estatuto xeral, seguiuse o contido obrigatorio dos estatutos particulares fixado no artigo 17 da Lei 11/2001, do 18 setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

As materias onde os estatutos particulares de cada colexio teñen unha maior marxe de autorregulación son o réxime disciplinario, por mor, entre outras disposicións, do artigo 546.3 da Lei orgánica do poder xudicial, o réxime electoral e a organización e goberno colexial.

Estes estatutos do século XXI, que rexerán a vida colexial nos próximos anos, aspiran a ser os de todos os avogados e avogadas, colexiados e colexiadas adscritos a esta Corporación, impulsando a igualdade efectiva entre homes e mulleres, e un exercicio da avogacía digno, leal, libre e independente.

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Denominación, natureza, réxime, ámbito territorial, sede, delegacións e linguaxe oficial

1. O Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña é unha corporación de dereito público, amparada pola lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. O Colexio réxese por estes estatutos, así como polo Regulamento de réxime interior, as normas internas que se aproben e os acordos adoptados por órganos colexiais no ámbito das súas competencias e, no non previsto, polo Estatuto xeral da avogacía, a Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, e a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, con carácter supletorio, resulta de aplicación a lexislación reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas aos actos dos órganos corporativos na forma prevista nela.

3. O ámbito territorial do Colexio abarca os partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo, Corcubión, Muros, Noia e Ribeira.

4. O Colexio ten a súa sede na Coruña e o seu domicilio na rúa Federico Tapia, 11, baixo e 1º, sen prexuízo das oficinas que ten abertas ou poida abrir no futuro, en edificios e dependencias xudiciais ou en calquera outro punto dentro do seu ámbito territorial.

5. Por acordo da Xunta de Goberno, a sede colexial poderase trasladar a outro domicilio dentro do termo municipal da Coruña.

6. O Colexio conta con delegacións en Betanzos, Carballo, Corcubión, Muros, Noia e Ribeira, coa estrutura, facultades e competencias outorgadas pola Xunta de Goberno.

Cada delegación ten limitado o seu ámbito ao territorio do seu propio partido xudicial. A creación de novas delegacións ou a alteración do seu ámbito territorial requirirá a correspondente modificación destes estatutos.

7. O galego e o castelán son as dúas linguas oficiais do Colexio.

Artigo 2. Fins esenciais

Dentro do seu ámbito territorial, son fins esenciais desta corporación:

a) A ordenación do exercicio da profesión e a súa representación exclusiva.

b) A defensa dos xuros profesionais dos colexiados.

c) A intervención no proceso de acceso á profesión.

d) A formación profesional permanente e especializada dos seus membros.

e) O control deontolóxico e a aplicación do réxime disciplinario en garantía dos dereitos dos cidadáns e dos profesionais.

f) A protección dos xuros dos consumidores e usuarios e dos clientes dos servizos dos profesionais da avogacía.

g) A colaboración no funcionamento, promoción e mellora da Administración de xustiza.

h) A defensa do Estado social e democrático de dereito proclamado na Constitución, e a promoción e defensa dos dereitos humanos.

i) A contribución á garantía do dereito constitucional de defensa e acceso á xustiza mediante a organización e prestación da defensa de oficio.

Artigo 3. Funcións

Son funcións do Colexio, no seu ámbito territorial:

a) Exercer a representación e defensa da avogacía ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os dereitos e xuros dos colexiados.

b) Elaborar e aprobar os seus estatutos particulares e as súas modificacións, así como redactar e aprobar o seu regulamento de réxime interior.

c) Colaborar co Poder Xudicial e cos demais poderes públicos mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, cando lles sexan solicitadas ou o acorden por propia iniciativa.

d) Organizar e xestionar os servizos de asistencia xurídica gratuíta e cantos outros de asistencia e orientación xurídica poidan crearse, especialmente en beneficio dos sectores sociais máis desfavorecidos ou necesitados de protección.

e) Participar nas materias propias da profesión nos órganos consultivos da Administración, así como nos organismos ou asociacións interprofesionais.

f) Asegurar a representación da avogacía nos consellos sociais das universidades, nos termos establecidos polas normas que os regulen.

g) Participar na elaboración dos plans de estudos universitarios; crear, manter e propor ao Consello Xeral da Avogacía Española ou, de ser o caso, ao Consello da Avogacía Galega, a homologación de escolas de práctica xurídica e outros medios para facilitar o acceso á avogacía dos novos titulados, e organizar cursos para a formación continua e perfeccionamento e especialización profesional.

h) Ordenar a actividade profesional dos colexiados, velando pola formación, a deontoloxía e a dignidade profesionais e polo respecto debido aos dereitos dos particulares, así como exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

i) Organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e outros análogos, incluído o aseguramento obrigatorio da responsabilidade civil profesional cando legalmente se estableza.

j) Impulsar a adecuada utilización por parte dos colexiados das tecnoloxías da información e as comunicacións no exercicio profesional e nas súas relacións corporativas.

k) Adoptar as medidas conducentes a evitar e perseguir o intrusionismo profesional, así como impedir a competencia desleal entre os colexiados.

l) Intervir, logo de solicitude dos interesados, en vías de conciliación, mediación ou arbitraxe nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados ou entre estes e os seus clientes. Especialmente, correspóndelles resolver as discrepancias que poidan xurdir en relación coa actuación profesional dos colexiados e a percepción dos seus honorarios, mediante laudo ou ditame o que previamente se sometan de modo expreso as partes interesadas.

m) Exercer funcións de arbitraxe nos asuntos que lles sexan sometidos, así como promover ou participar en institucións de arbitraxe ou mediación.

n) Atender as solicitudes de información sobre os colexiados e sobre as sancións firmes impostas a eles, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

ñ) Emitir informe nos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discutan honorarios profesionais, nos termos previstos na lexislación aplicable.

o) Cantas funcións redunden en beneficio da protección dos xuros dos consumidores e usuarios dos servizos dos colexiados e calquera outra establecida neste Estatuto particular ou que veñan dispostas pola lexislación estatal ou autonómica.

p) As demais que veñan impostas pola lexislación estatal ou autonómica.

Artigo 4. Tratamento e honras

1. O Colexio terá o tratamento tradicional de ilustre.

2. O decano ou decana terá o tratamento de excelentísimo señor. O dito tratamento terase con carácter vitalicio.

Artigo 5. Festividade colexial

Recollendo a tradición dos «estatutos e ordenanzas do Ilustre Colexio de Señores Avogados da Real Audiencia da Cidade da Coruña, Reino de Galicia», aprobados o primeiro de xullo de 1761, que escolleron como patroa a Nosa Señora do Patrocinio, a festividade colexial celebrarase no mes de novembro.

Artigo 6. Selo

O Colexio ten o selo que figura nos seus primeiros estatutos de 1761, coa seguinte descrición: redondo, orlado por media palma e medio loureiro entrelazados a maneira de coroa, contén no seu interior unha pomba do Espírito Santo que cobre os elementos simbólicos da Xustiza, a espada e a balanza. Nunha primeira circunferencia do seu interior lese a inscrición «Sigilvm corumniensis colegii», e noutro círculo máis ao interior «Sub umbra alarum tuarum sal. 16».

Artigo 7. Acción social do Colexio

1. O Colexio terá especialmente en conta a súa responsabilidade para coa sociedade en que se integra. Por iso poderá promover, organizar e executar programas de acción social en beneficio dos sectores máis desfavorecidos, os valores democráticos de convivencia ou de loita contra a corrupción, así como para a promoción e difusión dos dereitos fundamentais.

2. Sen prexuízo das competencias colexiais derivadas da lexislación sobre asistencia xurídica en materia de servizos de orientación xurídica, o Colexio poderá organizar e prestar servizos gratuítos, con ou sen financiamento externo público ou privado, dedicados a asesorar ou, de ser o caso, defender a quen non teña acceso a outros servizos de asesoramento ou defensa gratuítos e se encontre en situacións de necesidade, desvantaxe ou risco de exclusión social.

Artigo 8. Portelo único

1. O Colexio disporá dun portal electrónico para que, a través do portelo único previsto na lei, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. O Colexio fará o necesario para que, a través deste portelo único, os profesionais poidan, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluída a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando for procedente.

d) Ser convocados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e pór no seu coñecemento a actividade pública e privada do Colexio.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información de forma clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais dos cales estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito na lei.

c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interporse en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obteren asistencia. Esta información poderá proporcionarse a través dunha ligazón á páxina web correspondente.

e) O contido do Código deontolóxico da avogacía española e doutros que poidan ser de aplicación.

Artigo 9. Memoria anual

1. O Colexio está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para tal fin, elaborará unha memoria anual que conteña a información seguinte:

a) Informe da xestión económica, que inclúa os gastos de persoal suficientemente desagregados e especifique as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo, de ser o caso.

b) Importe das cotas aplicables desagregadas por concepto e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que acadesen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, de ser o caso, con observancia, en todo caso, da lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, de ser o caso, os motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, con observancia, en todo caso, da lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido do Código deontolóxico, se os houber.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de xuros en que se encontren os membros da Xunta de Goberno.

2. A memoria anual aprobada deberá facerse pública a través da páxina web no primeiro semestre de cada ano.

Artigo 10. Servizo de Atención aos Colexiados e aos Consumidores e Usuarios

1. O Colexio atenderá as queixas ou reclamacións presentadas.

2. Así mesmo, disporá do Servizo de Atención aos Colexiados e aos Consumidores e Usuarios, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións se presenten referidas á actividade colexial ou profesional dos seus membros, así como das asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus xuros.

3. O Colexio, a través do Servizo de Atención aos Colexiados e aos Consumidores e Usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda; informando o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, remitíndoa aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

4. A regulación deste servizo preverá a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

5. A tramitación do procedemento de resolución de queixas e reclamacións regularaa a Xunta de Goberno.

TÍTULO II

Dos colexiados

CAPÍTULO I

Colexiación

Artigo 11. Adquisición da condición de avogado e avogada colexiados

1. A obtención do título profesional de avogado e a súa incorporación a este colexio cando este sexa o domicilio profesional, único ou principal, son requisitos imprescindibles para o exercicio da avogacía. Presumirase como domicilio principal o do lugar onde se encontre o despacho profesional principal ou único en territorio español ou, na súa falta, o do seu domicilio persoal en España. A colexiación como exercente habilita para exercer en todo o territorio do Estado.

2. A primeira incorporación ao Colexio pode ser:

a) Como avogado ou avogada residentes.

b) Como avogado ou avogada inscritos.

3. Unicamente poderá incorporarse como residente a un só colexio, e a incorporación a outros colexios distintos do de residencia será libre, pero o solicitante deberá acreditar en cada incorporación que figura como avogado no colexio da súa residencia.

No caso de que por calquera circunstancia un colexiado cause baixa no colexio de residencia, ou non no caso de constar esta, entenderase que lle corresponde a condición de residente no colexio en que estea colexiado e, se está en máis dun, naquel en que figure colexiado con máis antigüidade.

4. O establecido neste artigo en canto á exixencia de que o interesado en colexiarse estea en posesión do título oficial que habilite para o exercicio da profesión entenderase sen prexuízo das excepcións que, para determinados funcionarios públicos, contén a Lei 34/2006, do 30 de outubro, sobre o acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais, na súa disposición adicional terceira.

Artigo 12. Colexiado ou colexiada non exercentes

As persoas que reúnan os requisitos establecidos na Lei 34/2006, do 30 de outubro, para colexiarse, poderán facelo na categoría de non exercentes.

Considerarase que o colexiado non exercente reside no colexio de avogados a que se adscriba; se está incorporado a varios, considerarase colexiado naquel que coincida co do lugar en que ten o seu domicilio particular ou, na súa falta, no que está colexiado con máis antigüidade, salvo indicación en contrario.

CAPÍTULO II

Requisitos e procedemento de colexiación

Artigo 13. Incorporación ao Colexio

1. Para colexiarse como exercente deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e ter nacionalidade española ou dalgún Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo ou de terceiros países, sen prexuízo do disposto en tratados ou convenios internacionais e do cumprimento dos requisitos recollidos na normativa sobre estranxeiría respecto do dereito dos estranxeiros para establecerse e acceder ao exercicio profesional en España.

b) Posuír o título oficial que habilite para o exercicio da avogacía, salvo as excepcións establecidas en normas con rango de lei.

c) Acreditar o coñecemento da lingua castelá ou galega, por calquera medio válido en dereito, salvo cando resulte de modo fidedigno do cumprimento do requisito anterior.

d) Satisfacer a cota de ingreso, que non poderá superar os custos asociados á tramitación da inscrición.

e) Carecer de antecedentes penais por delitos que comporten a imposición de penas graves ou a inhabilitación para o exercicio da avogacía.

f) Non ser condenado por intrusionismo no exercicio da avogacía nos tres anos anteriores mediante resolución firme, salvo que se cancelasen os antecedentes penais derivados desta condena.

g) Non ser sancionado disciplinariamente coa expulsión dun colexio de avogados ou, en caso de ter sufrido tal sanción, ter sido rehabilitado, o que se acreditará por medio de certificado expedido polo Consello Xeral da Avogacía Española.

h) Non estar incurso en causa de incapacidade, incompatibilidade ou prohibición para o exercicio da avogacía, o que se acreditará por medio de certificado expedido polo Consello Xeral da Avogacía Española.

i) Formalizar a alta no réxime da Seguridade Social que corresponda ou, de ser o caso, o ingreso nunha mutualidade de previsión social alternativa ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos, de conformidade coa lexislación vixente.

2. Para incorporarse como colexiado non exercente, deberán cumprirse os requisitos establecidos nas alíneas a), b), c), d), e), f) e g) do punto anterior. Así mesmo, deberá acreditar non estar incurso en causa de incapacidade ou prohibición para o exercicio da avogacía na forma prevista na alínea h).

3. A solicitude de incorporación formalizarase mediante escrito dirixido á Xunta de Goberno, ao cal se xuntará a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para a colexiación e os demais datos necesarios para levala a cabo. A dita solicitude poderá tramitarse por vía telemática a través do portelo único.

4. Nos casos en que a solicitude de colexiación proceda de persoa que exercese previamente noutro Estado membro da Unión Europea, para a súa colexiación como avogado inscrito procederase de conformidade coa establecido no Estatuto xeral da avogacía española e demais normativa específica de aplicación.

5. As solicitudes de incorporación serán aprobadas, suspendidas ou denegadas, logo da tramitación que proceda, pola Xunta de Goberno do Colexio mediante resolución motivada, e non lla poderán denegar a quen reúna os requisitos establecidos neste artigo.

6. A denegación de incorporación como exercente adoptada por outro colexio impedirá a incorporación a este cando se trate de causa non emendable ou que non fose debidamente emendada. Para estes efectos, as resolucións denegatorias de incorporación comunicaranse ao Consello Xeral da Avogacía Española para o seu traslado a todos os colexios da avogacía.

7. A resolución da Xunta de Goberno deberá ditarse no prazo de tres meses contados desde a presentación da solicitude, transcorridos os cales se entenderá aprobada a colexiación.

8. Contra a resolución da Xunta de Goberno o interesado poderá interpor recurso de alzada, ante o Consello da Avogacía Galega, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no título IX destes estatutos.

Artigo 14. Xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico

1. Antes de iniciar o seu exercicio profesional, os avogados prestarán xuramento ou promesa de acatar a Constitución e o resto do ordenamento xurídico, e de cumprir as normas deontolóxicas da profesión, con liberdade e independencia, de boa fe, con lealdade ao cliente, respecto á parte contraria e gardando o segredo profesional.

2. O xuramento ou promesa será prestado solemnemente ante o decano se se incorpora como exercente por primeira vez ou ante o membro da Xunta de Goberno en quen delegue, coas formas e o protocolo que a propia Xunta estableza.

3. O colexiado deberá ser apadriñado por outro avogado ou avogada que no acto da ratificación pública da xúra ou promesa presentará á Xunta de Goberno. No caso de que o novo colexiado non dispoña de padriño, será apadriñado por un membro da Xunta de Goberno do Colexio. Excepcionalmente, poderá autorizarse que o padriño sexa outro profesional do dereito.

4. A Xunta poderá autorizar que o xuramento ou a promesa formalice inicialmente por escrito, con compromiso da súa posterior ratificación pública. En todo caso, deberase deixar constancia no expediente persoal do colexiado da prestación do xuramento ou promesa.

Artigo 15. Incorporación de profesionais da avogacía procedentes doutros colexios

1. Poderán incorporarse como non residentes ao Colexio os procedentes doutros colexios de España, acreditando o seu exercicio e pertenza actual e vixente á respectiva corporación de residencia.

2. Deberán xustificar tamén non estar dados de baixa ou suspendidos temporalmente no exercicio da avogacía por outros colexios.

Artigo 16. Acreditación da condición de avogado

No momento da incorporación, expedirase un carné acreditativo da súa condición de exercente residente e asignaráselle un número de colexiación que, xunto co nome do Colexio, deberá consignarse en todas as súas actuacións profesionais.

Artigo 17. Actuación de profesionais da avogacía doutros colexios

Cando os avogados adscritos a outro colexio actúen no ámbito territorial deste, quedarán suxeitos ás normas e ao réxime disciplinario desta corporación, que protexerá a súa liberdade e independencia, conforme o artigo 3.3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais.

Artigo 18. Suspensión e perda da condición de colexiado

1. A suspensión e perda da condición de colexiado rexerase polo disposto no Estatuto xeral da avogacía española.

2. Os colexiados que causen baixa por impagamento de cotas poderán rehabilitar os seus dereitos pagando o debido, os seus xuros ao tipo legal incrementado en dous puntos e a cantidade que corresponda nese momento como nova incorporación. O pagamento da cota de incorporación eximirase sempre que se trate da primeira baixa por impagamento e así o solicite o colexiado no momento de pedir a rehabilitación.

Artigo 19. Rehabilitación

1. O profesional da avogacía que sufrise a sanción disciplinaria de expulsión poderá obter a rehabilitación para o exercicio da profesión cumprindo cos requisitos previstos no Estatuto xeral da avogacía española.

2. A Xunta de Goberno establecerá as actividades formativas que, en materia de deontoloxía profesional, deberá superar quen solicite a rehabilitación.

3. As resolucións que se adopten en materia de rehabilitación serán sempre motivadas.

TÍTULO III

Exercicio da avogacía

CAPÍTULO I

Das incompatibilidades

Artigo 20. Incompatibilidades e prohibicións

1. As incompatibilidades para o exercicio da avogacía rexeranse polo establecido polo Estatuto xeral da avogacía.

2. Os avogados non poderán prestar a súa sinatura a aqueles que por calquera causa non poidan exercer a avogacía.

CAPÍTULO II

Principios, dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 21. Principios de actuación

O avogado actuará conforme os principios de liberdade, independencia, dignidade, integridade e segredo profesional.

Artigo 22. Dereitos dos colexiados

Son dereitos dos colexiados, nos termos previstos nestes estatutos, os seguintes:

a) Participar na xestión corporativa e exercer os dereitos de petición, voto e acceso aos cargos directivos.

b) Solicitar do Colexio o amparo da súa dignidade, independencia e lícita liberdade de actuación profesional, así como do seu dereito a conciliar a vida familiar coa actuación profesional.

c) Ser informados dos acordos adoptados polos órganos colexiais que os afecten. En todo caso, os estatutos, as normas aprobadas polos seus órganos e os acordos de interese xeral figurarán, debidamente actualizados, na páxina web do Colexio e nas dependencias colexiais á disposición de quen o solicite.

d) Os demais dereitos que lles confiran estes estatutos.

Artigo 23. Obrigas dos colexiados

Son obrigas dos colexiados:

a) Cumprir as normas estatutarias e deontolóxicas, así como os acordos adoptados polos órganos corporativos.

b) Estar ao día no pagamento das cotas colexiais ordinarias e extraordinarias.

c) Estar ao día no pagamento das cotas de previsión social, sexa cal for o réxime a que estea adscrito.

d) Denunciar ante o Colexio todo acto de intrusionismo ou exercicio ilegal que chegue ao seu coñecemento, xa sexa debido á falta de colexiación, por suspensión ou inhabilitación do denunciado, ou por concorrer en supostos de incompatibilidade ou prohibición.

e) Comunicar ao Colexio o seu domicilio, o do seu despacho profesional principal e os seus eventuais cambios.

f) Manter despacho profesional aberto, propio, alleo ou de empresa, no territorio do Colexio cando se colexiase como residente.

Artigo 24. Encargo de accións contra outro avogado

O avogado que no seu propio nome ou por encarga profesional vaia promover actuacións de calquera clase contra outro sobre responsabilidades relacionadas co exercicio profesional deberá informar o decano do Colexio para que poida realizar un labor de mediación, se o considera oportuno, aínda que o incumprimento do dito deber non poida ser disciplinariamente sancionado.

CAPÍTULO III

Segredo profesional, información, identificación e substitución

Artigo 25. Segredo profesional

De conformidade co establecido polas normas reguladoras da profesión e, en especial, pola Lei orgánica do poder xudicial, os avogados deberán gardar segredo de todos os feitos ou noticias que coñezan por razón de calquera das modalidades da súa actuación profesional e non poderán ser obrigados a declarar sobre eles.

Artigo 26. Límites do segredo profesional e da confidencialidade das comunicacións entre avogados

Soamente se poderá facer uso de feitos ou noticias sobre os cales se deba gardar o segredo profesional cando se utilicen no marco dunha información previa, dun expediente disciplinario ou para a propia defensa nun procedemento de reclamación por responsabilidade penal, civil ou deontolóxica. Nos mesmos supostos, tamén se poderán achegar as comunicacións con outros profesionais da avogacía.

Artigo 27. Autorización da Xunta de Goberno para achegar comunicacións entre avogados

Fóra dos casos recollidos no artigo anterior, e se non media consentimento do remitente e do interesado, a Xunta de Goberno poderá autorizar discrecionalmente, por causa grave e logo de resolución motivada con audiencia dos interesados, a achega aos tribunais das cartas, documentos e notas que, como comunicación entre profesionais da avogacía, se manteñan co avogado da outra parte.

Artigo 28. Deberes de información e identificación

A información necesaria para cumprir cos deberes de identificación e información establecidos no Estatuto xeral da avogacía española, deberá proporcionarse por escrito cando o cliente o solicite de igual maneira, respectando escrupulosamente a confidencialidade das comunicacións, conversas e negociacións con outros profesionais da avogacía, salvo autorización destes.

Artigo 29. Da substitución

1. A substitución na defensa ou no asesoramento rexerase polas normas contidas no Estatuto xeral da avogacía española e no Código deontolóxico.

2. As obrigas que impoñen son exixibles no ámbito do Colexio e de necesario cumprimento tanto en asuntos xudiciais como extraxudiciais, defensa, asesoramento e xestión, e mentres conste que haxa un asunto encargado antes a outro compañeiro ou compañeira, mesmo cando se comunicase o seu cesamento polo cliente.

3. As substitucións no exercicio colectivo da avogacía rexeranse polas normas de funcionamento do respectivo despacho colectivo, sen precisar a solicitude de venia interna.

CAPÍTULO IV

Honorarios profesionais

Artigo 30. Libre fixación de honorarios

Antes de iniciar a súa actuación profesional, a contía dos honorarios será libremente convida entre o cliente e o avogado, preferentemente mediante a utilización de follas de encarga, con respecto ás normas deontolóxicas e sobre defensa da competencia e competencia desleal.

Artigo 31. Criterios orientadores para efectos de taxación de custas e xura de contas

O Colexio poderá elaborar criterios orientadores de honorarios para os exclusivos efectos da taxación de custas e da xura de contas, así como informar e ditaminar sobre honorarios profesionais, e poderá mesmo emitir informes periciais, nos termos do artigo 5.o) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais. Os citados criterios serán igualmente válidos para o cálculo de honorarios que correspondan para os efectos de taxación de custas en asistencia xurídica gratuíta.

CAPÍTULO V

En relación coa asistencia xurídica gratuíta

Artigo 32. Ámbito

1. De conformidade co previsto na normativa sobre asistencia xurídica gratuíta, o Colexio manterá e implantará servizos de asesoramento aos peticionarios de asistencia xurídica gratuíta, coa finalidade de orientar e canalizar as súas pretensións. O dito asesoramento terá, en todo caso, carácter gratuíto para os solicitantes.

2. Correspóndelle aos avogados prestar os servizos obrigatorios de asistencia letrada e de defensa gratuítas, nos termos e nos supostos previstos nas leis; no entanto, cando se conte cun número suficiente de profesionais da avogacía, a Xunta de Goberno poderá acordar a dispensa de obrigatoriedade de alta nos servizos de asistencia xurídica gratuíta.

3. Tamén lles corresponde aos profesionais da avogacía o asesoramento e a defensa de quen desexe exercer os seus dereitos ante calquera xurisdición ou Administración e non conte con avogado que lles defenda ou asesore, coa obriga de aboar os seus honorarios.

4. Os avogados desempeñarán as funcións a que se refire este capítulo coa liberdade, independencia e dilixencia profesionais que lles son propias e conforme as normas deontolóxicas que rexen a profesión e a normativa reguladora da asistencia xurídica gratuíta.

CAPÍTULO VI

Formas de exercicio profesional

Artigo 33. Do exercicio individual, colectivo e multiprofesional

1. A avogacía poderá exercerse nas formas previstas no Estatuto xeral da avogacía española e na lexislación vixente.

2. As sociedades profesionais deberán inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais que o Colexio ten creado para o efecto, e terán as mesmas obrigas deontolóxicas que o resto de colexiados coas particularidades que lles sexan propias.

CAPÍTULO VII

Rexistro de Sociedades Profesionais

Artigo 34. Obxecto e regulación

1. A inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais ten por obxecto a incorporación das sociedades profesionais ao Colexio, co fin que este poida exercer validamente as súas competencias.

2. O Rexistro de Sociedades Profesionais rexerase por este estatuto, as normas reguladoras aprobadas pola Xunta de Goberno, o Estatuto xeral da avogacía española e a normativa sobre sociedades profesionais.

Artigo 35. Obrigatoriedade da inscrición

1. As sociedades profesionais que exerzan a avogacía, xa sexa de forma multidisciplinar ou única, con domicilio social dentro do ámbito territorial do Colexio, ademais de inscribirse no Rexistro Mercantil correspondente deberán inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais deste colexio.

2. Todos os actos inscritibles deberán comunicarse e presentarse á inscrición dentro do prazo de vinte días hábiles contados desde a súa inscrición no Rexistro Mercantil, cumprindo cos requisitos e xuntando a documentación establecidas nas normas reguladoras, e sempre de acordo co disposto na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

3. O prazo para acordar a inscrición ou a súa denegación non poderá exceder os tres meses desde que se presentase a solicitude. O silencio operará con carácter positivo e nese caso deberase efectuar a inscrición.

Artigo 36. Organización interna do Rexistro

1. O Rexistro Colexial contará cunha folla rexistral nun dobre soporte, papel e informático, por cada sociedade profesional inscrita, na cal constarán todas as inscricións relativas a ela.

2. Así mesmo, existirá un anexo ou ficheiro auxiliar do Rexistro, que se poderá conformar en soporte informático ou en papel, ao cal se incorporará toda a documentación achegada ou relativa ás sociedades profesionais inscritas.

3. En calquera caso, sempre con pleno respecto ás normas sobre protección de datos persoais.

4. O Rexistro está composto por tres seccións:

a) Sección 1ª. Sección de sociedades profesionais de avogados.

b) Sección 2ª. Sección de sociedades multidisciplinares de avogados e outros profesionais.

c) Sección 3ª. Sección de sucursais de sociedades profesionais de avogados e de sociedades multidisciplinares de avogados e outros profesionais.

Artigo 37. Publicidade

Sen prexuízo doutras formas de publicidade que prevexa a lexislación sobre sociedades profesionais, a publicidade dos datos inscritos realizarase por certificación do contido da folla ou dos seus asentos, ou por simple nota informativa ou copia.

Artigo 38. Réxime económico

As inscricións no Rexistro, o mantemento destas e a emisión de certificacións relativas ao Rexistro de Sociedades Profesionais comportarán, para as sociedades profesionais a obriga de pagamento das cotas de inscrición, mantemento anual e dereitos económicos que determine a Xunta de Goberno.

TÍTULO IV

Réxime disciplinario

CAPÍTULO I

Facultades disciplinarias do Colexio

Artigo 39. Responsabilidade disciplinaria

1. Os avogados e as sociedades profesionais en que participen ou presten servizo están suxeitos a responsabilidade disciplinaria.

2. As facultades disciplinarias da autoridade xudicial sobre os avogados axustaranse ao disposto nas leis procesuais. As sancións ou correccións disciplinarias que impoñan os tribunais ao profesional da avogacía faranse constar no seu expediente persoal.

3. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar no expediente persoal do colexiado ou no particular da sociedade profesional.

Artigo 40. Potestade disciplinaria

1. Este colexio é competente para exercer a potestade disciplinaria sobre os colexiados e as sociedades profesionais, cando a infracción se cometeu no seu ámbito territorial, con forme as previsións destes estatutos e o establecido no Estatuto xeral da avogacía española.

2. O Consello da Avogacía Galega exercerá a potestade disciplinaria sobre os membros da Xunta de Goberno do Colexio.

CAPÍTULO II

Das infraccións e sancións

Artigo 41. Principio de tipicidade

Son infraccións disciplinarias as condutas descritas neste capítulo. As infraccións que poidan comportar sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 42. Sancións

1. As sancións que se lles poderán aos profesionais da avogacía son as seguintes:

a) Apercibimento por escrito.

b) Multa alternativa á de suspensión no exercicio da avogacía.

c) Suspensión do exercicio da avogacía.

d) Expulsión do Colexio.

2. No caso das sociedades profesionais, poderán ser sancionadas coa baixa do Rexistro de Sociedades Profesionais colexial e multa.

3. As sancións que se lles poderá impor aos profesionais da avogacía que sexan titores de prácticas externas dos cursos ou másteres de acceso á profesión son as seguintes:

a) Reprensión privada.

b) Apercibimento verbal.

c) Apercibimento por escrito.

d) Multa.

e) Perda dos recoñecementos, incentivos ou vantaxes obtidos polo desempeño do seu cargo de titor.

f) Inhabilitación para exercer a titoría en calquera curso ou máster de acceso.

Artigo 43. Principio de proporcionalidade

A imposición de calquera sanción gardará a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada. Para tal fin considerarase, en todo caso, a existencia de reincidencia e reiteración, e teranse especialmente en conta a natureza e entidade dos prexuízos causados a terceiros ou á profesión. A Xunta de Goberno poderá aprobar criterios para a gradación das sancións de suspensión e multa.

CAPÍTULO III

Infraccións e sancións correspondentes aos profesionais da avogacía

Artigo 44. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves dos profesionais da avogacía:

a) A condena en sentenza firme por delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión.

b) A condena en sentenza firme a penas graves conforme o artigo 33.2 do Código penal.

c) O exercicio da profesión en vulneración de resolucións administrativas ou xudiciais firmes de inhabilitación ou prohibición do exercicio profesional.

d) A colaboración ou o encubrimento do intrusionismo profesional.

e) O exercicio da profesión estando incurso en causa de incompatibilidade.

f) A vulneración do deber de segredo profesional cando a concreta infracción non estea tipificada de forma específica.

g) A renuncia ou o abandono da defensa que lle fose confiada cando se cause indefensión ao cliente.

h) A negativa inxustificada a realizar as intervencións profesionais que se establezan por lei, conforme o previsto no artigo 17 do Estatuto xeral da avogacía española.

i) A defensa de xuros contrapostos cos do propio profesional da avogacía ou cos do despacho do cal forme parte ou co cal colabore.

j) A indebida percepción de honorarios, dereitos ou beneficios económicos polos servizos derivados da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro.

k) A retención ou apropiación de cantidades correspondentes ao cliente e recibidas por calquera concepto.

l) A apropiación ou retención de documentos ou arquivos relativos a clientes do despacho en que estivese integrado previamente, salvo autorización expresa do cliente.

m) O quebrantamento das sancións impostas.

n) A publicidade de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos do artigo 20.2.c) do Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 45. Infraccións graves

Son infraccións graves dos profesionais da avogacía:

a) A vulneración dos deberes deontolóxicos nos casos seguintes:

i. A infracción dos deberes de confidencialidade e das prohibicións que protexen as comunicacións entre profesionais, nos termos establecidos no artigo 23 do Estatuto xeral da avogacía española.

ii. O incumprimento dos compromisos formalizados entre compañeiros, verbalmente ou por escrito, no exercicio das súas funcións profesionais.

iii. A falta de respecto debido ou a realización de alusións persoais de menosprezo ou descrédito, no exercicio da profesión, a outro profesional da avogacía ou ao seu cliente.

iv. A indución inxustificada ao cliente a non aboar os honorarios devindicados por un compañeiro en caso de substitución ou cambio de profesional da avogacía.

v. A retención de documentación dun cliente contra as súas expresas instrucións.

vi. A falta de remisión da documentación correspondente ao avogado que lle substitúa na xestión dun asunto.

vii. A citación dun profesional da avogacía como testemuña de feitos relacionados coa súa actuación profesional.

b) A publicidade de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos do artigo 20 do Estatuto xeral da avogacía española, salvo o previsto no artigo 45.m), en relación co artigo 20.2.c) do Estatuto xeral da avogacía española.

c) O incumprimento dos deberes de identificación e información que se recollen nos artigos 48 e 49 do Estatuto xeral da avogacía española e 29 deste estatuto.

d) O incumprimento das obrigas en materia de reclamacións recollidas no artigo 52 do Estatuto xeral da avogacía española.

e) A falta do respecto debido a quen interveña na Administración de xustiza.

f) A impagamento das cotas colexiais, sen prexuízo da baixa no Colexio polo dito motivo.

g) A falta do respecto debido ou a incomparecencia inxustificada ás citacións efectuadas, baixo apercibimento, polos membros dos órganos corporativos ou de goberno da avogacía no exercicio das súas funcións.

h) A falta de cumprimento das súas funcións como membros de órganos de goberno corporativo que impida ou dificulte o seu correcto funcionamento.

i) A condena penal firme pola comisión de delitos leves dolosos como consecuencia do exercicio da profesión.

j) A defensa de xuros en conflito cos doutros clientes do profesional da avogacía ou despacho do cal forma parte ou co cal colabore, en vulneración do establecido no artigo 51 do Estatuto xeral da avogacía.

k) O incumprimento inxustificado da encarga contida na designación realizada polo Colexio da Avogacía en materia de asistencia xurídica gratuíta.

l) O incumprimento da obriga de lle comunicar a substitución na dirección profesional dun asunto ao compañeiro substituído, nos termos previstos no artigo 60 do Estatuto xeral da avogacía española e 29 deste estatuto.

m) A relación ou comunicación coa parte contraria cando lle conste que está representada ou asistida por outro profesional da avogacía, salvo a súa autorización expresa.

n) O abuso da circunstancia de ser o único profesional da avogacía interveniente causando unha lesión inxusta.

ñ) A incomparecencia inxustificada a calquera dilixencia xudicial, sempre que cause un prexuízo aos xuros cuxa defensa lle fose confiada.

o) O pagamento, cobramento, exixencia ou aceptación de comisións ou doutro tipo de compensación doutro profesional da avogacía ou de calquera persoa, infrinxindo as normas legais sobre competencia ou as reguladoras da deontoloxía profesional.

p) A negativa ou o atraso inxustificado para render contas da encarga profesional ou para facer a correspondente liquidación de honorarios e gastos que lles sexa exixida polo cliente.

q) A compensación de honorarios con fondos do cliente que non fosen recibidos como provisión, sen o seu consentimento.

r) A falsa atribución dunha encarga profesional.

s) A embriaguez ou o consumo de drogas cando afecten o exercicio da profesión.

t) A falta de contratación de seguro ou garantía cando a obriga de contar co dito réxime de garantía para cubrir as responsabilidades por razón do exercicio profesional así estea prevista por lei.

u) Os demais actos ou omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión e ás regras que a gobernan, conforme o establecido neste estatuto, no Estatuto xeral da avogacía española e noutras normas legais.

Artigo 46. Infraccións leves

Son infraccións leves dos profesionais da avogacía:

a) Ofender levemente en calquera comunicación privada, oral ou escrita ao profesional da avogacía da parte contraria, sempre que non transcendese a ofensa.

b) Comprometer nas súas comunicacións e manifestacións co profesional da avogacía da parte contraria ao propio cliente con comentarios ou manifestacións que lle poidan causare desprestixio.

c) Impugnar reiterada e inxustificadamente os honorarios doutros profesionais da avogacía.

d) Non atender coa debida dilixencia as visitas, comunicacións escritas ou telefónicas doutros profesionais da avogacía.

e) Non lle comunicar oportunamente ao Colexio o cambio de domicilio profesional ou calquera outra circunstancia persoal que afecte a súa relación con aquel.

f) Non consignar no primeiro escrito ou actuación a súa identificación, o Colexio a que estea incorporado e o número de colexiado.

g) Non atender coa dilixencia debida os asuntos derivados da quenda de oficio, cando o incumprimento non constitúa infracción grave ou moi grave.

h) A incomparecencia inxustificada a calquera dilixencia xudicial, cando non cause un prexuízo aos xuros cuxa defensa lles foi confiada.

i) Tratar de forma incorrecta, faltar ao respecto ou darlle ordes particulares ao persoal do Colexio.

j) Os demais actos ou omisións que constitúan ofensa leve á dignidade da profesión e ás regras que a gobernan, conforme o establecido no Estatuto xeral da avogacía española e outras normas legais.

Artigo 47. Sancións para os profesionais da avogacía

1. Pola comisión de infraccións moi graves, atendendo a criterios de proporcionalidade, poderá imporse a expulsión do Colexio ou a suspensión do exercicio da avogacía por un prazo superior a un ano sen exceder os dous.

2. Pola comisión de infraccións graves poderá imporse a sanción de suspensión do exercicio da avogacía por un prazo superior a quince días sen exceder un ano ou multa alternativa á de suspensión no exercicio da avogacía por importe de entre 1.001 e 10.000 euros.

3. Pola comisión de infraccións leves poderá imporse a sanción de apercibimento escrito, ou suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a quince días, ou multa alternativa á de suspensión no exercicio da avogacía por importe de ata 1.000 euros.

4. As sancións que se impoñan por infraccións graves ou moi graves relacionadas con actuacións desenvolvidas na prestación dos servizos da quenda de oficio comportarán en todo caso, a exclusión do profesional da avogacía dos ditos servizos por un prazo mínimo de seis meses e inferior a un ano se a infracción for grave e de entre un e dous anos se for moi grave.

Nos supostos de infraccións leves, poderá imporse tamén a exclusión do profesional da avogacía dos ditos servizos por un prazo non superior a seis meses.

Incoado un expediente disciplinario como consecuencia dunha denuncia formulada por un usuario dos servizos de asistencia xurídica gratuíta, cando a gravidade do feito denunciado o aconselle, poderá acordarse a separación cautelar do servizo do profesional da avogacía presuntamente responsable, por un período máximo de seis meses ata que o expediente disciplinario se resolva.

Artigo 48. Sanción alternativa de multa

1. Na resolución que poña fin ao expediente disciplinario, ademais de impor a sanción de suspensión no exercicio da avogacía que corresponda, se media petición expresa do sancionado, a Xunta de Goberno poderá establecer a sanción de multa alternativa á suspensión no exercicio, tomando en consideración a gravidade dos feitos e o principio de proporcionalidade, e, para iso, seguindo os seguintes criterios:

a) Grao de culpabilidade ou a existencia de intencionalidade.

b) A continuidade ou persistencia na conduta infractora.

c) A natureza dos prexuízos causados.

d) A reincidencia.

2. Na resolución fixarase a multa alternativa, que en ningún caso poderá resultar máis beneficiosa para o infractor que o cumprimento das normas infrinxidas, e o prazo para o seu pagamento, que non poderá exceder os quince días desde a data da súa notificación.

3. No caso de que o sancionado non satisfaga voluntariamente a multa alternativa no prazo establecido, manterase a imposición da correspondente sanción de suspensión no exercicio da avogacía fixada na resolución.

CAPÍTULO IV

Infraccións e sancións correspondentes ás sociedades profesionais

Artigo 49. Regra xeral

1. A sociedade profesional poderá ser sancionada nos termos previstos neste estatuto e no Estatuto xeral da avogacía española.

2. As sociedades profesionais poderán ser sancionadas, conforme a este estatuto e o Estatuto xeral da avogacía española, polas infraccións cometidas polos profesionais da avogacía que as integran, cando resulte acreditada a súa responsabilidade concorrente, como partícipes ou encubridores, na comisión das ditas infraccións. Presumirase que existe esa responsabilidade concorrente cando as infraccións se cometesen por conta e en proveito da sociedade profesional polos seus administradores ou por quen, seguindo as súas instrucións, a representen. Nestes supostos, considerarase a infracción da sociedade profesional como da mesma clase que a cometida polo profesional da avogacía para os efectos de aplicar a sanción correspondente.

3. Igualmente, poderán ser sancionadas as sociedades profesionais pola realización de condutas directamente imputables á sociedade, que se encontren tipificadas como infraccións para os profesionais da avogacía; as infraccións graduaranse conforme o previsto nelas.

Artigo 50. Infraccións moi graves das sociedades profesionais

É infracción moi grave das sociedades profesionais a falta dun seguro en vigor ou garantía equivalente que cubra a responsabilidade en que poidan incorrer no exercicio das súas actividades, cando a obriga de contar co dito réxime de garantía así estea prevista por lei.

Artigo 51. Infraccións graves das sociedades profesionais

Constitúe infracción grave das sociedades profesionais a falta de presentación para a súa inscrición no rexistro do colexio correspondente, no prazo establecido, dos cambios de socios e administradores ou de calquera modificación do contrato social que deba ser obxecto de inscrición, de conformidade co disposto na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, así como a impagamento das cargas previstas colexialmente.

Artigo 52. Infraccións leves das sociedades profesionais

O atraso, non superior a un mes, no cumprimento das obrigas a que se refire o artigo anterior se conceptúa como infracción leve.

Artigo 53. Sancións para as sociedades profesionais

1. Pola comisión da infracción moi grave tipificada no artigo 50, baixa da sociedade no Rexistro do colexio correspondente.

2. Pola comisión de infraccións graves, atendendo a criterios de proporcionalidade, apercibimento e multa por importe de entre 1.501 e 15.000 euros.

3. Pola comisión de infraccións leves, atendendo a criterios de proporcionalidade, apercibimento ou multa por importe de 300 euros ata 1.500 euros.

CAPÍTULO V

Procedemento sancionador

Artigo 54. Procedemento

1. As sancións disciplinarias só se poderán impor en virtude de procedemento instruído para o efecto no cal lle garantan ao interesado os dereitos a ser notificado dos feitos que se lle imputan, formular alegacións e utilizar os medios de defensa admitidos polo ordenamento xurídico que resulten procedentes.

2. O procedemento iniciarase de oficio, ben por propia iniciativa ou como consecuencia de denuncia, por acordo da Xunta de Goberno, a quen corresponderá tamén a súa resolución.

3. O órgano instrutor do Colexio é o órgano competente para a apertura e tramitación das informacións previas e a instrución dos expedientes disciplinarios cuxa apertura acorde a Xunta de Goberno; estará formado por profesionais da avogacía con máis de dez (10) anos de exercicio e a súa coordinación correspóndelle ao secretario técnico colexial. Os membros da Xunta de Goberno non poderán formar parte do órgano instrutor.

4. Con anterioridade ao acordo de iniciación, o órgano instrutor poderá abrir un período de información previa co fin de determinar se procede ou non iniciar o procedemento sancionador, e nomearase un Instrutor de entre os seus membros, que elaborará unha proposta de resolución propondo o arquivamento, a imposición dunha sanción leve ou a apertura de expediente disciplinario.

5. No caso de que a Xunta de Goberno acorde a apertura dun expediente disciplinario, nomearanse un instrutor e un secretario para a súa tramitación de entre os membros do órgano instrutor colexial.

6. No caso de infraccións leves, cando se abrise unha información previa e o seu instrutor propoña a imposición dunha sanción que non comporte a suspensión no exercicio da avogacía, a Xunta de Goberno aplicará un procedemento simplificado, limitado á audiencia e prazo para alegacións ao denunciado, no cal se terán en conta as que poidan constar na información previa para efectos de ter cumprido este trámite.

7. O prazo máximo en que se debe ditar e notificar a resolución expresa será dun ano.

8. Cando o denunciante sexa avogado e se trate dunha infracción por presunta vulneración de deberes ou obrigas cara a un compañeiro de profesión, o decano, se o considera conveniente, poderá realizar un labor de mediación. Esta mediación potestativa poderá iniciarse con carácter previo, por instancia do instrutor ou cando a información previa ou o expediente pasen a coñecemento da Xunta de Goberno para a súa resolución. Acadada a mediación a satisfacción do denunciante, proporase o arquivamento da información previa ou do expediente sancionador sen máis trámite, no caso de que se incoasen. A mediación, en todo caso, será voluntaria e confidencial e non se poderá incorporar ao expediente os documentos que se exhibisen no seu curso nin se poderá facer uso das manifestacións ou alegacións que se formulasen. A negativa a someterse a mediación non se poderá considerar como circunstancia modificadora da responsabilidade disciplinaria. No caso de que o decano opte por realizar a mediación suspenderase o prazo de tramitación do período de información previa ou o expediente disciplinario, de ser o caso, por un prazo máximo de trinta días.

9. O acordo de suspensión no exercicio por máis de seis meses ou expulsión deberá ser adoptado pola Xunta de Goberno mediante votación secreta e coa conformidade das dúas tereceiras partes dos seus membros. Todos os membros da Xunta están obrigados a asistir a esta sesión, salvo causa xustificada.

10. No non previsto nestes estatutos, o procedemento tramitarase de conformidade co establecido o Regulamento de procedemento disciplinario do Consello Xeral da Avogacía Española, Estatuto xeral da avogacía española e demais normativa corporativa; e, supletoriamente, na lexislación administrativa básica e normas que a desenvolvan, así como no disposto pola normativa autonómica.

Artigo 55. Execución das sancións

1. As sancións disciplinarias serán executivas unha vez que sexan firmes en vía administrativa.

2. A competencia para a execución das sancións correspóndelle á Xunta de Goberno.

3. As sancións producirán efecto no ámbito de todos os colexios de avogados de España, é competente a Xunta de Goberno para a súa execución e comunicaranse ao Consello Xeral da Avogacía Española para que este poida informar todos os colexios e consellos autonómicos.

4. Cando a sanción se impoña a un profesional da avogacía incorporado noutro Colexio, solicitarase desa corporación a colaboración necesaria para a súa execución.

5. No non previsto neste estatutos aplicarase o Regulamento de procedemento disciplinario do Consello Xeral da Avogacía Española.

Artigo 56. Extinción da responsabilidade disciplinaria dos colexiados

1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, o falecemento, a prescrición da infracción e a prescrición da sanción. No suposto de que a sanción imposta for a de expulsión do Colexio, deberá observarse o que se establece no artigo 19 deste estatuto e no Estatuto xeral en materia de rehabilitación.

2. A baixa no Colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, senón que se concluirá o procedemento disciplinario e se acordará a sanción que corresponda. No suposto de que a sanción non se poida facer efectiva, quedará en suspenso para ser cumprida se o sancionado causa novamente alta no Colexio.

Artigo 57. Prescrición das infraccións

1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves ao seis meses.

2. A prescrición interromperase pola notificación ao colexiado afectado do acordo de incoación de información previa ou da apertura de expediente disciplinario, e o cómputo do prazo de prescrición restablecerase nos tres meses seguintes non se incoa expediente disciplinario ou este permanece paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao colexiado inculpado.

Artigo 58. Prescrición das sancións

1. As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos; as impostas por infraccións graves, aos dous anos, e as impostas por infraccións leves, aos seis meses.

2. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que poidan ser executadas. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

3. O prazo de prescrición da sanción, cando o sancionado quebrante o seu cumprimento, comezará a contar desde a data do quebrantamento.

Artigo 59. Cancelación da anotación das sancións no expediente persoal do colexiado

1. A anotación das sancións no expediente persoal do colexiado cancelarase cando transcorresen os seguintes prazos sen que aquel incorrese en nova responsabilidade disciplinaria: seis meses en caso de sancións de apercibimento, suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a quince días, ou multa de ata 1.000 euros; un ano en caso de sanción de suspensión superior a quince días sen exceder un ano ou multa entre 1.001 e 10.000 euros; tres anos en caso de sanción de suspensión por un prazo superior a un ano sen exceder os dous anos; e cinco anos en caso de expulsión.

2. Estes prazos computaranse desde o día seguinte ao do cumprimento da sanción.

3. A cancelación da anotación poderá facerse de oficio ou por petición dos sancionados.

Artigo 60. Extinción da responsabilidade disciplinaria das sociedades profesionais e cancelación da anotación das sancións no seu expediente particular

1. A responsabilidade disciplinaria das sociedades profesionais, no caso de gamento das correspondentes cargas colexiais, extinguirase cando se aboasen na súa totalidade as debidas.

2. A anotación das sancións no expediente particular da sociedade profesional cancelarase cando transcorresen os seguintes prazos: seis meses en caso de sanción de multa de 300 ata 1.500 euros e un ano en caso de sanción de multa de entre 1.501 e 15.000 euros.

Estes prazos computaranse desde o día seguinte ao do cumprimento da sanción.

A cancelación da anotación poderá facerse de oficio ou por petición da sociedade sancionada.

CAPÍTULO VI

Réxime disciplinario aplicable aos colexiados non exercentes

Artigo 61. Réxime aplicable aos colexiados non exercentes

En materia disciplinaria, os colexiados non exercentes quedan sometidos ás previsións deste Estatuto e do Estatuto xeral da avogacía en todo aquilo que lles sexa de aplicación en relación coa súa actuación colexial.

CAPÍTULO VII

Réxime disciplinario aplicable aos profesionais da avogacía titores de prácticas externas do máster de acceso á avogacía

Artigo 62. Réxime aplicable aos profesionais da avogacía titores de prácticas externas dos cursos ou másteres de acceso á profesión

1. Os profesionais da avogacía titores de prácticas externas están suxeitos á responsabilidade disciplinaria polo incumprimento das obrigas previstas no Estatuto xeral, conforme o establecido neste artigo.

2. O Colexio é competente para exercer a potestade disciplinaria sobre os profesionais da avogacía titores nas prácticas externas do curso ou máster de acceso á avogacía que organice, conforme o procedemento sancionador establecido neste estatuto e, subsidiariamente, no Estatuto xeral da avogacía española.

3. Son infraccións graves do profesional da avogacía titor:

a) Incumprir o plan de formación da entidade responsable das prácticas externas ou non cumprir a súa normativa reguladora.

b) Incumprir as instrucións facilitadas pola Dirección do curso ou máster ou a normativa que regule a titoría.

c) Encomendarlle ao alumno tarefas alleas ao exercicio da avogacía.

d) Faltar ao respecto ou a consideración ao alumno.

e) Non prestar apoio e asistencia ao alumno durante todo o período de prácticas externas nin proporcionarlle os medios materiais indispensables para o desenvolvemento das prácticas.

f) Non lle dedicar ao alumno o tempo necesario para transmitirlle os seus coñecementos, experiencias, métodos e usos de traballo, así como os principios propios da avogacía, con especial atención aos seus valores deontolóxicos.

g) Non redactar a memoria explicativa das actividades desenvolvidas, que debe ser supervisada polo responsable do equipo de titoría.

h) Non manter a condición de profesional da avogacía durante o desempeño da súa función como titor.

i) Non dar traslado ao centro organizador das prácticas externas do comportamento dos alumnos que considere contrarios ás regras deontolóxicas e estatutarias da profesión.

4. Son infraccións leves do profesional da avogacía titor:

a) Non coordinar co responsable do equipo de titoría a súa actividade titorial no desenvolvemento das prácticas externas ou non facilitarlle a información que este lle requira.

b) Non entrevistarse cos alumnos coa periodicidade que se estableza na normativa reguladora de cada período de prácticas externas.

c) Non manter unha conduta exemplar durante o desenvolvemento da súa función titorial.

5. As infraccións graves serán sancionadas con inhabilitación de ata tres anos para exercer a titoría en calquera curso ou máster de acceso, así como coa perda dos recoñecementos, incentivos ou vantaxes obtidos polo desempeño do seu cargo de titor.

As infraccións leves poderán ser sancionadas con apercibimento verbal ou reprensión privada, apercibimento por escrito ou multa de ata cincocentos euros.

6. A sanción deberá graduarse en cada caso atendendo á gravidade e efectos do feito infractor, á intencionalidade, duración, habitualidade ou reiteración na conduta.

TÍTULO V

Formación e especialización dos colexiados

Artigo 63. Escola de Práctica Xurídica

A Escola de Práctica Xurídica colexial denomínase «decano Iglesia Corral» e réxese polos estatutos aprobados pola Xunta de Goberno; a súa finalidade é impartir a formación dirixida á obtención do título profesional de avogado, de conformidade coa Lei 34/2006, do 30 de outubro, sobre o acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais, así como a formación continuada de todos os colexiados.

Artigo 64. Réxime de participación dos avogados nas prácticas externas para a obtención do título profesional

1. Os avogados que participen como titores nas prácticas externas previstas na Lei 34/2006, do 30 de outubro, e a na súa normativa de desenvolvemento, deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Os titores das prácticas externas deberán ter exercido a profesión durante, polo menos, cinco anos.

b) Non poderá ser titor o avogado que fose obxecto de sanción disciplinaria mentres non se cancelase.

2. Son obrigas dos avogados titores:

a) Respectar o plan de formación da entidade responsable das prácticas externas e cumprir a súa normativa reguladora.

b) Coordinar co responsable do equipo de titoría a súa actividade titorial no desenvolvemento das prácticas externas e facilitarlle a información que este lle requira.

c) Manter o debido respecto e consideración aos alumnos.

d) Prestar apoio e asistencia aos alumnos durante todo o período de prácticas externas, proporcionándolles os medios materiais indispensables para o desenvolvemento da práctica.

e) Entrevistarse cos alumnos coa periodicidade que se estableza na normativa reguladora de cada período de prácticas externas.

f) Transmitirlle ao alumno os seus coñecementos, experiencias, métodos e usos de traballo, así como os principios propios da avogacía, con especial atención aos seus valores deontolóxicos.

g) Non lle encomendar ao alumno tarefas alleas ao exercicio da avogacía.

h) Manter a condición de profesional da avogacía durante o desempeño da súa función como titor.

i) Redactar a memoria explicativa das actividades desenvolvidas, que será supervisada polo responsable do equipo de titoría.

j) Pór en coñecemento do Colexio os comportamentos daqueles alumnos que considere contrarios ás regras deontolóxicas e estatutarias da profesión, co fin de que o Colexio o traslade ao centro organizador das prácticas externas.

3. Son dereitos dos profesionais da avogacía titores:

a) Obter os recoñecementos, incentivos ou vantaxes que estableza cada Colexio.

b) Obter a certificación colexial acreditativa da súa condición de profesional da avogacía titor.

c) Contar coa colaboración do Colexio para o desenvolvemento do seu labor de titoría.

d) Finalizar anticipadamente e de forma xustificada a relación de titoría cos alumnos.

TÍTULO VI

Da organización do Colexio

CAPÍTULO I

Goberno do Colexio

Artigo 65. Principios e órganos

1. O Goberno do Colexio estará presidido polos principios de democracia, plena autonomía e transparencia. Así mesmo, procurarase a incorporación de medidas que promovan a igualdade efectiva de homes e mulleres na provisión dos órganos colexiais.

2. O Colexio de avogados réxese pola Xunta Xeral, a Xunta de Goberno e o decano.

CAPÍTULO II

Da Xunta de Goberno

Artigo 66. Composición

O Colexio estará rexido por unha Xunta de Goberno integrada polo decano, un tesoureiro, un bibliotecario, un contador, un secretario e seis vogais que se designarán co nome de deputados, seguidos cada un do ordinal correspondente.

Artigo 67. Atribucións

Son atribucións da Xunta de Goberno:

A) Con relación ao exercicio profesional:

a) Resolver sobre a admisión de quen solicite incorporarse ao Colexio, así como da baixa ou cambio de situación dos colexiados; esta facultade pódea exercer o decano en casos de urxencia e deberá ser ratificada pola Xunta de Goberno.

b) Velar por que os colexiados observen boa conduta con relación aos tribunais, os seus compañeiros e clientes, e que no desempeño da súa función despreguen a necesaria dilixencia e competencia profesional.

c) Convocar xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e sinalar a orde do día de cada unha.

d) Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno, dispoñendo o necesario para a súa elección, conforme as normas legais e estatutarias.

e) Exercer as accións e actuacións oportunas para impedir e perseguir o intrusionismo, así como o exercicio da profesión a quen, colexiado ou non, a exercese en forma e baixo condicións contrarias ás legalmente establecidas.

f) Regular, nos termos legalmente establecidos, o funcionamento e a designación para prestar os servizos de asistencia xurídica gratuíta e quenda de oficio.

g) Determinar as cotas de incorporación, que non poderán superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición, as ordinarias e os dereitos que deban satisfacer os colexiados para o sostemento das cargas e servizos colexiais.

h) Proporlle á Xunta Xeral a imposición de cotas extraordinarias aos colexiados.

i) Aprobar ou proporlle á Xunta Xeral o establecemento de criterios orientadores de honorarios profesionais para efectos de taxación de custas e xura de contas, e emitir informes periciais respecto diso cando cumpra.

j) Exercer a potestade disciplinaria.

k) Propor á aprobación da Xunta Xeral os regulamentos de orde interior.

l) Emitir consultas e ditames, administrar arbitraxes e ditar laudos arbitrais, así como crear e manter tribunais de arbitraxe.

m) Establecer, crear ou aprobar as delegacións, agrupacións, comisións ou seccións de colexiados que poidan interesar aos fins da corporación, regulando o seu funcionamento e fixando as facultades que, de ser o caso, se lle deleguen.

n) Velar por que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que corresponden ao avogado, así como propiciar a harmonía e a colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal, conforme a legalidade vixente.

ñ) Informar os colexiados con prontitude de cantas cuestións coñeza que os poidan afectarlles, xa sexan de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

o) Poderá someter a referendo asuntos concretos de interese colexial, por sufraxio secreto e na forma que a propia Xunta estableza.

2. Con relación aos tribunais de xustiza e demais organismos públicos:

a) Defender os colexiados no desempeño das funcións da profesión, ou con ocasión destas, cando o xulgue procedente e xusto.

b) Exercer os dereitos e accións que correspondan ao Colexio contra quen entorpeza o bo funcionamento da Administración de xustiza ou a liberdade e independencia do exercicio profesional.

c) Informar de palabra ou por escrito, en nome do Colexio, en cantos proxectos lexislativos e iniciativas das administracións públicas o requiran.

3. Con relación á administración do Colexio:

a) Aprobar o proxecto de orzamentos anuais para someter á Xunta Xeral, render as contas anuais e administrar os fondos colexiais, así como recadar e distribuír os fondos do Colexio, as cotas establecidas para o sostemento das cargas do Colexio, do Consello Xeral da Avogacía Española e do Consello da Avogacía Galega.

b) Xestionar o patrimonio do Colexio e proporlle á Xunta Xeral a adquisición, a disposición e o gravame de bens inmobles.

c) Proceder á contratación dos empregados necesarios para a boa marcha da Corporación e contratar os servizos externos que foren precisos.

d) Dirixir, coordinar, programar e controlar a actividade dos departamentos e servizos colexiais.

Artigo 68. Reunións e funcionamento

1. A Xunta de Goberno reunirase ordinariamente unha vez, polo menos, cada mes, sen prexuízo de poder facelo con máis frecuencia cando o decano o dispoña, a importancia dos asuntos o requira ou o solicite unha cuarta parte dos vogais.

2. Poderanse constituír, convocar, realizar as súas sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia.

3. A convocatoria para as reunións faraa a Secretaría, que poderá delegar na Secretaría Técnica, logo de mandato do decano e con, polo menos, dous días de antelación. Formularase por escrito e irá acompañada da orde do día correspondente, xunto cos antecedentes relativos aos asuntos que se van tratar. Fóra deste, non se poderán tratar outros asuntos, salvo os que o decano considere de urxencia.

4. Para que poida adoptar acordos validamente, é necesaria a concorrencia da maioría dos membros que integren a Xunta. As deliberacións son secretas.

5. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. O decano terá voto de calidade en caso de empate.

6. O secretario técnico do Colexio poderá asistir ás sesións da Xunta, co fin de informar sobre os asuntos incluídos na orde do día, con voz pero sen voto, e obriga de gardar segredo das deliberacións.

7. A Xunta poderá crear as Comisións que considere convenientes, que deberán, en todo caso, ser presididas polo decano ou membro da Xunta en quen delegue, se rexerán, no que lles sexa de aplicación, polas mesmas normas de constitución, convocatoria e realización das súas sesións e terán as competencias que lles delegue a Xunta de Goberno.

8. A Xunta poderá acordar a delegación da sinatura do secretario noutro compoñente da Xunta ou no secretario técnico do Colexio.

Artigo 69. O decano

1. Corresponderá ao decano a representación legal do Colexio en todas as súas relacións, incluídas as que manteña cos poderes públicos, entidades, corporacións e personalidades de calquera orde; as funcións de consello, vixilancia e corrección que os estatutos reserven á súa autoridade; a presidencia de todos os órganos colexiais, así como de cantas comisións e comités especiais asista, dirixindo os debates e votacións, con voto de calidade en caso de empate.

2. Expedirá as ordes de pagamento e libramento para atender os gastos e investimentos colexiais.

3. Proporá os avogados que deban formar parte dos tribunais de oposicións e concursos entre os que reúnan as condicións necesarias para o efecto.

4. Esforzarase sempre en manter con todos os compañeiros unha relación asidua de amparo e consello, procurando que a súa actuación constitúa unha alta tutela ética, de xeito que a súa rectitude e afecto poñan de manifesto a dignidade substancial da avogacía.

Artigo 70. O vicedecano

O deputado primeiro ou vicedecano levará a cabo todas aquelas funcións que lle confira o decano, e asumirá as deste en caso de ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante.

Artigo 71. O secretario

Corresponden ao secretario as funcións seguintes:

1. Redactar e dirixir os oficios de citación para os actos do Colexio, segundo as instrucións que reciba do decano e coa anticipación debida.

2. Levar os libros que obrigatoriamente se establecen neste estatuto e aqueles que resulten necesarios para o mellor funcionamento do Colexio.

3. Recibir e dar conta ao decano, de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao Colexio.

4. Expedir, co visto e prace do decano as certificacións que soliciten os interesados.

5. Organizar e dirixir as oficinas e exercer a Xefatura de Persoal.

6. Levar e revisar un Rexistro de Colexiados en que, por orde alfabética dos apelidos dos colexiados, se consigne o seu historial dentro do Colexio.

7. Revisar cada ano as listas dos avogados do Colexio, nas cales constarán os seus nomes e apelidos, antigüidade, número de colexiación, domicilio profesional e situación de habilitación profesional, así como a denominación social das sociedades profesionais.

8. Ter ao seu cargo a custodia do arquivamento e selo do Colexio.

Artigo 72. O tesoureiro

Corresponderalle ao tesoureiro:

1. Recadar e conservar os fondos pertencentes ao Colexio.

2. Realizar os pagamentos.

3. Ingresar e retirar fondos das contas bancarias, conxuntamente co decano.

4. Controlar a contabilidade, verificar a caixa e informar periodicamente a Xunta de Goberno de todo iso e da marcha do orzamento.

5. Intervir a preparación das contas e o proxecto de orzamento e presentalas á Xunta de Goberno.

Artigo 73. O bibliotecario

O bibliotecario terá as obrigas seguintes:

1. Coidar a biblioteca.

2. Formar e levar catálogos de obras.

3. Propor a adquisición das que considere procedentes para os fins corporativos.

Artigo 74. O Contador

Ao contador correspóndelle intervir as operacións de Tesouraría e actuará como vogal na Xunta.

Artigo 75. Os deputados

1. Os deputados actuarán como vogais da Xunta desempeñando as funcións desta que os estatutos e as leis lles encomenden.

2. Os seus cargos serán numerados, co fin de substituír por orde de categoría o decano, secretario ou tesoureiro en caso de enfermidade, ausencia ou vacante.

3. Cando, por calquera motivo, estean vacantes definitiva ou temporalmente os cargos de secretario, tesoureiro, bibliotecario ou contador, serán substituídos polos membros da Xunta de Goberno que esta acorde.

CAPÍTULO III

Nomeamento e cesamento

Artigo 76. Requisitos para o nomeamento e duración do mandato

1. O decano e os demais cargos da Xunta de Goberno serán elixidos en votación directa e secreta, na cal poderán participar como electores todos os colexiados incorporados con máis de tres meses de antelación á data da convocatoria das eleccións. Serán elixibles como decano ou membros da Xunta de Goberno os colexiados exercentes residentes no ámbito territorial do Colexio, sempre que non estean incursos nalgunha das seguintes situacións:

a) Ter sido condenados por sentenza firme que comporte a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos ou no exercicio da profesión, en canto estas subsistan.

b) Ter sido sancionados disciplinariamente por resolución administrativa firme, mentres non fosen rehabilitados.

c) Ser membros de órganos reitores doutro colexio profesional.

d) Non estar ao día nas cotas corporativas.

2. O período do mandato dos membros da Xunta de Goberno será de cinco anos e poderán ser reelixidos.

3. Ningún colexiado poderá presentarse como candidato a máis dun cargo dos que deban ser elixidos na mesma convocatoria.

4. Para optar como candidato a un cargo distinto ao que se exerce na Xunta de Goberno, será preciso ter cesado no anterior previamente á convocatoria.

Artigo 77. Non concorrencia de requisitos estatutarios

O decano impedirá, baixo a súa responsabilidade, que entre a desempeñar un cargo na Xunta de Goberno ou que continúe desempeñándoo o colexiado en quen non concorran os requisitos estatutarios.

Artigo 78. Renovación a medias

1. A Xunta de Goberno renovarase a medias.

2. Os que foren designados para substituír aqueles que non esgotasen o termo do seu mandato ocuparán o cargo polo tempo estatutario que lles falte aos substituídos.

Non obstante, a Xunta, por razóns de oportunidade, poderá demorar a convocatoria para prover algún cargo vacante, facéndoa coincidir coa renovación correspondente ao dito cargo.

Artigo 79. Vacantes da Xunta de Goberno

Cando, por calquera causa, quede vacante a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno o Consello da Avogacía Galega designará unha xunta provisional de entre os seus membros máis antigos. A Xunta Provisional convocará eleccións no prazo de trinta días naturais, para a provisión dos cargos vacantes polo resto do mandato que reste. As eleccións deberán ter lugar dentro dos trinta días naturais seguintes, contados a partir da convocatoria.

Artigo 80. Cesamentos

Os membros da Xunta de Goberno cesarán polas causas seguintes:

a) Falecemento.

b) Renuncia.

c) Falta inicial non coñecida ou perda sobrevida dos requisitos estatutarios e de capacidade para desempeñar o cargo.

d) Expiración do termo ou prazo para o cal foron elixidos.

e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta de Goberno ou a cinco alternas no termo dun ano, logo de acordo da propia Xunta.

f) Aprobación dunha moción de censura, segundo o regulado neste estatuto.

CAPÍTULO IV

Das agrupacións e seccións

Artigo 81. Das agrupacións de avogados novos

Correspóndelle á Xunta de Goberno aprobar a constitución, suspensión ou disolución da agrupación de avogados novos, que será obxecto de especial protección, ou calquera outra que se poida constituír no seo do Colexio, así como os seus estatutos e as modificacións.

Artigo 82. Réxime xeral

1. As agrupacións de avogados que estean constituídas ou se constitúan en cada colexio actuarán subordinadas á Xunta de Goberno.

2. As actuacións e comunicacións das seccións e agrupacións existentes no seo do Colexio deberán ser identificadas como de tal procedencia, sen atribuírse á Corporación.

3. A Xunta de Goberno, por propia iniciativa ou por pedimento do número de colexiados que se determine nas normas colexiais reguladoras das seccións, poderá crear cantas seccións considere convenientes, co obxecto de posibilitar o contacto entre profesionais da avogacía con dedicación preferente a materias concretas e o recíproco intercambio de información técnico-xurídica sobre a especialidade de que se trate.

CAPÍTULO V

Das xuntas ordinarias e extraordinarias

Artigo 83. Convocatoria

1. As xuntas xerais deberán convocarse con antelación mínima de quince días, salvo os casos de urxencia en que, ao xuízo do decano deba reducirse o prazo.

A dita convocatoria inserirase no taboleiro de anuncios do Colexio, electrónico e físico, con sinalización da orde do día. Por decisión da Xunta de Goberno, a inserción no taboleiro poderá ser substituída pola publicación da convocatoria nun dos medios locais de comunicación.

2. Sen prexuízo do anterior, a convocatoria e a orde do día enviaranse aos colexiados por correo electrónico.

3. Na Secretaría do Colexio, durante as horas de despacho, estarán ao dispor dos colexiados os antecedentes dos asuntos para deliberar na xunta convocada.

Artigo 84. Desenvolvemento

1. Presidirá as xuntas o decano ou quen estatutariamente o substitúa.

2. A Xunta Xeral quedará validamente constituída calquera que sexa o número de asistentes, salvo nos casos en que se exixise un quórum especial.

3. Os acordos da xuntas xerais adoptaranse por maioría simple e, unha vez adoptados, serán obrigatorios para todos os colexiados, sen prexuízo do réxime de recursos establecido nestes estatutos.

4. Os acordos serán adoptados por votación secreta cando así o solicite o 10 por 100 dos colexiados asistentes.

5. Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos non comprendidos na orde do día.

Artigo 85. Asistencia e voto

Todos os colexiados incorporados con anterioridade á convocatoria poderán asistir con voz e voto ás xuntas ordinarias e extraordinarias que teñan lugar, aínda que o voto dos colexiados exercentes computará o dobre do valor do dos non exercentes. En ningún caso será delegable o voto.

Artigo 86. Número

Realizaranse cada ano dúas xuntas xerais ordinarias.

1. No primeiro trimestre de cada ano terá lugar a primeira xunta xeral ordinaria, coa seguinte orde do día:

1º. Recensión que fará o decano dos acontecementos máis importantes que durante o ano tiveron lugar, con relación ao Colexio.

2º. Lectura, discusión e votación da conta xeral de gastos e ingresos do ano anterior e a súa memoria explicativa.

3º. Lectura, discusión e votación dos asuntos que se consignen na convocatoria.

4º. Proposicións.

5º. Rolda de intervencións libres.

6º. Toma de posesión, de ser o caso, dos cargos elixidos como membros da Xunta de Goberno.

Ata quince días antes da xunta, os colexiados poderán presentar as proposicións que desexen someter á deliberación e ao acordo da Xunta Xeral, as cales serán incluídas pola Xunta de Goberno na sección correspondente da orde do día.

As ditas proposicións deberán aparecer subscritas por un número de colexiados non inferior ao 5 % do total do censo.

Ao darse lectura destas proposicións, a Xunta Xeral acordará se procede ou non abrir discusión sobre elas.

2. A segunda xunta xeral ordinaria de cada ano terá lugar o último trimestre, conforme a seguinte orde do día:

1º. Exame e votación do orzamento formado pola Xunta de Goberno para o exercicio seguinte, e a súa memoria explicativa.

2º. Lectura, discusión e votación dos asuntos que se consignen na convocatoria.

3º. Rolda de intervencións libres.

Artigo 87. Das xuntas xerais extraordinarias e o voto de censura

1. As xuntas xerais extraordinarias terán lugar por iniciativa do decano, da Xunta de Goberno ou en virtude de solicitude asinada por un mínimo do 10 por 100 dos colexiados exercentes incorporados polo menos con tres meses de antelación, expresando claramente os asuntos concretos que deban tratar nelas e os motivos en que se fundamenta a solicitude. En caso de voto de censura ao decano ou dalgún dos seus membros, a solicitude de convocatoria de Xunta Xeral extraordinaria requirirá a sinatura de, polo menos, o 20 por 100 dos colexiados exercentes.

2. A xunta xeral extraordinaria deberá terá lugar dentro dos trinta días hábiles seguintes ao da presentación da solicitude e non se poderán tratar nela máis asuntos que os expresados na convocatoria, que se fará por iguais medios que as ordinarias.

3. O voto de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros exixirá, para a válida constitución da Xunta Xeral extraordinaria, a concorrencia persoal da metade máis un do censo colexial con dereito a voto. A votación de censura deberá ser expresada de forma secreta, directa e persoal, e precisará para a súa aprobación o voto favorable da maioría simple dos concorrentes.

4. En ningún caso será delegable o voto.

CAPÍTULO VI

Do persoal do Colexio

Artigo 88. Provisión de persoal

1. Para o desempeño das funcións que o Colexio ten encomendadas, procederá á contratación do persoal necesario e dos servizos precisos, e a súa fronte fronte designarase un secretario técnico, sen prexuízo das competencias do secretario da Xunta de Goberno.

2. A Xunta de Goberno decidirá en todo caso a contratación do dito persoal e servizos, e acordará o réxime e as condicións de contratación, así como calquera modificación nas situacións laborais e económicas dos ditos empregados.

Artigo 89. Secretario técnico

O secretario técnico será o superior e responsable inmediato do persoal do Colexio, actuará baixo a supervisión da Xunta de Goberno e, en especial, do seu secretario, auxiliándoo na elaboración de informes e ditames que deba emitir e exercendo cantas facultades lle deleguen.

TÍTULO VII

Servizo de Mediación colexial e Rexistro de Mediadores colexial

Artigo. 90. Denominación e réxime

O Colexio dispón dun servizo de mediación denominado ICACOR.MEDIA e un Rexistro de Mediadores, que se rexerán polas normas reguladoras aprobadas pola Xunta de Goberno, de conformidade coa normativa sobre mediación que resulte de aplicación.

TÍTULO VIII

O defensor do colexiado

Artigo 91. Creación, funcións, mandato e atribucións

1. A Xunta de Goberno poderá acordar a creación da figura de defensor do colexiado para que asuma a función de estudar e canalizar as queixas que se formulen polo anormal funcionamento dos servizos colexiais ou a actuación dos seus distintos órganos de goberno, e poderá realizar cantas suxestións de carácter xeral considere oportunas á Xunta de Goberno para a salvagarda dos dereitos dos membros do Colexio e os fins da Corporación.

2. O cargo será desempeñado por quen teña máis de vinte e cinco (25) anos de exercicio na Corporación e que non estea incurso nalgunha das seguintes situacións:

a) Estar condenado por sentenza firme que comporte a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, en canto subsista esta.

b) Ter sido disciplinariamente sancionado, mentres non fose rehabilitado.

c) Ser membro da Xunta de Goberno ou Delegado.

3. O seu período de mandato terá unha duración de cinco (5) anos e poderá optar a unha soa reelección por igual período.

4. A súa designación, funcións e procedemento de actuación determinaranse polas normas reguladoras aprobadas pola Xunta de Goberno.

Artigo 92. Procedemento de actuación

1. As queixas serán dirixidas ao defensor ou defensora do colexiado mediante escrito presentado no Colexio do cal se lle dará inmediato traslado co fin de que proceda a realizar cantas xestións considere pertinentes, solicitando da Xunta de Goberno a información oportuna. Á vista de todo iso, se considera fundada a queixa, elevará informe á Xunta no cal motivadamente proporá cal debe ser, ao seu xuízo, o acordo que deba adoptarse.

2. Se a Xunta de Goberno non atender as peticións do defensor do colexiado, este poderá solicitar daquela que se inclúa como punto da orde do día, na primeira xunta xeral que teña lugar, a cuestión de que se trate, solicitude que deberá acoller a Xunta de Goberno obrigatoriamente, indicando na orde do día que o dito punto se inclúe por proposta do defensor ou defensora do colexiado.

3. Anualmente, o defensor ou a defensora redactará unha memoria na cal recollerá as queixas que se lle formulasen e as decisións adoptadas respecto diso pola Xunta de Goberno ou de ser o caso, pola Xunta Xeral, así como as iniciativas ou peticións que, pola súa propia instancia, elevase; memoria á cal se lle dará a debida publicidade.

TÍTULO IX

Réxime electoral

Artigo 93. Período de eleccións e valor do voto

A elección dos membros da Xunta, cando corresponda, terá lugar dentro do primeiro trimestre do ano, en acto específico para tal fin e, en todo caso, con anterioridade á xunta xeral ordinaria.

Nas eleccións, o voto dos colexiados exercentes e o dos rexistrados terá dobre valor que o dos non exercentes.

Artigo 94. Convocatoria

1. A Xunta de Goberno adoptará o acordo de convocatoria, polo menos con corenta (40) días naturais de antelación ao da data que se determine para a súa realización, que comezarán a contarse desde a data da súa publicación nos termos que se sinalan no seguinte punto.

2. Dentro dos cinco (5) días seguintes, a Secretaría publicará a convocatoria no taboleiro de anuncios do Colexio, electrónico e físico, e procederá á súa notificación aos colexiados mediante correo electrónico; unha vez transcorridos os ditos cinco días, iniciarase o cómputo do prazo a que alude o número 1 deste artigo.

3. Na convocatoria electoral deberán constar as seguintes cuestións:

a) Cargos que deben ser obxecto de elección.

b) Día de realización e a hora de apertura e peche das urnas.

c) Lugares e formas en que se poderá exercer o dereito do voto.

Artigo 95. Listas electorais

1. As listas de colexiados exercentes, rexistrados e non exercentes con dereito de voto, quedarán expostas no taboleiro de anuncios no prazo de cinco días previsto no artigo anterior. As listas expresarán separadamente a relación de colexiados residentes en cada un dos partidos xudiciais en que, de ser o caso, se deba constituír Mesa electoral.

2. Os colexiados poderán formular reclamacións contra as listas electorais no prazo de cinco días desde a súa exposición. As reclamacións serán resoltas por acordo da Comisión Electoral Delegada, dentro dos tres días seguintes ao da expiración do prazo para formulalas.

Artigo 96. Presentación de candidaturas

As candidaturas deberán presentarse en horas de oficina na Secretaría do Colexio e polo menos trinta días naturais antes do día sinalado para o acto electoral, que non entrará no cómputo.

As ditas candidaturas poderán ser conxuntas para varios cargos, ou individuais para cargos determinados, e deberán ser subscritas e presentadas persoal e exclusivamente polos propios candidatos.

Artigo 97. Proclamación de candidatos

A Xunta de Goberno, o día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de candidaturas, proclamará candidatos aqueles que reúnan os requisitos legais exixibles, considerando electos os que non teñan opoñentes. Neste acordo non participarán os membros da Xunta de Goberno que se presentasen como candidatos.

Seguidamente inserirase no taboleiro de anuncios, electrónico e físico, comunicarállelo os interesados e por correo electrónico a todos os colexiados.

Artigo 98. Comisión Electoral Delegada

1. A Comisión Electoral Delegada estará integrada por dous colexiados exercentes residentes con máis de dez anos de antigüidade e o secretario técnico, que actuará como secretario. Será presidente da Comisión Electoral Delegada o colexiado de maior antigüidade e, en caso de igualdade, designarase por sorteo.

2. Unha vez convocadas as eleccións, a designación dos dous membros da Comisión farase por sorteo entre o censo colexial e designaranse tamén dous suplentes. No caso de que non acepte ou por calquera motivo quede vacante algún dos seus membros, realizarase novo sorteo.

3. Non poderán ser membros da Comisión Electoral Delegada aqueles que presenten a súa candidatura ao proceso electoral convocado.

A dita comisión, ata o día sinalado para a votación, na cal xa actuará a Mesa electoral, terá as seguintes funcións que a Xunta de Goberno lle delega:

1º. Controlar a emisión do voto por correo; garantir a súa autenticidade e o seu segredo e informar a Mesa sobre as incidencias que se poidan producir na súa tramitación.

2º. Resolver sobre as peticións e reclamacións presentadas polas candidaturas ou polos candidatos proclamados.

3º. Resolver as incidencias que poidan xurdir durante o proceso electoral.

4º. Velar polo mantemento dun proceso electoral limpo e democrático, baseado nos principios de transparencia, igualdade de trato e neutralidade, así como na observancia das normas electorais vixentes en cada momento.

5º. Garantir o respecto á normativa electoral aplicable.

6º. Interpretar e resolver as dúbidas que poidan xurdir na aplicación das normas electorais.

4. Co fin de asegurar a celeridade na adopción de acordos, as deliberacións e votacións poderán efectuarse de forma telemática.

Artigo 99. Papeletas de voto

1. As papeletas de voto, que unicamente poderán ser editadas polo Colexio, deberán ser brancas, do mesmo tamaño, e levarán impresos por unha soa cara, correlativamente, os cargos a cuxa elección se procede.

2. O Colexio tamén poderá editar, se a Xunta o considera procedente, papeletas cubertas cos nomes de cada candidato, ou candidaturas, de ser o caso. En tal suposto, ademais das papeletas cos nomes en branco, imprimiranse tantas papeletas co nome de cada candidato ou candidatura, como colexiados constitúan o censo electoral.

3. Con independencia do anterior, cada candidato ao presentar a candidatura, poderá solicitar papeletas co seu nome impreso, que lle serán entregadas nun prazo de setenta e dúas horas contados desde a proclamación de candidatos.

4. De igual maneira e no mesmo prazo, os representantes de cada candidatura poderán obter unha copia das listas electorais, apta para o seu tratamento informático, que poderá ser utilizada exclusivamente para os fins electorais e durante o período de campaña con respecto á normativa de protección de datos persoais.

Artigo 100. Mesa electoral

1. Para a realización da elección constituirase a Mesa electoral, que estará integrada por tres membros e dous suplentes, colexiados exercentes residentes, designados pola Xunta de Goberno, con indicación de quen actuará como presidente e secretario.

2. Non poderán ser membros da Mesa electoral aqueles que se presenta como candidatos ás eleccións, pero si os membros da Xunta de Goberno que non o fixesen.

3. Na adopción deste acordo non participarán os membros da Xunta de Goberno que se presentasen como candidatos.

Cada candidato poderá designar un ou varios interventores no proceso electoral.

4. Na Mesa electoral deberá haber urnas separadas para o depósito dos votos dos colexiados exercentes e rexistrados e outra para os dos non exercentes. As urnas deberán estar pechadas e seladas coa rúbrica do secretario da Mesa, deixando unicamente unha rañura para depositar os votos.

5. Constituída a Mesa electoral, o presidente ordenará o comezo da votación e, á hora prevista para a súa finalización, pecharanse as portas e só poderán votar os colexiados que xa estiveran na sala. A Mesa votará en último lugar.

6. A elección terá, para o seu desenvolvemento, un tempo mínimo de seis horas ininterrompidas, parte en horas de mañá e parte en horas de tarde, e o dito tempo poderá ser ampliado pola Xunta de Goberno.

7. Na sede en que terá lugar a elección, a Xunta deberá dispor, a existencia de suficiente número de papeletas cos nomes dos candidatos en branco.

Artigo 101. Emisión do voto

Os votantes deberán acreditar ante a Mesa electoral a súa identidade. A Mesa comprobará a súa inclusión no censo elaborado para as eleccións; o seu presidente pronunciará en voz alta o nome e os apelidos do votante e indicará que vota, tras o cal o propio presidente introducirá a papeleta dobrada na urna correspondente.

Artigo 102. Do voto nas delegacións

1. Nas delegacións de partidos xudiciais que conten con vinte e cinco (25) ou máis colexiados residentes na súa demarcación e teñan regulamentariamente constituída a Xunta local, esta poderá constituírse en Mesa electoral, que actuará cos mesmos requisitos e formalidades previstos nos artigos anteriores.

2. A elección nas delegacións terá lugar nun tempo mínimo de dúas horas e máximo de catro, e en todo caso finalizará dúas horas antes do comezo do escrutinio pola Mesa do Colexio.

3. O presidente da Mesa local, realizado o escrutinio dos votos, levantará a acta subscrita polos compoñentes da Mesa e, de ser o caso, polos interventores; e procederá á súa inmediata remisión por correo electrónico á Secretaría do Colexio, sen prexuízo do ulterior envío dos orixinais á sede colexial.

4. Salvo os interventores dos candidatos acreditados nas mesas de partidos xudiciais, só poderán emitir o voto en cada delegación os colexiados residentes na demarcación do partido que figuren no seu censo electoral.

Artigo 103. Do voto por correo

1. Os colexiados que desexen emitir o seu voto por correo poderán manifestar a súa vontade ata o décimo día anterior ao da votación, solicitando o impreso que lles recoñeza o carácter de votante por correo e a demais documentación necesaria. A solicitude poderá facerse persoalmente ou por correo electrónico asinado dixitalmente, dirixido á Comisión Electoral Delegada e á conta de correo que se habilite para tal fin, que será consinaturado pola Secretaría do Colexio. No caso de que non se dispoña de sinatura electrónica, será requisito a sinatura manuscrita da solicitude e a acreditación da súa identidade mediante achega inescusable de copia do documento nacional de identidade, por ambas as caras, pasaporte ou tarxeta de residencia, todos eles en vigor.

2. Os impresos que recoñezan o carácter de votante por correo terán unha numeración correlativa que permita remitilos pola orde de petición. Os impresos serán autorizados coa sinatura dun dos membros da Comisión Electoral Delegada.

3. O impreso que recoñeza o carácter de votante por correo será enviado ao solicitante, acompañado dun sobre numerado, as papeletas de votación editadas polo Colexio e o sobre de votación.

4. En caso de petición persoal, a documentación necesaria para exercer o voto por correo entregaráselle ao colexiado inmediatamente.

5. Durante o período electoral estará presente no Colexio, en horas de oficina, un membro da Comisión Electoral Delegada.

6. Ao remitir ou entregar a documentación, efectuarase a correspondente anotación nas listas electorais para garantir que o día das eleccións non se realice o voto persoalmente.

7. Emisión do voto por correo:

a) O votante introducirá a papeleta no sobre de votación e pecharao.

b) O sobre de votación introdúcese no sobre numerado, xunto co impreso que recoñeza o carácter de votante por correo, e pecharase.

c) O sobre numerado enviarase por correo certificado urxente á sede colexial.

8. Unha vez acreditado o custo do envío certificado, o Colexio aboaralle ao votante o seu importe.

Artigo 104. Voto presencial anticipado

A Xunta de Goberno, no acordo en que se convoquen as eleccións, poderá habilitar o voto presencial adiantado, conforme as seguintes disposicións:

a) Prazo. Os colexiados poderán exercer o dereito a voto presencial anticipado entre o oitavo e o segundo día, ambos inclusive, anteriores ao da data sinalada para a elección.

b) Lugar. O voto anticipado deberase depositar persoalmente na Secretaría do Colexio e durante o horario que se sinale na convocatoria.

c) Forma. A papeleta de voto entregarase en sobre pechado. O sobre coa papeleta de voto, xunto cunha fotocopia do seu DNI asinada polo seu titular, serán introducidos noutro sobre que virá rotulado coa seguinte lenda: «voto presencial anticipado. Eleccións colexiais e ano». Na sede colexial disporase de suficiente número de papeletas cos nomes dos candidatos en branco, así como de sobres para a papeleta e o voto anticipado.

d) Constancia no censo electoral. Farase constar no censo electoral a emisión do voto presencial anticipado, co fin de evitar duplicidade de votos.

e) Custodia dos votos. Os votos presenciais anticipados quedarán custodiados polo secretario técnico ata a data de votación.

f) Introdución na urna dos sobres coas papeletas. Finalizada a votación na data sinalada, e antes de iniciar o escrutinio, o secretario técnico entregará á Mesa electoral os votos presenciais anticipados, que introducira o seu presidente na urna correspondente.

Artigo 105. Voto telemático

1. Na medida en que os avances tecnolóxicos o permitan, e de acordo coas dispoñibilidades de medios materiais e persoais do Colexio, cando a Xunta de Goberno convoque eleccións resolverá sobre a posibilidade de exercer anticipadamente o voto por medios telemáticos, fixando as condicións do seu exercicio e o sistema para a súa realización.

2. O sistema que se elixa deberá ser seguro e sinxelo, e garantirán a identidade da persoa que vota, a confidencialidade do voto emitido e a integridade dos resultados.

Artigo 106. Escrutinio

1. Finalizada a votación, o presidente introducirá na urna correspondente as papeletas recibidas por correo e os votos presenciais anticipados emitidos. A continuación, procederase ao escrutinio.

2. Deberán ser declarados nulos totalmente aqueles votos que conteñan expresións alleas ao estrito contido da votación ou que conteñan riscadas ou raspaduras e, parcialmente, en canto ao cargo a que afecte, as que indiquen máis dun candidato para un mesmo cargo, ou nomes de persoas que non concorran á elección.

Aquelas papeletas que estean só parcialmente cubertas en canto ao número de candidatos, pero que reúnan os requisitos exixidos para a súa validez, serán para os cargos e persoas correctamente expresados.

3. Finalizado o escrutinio da Mesa, e unha vez computadas as votacións resultantes das actas recibidas das delegacións, a Presidencia anunciará o seu resultado; seguidamente proclamaranse electos os candidatos que obtivesen para cada cargo o maior número de votos. En caso de empate, entenderase elixido o que máis votos obtives entre os exercentes; de persistir este, o de maior tempo de exercicio neste colexio e, se aínda se mantén o empate, o de maior idade.

Artigo 107. Recursos

Os recursos que se interpoñan no proceso electoral ou contra o seu resultado serán admitidos nun só efecto e non suspenderán a votación, proclamación e posesión dos elixidos, salvo cando así se acorde por causas excepcionais mediante resolución expresa e motivada.

Artigo 108. Comunicación

No prazo de cinco (5) días desde a constitución dos órganos de goberno, deberáselles comunicar ao Consello Xeral da Avogacía Española, ao Consello da Avogacía Galega e a cantos organismos sexa preceptivo, con indicación da súa composición e do cumprimento dos requisitos legais.

Artigo 109. Toma de posesión

Os candidatos proclamados electos tomarán posesión na primeira xunta do ano, logo de xuramento ou promesa de cumprir lealmente o cargo respectivo, con respecto á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico, e de gardar segredo das deliberacións da Xunta de Goberno, momento no cal cesarán os substituídos.

Artigo 110. Cómputo de prazos

Todos os prazos sinalados nesta sección se computarán por días naturais.

TÍTULO X

Da execución dos acordos e libros de actas

Artigo 111. Executividade

Tanto os acordos da Xunta Xeral como da Xunta de Goberno serán inmediatamente executivos, salvo que o propio acordo estableza outra cousa ou se trate de materia disciplinaria.

Artigo 112. Libros de actas

1. No Colexio levarán obrigatoriamente dous libros de actas, onde se transcribirán separadamente as correspondentes á Xunta Xeral e á Xunta de Goberno.

2. As ditas actas deberán ser asinadas polo decano ou por quen, nas súas funcións, presidise a Xunta, e polo secretario, ou quen desempeñase funcións como tal nela.

TÍTULO XI

Do réxime xurídico dos acordos sometidos ao dereito administrativo

CAPÍTULO I

Impugnación

Artigo 113. Recurso de alzada

1. Os acordos emanados da Xunta de Goberno e da Xunta Xeral poderán ser obxecto de recurso de alzada, ante o Consello da Avogacía Galega, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación ou notificación aos colexiados ou persoas que afecten.

2. O recurso será presentado ante a Xunta de Goberno, que o deberá elevar ao órgano competente cos seus antecedentes e o informe que proceda dentro dos quince (15) días seguintes ao da data da súa presentación.

Artigo 114. Impugnación ante a xurisdición contencioso-administrativa

Os actos emanados das xuntas xerais e da Xunta de Goberno, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.

CAPÍTULO II

Das notificacións

Artigo 115. Práctica das notificacións

1. Os acordos que deban ser notificados persoalmente aos colexiados, adscritos a este ou a outro colexio, incluídos os referentes a materia disciplinaria, efectuaranse preferentemente por medios electrónicos a través da súa remisión por correo electrónico ao enderezo que obrigatoriamente deben designar para relacionarse con esta corporación ou con aquela a que estean incorporados.

2. Alternativamente, poderanse pór á disposición na sede electrónica do Colexio.

3. A persoa que se vai notificar recibiraas e tomará coñecemento dentro do prazo de dez días contados desde a posta á disposición.

4. De non se acceder ao contido, entenderase que a notificación foi efectuada en conformidade e que produce plenamente os seus efectos.

5. No caso de remisión directa de correo electrónico, a conformidade da posta á disposición acreditarase mediante certificación colexial do documento de confirmación de entrega emitido polo servidor de correo. De igual maneira, a conformidade da posta á disposición en sede electrónica acreditarase mediante certificación de rastrexabilidade.

6. A notificación por medio non electrónico, que se poderá efectuar de forma alternativa ou simultánea coa electrónica, acreditarase co correspondente xustificante de recepción. Se o destinatario rexeita recibila, expresa ou tacitamente, considerarase efectuada validamente sempre que se tentase efectuar no enderezo que conste nos censos colexiais.

7. Se non se pode efectuar a notificación desta forma, entenderase perfeccionada aos quince días da súa publicación no taboleiro de anuncios, electrónico ou físico, do Colexio, que se realizará na forma prevista pola lexislación reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.

8. A Xunta de Goberno poderá aprobar outros métodos de notificación que serán inmediatamente comunicados ao censo colexial.

Artigo 116. Taboleiro electrónico de anuncios

O Colexio disporá dun taboleiro electrónico de anuncios que se regulará polo establecido neste estatuto e polo acordo de creación adoptado pola Xunta de Goberno.

CAPÍTULO III

Expediente administrativo tramitado polo Colexio

Artigo 117. Forma do expediente

1. O expediente dotarase de formato electrónico, mediante a agregación ordenada de cantos documentos, probas, ditames, informes, acordos, notificacións e demais dilixencias deban integralo, así como un índice numerado de todos os documentos que conteña cando se remita. Así mesmo, deberá constar no expediente copia electrónica certificada da resolución adoptada. O formato utilizado será pdf, foliado, con recoñecemento gráfico de caracteres, un índice interactivo e autenticarase coa sinatura do secretario da Xunta de Goberno.

2. Cando, en virtude dunha norma sexa preciso remitir o expediente electrónico e sempre que o Colexio se dotase dos medios técnicos e tecnolóxicos necesarios, procederase de conformidade co establecido no artigo 70.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

TÍTULO XII

Réxime económico do Colexio

Artigo 118. Réxime económico e orzamentario

1. O exercicio económico do Colexio coincidirá co ano natural. O seu funcionamento económico axustarase ao réxime de orzamento anual e será obxecto dunha ordenada contabilidade, e para estes confeccionarase unha memoria anual.

2. A corrección das súas contas e a realidade dos seus ingresos e gastos deberá ser auditada, mediante informe emitido por persoa externa ao Colexio, e habilitada legalmente, cando menos ao producirse a renovación ordinaria total ou parcial da Xunta de Goberno.

3. Todos os colexiados poderán examinar, de forma persoal e na sede colexial, as contas durante os quince días naturais anteriores ao da data da Xunta Xeral en que se someterán a aprobación.

Artigo 119. Recursos económicos

Constitúen recursos do Colexio:

a) Os rendementos de calquera natureza que produzan as actividades que realice, especialmente os derivados da organización de actividades de formación, bens ou dereitos que integren o patrimonio do Colexio, así como os rendementos dos fondos depositados nas súas contas.

b) As cotas de incorporación ao Colexio.

c) Os dereitos que correspondan por expedición de certificacións.

d) Os dereitos que fixe a Xunta de Goberno por emisión de ditames, resolucións, informes ou consultas que tramite esta sobre calquera materia, incluídas as referidas a honorarios, por petición xudicial ou extraxudicial, así como pola prestación doutros servizos colexiais.

e) O importe das cotas ordinarias, fixas ou variables, así como o das cotas extraordinarias.

f) As subvencións ou donativos que conceda calquera Administración públicas ou persoas físicas ou xurídicas.

g) Os bens e dereitos de toda clase que por herdanza, legado ou outro título, pasen a formar parte do seu patrimonio.

h) As sancións de multa que, de ser o caso, se apliquen.

i) Calquera outro concepto que legalmente proceda.

Artigo 120. Orzamento

1. Anualmente, a Xunta de Goberno elaborará un orzamento que elevará á Xunta Xeral para o seu exame, emenda e aprobación ou rexeitamento.

2. Se non se aproban antes do primeiro día do exercicio económico correspondente, consideraranse automaticamente prorrogados os orzamentos do exercicio económico anterior.

Artigo 121. Da contabilidade

A contabilidade do Colexio adaptarase ao Plan xeral de contabilidade que estea vixente en cada momento.

Artigo 122. Da custodia, investimento e administración

1. O patrimonio do Colexio será administrado pola Xunta de Goberno, facultade que exercerá a través do tesoureiro e coa colaboración técnica que se precise.

2. O decano exercerá as funcións de computador de pagamentos, que o tesoureiro executará e coidará da súa contabilización.

TÍTULO XIII

Distincións e honras

Artigo 123. Decano honorario e colexiado de honra

1. Os títulos de decano honorario e colexiado de honra poderán ser conferidos pola Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, a aquelas persoas ou institucións en atención a méritos ou servizos relevantes prestados a favor da avogacía ou do propio colexio. Ambos os títulos terán carácter vitalicio.

2. Os exdecanos e as persoas que teñan o título de decano honorario terán dereito, nos actos públicos do Colexio, a usar toga cos símbolos que distinguen ao decano, e a ocupar neles un lugar preferente.

Artigo 124. Medalla ao mérito do Colexio

1. Co fin de recoñecer méritos, actividades e servizos especiais prestados ao Colexio por avogados desta corporación con máis de vinte e cinco (25) anos de exercicio, poderase conceder a medalla ao mérito colexial.

2. Así mesmo, e con carácter excepcional, poderá outorgarse a medalla a persoas físicas ou xurídicas ou institucións, de relevante prestixio e profesionalidade, que se distinguisen na colaboración ou prestación de servizos ao Colexio, como igualmente a título póstumo.

3. A medalla será outorgada po iniciativa da Xunta de Goberno do Colexio ou do un por cento dos colexiados exercentes deste colexio, e requirirá a aprobación dunha Xunta de recoñecemento de honras.

4. A concesión da medalla rexerase polas normas reguladoras aprobadas pola Xunta de Goberno.

TÍTULO XIV

Da fusión, disolución e liquidación

Artigo 125. Procedemento

1. A fusión con outros colexios de avogados e a disolución do Colexio poderán ser acordadas en xunta xeral extraordinaria convocada especialmente para o efecto pola Xunta de Goberno, só cando o soliciten polo menos o 25 por cento dos colexiados con dereito a voto e con máis dun ano de antigüidade como exercente residente no Colexio. Á Xunta deberán asistir persoalmente, polo menos, a metade máis un dos colexiados con dereito a voto, e non se permitirá a súa delegación. Para a válida adopción do acordo de fusión ou disolución, exixirase o voto favorable das tres quintas partes dos asistentes.

2. No suposto de aprobarse a disolución, a mesma Xunta Xeral extraordinaria proverá o conveniente en canto á liquidación, e determinará o número de liquidadores, designando os colexiados que deban actuar como tales e establecendo as atribucións que lles correspondan no exercicio da súa función e o procedemento que se deba seguir para a liquidación.

3. En todos os casos seguirase o procedemento previsto na Lei de colexios profesionais de Galicia.

TÍTULO XV

Modificación dos estatutos

Artigo 126. Procedemento

1. A modificación destes estatutos é competencia da Xunta Xeral extraordinaria, nos termos e cos requisitos que prevé este estatuto, o Estatuto xeral da avogacía española, a Lei de colexios profesionais de Galicia e a Lei de colexios profesionais estatal.

2. A modificación iniciarase por proposta da Xunta de Goberno ou por pedimento de, polo menos, o 20 por cento dos colexiados con dereito a voto.

3. Coa proposta de modificación deberá de presentarse o correspondente proxecto, que se porá de manifesto a todo o censo colexial e poderanse formular emendas, totais ou parciais, dentro do mes seguinte á publicación do proxecto, únicas que se someterán a discusión e votación.

4. A xunta xeral convocarase dentro do mes seguinte á expiración do prazo para a presentación de emendas e deberá ter lugar dentro do mes posterior á convocatoria.

5. A válida constitución da Xunta Xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal da metade máis un do censo colexial con dereito a voto, aínda que se poderá prever unha segunda convocatoria na cal non se exixirá ningún quórum especial.

6. Na xunta xeral, o decano ou membro da Xunta que esta designe, defenderá o proxecto, se este fose iniciativa dela; noutro caso, farao o colexiado que sexa designado por aqueles que propuxesen a modificación. Seguidamente, abriranse quendas que non poderán exceder de tres a favor e en contra da proposta ou, de ser o caso, das emendas presentadas; finalmente someterase a votación.

7. Cando a modificación estatutaria veña imposta por unha norma legal, a Xunta de Goberno poderá acurtar os prazos sinalados nos puntos anteriores.

8. O texto definitivo aprobado elevarase ao Consello Xeral da Avogacía para a súa aprobación nos termos do artigo 70 do Estatuto xeral da avogacía, ao Consello da Avogacía Galega para que emita informe e, a continuación, á consellería competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia para os efectos da súa aprobación definitiva, logo de cualificación de legalidade, inscrición no rexistro de colexios e publicación mediante orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Habilitación á Xunta de Goberno

Para os efectos da aprobación deste Estatuto polo Consello Xeral da Avogacía ou da definitiva pola consellería competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia, a Xunta Xeral extraordinaria delega na Xunta de Goberno as facultades amplas e necesarias para que poida emendar calquera observación ou incidencias que derive de tales trámites, e esta deberá informar na primeira xunta xeral ordinaria sobre a súa actuación e xestións.

Disposición adicional segunda. Linguaxe inclusiva

Todas os substantivos que se usan nestes estatutos en xénero masculino se utilizarán indistintamente en masculino ou feminino, segundo o sexo da persoa a que se refiran, e sempre que resulte correcto gramaticalmente.

Disposición adicional terceira. Sede electrónica

Ao abeiro do disposto no artigo 2.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Xunta de Goberno poderá acordar a creación e regulación da sede electrónica do Colexio, mediante o correspondente protocolo de implantación e funcionamento, así como calquera outra medida necesaria para a implantación da Administración electrónica.

Disposición transitoria primeira. Estatuto aplicable

1. As infraccións cometidas ata o día da entrada en vigor deste estatuto sancionaranse conforme a normativa anterior. Malia o anterior, aplicarase este estatuto, unha vez que entre en vigor, se as súas disposicións son máis favorables para o infractor, aínda que os feitos fosen cometidos con anterioridade á súa entrada en vigor. Se se decide a aplicación da norma máis favorable, daráselle coñecemento diso ao interesado, mediante comunicación do órgano instrutor ou mediante audiencia concedida para o efecto.

2. Para a determinación de cal é a norma máis favorable, terase en conta a sanción que correspondería impor ao feito investigado.

Disposición transitoria segunda. Procedementos disciplinarios en curso

1. Os procedementos disciplinarios iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste estatuto resolveranse de acordo coa regulación anterior.

2. Para ese efecto, os procedementos disciplinarios consideraranse iniciados cando o órgano competente dite acordo de iniciación, sen que teñan a consideración de acordo de iniciación os períodos de información previa.

Disposición transitoria terceira. Situacións creadas e dereitos adquiridos

As situacións creadas e os dereitos adquiridos conforme o estatuto anteriormente en vigor serán respectados.