Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 19 de xuño de 2023 Páx. 38039

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no curso académico 2023/24.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, estableceu importantes modificacións no currículo e na ordenación das etapas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato.

Na súa disposición derradeira quinta, referida ao seu calendario de implantación, establece que as modificacións introducidas no currículo, a organización, obxectivos e programas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato se implantarán por completo no curso que se inicie dous anos despois da súa entrada en vigor, é dicir, no curso 2023/24.

O currículo na Comunidade Autónoma de Galicia para as etapas educativas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato está establecido respectivamente no Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia; e o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o anterior, é preciso ditar instrucións para o desenvolvemento no curso 2023/24 das ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia e, de conformidade co exposto, como directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta resolución ten por obxecto ditar instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato para o curso académico 2023/24.

2. Esta resolución é de aplicación nos centros docentes sostidos con fondos públicos correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia nos cales se impartan as ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

CAPÍTULO II

Educación infantil

Artigo 2. Aspectos xerais na educación infantil

1. Nas primeiras semanas do curso organizaranse as actuacións necesarias para favorecer a transición desde a familia ou desde a escola infantil de primeiro ciclo á nova situación de ensino e aprendizaxe.

2. Propiciaranse contornas escolares saudables e seguras a través de medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde adaptadas a esta etapa educativa e atenderase ao benestar emocional deste alumnado.

Artigo 3. Horario na educación infantil

1. O horario escolar organizarase desde un enfoque globalizador e incluirá propostas de aprendizaxe que permitan alternar diferentes tipos e ritmos de actividade con períodos de xogo e de descanso en función das necesidades do alumnado.

2. Os períodos lectivos organizaranse baixo criterios de flexibilidade que lle permitan ao profesorado adecualos ás características das tarefas, de xeito que o horario estea sempre ao servizo da metodoloxía. No desenvolvemento da xornada escolar combinaranse tempos de rutinas con tempos de actividades específicas, segundo as características e as necesidades das alumnas e dos alumnos.

3. A dirección do centro poderá asignarlle ao profesorado que non complete as vinte e cinco horas lectivas tarefas relacionadas prioritariamente coa atención á diversidade e de apoio e reforzo para o alumnado do centro que o necesite; esta asignación poderá ser revisada unha vez realizada a avaliación inicial ou, de ser o caso, durante o curso.

Artigo 4. Planificación do proceso de ensino e aprendizaxe

1. A planificación do proceso de ensino e aprendizaxe deberá garantir a impartición do currículo do segundo ciclo ao longo dos seus tres cursos.

Para estes efectos, o profesorado distribuirá os criterios de avaliación e os contidos establecidos no currículo de cada área en cada un dos cursos, tendo en conta que cada criterio de avaliación e contido debe ser tratado como mínimo nun dos tres cursos.

2. Poderanse elaborar programacións didácticas combinando, por nivel educativo, calquera das tres áreas da etapa: Comunicación e Representación da Realidade, Crecemento en Harmonía e Descubrimento e Exploración da Contorna.

3. Os criterios de avaliación seleccionados na programación didáctica para cada unha das avaliacións trimestrais serán os referentes para valorar o progreso do alumnado nos informes de avaliación que se trasladan ás nais, aos pais ou ás persoas titoras legais en cada avaliación parcial.

4. As mestras e os mestres especialistas que exerzan o seu labor docente no ensino de lingua estranxeira ou de aprendizaxes relacionadas coa súa especialidade poderán participar na elaboración da programación didáctica da área da que formen parte as ditas aprendizaxes.

CAPÍTULO III

Educación primaria

Artigo 5. Aspectos xerais na educación primaria

1. Para favorecer a transición do alumnado entre as etapas de educación infantil e de educación primaria adoptaranse as medidas necesarias que se basearán na información que consta nas correspondentes memorias finais, así como nos informes do alumnado elaborados ao final do curso 2022/23.

2. A planificación do primeiro ciclo de educación primaria basearase en metodoloxías que non supoñan unha ruptura abrupta respecto das empregadas durante a etapa de educación infantil.

3. Para atender o alumnado de forma coordinada nos aspectos educativos e emocionais cómpre prestar especial atención á transición entre niveis e ciclos dentro desta etapa e será especialmente necesaria a colaboración entre os equipos docentes.

Artigo 6. Horario na educación primaria

1. A distribución das áreas en cada xornada e durante a semana realizarase atendendo exclusivamente a razóns pedagóxicas e organizativas. Nese sentido, os centros docentes, no uso da súa autonomía, poderán organizar o horario lectivo en cada xornada en sesións ou medias sesións que se poderán agrupar co fin de potenciar estratexias metodolóxicas para o desenvolvemento das competencias ou de traballo interdisciplinario.

2. A dirección do centro poderá asignarlle ao profesorado que non complete as vinte e cinco horas lectivas tarefas relacionadas prioritariamente coa atención á diversidade e de apoio e reforzo para o alumnado do centro que o necesite; esta asignación poderá ser revisada unha vez realizada a avaliación inicial ou, de ser o caso, durante o curso.

Artigo 7. Agrupación de áreas en ámbitos

1. Os centros poderán establecer ámbitos que agrupen as áreas indicadas no artigo 9 do Decreto 155/2022, do 15 de setembro. Polo anterior, non poderán formar parte dun ámbito a área de Proxecto Competencial nin as ensinanzas de relixión.

Esta medida adoptarase en todos os grupos do nivel.

2. O nome do ámbito será a concatenación mediante guións dos nomes das áreas que constitúen o dito ámbito na orde en que aparecen no artigo 9 do devandito decreto.

Exceptúanse desta regra de nomenclatura a agrupación das áreas de Ciencias da Natureza e de Ciencias Sociais, cuxo nome do ámbito resultante será Área de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural; e a agrupación das áreas de Educación Plástica e Visual e de Música e Danza, cuxo nome do ámbito resultante será Área de Educación Artística.

3. Na planificación do proceso de ensino e aprendizaxe dos ámbitos deberán respectarse os obxectivos, os criterios de avaliación e os contidos das áreas que se integren nestes, así como o horario asignado ao conxunto delas. A programación didáctica do ámbito realizarase de maneira globalizada, combinando os elementos curriculares das áreas.

4. A constitución destas agrupacións requirirá autorización expresa do Servizo Territorial de Inspección Educativa. Para estes efectos, os centros docentes remitirán a solicitude de autorización e configurarán en XADE a oferta de ámbitos (Mantemento > Convocatoria 2023/2024 > Ensinanzas > Ámbitos) antes do 13 de xullo de 2023.

CAPÍTULO IV

Educación secundaria obrigatoria

Artigo 8. Oferta de materias no centro

1. As materias optativas de terceiro e de cuarto curso e as materias de opción de cuarto curso precisan dun número mínimo de dez alumnas e/ou alumnos para poderen ser impartidas.

Coa finalidade de atender a diversidade en ámbitos rurais, pequenos núcleos de poboación e/ou outras circunstancias que así o aconsellen, poderán impartirse as materias optativas ou de opción cun número menor de alumnas ou alumnos. En ningún caso o número de alumnado será inferior a cinco. Para estes efectos, precisarase a autorización expresa da xefatura territorial correspondente. Os centros docentes remitirán a solicitude de autorización ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente antes do 13 de xullo de 2023.

2. Na oferta das materias de linguas estranxeiras terase en conta que:

a) Con carácter xeral, o alumnado estudará o mesmo idioma na materia Lingua Estranxeira nos catro cursos da etapa.

b) Con carácter xeral, o alumnado estudará o mesmo idioma na materia Segunda Lingua Estranxeira no primeiro e no segundo curso da etapa.

c) O alumnado que opte por cursar un idioma diferente na materia Segunda Lingua Estranxeira en 3º ou en 4º curso, sen cursala en anos anteriores, deberá contar coa competencia necesaria para poder seguir a programación correspondente e acadar os obxectivos previstos.

Artigo 9. Agrupación de materias en ámbitos

1. Os centros poderán establecer ámbitos que agrupen as materias indicadas no artigo 9 do Decreto 156/2022, do 15 de setembro. Polo tanto, non poderán formar parte dun ámbito a materia de Proxecto Competencial nin as ensinanzas de relixión e, no caso de agrupar no ámbito unha materia optativa do terceiro curso, esta debe ser cursada por todo o alumnado do grupo.

Esta medida non condiciona a todos os grupos do nivel.

2. O nome do ámbito será a concatenación mediante guións dos nomes das materias que constitúen o dito ámbito na orde en que aparecen no artigo 9 do devandito decreto.

3. Na planificación do proceso de ensino e aprendizaxe dos ámbitos deberán respectarse os obxectivos, os criterios de avaliación e os contidos das materias que se integren nestes, así como o horario asignado ao conxunto delas. A programación didáctica do ámbito realizarase de maneira globalizada, combinando os elementos curriculares das materias.

4. Cada ámbito específico será impartido por unha única profesora ou un único profesor con atribución docente nalgunha das materias que forman parte do ámbito, preferentemente con destino definitivo no centro.

No caso de que a materia Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua Estranxeira forme parte do ámbito e este sexa impartido por unha profesora ou un profesor dunha especialidade diferente á que é propia desas materias, deberá acreditar, polo menos, o nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas na lingua correspondente.

5. No caso de que unha alumna ou un alumno deba cursar un ámbito de que forme parte unha materia obxecto de validación ou exención, o profesorado terá en consideración esta circunstancia para efectos da avaliación.

6. A constitución destas agrupacións requirirá autorización expresa do Servizo Territorial de Inspección Educativa. Para estes efectos, os centros docentes remitirán a solicitude de autorización e configurarán en XADE a oferta de ámbitos (Mantemento > Convocatoria 2023/2024 > Ensinanzas > Ámbitos) antes do 13 de xullo de 2023.

Artigo 10. Exención da Segunda Lingua Estranxeira

1. O alumnado de primeiro e de segundo curso que presente dificultades continuadas no proceso de aprendizaxe, en particular nas materias lingüísticas, poderá quedar exento de cursar a materia de Segunda Lingua Estranxeira.

2. A decisión sobre a aplicación desta medida recaerá na dirección do centro, tras oír a nai, o pai ou as persoas titoras legais da alumna ou do alumno, e poderá ser tomada:

a) Nos primeiros días do curso, tendo en conta, de ser o caso, os informes elaborados no final do curso 2022/23 polas persoas titoras en colaboración co departamento de orientación coa proposta de alumnado que poida ser obxecto desta exención.

b) Na sesión de avaliación inicial, o equipo docente, á vista dos datos e información analizados, poderá realizar outras propostas de exención ou de incorporación á dita materia.

Para estes efectos, a persoa titora, en colaboración co departamento de orientación, elaborará un informe que incluirá a descrición das dificultades continuadas que presenta a alumna ou o alumno, así como unha proposta das aprendizaxes en que se debe enfocar o reforzo que recibirá a alumna ou o alumno, que trasladará á dirección do centro para que decida sobre a aplicación da medida.

c) No caso do alumnado que se incorpore ao centro procedente do estranxeiro ou de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia despois de iniciado o curso escolar e de realizada a sesión de avaliación inicial, o informe que recolla a proposta para aplicar esta medida elaborarase, de ser o caso, a partir dos resultados da súa avaliación inicial.

3. Tras as decisións tomadas na avaliación final do curso 2023/24 do sexto curso da educación primaria e de primeiro curso da educación secundaria obrigatoria, a persoa titora, en colaboración co departamento de orientación, elaborará un informe que recolla as propostas da medida de exención da materia de Segunda Lingua Estranxeira para o curso 2024/25, que será entregado á dirección do centro.

Artigo 11. Materias pendentes

1. O alumnado matriculado nun curso da educación secundaria obrigatoria que teña pendentes materias establecidas no Decreto 156/2022, do 15 de setembro, deberá matricularse delas e cursalas ao longo do curso seguindo os correspondentes plans de reforzo.

2. O alumnado que teña pendentes materias que se extinguen deberá recuperalas co currículo establecido no Decreto 156/2022, do 15 de setembro. Para estes efectos, terase en conta:

a) Nas materias con igual denominación entre o sistema novo e o sistema que se extingue, recuperase co currículo da nova materia.

b) Nas materias que cambian de denominación entre os dous sistemas establécese a correspondencia contemplada no anexo I.

c) As materias de libre configuración de primeiro e de segundo curso e a materia de Tecnoloxía de terceiro curso non teñen correspondencia con materias do novo sistema, polo que o alumnado deberá matricularse delas pero non terá obriga de recuperalas.

Deixarase constancia desta circunstancia mediante unha dilixencia, conforme o modelo do anexo II, nos documentos de avaliación. Estas materias constarán no expediente académico e nos documentos de avaliación co termo «Exenta/o» (EX), non terán cualificación numérica e non computarán para efectos do cálculo da nota media.

Artigo 12. Incorporación ao programa de diversificación curricular

1. Para a incorporación do alumnado ao programa de diversificación curricular seguirase o procedemento establecido no punto 8 do artigo 61 da Orde do 8 de setembro de 2021, logo de realizada a avaliación final correspondente.

A dirección do centro elevará a proposta de incorporación do alumnado ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente, xunto co resto de documentación do procedemento, antes do 13 de xullo de 2023.

2. O alumnado que en 2022/23 cursase o segundo curso de educación secundaria obrigatoria nun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento poderá incorporarse de xeito automático ao primeiro curso dun programa de diversificación curricular.

Artigo 13. Matrícula de honra

Co fin de garantir o principio de igualdade e a libre concorrencia entre todo o alumnado, as cualificacións obtidas na avaliación final das ensinanzas de relixión e na materia Proxecto Competencial non computarán no cálculo da media para os efectos da mención de matrícula de honra.

Artigo 14. Probas ou actividades personalizadas extraordinarias

1. A inscrición e a matrícula realizarase nos últimos dez días hábiles do mes de maio no centro educativo onde a alumna ou o alumno estivese matriculado por última vez no cuarto curso da educación secundaria obrigatoria.

2. As probas ou actividades personalizadas extraordinarias realizaranse no mes de xuño e o seu calendario e horario harmonizaranse coas actividades lectivas finais de curso.

3. En cada centro docente no cal se realicen as probas ou actividades personalizadas extraordinarias crearase unha comisión de avaliación constituída polo conxunto de profesorado encargado da avaliación das materias, que terá as seguintes funcións:

a) Deseño das probas para cada materia.

b) Organización e desenvolvemento das probas ou actividades personalizadas extraordinarias.

c) Avaliación e cualificación das probas ou actividades personalizadas extraordinarias.

d) Elaboración das actas da avaliación.

e) Proposta de resolución das reclamacións presentadas.

f) Outras que a dirección do centro lle encomende, dentro do seu ámbito de competencias.

4. Cada materia ou ámbito será avaliada por un único membro do profesorado que, con carácter xeral, será unha profesora ou un profesor que se encargue de impartila no curso académico, e asinará as actas de avaliación correspondentes.

5. Realizarase unha sesión de avaliación nas datas establecidas para a sesión de avaliación final en que participará o profesorado responsable das probas ou actividades e será coordinada pola persoa que exerza a xefatura de estudos ou a persoa en que delegue.

6. Os centros docentes en que se desenvolvan as probas ou actividades personalizadas extraordinarias darán, a través dos departamentos de orientación, a información e a orientación que demanden as persoas interesadas. Para estes efectos, logo de rematado o proceso de matrícula, o equipo directivo do centro encargarase de organizar e coordinar unha xornada de acollemento para as persoas matriculadas, xunto coa orientadora ou o orientador do centro, co fin de transmitir a información precisa, dar as instrucións que consideren convenientes e aclarar as dúbidas xurdidas para o mellor desenvolvemento destas probas ou actividades personalizadas extraordinarias.

O profesorado informará, cando menos, dos obxectivos, os criterios de avaliación, os contidos, os instrumentos de avaliación e os criterios de cualificación de cada materia ou ámbito en que a alumna ou o alumno estea inscrito, así como dos criterios de titulación.

CAPÍTULO V

Bacharelato

Artigo 15. Oferta de materias no centro

1. As materias de modalidade contarán cun mínimo de cinco alumnas e/ou alumnos para poderen ser impartidas.

Excepcionalmente, poderán impartirse cun número menor de alumnas ou alumnos coa autorización expresa da xefatura territorial correspondente. Para estes efectos, os centros docentes remitirán a solicitude de autorización ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente antes do 13 de xullo.

Cando un centro docente non poida ofrecer algunha materia de modalidade, facilitará ao alumnado que a curse a través das ensinanzas de persoas adultas mediante a modalidade de educación a distancia ou, de non ser posible, noutros centros docentes, sempre que a organización dos horarios de ambos os dous o permitan. En calquera caso, contará coa autorización das nais, dos pais ou das persoas titoras legais no caso de alumnado menor de idade.

2. As materias optativas precisan dun número mínimo de dez alumnas e/ou alumnos para poderen ser impartidas.

A materia optativa Segunda Lingua Estranxeira ofertarase en todas as modalidades ou vías que se impartan. O resto das materias optativas, entre as que se atopan as materias de modalidade ou vía, con independencia de que a modalidade ou vía se imparta ou non no centro, poderán ser ofertadas en calquera das modalidades de bacharelato, sempre que a organización e os recursos do centro o permitan.

Coa finalidade de atender a diversidade en ámbitos rurais, pequenos núcleos de poboación e/ou outras circunstancias que así o aconsellen, as materias optativas poderán impartirse cun número menor de alumnas ou alumnos. En ningún caso o número de alumnado será inferior a cinco. Para estes efectos, precisarase a autorización expresa da xefatura territorial correspondente. Os centros docentes remitirán a solicitude de autorización ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente antes do 13 de xullo de 2023.

Artigo 16. Materias pendentes do anterior plan de estudos

1. O alumnado que se matricule en segundo de bacharelato e teña pendentes materias reguladas no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, deberá recuperalas co currículo establecido no Decreto 157/2022, do 15 de setembro. Para estes efectos, terase en conta:

a) As materias con igual denominación entre o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, e o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, deberán recuperarse co currículo da nova materia.

b) Para as materias que cambian de denominación entre os dous decretos establécese a correspondencia recollida no anexo III.

c) O alumnado que teña pendente de superar Fundamentos de Arte I ou Cultura Audiovisual II deberá substituír a dita materia por outra materia da modalidade que curse.

d) O alumnado que teña pendente de superar materias específicas ou de libre configuración, cuxa suma total de horas lectivas semanais sexa igual ou superior ás 3 horas, e para as que non sexan de aplicación as letras a) ou b), deberá substituír as ditas materias por unha materia optativa.

No caso de que a suma total de horas lectivas non superadas sexa de 2 ou 1, o alumnado deberá matricularse desas materias pendentes, pero non terá obriga de recuperalas. Deixarase constancia desta circunstancia mediante unha dilixencia, conforme o modelo do anexo II, nos documentos de avaliación.

Estas materias constarán no expediente académico e nos documentos de avaliación co termo «Exenta/o» (EX), non terán cualificación numérica e non computarán para efectos do cálculo da nota media.

2. O alumnado que cursase segundo de bacharelato segundo o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, e opte por non repetir o curso completo, deberá recuperar as materias cursadas con cualificación negativa de segundo e, de ser o caso, as materias cursadas con cualificación negativa de primeiro, segundo as condicións establecidas neste artigo.

Artigo 17. Cambio de modalidade

1. O alumnado que cursase primeiro do bacharelato segundo o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, e que promocione ao segundo curso poderá solicitar á dirección do centro o cambio de modalidade ou vía antes do comezo das actividades lectivas.

Excepcionalmente, o alumnado matriculado en primeiro curso poderá solicitar á dirección do centro o cambio de modalidade ou vía antes do 15 de outubro.

Para os efectos do cambio de modalidade, terase en conta:

a) As materias específicas de modalidade ou vía, obrigatoria ou de opción, de primeiro curso xa superadas que sexan coincidentes coas materias específicas da nova modalidade ou vía pasarán a formar parte das materias requiridas da nova modalidade, no caso de que a alumna ou o alumno non solicite cursar outras materias diferentes.

b) Unha das materias específicas de modalidade ou vía, obrigatoria ou de opción, do primeiro curso xa superada que non sexa propia da nova modalidade poderá ser considerada como a materia optativa requirida do primeiro curso. Neste caso, a alumna ou o alumno deberá indicalo no momento da solicitude do cambio de modalidade ou vía.

c) As materias específicas da modalidade ou vía, obrigatoria ou de opción, que abandona e que non forman parte das materias requiridas para efectos de titulación non se terán en conta para o cómputo da media de bacharelato.

d) Nos casos en que, por motivo da organización do centro, o alumnado de segundo curso non poida asistir ás clases das materias de primeiro que deba cursar como consecuencia do cambio de modalidade, estas materias trataranse de forma análoga ás materias pendentes.

e) En todo caso, ao finalizar o segundo curso de bacharelato, o alumnado deberá ter cursadas e superadas todas as materias comúns, seis materias específicas da nova modalidade ou vía elixida, das cales unha obrigatoria e dúas de opción serán de primeiro e unha obrigatoria e dúas de opción serán de segundo, e dúas materias optativas, unha de primeiro e outra de segundo.

2. O alumnado que repita segundo ou que promocione a segundo tras ter cursado o primeiro curso do bacharelato segundo o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, poderá cambiar a unha modalidade do novo sistema, tendo en conta a regulación do artigo 16 e as seguintes condicións:

a) Deberá cursar as materias comúns, as materias de modalidade e a materia optativa de segundo curso establecidas no Decreto 157/2022, do 15 de setembro.

b) Deberá cursar como pendentes as tres materias da nova modalidade ou vía, a obrigatoria e dúas de opción, do primeiro curso establecidas no Decreto 157/2022, do 15 de setembro, no caso de non telas superado.

c) De ser o caso, deberá cursar as materias xerais do bloque de materias troncais, a materia de Lingua Galega e Literatura I ou as materias específicas que non superase do primeiro curso.

d) En todo caso, ao finalizar o segundo curso de bacharelato, o alumnado deberá ter cursadas e superadas todas as materias xerais do bloque de materias troncais e a materia de Lingua Galega e Literatura I do primeiro curso e as materias comúns do segundo curso; seis materias específicas da nova modalidade ou vía elixida, das cales unha obrigatoria e dúas de opción serán de primeiro e unha obrigatoria e dúas de opción serán de segundo; as materias específicas de primeiro curso e unha materia optativa de segundo.

Artigo 18. Cambio de materias

1. O alumnado que promocione a segundo curso con avaliación negativa nalgunha materia específica de modalidade ou vía ou nalgunha materia optativa do primeiro curso poderá substituíla por outra materia da mesma tipoloxía ofertada no centro. Neste caso, a alumna ou o alumno deberá solicitalo no momento da matrícula.

2. O alumnado de segundo curso que opte por recuperar as materias cursadas con cualificación negativa sen matricularse do curso completo poderá substituílas por outras materias da mesma tipoloxía ofertada no centro, tendo en conta a regulación do artigo 16.

Artigo 19. Alumnado que estea en posesión do título de técnica ou técnico de Formación Profesional, de técnica ou técnico en Artes Plásticas e Deseño ou de técnica ou técnico das Ensinanzas Profesionais de Música ou de Danza

1. O alumnado que estea en posesión do título de técnica ou técnico de Formación Profesional e desexe obter o título de bacharel na modalidade xeral poderá matricularse unicamente das materias comúns.

O alumnado que estea en posesión do título de técnica ou técnico de Artes Plásticas e Deseño e desexe obter o título de bacharel na modalidade de Artes poderá matricularse unicamente das materias comúns.

O alumnado que estea en posesión do título de técnica ou técnico das Ensinanzas Profesionais de Música ou de Danza e desexe obter o título de bacharel na modalidade de Artes poderá matricularse unicamente das materias comúns.

2. O alumnado que desexe cursar exclusivamente as materias comúns deberá solicitalo ao formalizar a matrícula de bacharelato.

A solicitude deberá ir acompañada de documento acreditativo de estar en posesión do título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente ou, de ser o caso, da documentación que acredite que superou as ensinanzas profesionais de música ou de danza ou que está en posesión do título de técnica ou técnico de Formación Profesional ou de Artes Plásticas e Deseño.

Este alumnado, ao ter que superar exclusivamente as materias comúns para a obtención do título de bacharel, poderá formalizar a matrícula en calquera centro con oferta de bacharelato con independencia da modalidade.

3. Este alumnado terá as mesmas condicións de permanencia e promoción no bacharelato que o resto do alumnado.

CAPÍTULO VI

Programacións didácticas, seguimento e aplicación informática

Artigo 20. Programacións didácticas

1. O profesorado dos centros docentes, baixo a coordinación das xefaturas dos departamentos didácticos ou das persoas coordinadoras de ciclo, desenvolverá o currículo establecido mediante a programación didáctica de cada área, materia ou ámbito de cada curso do segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato que teña encomendada na organización docente do centro.

2. A programación didáctica elaborarase por nivel educativo para cada unha das áreas, materias e ámbitos e será a mesma para todos os grupos do nivel.

No caso de que o centro imparta ensinanzas de bacharelato do réxime xeral e do réxime de persoas adultas, a programación didáctica para as materias de cada réxime adaptarase ás características propias do ensino de cada réxime.

3. Os centros docentes farán públicas as programacións didácticas, así como a concreción curricular, co obxecto de facilitar o seu coñecemento polo conxunto da comunidade educativa.

Para estes efectos, seguirase o procedemento establecido nas súas normas de organización, funcionamento e convivencia que, con carácter xeral, preverá a súa publicación na páxina web do centro, sen prexuízo doutros posibles medios de difusión.

Artigo 21. Seguimento e memoria

1. O profesorado realizará o seguimento das programacións didácticas nos seus grupos de alumnado reflectindo información relevante de cada unidade didáctica: as datas de inicio e fin de impartición e as sesións realizadas, o grao de cumprimento respecto ao planificado, as propostas de modificación e/ou mellora, a xustificación razoada no caso de producirse algunha desviación e, de ser o caso, observacións.

2. Ao remate do curso académico a profesora ou o profesor que imparta unha área, unha materia ou un ámbito nun nivel determinado colaborará co resto do profesorado que imparta a mesma área, materia ou ámbito nese nivel para realizar o seguimento final da programación didáctica desa área, materia ou ámbito recollendo información sobre os resultados de avaliación, a análise xeral de resultados de avaliación en relación cos cursos anteriores, o grao de cumprimento dos indicadores de logro, as propostas xerais de modificación e/ou mellora para o curso seguinte e, de ser o caso, observacións xerais.

3. As xefaturas dos departamentos didácticos ou as coordinadoras ou os coordinadores de ciclo, á vista da información reflectida no seguimento das programacións didácticas realizada polo profesorado, elaborará a memoria final do departamento ou ciclo.

Artigo 22. Aplicación informática Proens

1. Os centros docentes sostidos con fondos públicos utilizarán a aplicación informática Proens para a elaboración e, de ser o caso, para a modificación da concreción curricular, así como para a elaboración, o seguimento e a supervisión das programacións didácticas e para a realización das memorias finais de departamento ou de ciclo.

Esta aplicación informática tamén se utilizará para a supervisión por parte da Inspección educativa.

2. O acceso á dita aplicación informática realizarase a través do seguinte enderezo: https://www.edu.xunta.gal/proens

3. Esta aplicación informática empregaraa:

a) Todo o profesorado do centro docente asignado na aplicación XADE para impartir unha área, unha materia ou un ámbito nun mesmo nivel para elaborar a programación didáctica da dita área, materia ou ámbito.

b) Cada profesora ou profesor do centro docente para realizar o seguimento da programación didáctica nos grupos nos que imparta docencia.

c) Todo o profesorado asignado para impartir unha área, unha materia ou un ámbito nun mesmo nivel para realizar o seguimento final da programación didáctica.

d) A xefatura de departamento e a coordinación de ciclo para elaborar a memoria final.

e) A xefatura de departamento, a coordinación de ciclo, o equipo directivo e a inspección educativa para a supervisión.

Disposición adicional primeira. Exención da área ou materia de Lingua Galega e Literatura

1. De conformidade co artigo 3 da Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, o alumnado procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro que se incorpore ao Sistema educativo de Galicia no quinto ou sexto curso de educación primaria, en educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato poderá obter unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación da materia de lingua galega durante un máximo de dous cursos escolares consecutivos.

2. Non terá dereito á exención o alumnado que realizase estudos en Galicia e curse fóra da Comunidade Autónoma tres cursos completos ou menos e se reincorpore ao sistema educativo galego.

Disposición adicional segunda. Elección de horarios nos centros de educación secundaria

1. Coa finalidade de determinar durante o mes de xullo as necesidades de profesorado que se precisarán no centro para o vindeiro curso, así como de que os centros dispoñan de máis tempo para a organización e planificación do curso e de que o profesorado coñeza con maior antelación as materias, ámbitos e/ou módulos que terá que impartir no vindeiro curso, os centros docentes realizarán, antes do día 14 de xullo de 2023, unha distribución provisional de materias, ámbitos, cursos, módulos e, se é o caso, quendas para o curso 2023/24, de acordo cos criterios establecidos na lexislación vixente.

2. A dirección do centro enviará, antes do día 19 de xullo de 2023, ao Servizo Territorial de Inspección Educativa unha síntese das necesidades de profesorado a partir da distribución provisional realizada. O dito servizo comprobará a súa adecuación á normativa vixente.

3. A partir do 1 de setembro de 2023 os centros docentes realizarán as actuacións referidas á elección de horarios que se establecen na lexislación vixente e, se non houber ningunha xustificación motivada que o impida conforme a normativa de aplicación, confirmarán a distribución provisional de materias, ámbitos, cursos, módulos e, se é o caso, quendas entre o persoal que forma parte dos departamentos.

Disposición adicional terceira. Rexistro en XADE

1. As medidas curriculares e organizativas aplicadas reflectiranse nos documentos de avaliación do alumnado, coas seguintes iniciais:

– AC: adaptación curricular.

– AF: agrupamento flexible.

– EC: enriquecemento curricular.

– RE: reforzo educativo.

2. O alumnado ou as nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado menor de idade poderán presentar solicitude motivada ante a dirección do centro para que se teña en conta a ausencia temporal do alumnado que realice estudos no estranxeiro durante o curso escolar.

Coa solicitude que se presente achegarase a documentación que acredite a realización de tales estudos e a súa duración.

Sen prexuízo de que os resultados da avaliación final deste alumnado se consignen conforme o establecido no número 3, no caso de que a alumna ou o alumno non poida ser avaliado nalgunha das avaliacións parciais do curso académico 2023/24, esta circunstancia rexistrarase nas actas de avaliación parcial co termo «Ausencia temporal» (AT).

3. Os resultados de avaliación expresaranse nos documentos de avaliación cos seguintes termos:

a) Na educación infantil: «sen dificultade» (SD), «en proceso» (EP) ou «con dificultade» (CD).

b) Na educación primaria: «insuficiente» (IN) para as cualificacións negativas, e «suficiente» (SU), «ben» (BE), «notable» (NT) ou «sobresaliente» (SB) para as cualificacións positivas. A estes termos achegaráselles, con carácter informativo, unha cualificación numérica, sen empregar decimais, nunha escala de un a dez, coas seguintes correspondencias: insuficiente: 1, 2, 3 ou 4; suficiente: 5; ben: 6; notable: 7 ou 8; e sobresaliente: 9 ou 10.

c) Na educación secundaria obrigatoria: «insuficiente» (IN) para as cualificacións negativas, e «suficiente» (SU), «ben» (BE), «notable» (NT) ou «sobresaliente» (SB) para as cualificacións positivas. A estes termos achegaráselles, con carácter informativo, unha cualificación numérica, sen empregar decimais, nunha escala de un a dez, coas seguintes correspondencias: insuficiente: 1, 2, 3 ou 4; suficiente: 5; ben: 6; notable: 7 ou 8; e sobresaliente: 9 ou 10.

d) No bacharelato: cualificacións numéricas de cero a dez sen decimais, e consideraranse negativas as cualificacións inferiores a cinco.

Cando o alumnado non poida ser avaliado dunha materia de segundo curso por estar pendente de ser aprobada a materia de continuidade do primeiro curso, a materia de segundo consignarase co termo «Pendente» (P) na avaliación final ordinaria. A dita materia consignarase cunha cualificación numérica de cero a dez sen decimais na avaliación final extraordinaria.

Cando o alumnado non se presente ás probas extraordinarias consignarase «Non presentada/o» (NP).

4. As materias validadas consignaranse co termo «Validada» (CV) e as materias con exención consignaranse co termo «Exenta/o» (EX).

As materias pendentes de validación por ter que presentarse a acreditación da superación da correspondente materia das ensinanzas profesionais de música ou de danza antes da data da derradeira sesión de avaliación consignaranse co termo «Pendente» (P) nas avaliacións parciais e, de ser o caso, na avaliación final ordinaria do bacharelato.

Cando o alumnado non acredite a superación da correspondente materia das ensinanzas profesionais de música ou de danza, consignarase como «Non presentado» (NP) na avaliación final da educación secundaria obrigatoria ou na avaliación final extraordinaria do bacharelato.

Disposición adicional cuarta. Inspección educativa

A Inspección educativa velará polo cumprimento das medidas recollidas nas presentes instrucións e prestará apoio e asesoramento aos centros educativos na súa implementación e en todo aquilo que, dentro das súas funcións, facilite a mellora da atención educativa do alumnado.

Disposición transitoria primeira. Obtención do título de bacharel

1. O alumnado non matriculado no bacharelato que teña superadas as materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade elixida e a materia de Lingua Galega e Literatura conforme o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, e cumpra as condicións de obtención do título de bacharel por estar en posesión do título de técnica ou técnico de Formación Profesional poderá matricularse, para efectos administrativos, no centro onde cursase as materias de bacharelato e anticiparse a súa proposta de título.

2. O alumnado non matriculado no bacharelato que teña superadas as materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de Artes e a materia de Lingua Galega e Literatura conforme o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, e cumpra as condicións de obtención do título de bacharel por estar en posesión dalgún dos títulos de técnica ou técnico en Artes Plásticas e Deseño ou de técnica ou técnico das Ensinanzas Profesionais de Música ou de Danza poderá matricularse, para efectos administrativos, no centro onde cursase as materias de bacharelato e anticiparse a súa proposta de título.

Disposición transitoria segunda. Novas materias

1. A oferta de materias optativas na educación secundaria obrigatoria amplíase coa incorporación da Cultura Financeira no terceiro curso e de Intelixencia Artificial para a Sociedade no cuarto curso.

A oferta de materias optativas no bacharelato amplíase coa incorporación de Tecnoloxías Intelixentes no primeiro curso.

2. No curso 2023/24, os centros non terán a obriga de ofertar estas novas materias.

3. Mentres non se publique a normativa que estableza o currículo das ditas materias serán de aplicación os currículos cargados na aplicación informática Proens.

Disposición derradeira primeira. Presentación de solicitudes por sede electrónica

As solicitudes de autorización recollidas nesta resolución enviaranse a través da sede electrónica empregando unha solicitude xenérica (código do procedemento PR004A) dirixida á Xefatura Territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades correspondente, indicando no asunto relacionado o motivo da solicitude.

Disposición derradeira segunda. Difusión

A dirección dos centros docentes que impartan estas ensinanzas arbitrará as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por todos os membros da comunidade educativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023

Judith Fernández Novoa
Directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa

ANEXO I

Correspondencia entre materias da educación secundaria obrigatoria
que cambian de denominación

Materias establecidas no Decreto 86/2015, do 25 de xuño

Materias establecidas no Decreto 156/2022,
do 15 de setembro

Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas (3º ESO)

Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas (3º ESO)

Matemáticas (3º ESO)

Primeira Lingua Estranxeira (todos os cursos)

Lingua Estranxeira (todos os cursos)

Tecnoloxía (2º ESO)

Tecnoloxía e Dixitalización (2º ESO)

ANEXO II

Modelo de dilixencia

Dilixencia para facer constar, que o día..., a materia... foi motivo de exención segundo o disposto no artigo... (indicar artigo 11 ou 16)... da Resolución do 6 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no curso académico 2023/24.

ANEXO III

Correspondencia entre materias do bacharelato que cambian de denominación

Materias establecidas no Decreto 86/2015, do 25 de xuño

Materias establecidas no Decreto 157/2022,
do 15 de setembro

Artes Escénicas

Artes Escénicas II

Bioloxía e Xeoloxía

Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais

Cultura Audiovisual I

Cultura Audiovisual

Economía de Empresa

Empresa e Deseño de Modelos de Negocio

Fundamentos de Arte II

Fundamentos Artísticos

Xeoloxía

Xeoloxía e Ciencias Ambientais

Primeira Lingua Estranxeira I

Primeira Lingua Estranxeira II

Lingua Estranxeira I

Lingua Estranxeira II

Tecnoloxía Industrial I

Tecnoloxía Industrial II

Tecnoloxía e Enxeñaría I

Tecnoloxía e Enxeñaría I