Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 16 de xuño de 2023 Páx. 37556

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 6 de xuño de 2023 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Conchita Bernárdez.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Conchita Bernárdez, con domicilio na rúa Ángel Rebollo número 76, na Coruña,

Feitos:

1. O 3 de febreiro de 2023, María del Carmen Fernández Castelo, vicepresidenta do padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Conchita Bernárdez constituírona María Concepción Bernárdez Iglesias e María del Carmen Fernández Castelo, mediante escritura pública outorgada o 1 de decembro de 2022, ante o notario da Coruña Juan Cora Guerreiro, co número de protocolo 2518.

Tras requirimento do 17 de febreiro de 2023, o 3 de maio as fundadoras achegan unha nova escritura outorgada o 25 de abril de 2023, na mesma localidade e ante o mesmo notario da anterior, co número 965 do seu protocolo, na cal emendan a escritura de constitución no relativo á dotación e aos estatutos.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto procurar o coñecemento e a difusión a nivel nacional e internacional do Camiño de Santiago, a través de diversos ámbitos: desenvolvementos sociais e culturais dos valores que o Camiño dispón en si mesmo considerado como un relevante feito cultural e social, ademais da vertente espiritual que achega ao peregrino a experiencia que ofrece o Camiño de Santiago en todas as súas vertentes sociais, económicas e humanas.

4. O Padroado inicial da fundación está formado por María Concepción Bernárdez Iglesias, como presidenta; María del Carmen Fernández Castelo, como vicepresidenta e tesoureira, e María Ruiz Arana, como secretaria.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Conchita Bernárdez, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 22 de maio de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Conchita Bernárdez e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; e pódese interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes