Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 16 de xuño de 2023 Páx. 37619

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 2 de xuño de 2023 pola que se convocan os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2022/23 (código de procedemento ED311F).

BDNS (Identif.): 702938.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Alumnado que finalizou as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño no curso 2022/23, nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música ou de Danza ou cunha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado.

Segundo. Obxecto

Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño para o alumnado que finalizou as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2022/23 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 2 de xuño de 2023 pola que se convocan os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2022/23 (código de procedemento ED311F).

Cuarto. Importe

A dotación total é de 6.000 euros e non poderá exceder os 1.000 euros por premio.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades