Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 12 de xuño de 2023 Páx. 36112

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2023 pola que se dá publicidade ao esgotamento de crédito da convocatoria efectuada pola Resolución do 21 de novembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, e se establece a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto.

Primeiro. O 17 de xaneiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 21 de novembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, e se establece a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto.

Segundo. No ordinal segundo da dita resolución establécese o obxecto das subvencións, que é a corrección de impactos paisaxísticos, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as Directrices da paisaxe de Galicia. Establécense tamén as actuacións que poden ser obxecto de subvención.

Terceiro. A Resolución do 21 de novembro de 2022, no punto 1 do ordinal sexto, indica que as subvencións obxecto desta resolución se financiarán cun crédito total de 1.000.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.541E.780.0, código de proxecto 2021 00002, dos orzamentos do Instituto de Estudos do Territorio para o ano 2023, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán recibir a subvención oportuna.

Cuarto. O punto 4 do ordinal sétimo da Resolución do 21 de novembro de 2022 establece que, para os efectos da concesión das axudas, se terá en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e consten nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación complementaria exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade, do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica de Galicia a través do procedemento MT402A.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta da que se establece nesta resolución.

Quinto. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, o último expediente a que se puido conceder a axuda antes do esgotamento do crédito foi o que tivo entrada na sede electrónica, con toda a documentación exixida na resolución de convocatoria, o día 22.1.2023 ás 13.15.51 horas.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O punto 6 do ordinal décimo cuarto da Resolución de 21 de novembro de 2022 establece que, unha vez esgotado o crédito destinado ás subvencións, se publicará no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia.

Segunda. Os artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 32 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establecen a obriga do órgano xestor de publicar, no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web, o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

En virtude do exposto anteriormente e de acordo co establecido na normativa citada,

RESOLVO:

Dar a coñecer o esgotamento do crédito autorizado para as axudas convocadas pola Resolución do 21 de novembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, e se establece a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto, o día 22.1.2023, ás 13.15.51 horas.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2023

Enrique Luis de Salvador Sánchez
Director do Instituto de Estudos do Territorio