Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 12 de xuño de 2023 Páx. 36194

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2023 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de xuño de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesos ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Antecedentes:

Con data do 31 de xaneiro de 2023, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 21 o Anuncio do 26 de xaneiro de 2023 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado de mellora dos accesos ao Centro Hospitalario da Coruña (CHUAC), así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido (clave AC/21/215.30.1).

O proxecto foi sometido a avaliación de impacto ambiental simplificada, de feito que con data do 10.10.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, formulou o informe de impacto ambiental da mellora da funcionalidade e seguridade de accesos ao CHUAC, no concello da Coruña; concluíndo que non son previsibles efectos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de xuño de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesos ao CHUAC, de clave AC/21/215.30.1, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que lle pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de xuño de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas
e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesos ao CHUAC

1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de trazado de mellora de accesos ao CHUAC, de clave AC/22/215.30.1, coas seguintes modificacións respecto ao trazado sometido a información pública:

• Para minimizar a afección ao Pazo da Pasaxe, ou pazo Guyatt, e de acordo coa alegación do Concello da Coruña e os propietarios, elimínase a execución do desvío provisional pola parcela do pazo, de modo que o acceso ao núcleo das Xubias se realizará durante o tempo preciso para a construción das pilas do paso superior que afectan a estrada, polo acceso existente entre o hospital Teresa Herrera e o núcleo, facendo que teña sentido bidireccional.

• Amplíase a largura da beirarrúa do paso superior sobre a AC-12 a 3.0 m para que sexa compatible co tráfico peonil e ciclable. Complétase a accesibilidade con ramplas peonís entre o CHUAC, o hospital San Rafael e a pasarela sobre a AC-12 que conecta con Oza.

• De acordo co estudo de mobilidade do proxecto de interese autonómico Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), modifícanse as entradas á glorieta da entrada do hospital para aumentar a súa capacidade.

• Revisarase a cuña de acceso ao CHUAC para reducir a afección ao Hospital San Rafael.

• Revisarase a saída cara a AC-12 en sentido sur, para minimizar a afección.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesos ao CHUAC, de clave AC/21/215.30.1.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello da Coruña, no que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a traza do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.