Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 8 de xuño de 2023 Páx. 35422

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 1 de xuño de 2023 pola que se regula o procedemento para a acreditación da competencia dixital docente no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (en diante, LOE), establece no seu punto 5 do artigo 111.bis que: «as administracións educativas e os equipos directivos dos centros promoverán o uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na aula como medio didáctico apropiado e valioso para levar a cabo as tarefas de ensino e aprendizaxe. As administracións educativas deberán establecer as condicións que fagan posible a eliminación no ámbito escolar das situacións de risco derivadas da inadecuada utilización das TIC, con especial atención ás situacións de violencia na rede. Fomentarase a confianza e seguridade no uso das tecnoloxías prestando especial atención á desaparición de estereotipos de xénero que dificultan a adquisición de competencias dixitais en condicións de igualdade».

Así mesmo, a citada Lei orgánica 3/2020 modifica o punto 6 do dito artigo 111.bis nos seguintes termos: «O Ministerio de Educación e Formación Profesional elaborará e revisará, logo de consulta ás comunidades autónomas, os marcos de referencia da competencia dixital que orienten a formación inicial e permanente do profesorado e faciliten o desenvolvemento dunha cultura dixital nos centros e nas aulas».

En consecuencia, a Resolución do 4 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial, publicou o Acordo da Conferencia Sectorial de Educación polo que se actualiza o marco de referencia da competencia dixital docente, que establece os niveis de acreditación da competencia dixital docente.

De igual forma, de conformidade co artigo 102.1 da LOE, determínase que: «a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros».

Pola súa vez, o artigo 102.3 da citada lei dispón que: «as administracións educativas promoverán a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación e a formación tanto en dixitalización como en linguas estranxeiras de todo o profesorado, independentemente da súa especialidade, establecendo programas específicos de formación neste ámbito».

Neste contexto, o artigo 83.2 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, dispón que: «o profesorado recibirá as competencias dixitais e a formación necesaria para o ensino e transmisión dos valores e dereitos referidos no punto anterior».

Neste sentido, a Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, no seu artigo 33 de formación en materia de dereitos, seguridade e responsabilidade dixital, establece que: «as administracións públicas garantirán a plena inserción do alumnado na sociedade dixital e a aprendizaxe dun uso dos medios dixitais que sexa seguro e respectuoso coa dignidade humana, os valores constitucionais, os dereitos fundamentais e, particularmente, co respecto e a garantía da intimidade persoal e familiar e a protección de datos persoais, conforme o previsto no artigo 83 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. Especificamente, as administracións públicas promoverán o uso adecuado da internet en todas as etapas formativas».

Por iso, a Conferencia Sectorial de Educación chegou aos acordos sobre actualización do marco de referencia da competencia dixital, pola Resolución do 4 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial, publicada no BOE do 16 de maio, e sobre a certificación, acreditación e recoñecemento da competencia dixital docente pola Resolución do 1 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial, publicada no BOE do 12 de xullo.

De conformidade coas citadas resolucións, esta orde, ditada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, como Administración educativa a que compete o desenvolvemento normativo no seu ámbito exclusivo de xestión, regula o procedemento para a acreditación da competencia dixital docente.

O Decreto 74/2011, do 14 de abril, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica de educación (LOE), en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a formación permanente é un elemento clave da profesión docente. Organizarase a través de itinerarios formativos para dar unha resposta adaptada ás necesidades do profesorado ao longo da súa vida profesional e ás demandas institucionais, que deberán incluír formación específica sobre a utilización das tecnoloxías da información e comunicación no ensino.

Así mesmo, o Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais, da Consellería de Facenda e Administración Pública, establece na súa disposición adicional única, Competencias dixitais docentes no sistema educativo galego, que a avaliación, recoñecemento, acreditación e rexistro das competencias dixitais docentes no ámbito do sistema educativo galego corresponderá á consellería competente en materia de educación, que terá en conta o marco de referencia establecido na Resolución do 2 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Educación sobre o marco de referencia da competencia dixital docente e de acordo co establecido na normativa de aplicación en materia de educación e formación.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento para a acreditación da competencia dixital docente (en diante, CDD) no ámbito de xestión da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (en diante, a consellería), que se rexerá polos principios básicos comúns acordados polas administracións educativas no Acordo da Conferencia Sectorial de Educación sobre a certificación, acreditación e recoñecemento da CDD.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación ao persoal docente non universitario de todos os centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da consellería que imparten ensinanzas non universitarias no seu ámbito de xestión.

Artigo 3. Requisitos das persoas destinatarias para a participación

Poderá participar neste procedemento o persoal docente que se atope nalgunha das seguintes situacións:

a) Ser persoal funcionario docente de ensinanzas reguladas pola LOE, que se atope en calquera das situacións administrativas que se recollen no artigo 164 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

b) Estar a impartir ensinanzas reguladas pola LOE nun centro sostido con fondos públicos.

Artigo 4. Principios xerais

1. A acreditación da CDD efectuarase por unha das seguintes modalidades descritas nesta orde: certificación da formación, superación de proba específica, títulos oficiais que habiliten para a función docente, avaliación a través da observación do desempeño ou análise e validación de evidencias.

2. Os citados procedementos de acreditación realizaranse de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

3. Tomaranse como referencia as áreas, competencias, etapas, niveis de progresión e indicadores de logro descritos no marco de referencia da competencia dixital docente (en diante, MRCDD) vixente, actualizado pola Resolución do 4 de maio de 2022.

4. Para a acreditación dun nivel da CDD (A1, A2, B1, B2, C1, C2) poderase utilizar algún dos procedementos sinalados nesta orde, ou unha combinación de varios deles.

5. O procedemento mediante a formación certificada realizarao de oficio a Administración, e terase en conta a información xa rexistrada e validada no Rexistro da Formación Permanente do Profesorado da Xunta de Galicia. Para os efectos desta orde, as actividades rexistradas en FProfe, cuxa duración sexa de 10 ata 19 horas e que se desenvolveron ao longo de varios días, considéranse baixo a modalidade curso.

6. Todas as actividades formativas presentadas para solicitar a súa homologación e rexistro deberán establecer de forma explícita as áreas e competencias do MRCDD vixente que cobren.

7. A acreditación das áreas no nivel C polo desempeño de roles e postos docentes que determine a consellería será realizada de oficio por esta. O resto de procedementos sinalados levaranse a cabo mediante as oportunas convocatorias que, polo menos, serán unha por ano.

Artigo 5. Convocatorias

A persoa titular da dirección xeral competente en materia de formación do profesorado convocará os diferentes procedementos de acreditación, para os cales se determinarán os seguintes aspectos:

– Persoas destinatarias e requisitos de participación.

– Elección de modalidades de participación e niveis solicitados.

– Número de prazas ofertadas en cada modalidade.

– Calendarios e prazos de solicitude, alegacións e resolucións provisionais e definitivas.

– Programación e condicións de realización.

– Documentación precisa.

Artigo 6. Comisión de Acreditación da CDD

1. O procedemento de acreditación regulado nesta orde será resolto por unha comisión formada polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Humanos, ou persoa en quen delegue.

– Vogais: o xefe do Servizo de Programas de Formación; o xefe do Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección Educativa; dúas persoas asesoras do Servizo de Programas de Formación; unha persoa directora do CAFI ou CFR.

– Un/unha funcionario/a da consellería, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

– Os sindicatos integrantes da Mesa Sectorial de Persoal Docente non Universitario poderán nomear un representante para asistir ás sesións da Comisión, con voz e sen voto.

2. A Comisión poderá dispor a constitución de equipos técnicos de análise e valoración.

3. Os membros da Comisión e dos equipos técnicos de análise e valoración estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e terán dereito a percibir asistencias e axudas de custo por concorreren ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e están cualificadas na categoría primeira.

4. A Presidencia da Comisión de acreditación trasladaralle á persoa competente os resultados definitivos obtidos polas persoas solicitantes (acredita/non acredita e nivel de CDD acreditado).

Artigo 7. Rexistro da Acreditación da CDD

Para cumprir co obxecto desta orde, crearase o Rexistro de Acreditación da CDD, que se integrará no Rexistro da Formación Permanente do Profesorado da consellería, e permitirá a súa actualización continua.

Artigo 8. Modelo de acreditación

A acreditación deberá utilizar o modelo oficial establecido pola consellería, que inclúe os seguintes puntos:

– Acreditación do nivel de CD como denominación da acreditación.

– Referencia a esta orde.

– Procedementos de acreditación empregados.

– Nivel de CDD recoñecido: A1, A2, B1, B2, C1 e C2.

– Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como responsable da expedición da dita acreditación.

– Datos da persoa interesada (nome, apelidos e DNI).

– Data de expedición.

– Código de validación (CSV).

No caso de acreditación do nivel C2 da CDD, incluirase unicamente a referencia a unha área do MRCDD coas súas correspondentes competencias e indicadores de logro.

Artigo 9. Modalidades de acreditación por niveis da CDD

1. As diferentes modalidades de acreditación da CDD suxeitas ao procedemento establecido nesta orde recóllense no anexo I.

2. O nivel da CDD será obxecto de actualizacións automáticas periódicas, conforme se incorpore nova formación realizada ou a superación dalgún nivel por algún dos procedementos establecidos.

3. O persoal docente poderá comprobar, na súa área privada de FProfe, o seu estado de acreditación en relación coas áreas e niveis do MRCDD, segundo as especificacións detalladas anteriormente.

Disposición adicional primeira. Acreditación de persoal docente de centros educativos galegos non dependentes da consellería que impartan ensinanzas reguladas pola LOE

Para o persoal docente en activo dos centros sinalados, a consellería establecerá as oportunas convocatorias para que poidan achegar a documentación necesaria que permita obter a acreditación nalgún dos niveis establecidos.

Disposición adicional segunda. Acreditacións doutras administracións educativas

En todos os casos as acreditacións terán carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. De igual forma, consideraranse equivalentes e, polo tanto, recoñeceranse como tales as acreditacións da CDD doutras administracións educativas de ámbito estatal que estean baseadas no Acordo da Conferencia Sectorial de Educación sobre a certificación, acreditación e recoñecemento da CDD, publicado pola Resolución do 1 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial.

Disposición adicional terceira. Acreditacións doutros órganos da Xunta de Galicia

Estas acreditacións poderán ser validadas, segundo se determina coa competencia dixital cidadá, tal como se recolle na disposición adicional única do Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais.

Disposición adicional cuarta. Protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa aplicable e as referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

3. As persoas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos persoais

4. No caso de existiren diferentes referencias normativas en materia de protección de datos persoais neste procedemento, prevalecerán en todo caso aquelas relativas ao Regulamento (UE) 2016/679, xeral de protección de datos, ou á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derrogatoria única

Derróganse todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de formación do profesorado para ditar cantas resolucións procedan para a aplicación e o desenvolvemento do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

As modalidades de acreditación da CDD suxeitas ao procedemento establecido nesta orde son as seguintes:

Nivel de CDD

Modalidades do procedemento

A1

1. Certificación da formación.

Unha ou varias actividades formativas cunha duración total mínima de 40 horas, exceptuando congresos e xornadas, recoñecidas para este fin pola Administración educativa, que atendan todas as áreas dun nivel A1 no desenvolvemento das competencias do MRCDD vixente.

2. Superación de proba específica de acreditación.

Proba específica de acreditación que atenda un nivel A1 no desenvolvemento das competencias do MRCDD vixente, cubrindo todas as áreas e, polo menos, o 80 % dos indicadores do MRCDD vixente.

3. Títulos oficiais que habiliten para a profesión docente (grao en mestre en educación infantil, grao en mestre en educación primaria, máster universitario de formación do profesorado de secundaria, cursos de especialización didáctica para profesorado técnico de FP, etc.), as mencións sobre tecnoloxías educativas nos graos de mestre e máster oficial universitario en materia de CDD para o uso das tecnoloxías na aula, sempre que cubran todas as áreas dun nivel A1 no desenvolvemento das competencias do MRCDD vixente e, polo menos, o 80 % dos indicadores do MRCDD vixente.

A2

1. Certificación da formación.

Unha ou varias actividades formativas cunha duración total mínima de 50 horas, exceptuando congresos e xornadas, recoñecidas para este fin pola Administración educativa, que atendan todas as áreas dun nivel A2 no desenvolvemento das competencias do MRCDD vixente.

2. Superación de proba específica de acreditación.

Proba específica de acreditación que atenda un nivel A2 no desenvolvemento das competencias do MRCDD vixente, cubrindo todas as áreas e, polo menos, o 80 % dos indicadores do MRCDD vixente.

3. Títulos oficiais que habiliten para a profesión docente (grao en mestre en educación infantil, grao en mestre en educación primaria, máster universitario de formación do profesorado de secundaria, cursos de especialización didáctica para profesorado técnico de FP, etc.), as mencións sobre tecnoloxías educativas nos graos en mestre e máster oficial universitario en materia de CDD para o uso das tecnoloxías na aula, sempre que cubran todas as áreas dun nivel A2 no desenvolvemento das competencias do MRCDD vixente e, polo menos, o 80 % dos indicadores do MRCDD vixente.

B1

1. Certificación da formación.

Unha ou varias actividades formativas cunha duración total mínima de 70 horas, exceptuando congresos e xornadas, recoñecidas para este fin pola Administración educativa, que atendan a todas as áreas dun nivel B1 no desenvolvemento das competencias do MRCDD vixente.

2. Superación de proba específica de acreditación.

Proba específica de acreditación que atenda un nivel B1 no desenvolvemento das competencias do MRCDD vixente, cubrindo todas as áreas e, polo menos, o 80 % dos indicadores do MRCDD vixente.

3. Avaliación a través da observación do desempeño (será de obrigado cumprimento no caso de que os certificados de formación non demostren evidencia da súa posta en práctica): superación dunha avaliación do nivel B1 do MRCDD vixente, a través da observación do desempeño, seguindo unha guía de avaliación pública que determinen as administracións educativas, no ámbito das súas competencias.

B2

1. Certificación da formación.

Unha ou varias actividades formativas cunha duración total mínima de 80 horas, exceptuando congresos e xornadas, recoñecidas para este fin pola Administración educativa, que atendan todas as áreas dun nivel B2 no desenvolvemento das competencias do MRCDD vixente.

2. Superación de proba específica de acreditación.

Proba específica de acreditación que atenda un nivel B2 no desenvolvemento das competencias do MRCDD vixente cubrindo todas as áreas e, polo menos, o 80 % dos indicadores do MRCDD vixente.

3. Avaliación a través da observación do desempeño (será de obrigado cumprimento no caso de que os certificados de formación non demostren evidencia da súa posta en práctica): superación dunha avaliación do nivel B2 do MRCDD vixente, a través da observación do desempeño, seguindo unha guía de avaliación pública que determinen as administracións educativas no ámbito das súas competencias.

C1

Para acreditar o nivel haberá que cubrir todas as áreas e, polo menos, o 80 % dos indicadores do nivel C1 do MRCDD vixente. Farase a través dun dos seguintes procedementos:

1. Avaliación a través da observación do desempeño.

Superación dunha avaliación do nivel C1 do MRCDD vixente a través da observación do desempeño, seguindo a guía de avaliación pública que determinen as administracións educativas no ámbito das súas competencias.

2. Acreditación por un proceso de análise e validación das evidencias compatibles cos indicadores do nivel C1 do MRCDD vixente.

Terán consideración de evidencias e deberán documentarse e estar especificamente relacionadas coas competencias dixitais docentes:

– Coordinación TIC ou posto equivalente.

– Os premios nominais outorgados polas administracións educativas.

– As publicacións con NIPO e/ou ISBN, ISSN, DOI ou URL.

– A coordinación de proxectos de formación en centros.

– A participación en accións formativas en calidade de titor/a ou relator/a.

– A participación en proxectos colectivos de investigación e de innovación.

– Calquera outra evidencia que acredite o nivel C1.

C2

Poderase acreditar o nivel C2 por áreas, sempre que cubra polo menos o 80% dos indicadores desa área, e a través dos seguintes procedementos:

1. Avaliación a través da observación do desempeño:

Superación dunha avaliación do nivel C2 do MRCDD vixente a través da observación do desempeño seguindo a guía de avaliación pública que determinen as administracións educativas no ámbito das súas competencias.

2. Acreditación por un proceso de análise e validación das evidencias compatibles cos indicadores do nivel C2 do MRCDD vixente.

Terán consideración de evidencias e deberán documentarse e estar especificamente relacionadas coas competencias dixitais docentes:

– Os premios nominais outorgados polas administracións educativas.

– As publicacións con NIPO e/ou ISBN, ISSN, DOI ou URL.

– A participación como relator/a en congresos de ámbito autonómico, nacional e internacional.

– A coordinación e autoría de proxectos de investigación e de innovación educativa.

– Os recoñecementos por parte das administracións educativas de implementar melloras significativas no ámbito educativo.

– Currículo para avaliar a traxectoria profesional.

– Calquera outra evidencia que acredite o nivel C2.