Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2023 Páx. 34909

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Gato, sito nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2017/004).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power, S.L.U. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Gato, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 26.10.2017, Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Gato, sito nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras (A Coruña).

Segundo. O 8.3.2018, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (en diante, a Lei 8/2009). O 16.3.2018, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

Terceiro. O 27.9.2019, a promotora solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico. O 15.1.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial, consistente no desprazamento do aeroxerador A01 e da subestación.

Cuarto. O 21.2.2020, a promotora solicitou unha segunda modificación substancial do proxecto do parque eólico. O 19.6.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial, consistente na modificación da subestación.

Quinto. O 1.10.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (anterior redacción da Lei), onde se indica que o proxecto modificado do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Sexto. O 6.11.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Gato á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, da Coruña (en diante, xefatura territorial), para a continuación da tramitación.

Sétimo. Mediante Acordo do 1 de febreiro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Gato, nos concellos de Oza-Cesuras e Aranga.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26.2.2021 e no xornal La Voz de Galicia do 26.2.2021. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados, e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial da Coruña e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Oitavo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Concello de Aranga, Concello de Oza-Cesuras, Augas de Galicia e Axencia Galega de Infraestruturas.

A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia emitiu informe o 9.4.2021, a Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe o 5.3.2021 e o 7.4.2021 , Retegal emitiu informe o 26.3.2021 e Retevisión-Cellnex emitiu informe o 20.4.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Os Concellos de Aranga e Oza-Cesuras emitiron informes o 15.3.2021 e 3.3.2021, respectivamente, en que, ademais de fixar o condicionado técnico, formulan cuestións de carácter ambiental, urbanística e outras varias, estas cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver). En relación co condicionado técnico, a promotora deu resposta ao resto de cuestións ou reparos formuladas polo concello.

No caso dos organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Noveno. O 11.11.2021, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Oza-Cesuras e Concello de Aranga.

Cuberta a tramitación ambiental, o 18.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 5.12.2022 (DOG nº 231, do 5.12.2022), da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Gato, nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras.

Décimo primeiro. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo segundo. O 15.2.2023 Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida mencionada no antecedente anterior, denominado Proxecto de execución del parque eólico Gato, nos termos municipais de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña), asinado dixitalmente o 15.2.2023 por María Moreno Martínez, enxeñeira de Minas colexiada 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste.

Décimo terceiro. O 8.3.2023 e o 21.3.2023 remítese a documentación refundida presentada pola promotora á xefatura territorial.

Décimo cuarto. O 5.4.2023, a xefatura territorial remite informe do 31.3.2023 relativo ao artigo 33.16 da Lei 8/2009, en que fai constar unha serie de consideracións. O 11.4.2023 dáse traslado deste informe á promotora.

Décimo quinto. O 11.4.2023, a promotora presenta separata para o concello de Coirós e con esta mesma data dáse traslado dela ao Concello de Coirós.

Décimo sexto. O 20.4.2023, o Concello de Coirós presenta informe da separata recollida no antecedente de feito anterior. Con esta mesma data remítese á promotora.

Décimo sétimo. O 20.4.2023, a promotora presenta por rexistro escrito onde remite informe do 20.4.2023 da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. Asemade, a promotora achega a súa conformidade cos condicionados do Concello de Coirós e co informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

Décimo oitavo. O 21.4.2023 dáse traslado á xefatura territorial da documentación recollida nos antecedentes de feito décimo sexto e décimo sétimo, para os efectos de que emitan o informe no recollido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo noveno. O 24.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe segundo o artigo 33.16 da Lei 8/2009, sobre o proxecto refundido do parque eólico.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso (12.6.2018) e conexión (4.7.2019) á rede para unha potencia de 25,2 MW, segundo o informe do xestor da rede do 25.2.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación. (DOG nº 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 22.3.2023, a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a elas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto “fraccionamento” dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico contén unha avaliación de efectos sinérxicos cunha zona de estudo nun radio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos en funcionamento ou en proxecto Felga, Seselle, Feás, Penas Boas, Fontella e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que istos poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a línea de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición final segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, “non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) En relación co órgano competente para resolver este procedemento, remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Asemade, indícase que de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico corresponden á Administración xeral do Estado, a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

c) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.11.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental, a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Aranga e Oza-Cesuras, direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

d) O organismo Augas de Galicia informou o 9.4.2021 que se conclúe que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no informe.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán preverse as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas nos documentos sometidos a informe.

e) No expediente constan informen da Dirección Xeral de Saúde Pública do 22.12.2021 e do 17.3.2022, que conclúen que a documentación aportada recolle a información necesaria sobre os aspectos que poden ter repercusións sobre a saúde da poboación.

f) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 21.6.2021 que do estudo das ortofotografías aéreas do PNOA e da información proporcionada polo Distrito dedúcese que os elementos do parque instalaranse sobre superficies de vocación e uso forestal adicadas á produción de madeira ou sobre zonas rasas, non afectando infraestruturas forestais relevantes, masas de especial valor de frondosas autóctonas, rodais selectos ou parcelas de experimentación.

De acordo coa información que consta no Servizo de Montes da Coruña, o parque eólico de Gato afectará os montes de utilidade pública de Gato de Oza (número de elenco C3002) e Queimada. Para a execución do proxecto en montes pertencentes ao Catálogo de montes de utilidade pública será preciso tramitar unha concesión administrativa (artigos 39 e 40, Lei 7/2012, de montes de Galicia) para o desenvolvemento da actividade, ou ben instruír o correspondente expediente para determinar a prevalencia da utilidade pública ou o interese social do proxecto respecto dos intereses públicos ou sociais correspondentes á clasificación deste monte.

O proxecto tamén afectará o MVMC de Gato de Fervenzas. A empresa promotora e a comunidade propietaria poden asinar de común acordo un acto de disposición (cesión, ocupación ou dereito de superficie) que non obrigue á expropiación das superficies afectadas. De acordo co artigo 6 da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, no caso de que sexa necesario expropiar estes terreos sería preciso declarar previamente a prevalencia da utilidade pública ou interese social do novo equipamento público fronte ao interese do propio monte veciñal.

Considera que para estes proxectos o cambio de clasificación do solo debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores.

g) No expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio do 5.5.2021 que conclúe que os principais impactos sobre a paisaxe produciranse debido á incidencia visual acumulada pola sinerxía con outros parques eólicos que se están a tramitar nas proximidades, dous deles localizados a curta distancia seguindo a mesma aliñación sobre o cordal, e da proximidade dos aeroxeradores aos núcleos de poboación e ás vías de comunicación máis importantes que discorren polo ámbito do parque como son a autovía A-6 ou a estrada nacional N-VI. Ademais, a apertura de novos camiños e as escavacións necesarias para a instalación das infraestruturas alterarán a topografía das ladeiras e afectarán os afloramentos rochosos de granito presentes no Monte do Gato, espazo recollido no Catálogo das paisaxes de Galicia, como lugar de especial interese paisaxístico.

O proxecto incorpora un EIIP, cuxo contido axústase formalmente ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e nos artigos 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008. En todo caso, toda vez que as directrices de paisaxe de Galicia entraron en vigor o 20 de febreiro de 2021, de acordo coa disposición transitoria única do Decreto 238/2020, o proxecto deberá adaptar o seu contido ás determinacións das citadas directrices. Así mesmo, o EIIP deberá completarse co contido ao que fai referencia a epígrafe 2.d) do artigo 11 da Lei 7/2008 e o artigo 27.d) do Regulamento da Lei 7/2008.

As medidas de integración paisaxística previstas poden considerarse, en xeral, adecuadas para reducir ou mitigar o impacto sobre a paisaxe, pero deben completarse coas que se indican no informe.

h) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultura emitiu o 26.10.2021 e o 17.11.2022 informe favorable do deseño da alternativa definitiva para o parque eólico Gato, segundo o recollido no documento presentado o 2.12.2021 “Avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural. Alternativa definitiva. Parque eólico Gato. Coirós, Oza-Cesuras e Aranga”, asinado en novembro de 2021 polo arqueólogo Enrique Álvarez Veira, e das modificacións recollidas no seu 1º anexo á Memoria, asinado en setembro de 2022 e presentado o 7.10.2022, coas cautelas establecidas neses documentos e, en todo, caso cos condicionantes que se inclúen no informe.

i) Tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

j) No caso de afectar captacións ou instalacións de subministración de auga, a promotora deberá repoñer os servizos existentes.

k) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

l) No que respecta ás distancias á núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 1.10.2020, recóllese que: “Logo de comprobar o planeamento vixente nos concellos afectados (Plan xeral de ordenación municipal de Oza, aprobado definitivamente o 29.10.2001; normas subsidiarias do planeamento de Cesuras, aprobadas o 3.3.1997 e Plan xeral de ordenación municipal de Aranga, aprobado definitivamente o 9.7.2014) e as coordenadas UTM ETRS 89, fuso 29, recollidas no punto 2.1.1 da memoria das posicións dos 6 aeroxeneradores, conclúese que todas as posicións cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

m) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 1.2.2021, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Gato nos concellos de Oza-Cesuras e Aranga (A Coruña) (expediente IN408A 2017/04).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas no Concello de Aranga e na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial da Coruña e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, así como no Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación. No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen queda debidamente garantidos.

n) Con respecto ás instalacións de evacuación, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

ñ) No caso de afectar captacións ou instalacións de subministración de auga, a promotora deberá repoñer os servizos existentes.

o) En canto á utilidade pública das instalacións de xeración eléctrica, esta vén declarada no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; a dita declaración o será para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

p) En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

q) En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

r) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

s) En particular, en referencia á afección as terras vinculadas á PAC, a instalación do parque no afecta á superficie agraria coa excepción da superficie estritamente ocupada polas instalacións en superficie do parque eólico.

t) De acordo coa regulación vixente, os terreos non perderán a consideración de cinexéticos e poden continuar a actividade de caza nas condicións preexistentes.

u) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

v) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o Acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que, coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Polo tanto, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

x) En relación co órgano competente para resolver este procedemento remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Asemade, indícase que de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponde á Administración xeral do Estado a competencia para autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

y) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Gato, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Gato, considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Gato.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmósfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Gato, sito nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., cunha potencia de 25,2 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Gato, composto polo documento: Proxecto de execución do parque eólico Gato, nos termos municipais de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña), e a súa declaración responsable asinada pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez colexiada nº 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas del Noroeste o 15.2.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power, S.L.U.

Domicilio social: praza de María Pita, 10, 1º andar, 15001 (A Coruña).

Denominación: parque eólico Gato.

Potencia instalada: 25,2 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 25,2 MW.

Produción neta anual estimada: 75.490 MWh.

Horas anuais de funcionamento: 2.996 horas.

Concellos afectados: Oza-Cesuras, Aranga e Coirós (A Coruña).

Orzamento de execución por contrata: 20.555.006,18 euros.

Localización e área de afección coordenadas UTM (Datum ETRS89, fuso 29):

Vértice

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

570.973

4.785.330

2

571.777

4.785.210

3

572.180

4.784.505

4

572.949

4.783.014

5

572.315

4.782.856

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

AE 01

571.801

4.784.588

AE 02

572.028

4.784.269

AE 04

572.316

4.783.450

AE 05

572.510

4.783.158

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Localización da subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

571.440

4.784.770

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Coordenadas de limitación da subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

571.475

4.784.819

2

571.476

4.784.816

3

571.478

4.784.817

4

571.480

4.784.812

5

571.478

4.784.811

6

571.499

4.784.762

7

571.405

4.784.722

8

571.381

4.784.780

Características técnicas das instalacións:

‒ 4 aeroxeradores, modelo Siemens Gamesa 170 de 6,6 MW de potencia, 115 m de altura de buxa e 170 m de diámetro de rotor e cos seus correspondentes centros de transformación montados en góndola con potencia unitaria de 6.600 kVA de relación de transformación de 0,69/30 kV, montados sobre torre tubular de aceiro cónica e coas súas correspondentes aparellaxes de seccionamento, manobra e protección. O aeroxerador AE-05 queda coa potencia limitada a 5,4 MW polo que a potencia activa máxima do parque é de 25,20 MW.

‒ Rede eléctrica soterrada a 30 kV composta por:

1. 1 circuíto colector constituído por cables unipolarestipo RHZ1-OL 18/30 kV (Al): tramo 1, 3x(1x 240) mm2, de 765 metros de lonxitude, entre os centros de transformación do aeroxerador 05 ata o aeroxerador 04; tramo 2, 3x(1x 400) mm2, de 1.537 metros de lonxitude, entre o aeroxerador 04 e o 02; tramo 3, 2x3x(1x 400) mm2 de 602 metros de lonxitude, entre o aeroxerador 02 e o 01; tramo 4, 2x3x(1x 400) mm2, de 793 metros de lonxitude, entre o aeroxerador 01 e a subestación.

‒ Rede de terras xeral de modo que as instalacións electromecánicas e a subestación do parque eólico forman un conxunto equipotencial. A rede de terras dos aeroxeradores será con condutor de Cu-50 mm2 e a da SET con Cu-95 mm2.

‒ Subestación colectora en tecnoloxía tradicional con dous sistemas de tensión 30/220 kV e composta polos seguintes elementos:

1. Parque de 220 kV en configuración de simple barra:

Transformador 80/100 MVA ONAN/ONAF.

Unha posición de liña.

Unha posición de reserva.

2. Sistema de 30 kV situado en celas de interior en configuración de simple barra con tres posicións de liña, unha posición de transformador, unha posición de servizos auxiliares, dúas posicións de medida de barras, unha de acoplamento e remonte de barras.

Aparellaxe disposta en celas blindadas con illamento en SF6.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 154.162,55 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do 18.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental no seu punto 4.1.2, a promotora deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, asemade, de acordo co recollido no punto 4.1.4, deberá presentarse, ante todos os órganos consultados que non informaron da alternativa definitiva, un documento onde presente a nova configuración do proxecto e deberase contar con informe favorable destes.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación os mesmos.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

11. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a autorización da Axencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA).

12. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no apartado 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

13. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais