Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2023 Páx. 34817

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 24 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU970A).

BDNS (Identif.): 700138.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas subvencións:

Categoría 1ª: os concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen os servizos públicos de competencia local recollidos no artigo 85.2.A da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Categoría 2ª: as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos.

Segundo. Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia de Turismo de Galicia, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención ou ao seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE e se convoca para o ano 2023 (código de procedemento administrativo TU970A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 24 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU970A).

Cuarto. Importe

As subvencións relativas ao obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 170.000,00 €, dos cales 10.000,00 € corresponderán á categoría 1ª (concellos), con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2015 00006; e 160.000,00 € corresponderán á categoría 2ª (entidades privadas), con cargo á aplicación 04.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos establecidos nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que implicará a posibilidade de atender novas solicitudes.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

O prazo de xustificación das axudas concedidas rematará o 30 de novembro de 2023.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia de Turismo de Galicia