Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 5 de xuño de 2023 Páx. 34202

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 24 de maio de 2023 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Diego González Rivas.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Diego González Rivas con domicilio na avenida de Madrid, nº 18, Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 1 de marzo de 2023, Gabriel Alberto Baltar Giraud, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Diego González Rivas constituírona Diego González Rivas, Juan Carlos Rodríguez Cebrián e as entidades Gallega de Distribuciones de Alimentación, S.A., representada por Roberto Tojeiro Rodríguez; Irta Invest, S.L., representada por José Antonio Souto Meizoso; Jevaso, S.L.U., representada por Jesús Vázquez Sobrino; Recambios Regueira, S.L., representada por Ramón Carlos Regueira Otero; e Os Peteiros Investments, S.L., representada por Marta González Deus, mediante escritura pública outorgada o 27 de xaneiro de 2023, ante o notario da Coruña Isidoro Antonio Calvo Vidal, co número de protocolo 52.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «a mellora dos diagnósticos en enfermidades como o cancro e outras enfermidades graves, pola promoción e coidado da saúde dos pacientes, evitando a dor e aumentando a esperanza de vida».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Diego González Rivas, como presidente; José Antonio Souto Meizoso, Jesús Vázquez Sobrino, Juan Carlos Rodríguez Cebrián e Ramón Carlos Regueira Otero, como vogais; e a entidade Baltar Abogados y Asesores Tributarios, S.L.P., representada por Samuel del Río Pena, como secretario sen dereito a voto.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Diego González Rivas, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 28 de abril de 2023.

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Diego González Rivas, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes