Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 5 de xuño de 2023 Páx. 34244

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2023 pola que se modifica a Resolución do 23 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento AU301D).

O 7 de setembro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 23 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento AU301D).

No artigo 22 da Resolución do 23 de agosto de 2022 establécese que o prazo para presentar a documentación xustificativa será o seguinte:

1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 30 de xuño de 2023, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.

Con posterioridade ao outorgamento das subvencións recibíronse en Augas de Galicia comunicacións de concellos beneficiarios solicitando a ampliación do prazo de xustificación.

Debe terse en conta, así mesmo, o elevado número de solicitudes presentadas no procedemento, así como a tramitación dunha ampliación de crédito das subvencións co obxectivo de conceder as axudas a todas as solicitudes que cumpriron cos criterios da citada resolución, o que tivo como consecuencia que non se puidesen ditar as resolucións no prazo establecido na convocatoria de axudas. A complexidade dos traballos e a extensión da rede de saneamento que os concellos teñen que auditar aconsellan ampliar o prazo de xustificación da subvención.

O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en que se indica que a ampliación poderá acordarse, de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

As bases reguladoras non conteñen precepto en contra da ampliación do prazo de xustificación.

A ampliación do prazo non causa prexuízo a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada e tendo en conta todo o exposto,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 23 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento AU301D)

Modifícase o número 1 do artigo 22 da Resolución do 23 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento AU301D), que queda redactado como segue:

«1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 2 de outubro de 2023, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia